31.8.06

Pablo Auladell

Coñecín ao ilustrador Pablo Auladell polo magnífico traballo que fixo para a edición non venal de "Un radiante silencio", un conto de Agustín Fernández Paz que formará parte do seu próximo libro en Fóra de Xogo. O ilustrador mallorquín mantén un blog onde vai publicando parte dos traballos en marcha. Unha proposta moi interesante.

Marcadores: , ,

O traballo do editor

Manolo Gago fíxome esta mañá un excelente agasallo. Achegoume o enlace do blog de Jean François Fogel (dentro de El Boomeran(g) do Grupo Prisa), onde no máis recente post aparecen diversas definicións de Julio Villanueva (o director da revista Etiqueta Negra) que describen o traballo do editor (de revistas ou libros):
«Un editor es un especialista en hacer buenas preguntas».
«Las frases favoritas del editor son dos: no sé y no entiendo».
«El editor es el representante del sindicato del hombre común».
«El editor busca decir lo que quiere decir el autor».
«El editor es un seductor y un manipulador».
De todas as definicións non sabería con cal quedarme para definir o que intento facer. Quizais as dúas primeiras? Un interesante debate que merece reflexión.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Escolla para o Blog day

Creo que a efeméride de hoxe debe axudar a ampliar a nosa mirada sobre a rede. Eis a miña escolla de cinco sitios:
  • Mirá, sitio do arxentino Julian Gallo, sempre sorprende a súa mirada sobre o mundo da comunicación.
  • Libreros, sitio do libreiro caraqueño Roger Michelena, ofrece fermosas imaxes e reflexións sobre a lectura e o libro.
  • tíscar, sitio de Tiscar Lara profesora de xornalismo da Universidade Carlos III, propón unha reflexión orixinal sobre blogs, educación e xornalismo.
  • Lousa digital, sitio da profesora paulistana Sonia Bertocchi, espazo para a reflexión colectiva sobre o uso educativo de Internet.
  • Another 52 books, sitio de Bibliophile, unha rapaza de Reykjvik, que se propuxo o reto de ler un libro cada semana e publicar comentarios críticos sobre a súa lectura. Ten outros dous blogs sobre Islandia ben curriños.
Recomendo, tamén, a escolla que co motivo da xornada fixeron Ana Bande (oportunísimas as referencias aos artistas e as bibliotecas libanesas), Txetxu (unha auténtica gozada os cinco enlaces) e Torredebabel (quen nos descubre o magnífico blog de Cobiñas). Unha oportunidade para tecer a rede da lectura.

Actualización: (1 de setembro de 2006): novas escollas: A dorfunteca (moi interesante a súa escolla de cinco sitios sobre Galicia escritos dende fóra), Opaco (sobre os blogomilhino, catro miúdos ao que hai que engadir ao Lois), Libreros (ferido de líbrido).

(A ilustración corresponde ao artista libanés Mazen Kerbaj.)

Etiquetas: BlogDay2006

Marcadores: ,

30.8.06

Preparando o Blog day

Na reportaxe sobre os blogomillo con motivo do Blog day de mañá 31 de agosto chamoume a atención a opinión do escritor Xabier Cid valorando que o "blogomillo xa non pode ir a máis" e propoñendo unha evolución cara a produción multimedia. Creo que Cid, un dos nosos profesionais pioneiros na edición electrónica, acerta de cheo. A comunidade blogueira galega de hoxe non é a de hai un ano. Hai moitos máis blogs e máis diversos, hai menos enlaces entre eles e, quizais, menos entusiasmo comunitario. Non hai dúbida de que a irrupción durante este ano do fenómeno you tube e no caso galego do chuza (referencia ineludible para todos) modificaron a escrita e a lectura no blogomillo. Como teño sinalado noutras ocasións, entendo que a clave non está no actual soporte blog (moi enriquecido dende que apareceu hai apenas cinco anos), senón nas posibilidades de comunicación e creación do que Cassany denomina literacidade (crítica) e electrónica.
A pesar das mudanzas que se albiscan no horizonte do fenómeno blog, creo que non está de máis celebrar este terceiro Blog day. Recollo de Daniel Duende a información sobre a xornada e as instrucións para participar.
O que é o BlogDay?
BlogDay foi criado na convicção de que os bloggers deverão ter um dia dedicado ao conhecimento de novos blogs, de outros países ou áreas de interesse. Nesse dia os bloggers recomendarão novos blogs aos seus visitantes e visitarão blogs recomendados por outros blogueiros participantes, para alargar seus horizontes e criar novas conexões na blogosfera.

