24.12.08

Visibilidade nas librarías

Hoxe Xornal de Galicia publica unha reportaxe, que moito agradecemos, sobre a visibilidade do libro galego nas librarías do país. Tamén aparece esta miña columniña con datos para axudar a reflexión.

Datos para animar un debate

Tras as periódicas crises de confianza sobre o interese dos libros editados en galego, anima o debate lembrar algúns datos do noso mercado interior do libro no ano 2007, tirados do informe elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España.
Galicia investiu 165 millóns de € en libros, o que supón o 5,3% do mercado español; se consideramos que a poboación galega supón o 6,6% da española, continuamos arrastrando un déficit de 1,3% no que atinxe a compra destes bens culturais.
Os tres millóns de exemplares de libros en galego vendidos (máis dun exemplar por habitante, o que non estña nada mal) acadaron unha facturación de case 32 millóns de €, o que supuxo un 19, 22% do mercado do libro en Galicia. De cada cinco libros vendidos, un foino en galego.
Os 250.000 exemplares vendidos de títulos de narrativa (apenas o 8,33% de todos os vendidos en galego) acadaron unha facturación de tres millóns de euros, apenas o 1,8% do mercado do libro en Galicia. É dicir, de cada cen libros que se venderon en Galicia no 2007, só un par deles tiveron a oportunidade de ser unha novela ou un libro de relatos, orixinal ou traducido, dos publicados en galego.
As 137 novidades de narrativa en galego publicadas competiron nas librarías cunha oferta en castelán de dez mil novidades (si, dez mil, unha barbaridade!), que facturou 573 millóns de €, vendeu máis de 56 millóns de exemplares e supuxo o 18,4% do mercado do libro en España.
Se establecemos comparacións serenas entre toda estes datos, podemos comprender acaidamente o que está sucedendo nas librarías durante esta campaña de Nadal. Un sector de ficción en galego de tres millóns despútalle o mínimo espazo dispoñible ao da ficción en castelán que en Galicia factura dez veces máis. David contra Goliat. Esas son as magnitudes dos nosos mercados. Nesa tensión desigual dentro da libraría é onde se está dirimindo o futuro da literatura galega.

Marcadores: ,

2.9.08

Concept Borders, a libraría do futuro



Borders, unha das cadeas máis importantes de librarías dos Estados Unidos, presenta o seu novo modelo de libraría. A moitos pode chamarlles a atención que, ademais de mudar a denominación do establecemento ("Store media room"), haxa máis pantallas ca andeis. Algunha importante razón haberá: libros, música , dvds. Un modelo prospectivo para tomar en conta.

Vía El bibliómano

Marcadores: ,

2.8.08

Feira do libro da Coruña, primeiras impresións

Onte viaxamos á Coruña para participar na primeira xornada da Feira do Libro. A presentación do libro de Herminio Barreiro foi moi divertida. Herminio estaba moi falador e, aproveitando a presenza entre o público de Xosé Fernández Ferreiro, contou unhas cantas anécdotas dos anos de Brais Pinto en Madrid, que non aparecen no libro. Escachamos a rir cando relatou como el e Alexandre Cribeiro conseguiron levar a Reimundo Patiño a un partido en Chamartín da Copa de Europa; ou aqueloutra, máis disparatada, dunha tarde nas Ventas con Ferrín, a quen, en palabras de Herminio, "gústanlle os touros en terra de touros". Brincadeiras agarimosas de Barreiro cos seus amigos da vida. Logo, poñéndose máis serio, Herminio contou como nunha clase de Lapesa, o famoso profesor de Lingüística relatara a dramática desaparición do derradeiro falante do idioma vegliota e como logo, cando llo contaron a Reimundo, este quedara enormemente interesado polo feito, agoirando que "algunha vez, iso lle podería suceder ao galego".
Á noitiña volvín pola autoestrada moi desacougado. Dóeme que coa excepción dos libreiros da nación (Pedreira, Xaime de Andel, Pepe de Couceiro e Gonzalo de Cartabón), o libro en galego está practicamente expulsado das casetas da feira. Nunca vira na Feira da Coruña, menos libro galego. Un serio motivo para a reflexión sobre o sentido e o futuro destes eventos, sobre os que xa temos reflexionado noutras ocasións. Que a megafonía da carpa non se escoitase máis alá das dúas primeiras filas ou que o programa de actos (moi xeitoso, entendo tamén eu) sexa case clandestino, xa non constitúe un motivo de sorpresa. Hoxe volveremos á Feira, a participar na presentación d' Os Grouchos e no recital narrativo e poético de Manuel Rivas. A pesar da melancolía, non desistimos.

