A anotación de "Tio Vivo"
A experiencia desta semana arredor da anotación do pasado martes sobre a plana de "Pepe el hincha", publicada na revista Tio Vivo, foi das máis bonitas destas brétemas. Aos primeiros comentarios de Arume dos piñeiros e de Césare sobre o ano de publicación, sucedéronse diversas achegas ata chegar ás dúas de Gonzalo Vilas na que establece un data case exacta: 19 de xullo de 1964. Todas as contribucións foron tecendo a rede do coñecemento sobre o caso proposto: dende as estritamente futbolísticas, ás relacionadas co autor (o valenciano Peñarroya) ou coa editorial (Bruguera), ata outras literarias (como esoutra de Xosé Manuel González na que recorda que "Panduriño" é un personaxe secundario, con certa importancia na trama, da novela costumista de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya).Agradecido a todos os participantes na anotación (que aínda pode dar de si), recollo unha viñeta de "Mortadelo e Filemón", da que dá conta Gonzalo Vilas, na que volven aparecer os "simpáticos galleguiños".
Recordade premer sobre a imaxe para lela con maior facilidade.