O que acontecerá no BlogDay?
Durante o dia 31 de Agosto, bloggers de todo o mundo farão um post recomendando novos blogs a serem visitados. Blogs estes que, de preferência, representem uma cultura, ponto de vista ou atitude diferentes do seu próprio blog. Nesse dia, os leitores de blogs poderão navegar e descobrir blogs desconhecidos, celebrando a descoberta de novas pessoas e novos bloggers e criando novos links na blogosfera mundial.

Instruções para o BlogDay:
1. Liste cinco novos Blogs que você ache interessantes.
2. Notifique por email esses cinco bloggers de que serão recomendados por você no BlogDay 2006.
3. Escreva uma pequena descrição dos blogs e o link para eles.
4. Publique no BlogDay (no dia 31 de Agosto) esse post.
5. Junte a tag do BlogDay usando este link: http://technorati.com/tag/BlogDay2006 e um link para o site do BlogDay: http://www.blogday.org/
Etiquetas: Blog day

Marcadores: ,

Chegou a tinta electrónica?


Vía barbol cheguei a este vídeo onde Phillips presenta un prototipo de libro electrónico baixo a denominación de "dispositivo de tinta electrónica". A verdade é que, a pesar desa pantalla desenrolada, aínda non lle vexo moito xeito como máquina dixital de lectura.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Conversas con Suso de Toro

Suso de Toro publica hoxe, ao fío dos ataques que ven recibindo nas últimas semanas, unha carta ao director do xornal ABC na que cita moi oportunamente o libro de Conversas que preparou Antonio Pedrós-Gascón e editamos o pasado ano. Ler o texto das páxinas 278-280 deste libro, referidas as acusacións falsas que Fraga Iribarne realizou en 2001 sobre o escritor galego, pode ser moi ilustrativo para entender como se repiten as mesmas falsidades e argumentos falaces. Afortunadamente, dende aquela, en Galicia mudaron as cousas, e desta volta AELG saíu en defensa de dous dos seus membros.
"[...] Como consecuencia, Fraga acusoume na mesma emisora de ser un escritor sen lectores que actuaba movido polo resentimiento, que el nunca me prohibira editar ningún libro e que nunha ocasión me convidara a cear e eu lle pedira cartos. Houbo tamén un escritor galego que encarnaba a cultura galega institucionalmente que saíu dicindo que non era verdade o que eu dicía, que aquí era como en todas partes. En fin, a vida é terríbel para todos. A prensa galega fíxose eco das acusacións de Fraga, pero desde estes medios ningúen contrastou a informacion comigo, ningúen me pediu a miña versión. Unicamente se me permitiu replicar na mesma Cadena SER. Unha semana máis tarde recibín acusacións semellantes do conselleiro de Cultura, o señor Pérez Varela, quen, para quitarlle valor á miña denuncia de falta de liberdade de expresión dixo que eu era do BNG, unha mentira, e que me deran dez millóns de pesetas. Nada menos. Como tampoco ningúen contrastou aquelas declaración comigo, enviei un comunicado negando as acusacións ao xornal onde eu lera aquilo tan grave e tamén a dúas axencias de prensa. E así comprobei ao día seguinte en que país vivía, non saíu a miña versión en ningún xornal, que eu saiba. Nalgún lugar as miñas palabras estiñaron. Cheguei a enviar o meu desmentido a eses ataques en forma de «carta ao director», para que sequera o sacasen nese currunchiño. Pero tampouco.

Pensei denuncialo, falei cun avogado que me expuxo con claridade que non tiña apenas posibilidades, nin cartos. Esa foi a situación en que me vin. E foi dura. E paseina só. Porque un cando morre está só, e alí sentín que me liquidaban, unha especie de fusilamento moral en directo, e sen posibilidade de defenderme. Foi unha experiencia de morte, un momento na vida que recibes a lección de que estás só ante o teu destino. Cando afrontas o teu destino estás só, completamente só. Cando pereces, pereces ti só, o resto do mundo vaite sobrevivir: A vida continúa para os demais. Foi en certa medida un momento espléndido, de vida e de morte, de lucidez. As persoas que viven esta lección por atravesar unha crise nun momento aínda non moi avanzado da vida debemos estar agradecidas.

A lección para min e para os demais foi: aquí pódenche facer iso e non pasa nada. E ademais non van aparecer as protestas en ningures. E ademais, tampouco ningún vai protestar. Eu era membro de dúas asociacións de escritores, unha delas especificamente orientada en teoría á defensa da liberdade de expresión, dos escritores perseguidos. Ninguén me chamou para preguntarme: «Suso, ¿é certo iso que din de ti? Porque se non é certo protestamos.»

