31.1.05

Jalisia


Xurxo Lobato, Galicia canibal, Chantada 1995

Onte domingo convidáronos á Domus para que intervísemos no acto de aniversario dos Sumilleres. Unha cerimonia entrañable, na que se entregaron as placas dos viños distinguidos do 2004 e na que se recoñeceu como o mellor labor xornalístico do pasado ano na promoción do viño galego o realizado polo fotógrafo de Monelos. O acto protocolario ben, o xantar mellor (o porquiño caramelizado e o follado de plátano, soberbios).
O traballo de Lobato, a pesar de ser moi coñecido, está pouco estudado entre nós. A súa Jalisia, a súa Galicia caníbal (quizais as súas series máis persoais e queridas) expresan unha Galicia de ficción, a cabalo da tatuaxe dun tempo histórico, que morre, e dun futuro de plástico e pvc. que emerxe. A súa mirada sobre esa encrucillada dun tempo mestizo produce unhas instantáneas sorprendentes, chamadas a converterse en testemuñas da aceleración histórica que vivimos na Galicia de entre séculos. Paga a pena visitar o libro que lle dedica PhotoBolsillo na Biblioteca de Fotógrafos Españoles (editado por La Fábrica). Por certo, esta magnífica colección merecería ser emulada en Galicia (a relación calidade/prezo é excelente, sen dúbida grazas á esponsorización de Caja Madrid).
Proxectos para o novo ano
Hoxe longa reunión de case dez horas coa totalidade do equipo de edición e promoción. Repasamos as vendas do pasado ano de todas as coleccións e debatemos sobre os novos proxectos. Como sempre sucede nestas ocasións, enfrontarse coa realidade dalgúns fracasos doe, e soñar os novos libros, entusiasma. Estou contento. Creo que saimos mellor ca entramos. Comeza de novo a vertixe.
Os culturetas nacionalistas
Comentamos o artigo da pobriña Luisa. Mágoa que o xornal que lle paga non lle abra un blo cos seus pareceres. Tería visitas abondo.

Marcadores:

30.1.05

Tesouro de palabras


Patrimonio Inmaterial galego-portugués

Publico no Faro un artigo para apoiar a candidatura presentada diante da UNESCO, para que a tradición oral galego-portuguesa sexa recoñecida como Obra Mestra do Patrimonio Intanxible da Humanidade.
A iniciativa do colectivo Ponte nas Ondas paréceme extraordinaria e moi valente. Racha de facto a incomunicación secular cos nosos irmáns minhotos, ao tempo que pon en valor o tesouro das nosas palabras e saberes populares. Faime gracia a morneza do Ministerio español (que pretendía fose recoñecido o flamenco), actitude que contrasta co compromiso do governo portugués (foi quen presentou oficialmente a candidatura) e o apoio decidido do Consello da Cultura Galega. O venres, 4 de febreiro, presentárase na cidade do Douro a candidatura, coa presenza de dous ministros portugueses (a de Cultura e o de Cidades) e do presidente galego. Beizóns para Santiago Veloso e o resto dos seus colegas docentes por tamaña proeza.

29.1.05

Libros de relatos?

Onte en Teucro presentamos dous títulos de Caride: unha nova entrega da súa serie xuvenil e un libro de relatos. O presentador e o autor agradeceron que se publicase un libro de relatos, porque este xénero é infrecuente agora na edición en galego. Caride chegou a dicir coa súa ironía de sempre que "se Borges fose escritor galego non tería pasado a historia da literatura porque nunca escribiu unha novela". É certo: no último lustro, mesmo diría que máis concretamente nos dous últimos anos, baixou moito a publicación deste xénero, ata non hai moito o máis característico da nosa narrativa, tanto en cantidade como en calidade (a relación dos nosos contistas dos anos noventa é amplísima). Hoxe apenas se publica un libro de relatos por cada catro novelas (porcentaxe aínda superior ao da edición en castelán). Contrastarei os datos. Compriría saber a qué obedece este fenómeno recente: Ao desinterese dos editores polo xénero (quizais polo seu menor prezo)? Á primacía da novela no gusto das lectoras (unha franxa de afeccionadas, que, afortunadamente, se amplía)? Á pretensión do noso sistema literario de homologarse coas preferencias do castelán (aquí o papel dos libreiros contaría)? Sería bo que autores, editores e lectores respondésemos a estas preguntas.

