19.2.09

Escola dixital

Hoxe participei en Madrid nunha reunión onde se valoraron algunhas iniciativas de escola dixital das que se están desenvolvendo en España. Nesta liña, semella significativo o anuncio realizado pola xove ministra de Educación italiana Mariastella Gelmini : dentro de cinco anos os libros de textos de primaria e secundaria serán substituídos por outros en formato dixital.

Marcadores: ,

13.2.09

Olladas Atlánticas

Olladas Atlánticas é un libro de relatos de Daniel Lavesedo en formato dixital. Poderíamos definilo como o primeiro e-book literario galego. Pode descargarse (o pdf, por 2,60 euros) dende o espazo web da editora Luarna, unha editora dixital multilingüe, que recomenda como soportes móbiles de lectura dixital os sony reader e o irex iliad. Os nosos parabéns a Dani, polo seu labor pioneiro.

Marcadores: , ,

10.2.09

Kindle 2

Como xa anunciabamos hai tres días, o luns foi a estrea de Kindle 2 de Amazon. As expectativas desta presentación son grandes.


Hoxe son moitas as referencias na prensa sobre esta cuestión. Outra volta, como sinala Millán, abriuse nos medios o debate sobre o futuro do libro. Estou de acordo co mestre Txetxu Barandiarán: a chegada do e-book levará o seu tempo, sobre todo por que aínda estamos na fase do prototipado e os editores valoramos a desputa con cautela. A loita entre os formatos de lectores portables continúa. Non teño dúbida que o novo Kindle é atractivo, mais ten a enorme dificultade do seu carácter pechado (Amazon emula a estratexia de Apple co Ipod), o que obriga unha concentración na distribución dos contidos, con todos os perigos que un monopolio desta clase pode provocar para a liberdade de edición.

Marcadores: , ,

7.2.09

Libros electrónicos, algunhas novidades

Hoxe coñecimos dúas noticias sobre dispositivos electrónicos portátiles de lectura, o novo modelo de sony e o novo kindle de Amazon. O Sony PRS-700 é un e-book que presenta a pantalla táctil como novidade máis importante sobre o modelo anterior, o coñecido como Sony reader. Pola súa banda, Amazon presentará o luns en Nova York o Kindle 2 que, polas fotos filtradas, parece moi semellante ao modelo anterior e manterá o seu carácter pechado. No entanto e a pesar destas novidades de dispositivos específicos de lectura baseados en tinta electrónica, o futuro da lectura en pantallas pode estar en dispositivos non especializados (pedeás, ultraportátiles, iphones e outros teléfonos ou as consolas portátiles domo a PSP ou a Nintendo) asociados á posibilidade que proporciona Google Book Search. Cada vez parece máis claro o futuro da lectura sobre pantallas portátiles, porén non se albisca, aínda, cál pode ser o soporte que se impoña no mercado.

Marcadores: ,

24.1.09

txtr reader

Este novo e-book ten moi boa pinta. Este txtr reader proporciona prestacións que semellan mellorarían aos soportes actuais, sobre todo, polo seu carácter aberto e a posibilidade de lectura de varios formatos.

Marcadores: ,

14.1.09

O libro electrónico no «Diario Cultural»

Manuel Gago e máis eu fomos convocados hoxe polo Diario Cultural da Radio Galega para opinar sobre o libro electrónico. As entrevistas de Anxo Quintela poden escoitarse aquí.

Marcadores: , , ,

9.1.09

«Palabras maiores», libros electrónicos de Carmen Balcells

Esta anotación de onte de José Antonio Millán non pode pasar desapercibida. Carmen Balcells, a gran axente catalana, promove «Palabras maiores», unha colección de libros electrónicos dalgúns autores que xestiona a axencia, editados por Leer-e, unha empresa navarra que ata agora se dedicada só á distribución de e-books. Cada un dos títulos (o catálogo total recolle máis de seiscentas referencias) pode descargarse por prezos sempre inferiores aos cinco euros. Ademais de poder descargarse dende a rede, o sistema de venda de Leer-e contempla a implicación, polo momento, de 18 librarías. «Palabras maiores» é unha experiencia de distribución de libro electrónico en España chamada a converterse en referente (para emular, mellorar, modificar...).

Marcadores: , ,

21.11.08

E-books, quince características óptimas

Recollo de Michelena unha anotación moi útil sobre as características óptimas que para Gerry Purdy deberían ter os e-books para que se convertesen nos soportes de lectura preferidos polo 75% dos lectores e lectoras no espazo dos vindeiros dez anos. Un rápido resume dun texto moi prospectivo:
  1. Tamaño correcto: máis grande ca un iphone, máis pequeno ca un ultraportatil.
  2. Encendido / apagado instántaneo:é un aparello non un pc.
  3. Gran interfaz de usuario: baseado nun estándar aberto que require manual de usuario.
  4. Alto contraste, alta resolucióne cores brillantes: hoxe non existe esta posibilidade, aínda que o iphone demostra que tecnoloxicamente é posible.
  5. Acceso aleatorio: poder saltar a unha páxina, a un capítulo (un libro que tamén pode ser folleado).
  6. Durabilidade: debe durar anos.
  7. Almacenamento: 50 Gb.
  8. Anotación doada: posibilidade de realizar marcaxes e anotacións.
  9. Acceso doado a dicionarios: posibilidade de intertextualidade cos dicionarios cargados.
  10. Custo aceptable: tarifa plana de 40 $ mensuais. (?)
  11. Comunicacións inalámbricas incorporadas.
  12. Modelos de negocio aceptables: como retribuír a editores e autores. (?)
  13. Distribución máis ampla: posibilidade de "roaming" entre os distribuidores.
  14. Vídeo e animación integrados.
  15. Protección da propiedade intelectual e administración dos dereitos dixitais aceptabe.
A verdade que a proposta de Purdy non soluciona todos os problemas, (sobre todo os referidos ao modelo de negocio) mais é indubidable que propón a axenda do e-book posible. Daremos volta a estas propostas.

Marcadores:

16.11.08

Mudar o paradigma



Vencer prexuízos sobre as mudanzas no emprego do soporte de lectura sempre custou.

Vía O Bicho dos Livros

Marcadores: , , ,

4.10.08

Informe sobre o libro dixital en Francia

Os amigos de Ediciona acaban de traducir o Informe sobre o libro e os contidos dixitais, encargado polo Ministerio de Cultura francés. O documento propón respostas para as preguntas que adoito se realizan os membros da cadea de valor do libro (fundamentalmente autores e editores), ao tempo que examina ao ferta de contidos dixitais, con atención especial, a situación de Francia e Xapón. O texto é moi interesante, clarificador e de lectura recomendable. Pódese baixar dende aquí en pdf. Volveremos sobre os seus contidos. Grazas.

Marcadores:

26.9.08

Gallimard aposta polos libros electrónicos

Editions Gallimard acaba de anunciar que antes que remate este mes de setembro ofrecerá un catálogo de libros electrónicos descargables dende a súa libraría electrónica, «Le Divan». A selección de obras incluirá algunhas das novidades literarias da vindeira tempada. Este anuncio coincide co lanzamento en Francia do Sony Reader pola FNAC, a un prezo de 299€, e por Hachette livre como proveedor exclusivo de títulos durante tres semanas deste soporte electrónico de lectura. O libro electrónico móvese en Francia.

Marcadores: ,