Un aquí está indefenso. Como o están os xornalistas despedidos, apartados. Eses si que son verdadeiras vítimas do secuestro da liberade de expresión, da liberdade toda. Comprobei ata que punto estamos pillados, por un lado ou polo outro. Especialmente o mundiño da cultura. E non é por medo a ir preso, ¡ca!. Vendemos a alma por conservar a posición, para que che chamen a ocupar esa praza nunha institución, unha bolsa, un premio... Por medrar nun país envilecido hai que pagar un prezo e sempre hai xente disposta a pagalo. É a puta verdade.

Recordo as chamadas preocupadas de Manolo Rivas, unha atención de Méndez Ferrín, o respaldo dalgúns amigos persoais... o respaldo impagábel naquel momento dos meus editores de Xerais, que emitiron unha nota a todos os medios defendendo o meu nome e recordando a extensión e difusión da miña obra, e a solidariedade espontánea de moita xente. Iso foi o lado bonito. Pero descubrín de vez o que xa sabía, que este país é unha trampa devoradora, e que o mundo da cultura está dominado polos máis mediocres. [...]"
Antonio Pedrós-Gascón, Conversas con Suso de Toro, Xerais 2005, páxinas 278-280
Recuperando materiais de Suso daquel mesmo periodo (2001) atopo estoutros textos correspondentes a Botelhao mar nº 7:
OS ESCRITORES GALEGOS SOMOS OS ÚLTIMOS ESCRITORES ANTIFASCISTAS DA PENÍNSULA. À força, vemo-nos obrigados. E depois de todo, nom nos queixemos, todos deveríamos continuar a ser antifascistas, antifranquistas sempre. Ou antifranquistas ou culpabeis e cúmplices.

LIBERDADE DE EXPRESSOM! Quem nom foi arrestado polas suas opinions, quem nom viu rejeitados artigos para a imprensa devido às ideias que contenhem, quem nom padeceu represália por expressar as suas ideias, quem nom foi estigmatizado desde o poder por pensar como pensa, nom sabe o que é a liberdade de imprensa nem a liberdade de expressom.

HÁ MUITAS RAZONS PARA FAZER CAMPANHA CONTRA A CANDIDATURA DE FRAGA IRIBARNE A PRESIDENTE DA GALIZA, avonda com desejar-lhe à Galiza que tenha umha vida digna, ou simplesmente que respire livre do nosso passado de crime. Estou certo de que toda a gente de por Espanha adiante que se preocupa da falta de liberdades no País Basco também se há mobilizar para que aqui também tenhamos umha democracia verdadeira. Nom si? Um espera de todo o coraçom que acudam aqui solidariamente a fazer campanha por um governo progresista que termine com o franquismo que aqui ainda nos envolve tanto. A democracia espanhola tem zonas de sombra, a Galiza é umha delas.

Etiquetas:

Marcadores: ,

29.8.06

Xan Traba

Este agosto horrible, róubanos a outro grande amigo, Xan Traba Díaz. Entrañable e xeneroso onde os houbera, chamoume cando estabamos en Nova York. Entendín que era o seu derradeiro agasallo para nós. Obrigados, Xan. Sementaches moita luz e moita esperanza onde estivestes.
Expléndido o In memoriam de Fernando Franco. Non se pode dicir mellor o que tantos compartimos. Con todos os abrazos para Ana, Carlota e todos os seus.

Marcadores:

Campo do Fragoso XXII

BOAS VIBRACIÓNS
A pesar da derrota, a estrea celeste deixou boas vibracións na bancada. O encontro como espectáculo deportivo foi unha gozada: houbo goles dabondo, alternancia no control do xogo, fermosos caneos, pases longos e cambios de orientación por parte dos dous conxuntos e, sobre todo, un vistoso enfrontamento de dúas concepcións tácticas de dous grandes adestradores, a da defensa atacante característica de Fernando Vázquez e a do ataque defensivo que manexa o simpático Rijkaard. Foi a primeira parte propiedade dos célticos grazas á súa disciplinada presión defensiva que impedía desde a media lúa central a chegada de pelotas francas para os dianteiros barcelonistas. Esa tensión foi a que permitiu que Baiano inaugurase a súa tempada goleadora tras un recorte preciso dun prometedor Nené. Porén, a segunda foi claramente blaugrana, debido ao baixón físico dos celestes, que provocou a perda da súa concentración defensiva e a posibilidade de que uns magníficos Iniesta e Deco comezasen o seu recital de distribución cara os seus espazos preferidos, onde Etoo e Mesi son xa inapelables. O oportunísimo gol, nunha xogada a balón parado, dun moi acertado Gustavo López (o mellor dos celestes) fixo albiscar esperanzas de remontada o que, paradoxicamente, provocou unha inxustificada precipitación dos vigueses que derramaron as posibilidades de vitoria ou sequera de empate nos emocionantes minutos finais. Con todo, a pesar da febleza física de medio campo para diante, os célticos deixaron boas vibracións: a disciplina defensiva da liña de catro, as boas maneiras dos debutantes (tanto do lateral Lukas como do volante Nené) e o carácter batallador de todo o equipo prometen outra tempada moi ilusionante.