Marcadores:

28.1.05

Galibarómetro 1/2005


Sheptun 2, Misha Gordin

Anotamos no blo os resultados do primeiro sondeo electoral galego:
  • Fraga perdería a maioría.
  • PP (35-34, baixa) PSdeG-PSOE (24-23, sobe) BNG (17, mantense).
  • O 80 % dos galegos cren que Fraga non pode liderar o futuro.
  • O 41 % dos novos votantes farano ao BNG.
  • O PP mantense en Ourense.
  • O desemprego (12%) a primeira preocupación dos galegos.

Cómpre reparar que os autores do sondeo, preparado polo Barómetro Galego da Universidade de Santiago, están vencellados ao entorno de asesores de Pérez Touriño.


27.1.05

Cuartas de cuberta


Agustín Fernández Paz e Andreu Martín

Estes días ando ensarillado na redacción de textos de cuarta de cuberta dalgunhas novidades de primavera. Entre as tarefas do oficio de editor esta é, probablemente, a máis complexa e comprometida. Trátase de redactar de seis a dez liñas (entre 500 e 700 caracteres) que seduzan dunha ollada aos potenciais lectores. Empresa difícil. Estas cuartas funcionan no libro coma os trailers no cinema. O proceso de preparación das cuartas serve, tamén, para sintetizar as ideas de comunicación do libro (froito da lectura demorada das últimas probas e da conversa, a ser posible, a tumba aberta co autor, imprescindible) e para a posterior elaboración dos textos promocionais (os anuncios, as follas de novidades, a reseña web ou a actualización do currículum); sen esquecer, tampouco, a súa utilidade para preparar as ideas básicas da presentación diante do público, se a houber. En definitiva, este é o momento da elaboración do discurso da editorial.

Na escrita destes textos, no caso dos títulos de narrativa, aposto pola presentación do comezo da trama, empregando os fíos da sutileza que deixou prendidos o autor, e dos temas que se abordan, fuxindo da pedantería filolóxica da categorización da obra, labor que corresponde ao momento da recepción, por parte de reseñistas ou da crítica académica. Se algo debe caracterizar o traballo do editor é a súa discreción. A nosa presenza no libro debe notarse, mais debe ser tan elegante e prudente que pase desapercibida para o lector. Debémonos ao texto e á comunicación do traballo autoral.

Camiño da cidade fabril, a onde fun con Quique presentar o seu libro de autoorgullos, sei do anuncio do premio de Agustín. Para min constitúe unha enorme alegría, a pesar de non poder publicar este texto (que sei excelente). Agus leva escrito unha das obras máis poderosas e de maior calidade da literatura galega actual, a pesar de encadrarse formalmente na literatura infantil e xuvenil, un xénero, ata agora, insuficientemente valorado pola crítica académica. Sei que todos os galardóns que reciba van ser insuficientes para recoñecer o seu talento literario desbordado e o traballo constante como escritor monolingüe. Os meus mellores desexos para a travesía que comeza a súa escola dos piratas.
Lúcido o último post de Ian. Remontar, remontar segue sendo a nosa tarefa.

Marcadores:

26.1.05

Almanaques agrícolas

Ripalda envioume o Almanaque Agrícola ZZ 2005 que publica a empresa multinacional suíza Syngenta. Con case toda seguridade este volumenciño de noventa e oito páxinas será o título con maior tiraxe da edición en galego deste ano (moitos milleiros de exemplares, asústame escribilo), aínda que non leve ISBN (trátase dunha publicación non venal) nin pé de imprenta (un erro que deberían subsanar os seus editores). Inclúe un fermoso traballo do noso investigador das fontes sobre o oficio dos arxinas (merecedor do premio ZZ 2004).
O ZZ (editado pola empreza Zeltia Agraria e as súas sucesoras) continúa a tradición que en 1857 iniciara O Gaiteiro de Lugo e que logo, desde os anos sesenta, continuara O Mintireiro Verdadeiro promovido polo crego José Regadío en Palas. Estes almanaques agricolas, que permitiron o uso continuado do galego (mesmo nos anos máis difíciles do franquismo) continúan tendo certa graza, algunhas veces certamente chocalleira, por que non abandonaron a súa intención literaria (a propia Rosalía chegou a publicar neles) nin a de promoción do folclore popular. Predicións, chistes, as lúas, as datas das feiras, consellos para o cultivo da vide, acompañan a outros textos de maior entidade literaria destes libriños en galego que nunca foron considerados como tales pola cultura "oficial". Estes almanaques forman parte dese submundo da cultura en galego que non deberiamos esquecer que existe.