Marcadores: ,

25.7.08

Feira do libro de Melide

O domingo ao mediodía estaremos en Melide para moderar un acto literario da Primeira Feira do libro do Camiño de Santiago no que participarán algúns dos escritores gañadores do Premio de Narrativa Terra de Melide. Organizada polo concello na fermosa praza do Convento, cun número importante de librarías, esta nova feira do libro ten un atractivo carácter alternativo. Desexámoslles os maiores éxitos.

Marcadores: ,

Feiras do libro, procurar un novo modelo

Xosé Antonio Perozo nun artigo n' A Nosa Terra volve sacar o debate sobre o futuro das feiras do libro. Para Perozo "[...] hai que ser valentes e dicir que culturalmente non paga a pena o esforzo de programar, subvencionar e publicitar as feiras do libro polo camiño que van. Están culturalmente mortas. Hai que arriscar e procurar alternativas imaxinativas, imprimirlles ás feiras un selo de prestixio social e sacalas do reduto do tendeiro que amosan. Non lle debemos pechar a porta a ningún tipo de libro nin lingua, pero en primeiro lugar faise necesario apostar polo libro galego con decisión e en segundo polo libro en xeral como obxecto de valor. Se non é así, que peche o último en saír e tire a chave ó mar". No diagnóstico do problema estou con Perozo, mais entendo que antes de deixarse caer nos brazos da desolación, aínda é posible reorientar o modelo de feiras no marco dunha nova política de lectura e de visibilidade para o libro, as bibliotecas e a libraría.

Marcadores:

14.7.08

Numilog, libraría dixital francesa

Numilog é un libraría dixital francesa que ofrece máis de corenta mil títulos de e-books dispoñibles en formatos pdf en prc . De moitos títulos ofrece tamén a posibilidade da lectura ou consulta gratuíta en liña da totalidade ou parte do contido ou de adquirir a versión audiolibro. Os prezos das descargas son sensiblemente inferiores aos libros impresos en papel. Tamén ten un espazo de libros de descarga gratuita. O interese deste portal dixital é que ofrece formatos múltiples de lectura electrónica adaptados aos diferentes tipos de contidos. Os títulos en formato pdf están concibidos para a súa lectura con Adobe Reader sobre a pantalla de calquera tipo de ordenador. Outras posibilidades interesantes desta libraría dixital son a posibilidade de compra de determinados capítulos, partes ou artigos dun libro ou o encargo da súa impresión baixo demanda. O modelo de Numilog anticipa algunhas das tendencias que parecen detectarse como principais na comercialización e distribución de libros electrónicos: versatilidade, segmentación do contido e oferta de produtos de lectura para utilizar nunha multiplataforma dixital. Volveremos en futuras anotacións sobre este interesante modelo.

Marcadores: ,

9.7.08

Pó dos livros


Eis como se anuncia na rede a libraría Pó dos livros. Un novo tipo de booktrailer. O blog desta libraría independente é magnífico, sobre todo a utilización dos vídeos e da música.
Tirado de Blogtailors.

Marcadores: , , , ,

7.7.08

Repensar as feiras do libro

Rematada a Feira do libro de Vigo, onde tivemos un importante número de presentacións e asinaturas, é inevitable reflexionar sobre o futuro deste tipo de eventos. É a primeira sensación que teño é de decepción: cada ano diminúe máis o número de expositores (nesta edición en Vigo non se acadou a trintena de casetas, cando houbo edicións nas que se montaron case cincuenta) e de visitantes (o que previsiblemente supón un descenso nas vendas). Un síntoma inequívoco (como tamén puidemos comprobar na pasada Feira de Compostela) de que tal como están organizadas as actuais Feiras do Libro en Galicia non chaman, nin aos lectores habituais (que prefiren visitar a súa libraría de referencia, onde teñen todo o fondo dispoñible) nin tampouco aos lectores ocasionais (ese "público de paso" ao que se quere conquistar sacando o libro á rúa). Diante dun devalar tan evidente, os organizadores (a Federación de Libreiros de Galicia), as institucións públicas que os apoian (a Consellaría de Cultura e Deporte e as concellarías de Cultura dos concellos respectivos), como as entidades profesionais que colaboramos nestes eventos (especialmente os editores) deberiámonos sentar con vagar a repensar como refundar este modelo (exitoso noutras cidades, como é o caso de Madrid). Estudar novas ubicacións, novos programas e tipo de actividades, novas ofertas comerciais máis atractivas para o público semella que non é unha tarefa difícil. Con todo, creo que a maior carencia das feiras en Galicia reside na escasísima promoción e visibilidade na vida cidadá e nos medios de comunicación. Facendo un esforzo publicitario e cos medios (practicamente inexistente na feira viguesa) podería conseguirse un aumento do número visitantes e un maior pulo. A proposta e a nosa total dispoñibilidade para desenvolvela queda aí.