Publicado en Faro de Vigo
Etiquetas: ,

Marcadores: , , ,

28.8.06

Provocación

As últimas declaracións de Fraga Iribarne constitúen unha provocación contra a dignidade e racionalidade do debate político. As acusacións rencorosas que realiza contra Manuel Rivas e Suso de Toro son radicalmente falsas e non hai dúbida que forman parte da estratexia concertada dos medios da dereitona madrileña de zouparlle a estes dous afoutos escritores nosos. Mágoa que este señor, que tantas desculpas ten aínda que pedir polas decisións que tomou ao longo da súa vida política, aínda represente no Senado a Galicia. Dáme tanto noxo como vergonza.
Etiquetas:

Marcadores: ,

27.8.06

Cartafol de gardalivros

Hoxe coñecín este moi interesante blog sobre biblioteconomía, documentación e bibliotecas en Galicia, nacido a inicios deste verán. A documentación que recolle é moi valiosa e a gran cantidade de enlaces sobre o eido bibliotecario galego imprescindible. Seguirémolo coa maior atención xa que o consideramos da familia temática e das preocupacións do noso. No hai dúbida de que a modiño vaise conformando unha pequena comunidade de blogs arredor do libro e da lectura en Galicia. Pulo para ela!
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

Cuestión de acenos

Vía Manolo Gago (outra vez) descubro o interesantísimo blog de Julián Gallo, profesor arxentino de novos medios. Mete medo ler este post sobre a análise dos acenos que realizan as forzas israelitas de seguridade no aeroporto Ben Gurion. Atopo así explicación ao que me sucedeu hai dúas semanas no JFK. Debín amosarme moi disgustado ou anoxado? O deseño deste blog é impecable e os contidos moi suxestivos e variados. A idea do tag do día é para emular. Unha razón máis para seguir lendo blogs como forma de acceso ao coñecemento.
Etiquetas:

Marcadores:

O encadernador


Dedicado ao meu amigo Folerpa.
(Vía Libreros, fonte inesgotable de coñecemento e beleza)
Etiquetas: ,

Marcadores:

Miña terra galega


Marcadores: ,

Siniestro total

(Primeira formación de Siniestro Total, 1982)

Vieiros alertounos do vinte e cinco aniversario do accidente de Siniestro Total. No artigo da semana conto o que sei sobre os preliminares do asunto e reclamo un recoñecemento colectivo para estes músicos que traballan en beneficio de todos.

Marcadores: , ,

25.8.06

Novos orixinais

Nestes últimos días de verán adoitan entrar moitos orixinais. Sobre a mesa teño moi interesantes cousas para ler, que publicaremos nos vindeiros meses: dous libros de relatos para Fóra de Xogo (Sucos de bágoas e Cartas de amor), unha novela (Pecados manuais, premio concelle de Melide 2005) e un libro de narracións (Palabras contadas). A tempada literaria comeza.

Etiquetas:

Marcadores: ,

22.8.06

A nosa dimensión tráxica

Onte mentres especulabamos sobre as razóns da catástrofe incendiaria, a nosa dimensión tráxica acentuábase, semella que sen solución de discontinuidade, co accidente de Villada.
Como atinadamente sinala hoxe Juan esta nova traxedia amosa a precariedade patética e vergonzosa das actuais comunicacións de ferrocarril con Galicia (practicamente nas mesmas condicións de hai vinte e cinco anos cando fixemos a mili). Son moitos os nosos milleiros de mozos e mozas estudantes ou emigrantes "mileuristas" que poden dar testemuño do estado calamitoso dos nosos enlaces ferroviarios con Madrid, Euskadi ou Cataluña. Un escándalo que se produce mentres se nos solicita paciencia por agardar á vindeira década polo AVE.
Négome a aceptar que podamos considerar estas catástrofes continuas como un sino tráxico dun país periférico ao abeiro da súa mala sorte. Somos os primeiros en sinistros medioambientais, laborais e viarios. Podemos continuar resignándonos sine die a encabezar este taboleiro da España máis negra? Algo máis que lamentarse haberá que facer para evitalo? Ou non?
Etiquetas: Galicia, Sinistros

Marcadores:

O ABCdario de Peonza

O magnífico ABCdario de animación á lectura do Equipo Peonza pode consultarse no Cervantes virtual. Un deses textos imprescindibles para profes, bibliotecarios ou editores, agora, por fin on line. Moi, moi recomendable.
Grazas, Tökland.