Marcadores: ,

24.6.08

Xurxo Patiño, novo presidente da Federación de Libreiros

A Federación de Libreiros de Galicia elixiu nova xunta directiva. Durante os vindeiros catros a federación será presidida por Xurxo Patiño, o noso bo amigo e responsable da Libraría Librouro de Vigo. Xaime Corral, brillante presidente durante case unha década, continúa na directiva como tesoureiro. Non hai dúbida que este novo equipo de libreiros galegos do sur, onde tamén están Arximiro Blanco e Benxamín Riobó, ten importantes retos que enfrontar neste momento de difícil reconversión do conxunto do sector do libro (e moi especialmente da súa distribución e comercialización). Os nosos mellores desexos de éxito para todos eles catro.

Marcadores: ,

13.5.08

Ser libreiro

Gustei deste artigo de Antonio García Teijeiro en defensa dos libreiros. Recollo un dos parágrafos:
"Ser libreiro (ou libreira,claro) significa vivir entre libros. Ser libreiro significa gozar coa parte amable da vida. Significa arriscar, sufrir distintas incomprensións sociais,pero tamén ser feliz coa satisfacción de poñer un libro na nosa existencia. Ser libreiro significa poder ler neses momentos nos que non hai xente na libraría, perderte por aqueles volumes que te chaman en voz baixa, aconsellar o cliente/amigo sobre esas obras que liches e que, segundo o teu criterio, pagan a pena...."

Marcadores:

4.5.08

A libraría máis bela do mundo



Marcadores: ,

30.4.08

Os libreiros lanzan un SOS

Esta noticia de Galicia hoxe non me pasou desapercibida. A valente denuncia realizada pola Federación de Libreiros de Galicia demostra que, ademais de implementar novas políticas de fomento do libro e da lectura (como é o caso deste convenio asinado pola Consellaría de Cultura e Deporte e o Ministerio de Cultura para a dotación das bibliotecas galegas por medio de compras nas librarías, unha medida tan acertada como necesaria), cómpre tamén xestionalas coa mellor eficiencia. As economías das pequenas librarías galegas teñen marxe de manobra moi reducida, razón pola que se comprende este SOS que os libreiros emitiron onte, onde detectamos un aceno da agre melancolía da derrota.

Marcadores:

23.4.08

"Máis libros", o anuncio


O anuncio da campaña é xeitoso visualmente, aínda que me custa entender que non apareza, sequera nalgunha ráfaga, algún dos soportes convencionais de lectura, sexan os impresos ou as pantallas. Con todo, o máis frouxo, pareceume, o tópico de considerar a lectura como unha "actividade apaixonante", desbotando o concepto de utilidade na construción persoal. Mágoa que estes publicistas (entendo que coruñeses) non atinasen neste anuncio tanto como fixeron noutras ocasións anteriores.

Marcadores: , , , ,

9.4.08

Entrevista a Xaime Corral

Esta mañá gustei moitas das opinións de Xaime Corral, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, recollidas nunha entrevista que publica Faro de Vigo, con motivo da celebración dos premios Irmandade do Libro en Sanxenxo, onde acudiremos o vindeiro sábado. Corral, un dos mellores coñecedores do mundo da lectura en Galicia, defende a dimensión cultural da libraría, ao tempo que diagnostica algúns dos principais problemas do sector do libro:
"Lo digo un poco sarcásticamente cuando se habla de que los jóvenes no leen. Me pregunto qué leen nuestros políticos, los jueces, los médicos, los periodistas, y me temo que si lo vemos, nos llevaríamos una sorpresa o un disgusto, ¿los jóvenes no leen pero los médicos, los jueces o los periodistas sí? El mejor consejo es leer y dar ejemplo."

"El librero es un profesional que además de vender un producto cultural informa, prescribe, habla, en un lugar, la librería, que es un espacio para la convivencia. Hay que potenciar la dimensión cultural del negocio, convertir a la librería en epicentro cultural del barrio y no tardar ni un minuto más en aplicar las nuevas tecnologías."