Marcadores: ,

21.8.06

Cal será a próxima?


Mágoa de país con semellantes tendencias suicidas!
Cal será a próxima catástrofe medioambiental?
(Vídeo vía Contando estrelas)
Actualización (24-08-2006): os autores do vídeo son galiciaenpie.com, a cadaquén o seu. Os meus parabéns polo seu traballo
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

Zagat

NY é todo un bazar, onde se pode mercar case calquera cousa. O maior perigo do turista (non renego desa denominación) é transformar o seu paseo nunha interminable xornada de visitas a todo tipo de tendas. Dende as máis exclusivas da Quinta e da Madison (preto de Central Park) ás elegantísimas do Soho ou do Greenwich Village, o comercio é a primeira actividade económica da cidade. O prezo asequible para nós dalgúns produtos, sobre todo da roupa (con formidables rebaixas de ata o 70%), e a magnífica arquitectura interior dalgúns establecementos (ollo!: o aire acondicionado está tan alto que podemos pillar un arrefriado) son dous alicientes máis para anestesiarnos saíndo e entrando en porta si e porta tamén.
Unha boa guía para non perder moito tempo é seguir os indicativos ZAGAT Survey, que tamén axudan para atopar restaurantes e outros servizos de hostelería. A Time out e a Where (as dúas impresas en papel e na rede) son outras axudas bastante fiables nesta tarefa de economía da atención. Con todo, é inevitable (e recomendable) entrar a botar unha ollada por Macys e polo Apple Store (experiencia ineludible para os que somos maceiros). Ademais das tendas, en NY hai magníficos mercados populares onde mercar todo tipo de trapalladas ou tomar unha masaxe antiestres; non hai que perder o longuísimo da Avenida Madison (os domingos ao mediodía) e o de Union Square (os sábados pola mañá).
Etiquetas:


Marcadores:

20.8.06

El violinista celest

Xulio Ricardo Trigo, escritor galego en lingua catalana, mantén El violinista celest, un magnífico blog sobre literatura e arte. Recomendo seguilo.
Etiquetas.

Marcadores: ,

Sobre os museos

A oferta museística de Nova York é apabullante e dunha gran calidade. É un dos encantos maiores da cidade. O turista máis curioso, so pena de non facer outra cousa, debe escoller o que quere ver e o tempo que lle quere dedicar a cada un destes espazos culturais. A nosa escolla foi bastante medida: MOMA, Metropolitan, Historia Natural e Guggenheim. Mágoa que a Pierpont Morgan Library (onde queriamos ver o Pergameo Vindel, unha peza patrimonial primeira que deberíamos recuperar para Galicia) estivese pechada. En todos estes museos hai moita xente, aínda que as colas nada teñen que ver coas de Roma ou Firenze. Precísanse canto menos unhas catro horas para facerse unha idea das coleccións, o que non é problema ningún xa que todos teñen magníficos restaurantes e cafés para facer unha paradiña e acougar os pés.
(Robert Doisneau. MOMA)
A colección do MOMA, aínda que non decepciona, estivo por baixo das nosas expectativas. O que máis nos interesou foron Dadá (a exposición que preparara o Pompidou) e a colección fotográfica (eis Doisneau). Para nós a sorpresa foi o MET, un museo tan grandioso como desorganizado. Interesáronnos as coleccións de pintura (sobre todos por eses seis Vermeer magníficos, pola mostra de impresionistas e pola pintura do XX, cunha presenza delirante de Picassos, Modiglianis e Magrittes) e as magníficas exposicións temporais (como o "Tribute a Susan Sontag", "Anglo Mania" e a de Girodet, moi didácticas). Outrosí sucede co de Historia Natural, onde non hai que deixar de visitar o Planetario e a exposición sobre Darwin (en plena batalla ideolóxica entre o creacionismo neocon e o evolucionismo).
Moito para ver e moito que aprender dos museos novaiorquinos, sobre todo polo seu esforzo por promover exposicións temporais (proporcionando así unha nova oportunidade aos seus fondos) e procurar un público novo (todos están inzados de proxeccións en pantallas planas, e de información complementaria en soporte dixitais).
(Veermer, MET)
Etiquetas:


Marcadores:

19.8.06

Sobre as librarías


A cadea Barnes and Noble lidera o mercado das librarías novaiorquinas, deixando un espazo estreito para Borders e para algunhas outras cadeas especializadas en libro rebaixado. En todos os casos o modelo é semellante: integración da venda de libros, revistas, cedés de música, devedés de películas (unha oferta asombrosa comparada coa existente aquí), artigos de papelaría e deseño e, sobre todo, grande importancia para a cafetaría (espazo para o descanso e para o traballo wifi). O mesmo sucede coas tendas de Virgin, onde a música tenun peso enorme e onde a presenza do libro queda reducida á cultura pop. Non hai dúbida de que o modelo da nosa pequena libraría independente semella que desapareceu nos Estados Unidos.
Pareceume moi significativo que se rebaixen ao 70% libros de ficción editados hai menos de dous anos (eses falsos best sellers fracasados). Con todo, en Barnes and Noble nótase un esforzo importante por orientar ao lector. Gustoume moito a idea das "recomendacións críticas do staff" (cada un dos libreiros ou libreiras aposta por un libro, expresando a súa opinión). Velaí como se está abrindo paso a edición de Zafón.
Etiquetas:


Marcadores: ,

Cara Times Square

Camilo Gonsar ben sabía que Times Square é a encrucillada de todos os vieiros de Manhattan. Hoxe o máis impresionante da praza é a substitución dos neons polas pantallas. Unha auténtica golosina para os ollos.
Etiquetas: NY

Marcadores:

Sobre as bibliotecas


Bryant Park é outra illa de frescura no Midtown. Detrás da 42nd Stret Library, onde había unha interesante exposición sobre a edición francesa, ábrese un parque para o lecer e a lectura. Mesas, cadeiras e libros dispostos para a lectura e o manexo dos ordenadores (é todo un espazo wifi). O esforzo da impresionante rede de bibliotecas públicas novaiorquinas de abrirse á cidade e á cidadanía é moi salientable. Mesmo anuncian os seus fondos e as súas actividades nos seus escaparates. Unha experiencia que non debería ser moi díficil de emular aquí.
Chocoume, tamén, o esforzo das bibliotecas de promover a lectura empregando a imaxe de figuras populares. Velaí a Gates animando a ler.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Nacións Unidas

A sede das Nacións Unidas é unha burbulla extraña á beira de Midtown. O péndulo de Foucault, doazón de Holanda, preside o hall onde están instaladas unha gran exposición de fotografía, "Tales from a globalized world", e unha mostra de traballos sobre a paz realizada por escolares de todo o mundo. Saímos melancólicos coa impresión de impotencia que expresan as mensaxes das exposicións: globalízase a pobreza e a guerra, a pesar de que o anceio de paz e da ledicia existe nos máis diferentes rostros da humanidade. E este o espírito da ONU?
Etiquetas:

Marcadores:

JFK

Despois de oito horas de voo, aterramos en JFK. Nin sequera as grandes bandeiras e os retratos do presidente nos mostradores chegaron a sorprendernos; nin tampouco as longas colas para completar os trámites de entrada, pegadas dixitais e fotografías incluídas. O que sinceramente non agardabamos é que o funcionario de inmigración, despois de esculcar devagariño no seu ordenador, me indicase que debía acompañalo a unha pequena oficina. Alí, sen mediar palabra ningunha, estiven agardando durante dez minutos, mentres outro funcionario escrutaba no meu pasaporte e tecleaba longamente no ordenador. De súpeto, decidiuno selar: "Admited, 08-09-06". Abríronse así as portas do paraíso.
Agardábanos un taxista dominicano que nos conduciu á mecha polas autoestradas de Queens descubríndonos Manhattan pola ponte Roosevelt. Tivemos a sensación de volver a unha cidade coñecida na que nunca estivéramos.
Á noitiña, moi doce a calor novaiorquina, procuramos a mítica rúa 42, situada apenas a cinco mazás do noso hoteliño. O reflexo dos edificios sobre os rañaceos de cristal duplicaba a luz dun solpor moi acolledor.
Etiquetas:

Marcadores: ,

18.8.06

Luís Noia, in memoriam

O día do regreso non puido ser máis triste: morreu Luis Noia Domínguez, o noso amigo, o impresor de Gráficas Numen dende hai máis de corenta anos. Mañá sábado, á unha do mediodía, serán esparexidas as súas cinzas no peirao da Guarda. Alí estaremos testemuñando a nosa admiración e lealtade con este grande impresor comunista.
Actualización (20-08-2006): No artigo da semana recordo a figura de Luís.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

9.8.06

Pausa

O blogueiro marcha de viaxe durante unha semaniña. Unha pausa necesaria.