"Hay estudios que indican que se producen un millón de ejemplares al día, y estamos ante esa disyuntiva: publicar más o mejor, y mi opinión es que necesitamos entrar en un capítulo sosegado, parar la indigestión de títulos, publicar menos y de mayor calidad."
Etiquetas:

Marcadores:

25.3.08

Vigo, pechan librarías, abrirá FNAC

Hoxe na edición de Vigo de La Voz de Galicia aparecen xuntas tres noticias moi significativas: "no pasado ano pecharon en Vigo corenta establecementos nos que se vendían libros"; "a firma de ocio cultural FNAC quere ianugurar a tenda de Vigo en 2009" e "só quedan catro establecementos de venda de música". Ou noutras palabras, as librarías e tendas do disco son substituídas inexorablemente polas tendas de "ocio, cultura e tecnoloxía".
Vai quedar algún espazo en Vigo para as librarías independentes de cultura? Quedaremos os lectores, autores e editores sometidos á ditadura dos best sellers e falsos best sellers que inundan a Casa do Libro (cada vez que entro, coma hoxe mesmo, a pesar de mercar algún libro e participar nun acto, saio desacougado e triste, vendo o libro galego arrumbado e cativo) e a futura FNAC? Aceptamos ese destino da libraría como fatal e irreversible (Txetxu alertaba como en Praza das Letras, que aquñi tanto gabamos, as librarías galegas nin sequera son citadas)? Non chegou o tempo de promover unha mobilización cívica en defensa destes espazos especializados en lectura? Algo haberá que facer para defender, aínda que sexa de forma medualiana, un espazo comercial e cultural no que se vende actualmente o 70% do libro en galego?
Etiquetas:

Marcadores:

2.3.08

Librarías con solera

O suplemento Estela de Faro de Vigo dedica hoxe cinco páxinas a unha longa reportaxe sobre as librarías galegas en funcionamento máis antigas. Así aparecen a Libraría Balmes de Lugo (hoxe a máis antiga do país, fundada en 1887); a Libraría Molist da Coruña (fundada en 1943, dedicada ao libro técnico e literario); a Libraría Cao de Pontevedra (fundada en 1948, especializada en libro de arte e de vello); as librarías Padre Feijoo (1955, dedicada ao libro escolar) e Tanco (1950, de carácter xeralista), as dúas de Ourense; as librarías Vetusta (dedicada ao libro de vello) e Couceiro (1969, especializada en libro galego e de vello), as dúas de Compostela; a Libraría Gráficas Santiago de Ribadeo (fundada en 1963, hoxe moi renovada) e a Libraría Librouro de Vigo (fundada por Antón Patiño e Raimunda Pérez en 1967, libraría xeralista e educativa).
A reportaxe constitúe un percorrido pola historia de todas estas librarías (moitas delas cunha clara tradición de negocio familiar, que pasou de pais a fillos e, mesmo nalgún caso, como o de Molist, a netas), así como unha radiografía dos principais problemas actuais da libraría: inflacción editorial e sistema de préstamo do libro de texto. Unha reportaxe, preparada con mimo polo xornalista J.A. Otero Ricart, que constitúe un referente sobre a situación actual das librarías independentes e familiares en Galicia.

Marcadores:

27.2.08

Andeis

Máis andeis de deseño.
Via: Alessandro Martins.

Marcadores:

22.2.08

Escaleira libraría

Tomen nota os que teñan problema de espazo cos libros.
Grazas, Manolo.

Marcadores:

15.12.07

Calendario de Librarías

Comunicación Cultural dá conta da publicación dun Calendario de Librarías 2008 publicado pola Federación Internacional de Libreiros. As imaxes son bonitas. Non hai libraría española ningunha. Podería ser unha boa idea emular a esta iniciativa entre nós. Hoxe a defensa da libraría independente é un eixo da nova folla de ruta para a lectura galega.
Etiquetas:

Marcadores:

29.11.07

"La Mar de Letras", premio libraría cultural 2007

Onte participei no xurado do IXº premio Libraría Cultural, organizado por CEGAL. A experiencia foi moi bonita. Entre novas propostas, todas elas moi interesantes, e despois de estudar as sús correspondentes memorias, escollemos (case por unanimidade) o proxecto presentado por "La Mar de Letras", unha libraría especializada en promoción da lectura e fondo infantil e xuvenil, situada no centro de Madrid. Consultando no web que manteñen (hai moita información) pode coñecerse algunhas das iniciativas que relizan. Especialmente interesante é o premio "Microcrítico", destinado a promoción da crítica literaria realizada por nenos e nenas. Recomendo emular esta iniciativa.
Etiquetas:

Marcadores: , ,