Actualización (13-08-2006): No artigo da semana reflexiono sobre a catástrofe dos incendios.
Etiquetas:

7.8.06

Galicia en chamas


Etiquetas: ,

Marcadores: ,

Novos blogs

Hoxe coñecín dous novos blogs: o completísimo de Ana Bande (achegando textos moi interesantes sobre a lectura e a biblioteca) e Galiza-Israel (proporcionando unha perspectiva dende Israel, pouco frecuente nos nosos debates, ao conflicto xudeu-palestino). Merecen a nosa atención.

Etiquetas:

Marcadores:

Arde a nosa pel

Cando onte á noitiña deixamos a Pawley na Coruña, despois da asinatura de Agustín e da recollida dos premios Lecturas, non sabiamos que na nosa viaxe pola autoestrada comprobariamos tan de preto o horror provocado polos terroristas do lume. Xa pasaramos unha Compostela sitiada por unha mesta nube de fume mais, en chegando a á altura da entrada ao "corredor" de Sanxenxo, foi cando unha barreira de lapas nos impediu continuar. A garda civil obrigounos a dar a volta para coller en disciplinada ringleira a estrada xeral. Dende as curvas de Barro contemplamos atónitos a forza das lapas nas súa plenitude invadindo a autoestrada e ameazando con chegar ás vivendas. Dende Pontevedra a Vigo, de novo xa na AP-9, viaxamos mergullados na nube de fume: invadiunos, entón, unha enorme tristeza cando comprobamos que o cumio do Xaxán, despois de tres xornadas, continuaba ardendo. Deitámonos verdadeiramente conmocionados, sabendo que moitos dos nosos compatriotas pasarían a noite defendendo impotentes os seus eidos.
A vaga de incendios desta fin de semana, cando azouta o nordés e se dispara o termómetro, constitúe un atentado ecolóxico e social (xa con tres vítimas inducidas polos incendios) de enorme envergadura. Por moito que doa debemos recoñecer que arde a nosa pel e somos os propios galegos os que provocamos semellante atentado contra o noso futuro. Cales son os móbiles destes incendiarios que semellan actuar de xeito tan organizado como eficaz? Como podemos poñerlle couto dende a raíz?
A solución ao problema non é doada. Non cabe dúbida que, nestes momentos de emerxencia e conmoción, o Goberno Galego debe procurar axuda (máis medios humanos e materais) para combater as lapas (dende a participación de membros do exército á colaboración doutras comunidades e de Portugal) xa que a sensación de desamparo e impotencia que sofren as comunidades veciñais, que levan varios días (vencidos polo cansazo) intentando protexer as súas casas, é tan dolorosa como os devastadores efectos do lume. Como tamén é imprescindible intensificar a actuación das forzas de seguridade e da fiscalía para perseguir a estes auténticos terroristas. Mais, a pesar do díficil que semelle, unha vez superada a crise, cómpre non abandonar a política sensata e rigorosa iniciada este ano pola Consellaría de Medio Rural (admirable o traballo tanto do Conselleiro Suárez Canal como de todo o seu equipo na xestión da catástrofe) para poñer en valor a xestión do noso patrimonio forestal. Só abordando as causas estruturais do problema poderemos evitar que en vindeiros veráns volva queimarse un dos nosos patrimonios máis valiosos.
A asinatura dun grande Pacto polo Monte, apoiado polas tres forzas parlamentarias, polo Goberno Galego e polos concellos e deputacións, e respaldado polo asociacionismo civil, non podería ser o instrumento político que permitise unha nova política para erradicar esta lacra? A sociedade galega no seu conxunto non pode admitir de xeito ningún que os incendios sexa unha lacra inevitable ou unha portaxe a pagar pola nosa condición periférica. Con esta convicción profunda e con determinación política abonda, os galegos podemos e debemos gañarlle a batalla a estes pirómanos de rostro descoñecido.
Etiquetas: ,

Marcadores:

Novelísima

Velaí a agardada crítica de Martin Pawley: novelísima!
Foto de Xurxo Lobato (A Coruña 22 de xullo de 2006)

Etiquetas:

Marcadores: ,

6.8.06

O atasco do PXOM

No artigo da semana propoño que as direccións nacionais dos tres partidos sexan as que se fagan cargo da solución do problema urbanístico de Vigo.
Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

4.8.06

Ritmo latino


powered by ODEO
Case unha hora de ritmos latinos.Un agasallo para unha noite de verán ben quente e afumada.
Etiquetas:

Marcadores:

Tanxarina

Os bos amigos de Tanxarina abriron este novo palco ben chuliño. Tatán, Miguel e Andrés levan máis de dúas décadas termando desta compañía de teatro de títeres que constitúe outro orgullo da creatividade nosa. Alédome que este verán teñan unha axenda ben completa. Tanxarina en rota!
Etiquetas: ,

Marcadores:

Ler nas praias

A caravana de promoción da lectura nas praias, promovida polo Ministerio de Cultura e a Federación de Gremio de Editores de España, resultou un auténtico fiasco en Galicia. O "descoñecemento" máis absoluto da toponimia oficial dos organizadores amosa, outra volta, o fracaso radical e a inutilidade destas campañas, deseñadas e concibidas dende unha óptica centralista tan homoxénea como paternalista. Sería tan difícil que aquí se realizase na nosa lingua e coa participación dos editores galegos? Canta vergonza teriamos así evitado?

Paradoxicamente, o máis recente barómetro sobre hábitos lectores amosa que en Galicia estamos oito puntos por baixo da media de lectura española. Un índice estatístico que amosa a nosa indixencia lectora e fronte ao que ningunha autoridade (nin do goberno central nin tampouco da Xunta de Galicia) semella alarmarse. Cales son as razóns de que os cidadáns galegos padezamos esta perigosa sinistralidade cultural?

Etiquetas:

Marcadores: ,

3.8.06

Teresa Cristina

Onte na Feira, mentres Suso asinaba e asinaba, parrafeei un bo anaco con Pawley. Inevitablemente caimos a comentar as nas nosas querenzas musicais e literarias brasileiras. El recomendoume a Maria Rita e eu non puiden máis que aconsellarlle que abrazase o choriño da Teresa Cristina interpretando ao Paulinho da Viola (un dobre cedé xenial). A moza da Lapa ben merece todo o noso agarimo, a pesar de que os seus discos non se poidan mercar aquí. Hoxe volveremos á Coruña para acompañar a Manolo na súa primeira asinatura (agardamos con impaciencia a publicación da crítica prometida).

Etiquetas:

Marcadores:

2.8.06

O PXOM de Vigo atascado

Un clarificador post de Pablo Eifonso explica as razóns do atasco xurídico do PXOM de Vigo. A teimosía dos defensores do documento, diante de semellantes argumentos, é dificilmente explicable.

Etiquetas:

Marcadores:

Arden os libros

O cheiro do libro de Rivas chegoulle ao ilustrador do semanal da Vanguardia.

Etiquetas:

Marcadores: ,

A Feira de Pawley

Como xa sucedera o pasado ano, un dos maiores atractivos da Feira da Coruña van ser as crónicas de Martin Pawley. Pouco podo engadir á reportaxe que el fixo da primeira xornada, na que participei presentando o primeiro volume das memorias de Neira Vilas.

Antes de iniciar o acto Pepe, que estaba ben animado, contounos que dende hai máis de trinta anos leva un bloc (insistiu no de bloc) onde diariamente recolle aqueles aconteceres e vivencias que considera máis significativos (en definitiva, un bloc analóxico manuscrito), textos que logo, ao remate do ano, transcribe a máquina. Este traballo foi o que permitiu a edición da primeira entrega das memorias que onte presentamos, organizadas a xeito de blog.
Ten razón Pawley no detalle da presenza dos vasos de Coca-Cola sobre as mesas da presentación (feito que unha participante na presentación me recriminou). Mágoa que a Feira do Libro máis concorrida de Galicia non coide aspecto formal ningún. O cartel anunciando (un único exemplar en tamaño folio para todo o espazo) os actos do día aparece manuscrito e desamañado; a información do programa non está en Internet; non hai un responsable de prensa; a música (onte Bod Dylan) atroa durante a celebración dos actos na carpa (nun estado de conservación e limpeza lamentable)... En fin, e mellor non seguir para non caer na melancolía... Mais a pesar de todo iso é incrible a cantidade de visitantes dunha Feira que onte estaba moi animada. Hoxe volveremos para acompañar a Xosé Luis Barreiro e Suso de Toro e asistir á presentación do último número de Grial.
Etiquetas:

Marcadores:

1.8.06

Taxes e Varela Buxán

Hoxe recibimos os orixinais das edicións das obras teatrais completas de Manuel Varela Buxán e Francisco Taxes, que publicaremos dentro da colección BLG dirixida por Ramón Nicolás. Penso que estas dúas edicións de dous importantes autores da nosa dramaturxia do vinte van constituír un fito, tanto polo feito da fixación definitiva dos textos como polo material documental e biográfico que as acompañan. A de Varela Buxán foi preparada por Xosé Luna e a de Taxes (que inclúe dúas pezas inéditas) polo seu fillo Xurxo Taxes Díaz. Agardamos telas publicadas antes do remate deste ano.

Etiquetas:

Marcadores: , ,