Marcadores:

25.1.05

Gulliver xornalista


Celso Emilio Ferreiro

Hoxe chegou a miña mesa o primeiro título do ano. A obra xornalística do noso Gulliver non fora, ata agora, recompilada en libro, un desexo que tivera, desque publicou (a comezos dos anos cincuenta) a serie "La jaula de los pájaros raros" en Faro e que pretendía fose prologada polo seu amigo de Iria (o texto escribiuse, mais perdeuse). Moncho realizou unha magnífica edición, como xa fixera coa poesía; igual que a capa de Villalobos, sorprendente para este tipo de edición. Cando deseñamos a colección procurabamos a mantenta este choque de formas e a singularización sutil de diversas series. Os textos de Gulliver son unha gozada e, por riba, teñen o interese engadido de seren case descoñecidos, mesmo para os estudosos. Prendín neles desque Moncho me deixou as primeiras fotocopias. Hai artigos memorables como ese "Vigo, puro milagro", onde metaforiza a Sal como cidade teorema.
Seremos capaces de sacar adiante un título como este? Polo momento, aínda non contamos con apoio institucional ningún. O histórico de vendas indica que previsiblemente non vai abondar coa colocación que faremos a vindeira semana en librarías. Procurar unha venda institucional. Velaí a tarefa inmediata.

Marcadores:

24.1.05

Cifras

Compostela. Dez horas de xuntanza de editores para preparar as actividades do ano. No xantar contrastamos cifras, a partir das declaracións do reitor da Coruña: "En Galicia hai 400.000 analfabetos", máis do 15 % da poboación. Somos o 6,6 % da poboación e consumimos o 4,8 % dos libros do estado. Supoñemos o 5,8 % do PIB español e o 10% da poboación agraria. Estamos a cabeza do consumo de alcohol (15 %) e do índice de sobrepeso, aínda que somos a comunidade menos fumadora (22%). Posuímos a poboación máis envellecida de todas as CC.AA., unha das menores taxas de natalidade e un dos índices de desemprego máis elevado (12 %). Explican estas cifras os nosos baixos índices de lectura e a crise do noso sector editorial?

Noticia tranquilizadora
José Luís traquilízame: Isaac non ten nada grave. Apenas a gripe de todos os invernos. En pouco días, estará outra vez novo. Será certo, como expresa nos seus artigos, que non ten Seguridade Social? Outra brincadeira do noso xenial editor decano.

Marcadores:

23.1.05

Sal


Vila romana do Vao

Sae publicado no Faro o artigo que enviei sobre o xacemento romano da rúa Marqués de Valladares. Séguenme asombrando os tópicos sobre a nosa historia local, como ese tan extendido de que Sal sería unha cidade sen raíces, froito da actividade fabril conserveira de finais do século XIX. Co artigo pretendo desmontar eses tópicos, propios de cidade desmemoriada, e reclamar a protección e museificación dun achado que demostra que, xa no periodo tardorromano, aquí había unha actividade industrial da salga (completando todo o seu ciclo) e o funcionamento dun porto con actividade comercial co espazo atlántico.

Marcadores:

22.1.05

On the road


Lemos

Onte outra volta a Galicia. Á primeira hora da mañá tertulia en Compostela (a coronación tema principal); logo, Torre (reunión coa comercial para presentar as novidades do semestre); tarde, viaxe a Muralla e noite, presentación en Lemos da última obra de Quiroga. Remexendo nunha libraría merquei varias primeiras edicións galegas a un euro, entre elas, As rúas do vento ceibe de Manuel (poderiamos publicala de novo?). Ceamos cunha xente ben salada, bebimos un amandi corpudo e falamos de libros e botas. Case cincocentos quilómetros, as catro provincias, seis das cidades... Uff.. Chegamos a Sal xa de madrugada, preocupados polas noticias sobre Isaac (contáronos que está maliño).
A cita de Tolstoi
Leo no correo a corrección de Nacho sobre o post de onte. Nacho, que fixo unha presentación abraiante, anótame que a frase exacta pronunciada por Ramiro foi: Describe a túa vila e serás universal.
A miña memoria volveu fallar; desta volta non anotei no caderno as frases claves, como fago en todos os actos nos que participo (a famosa libreta vermella pola que tantas veces me teñen preguntado). Nacho comenta que coa cita de Tolstoi sucede algo semellante ao que pasa co monstro do Lago Ness: todo mundo fala dela mais ninguén testemuña vela aínda. Mergullouse no gúgel na procura de "Aldea universal Tolstoi" e atopou un cadoiro de referencias da cita tolstoiana de marras (Describe a túa aldea e serás universal, Pinta a túa aldea e pintarás o mundo...). Cre que pode estar nun Epistolario ou ser un resume do que aparece en ¿Que es el arte? Beizóns para o seu rigor admirable do que sempre aprendemos a eito.

Marcadores:

21.1.05

Ensíname a túa vila

Ensíname a túa vila é defenderás o Universo.
Frase de Leon Tolstoi pronunciada onte por Ramiro Fonte na presentación en Vigo da súa recente novela Os ollos da ponte.

Marcadores:

20.1.05

Cartaces de Andrade

Onte, antes de presentar en Rubalcaba o libro de Siro, parei en Andrade para falar con Tito Ríos sobre o libro que lle pretendemos editar. Tito é un personaxe sorprendente. Cantante de habaneras, boleros e rancheiras (actuou con frecuencia no programa de Gayoso), posúe no seu estudio, froito de cincuenta anos de profesión, milleiros de negativos, o arquivo máis valioso da historia recente da vila de Fonte. Xentes populares, festas, paisaxes, monumentos... amoréanse neses humildes cartaces, que recollen unha crónica visual fiel dunha vila que esvarou no tempo.
Ríos en Andrade, Cal en Coca, Caamaño na Pedra de Abalar (e tantos outros que non coñecemos) forman parte desa longa nómina de fotógrafos de vila (a maior parte case anónimos) que foron construíndo a crónica máis fiel do tempo que vivimos. Nomes que, quizais non soen tanto como os de Virxilio ou Suárez, Ferrer, Pacheco ou Magar, mais, tamén imprescindibles para acometer o proxecto (outro por desenvolver) de reconstruír a nosa memoria fotográfica nacional do século XX.
A catalogación destes arquivos, a súa museificación pública e a popularización dos seus fondos, por medio de exposicións e publicacións, constitúe unha tarefa pendente da nosa política de patrimonio. Angueira que, por riba semella exitosa, xa que decote estas actividades son moi ben acollidas polo público local. Transformar o recordo individual en memoría colectiva é unha construción social que non pode resultarnos allea.

Marcadores: ,

19.1.05

Sísifo

Utilizo o mito de Sísifo porque este é un país onde as xentes que asumiron a defensa da súa identidade colectiva, xa a mediados do século XIX, fixeron en cada etapa xeracional esforzos titánicos para acadaren obxectivos e resultados que, rematada cada etapa, eran destruídos parcialmente ou ás veces case totalmente, de xeito que cada xeración tivo que comezar dende máis atrás de onde chegara a precedente. Abonda ollar e enfíar biografías de membros representativos das sucesivas xeracións -Faraldo, Rosalía, Murguía, Brañas, Villar Ponte, Castelao, por exemplo-: non hai continuum no proceso de construción do edificio da nación, senón unha sucesión de interrupcións, retrocesos e voltasa empezar.

Marcadores:

18.1.05

No Teucro

Día de viaxes e xuntanzas. Primeiro fun a Teucro onde nos reunimos con Luís, o concelleiro de cultura máis salado e futurista que coñezo. O proxecto de organizar un grande Salón do Libro e da Industria Cultural ao remate do ano (o noso modelo é o de Durango) parece factible. No xantar, moi saboroso, pasámolo de medo rexoubando. Mágoa!, ter que arrear co café ás presas para Compostela e participar na que, cría sería, a derradeira xuntanza da Comisión do Libro. Afortunadamente, aprobamos o borrador da lei, mais a xuntanza quedou un chisco deslucida. Lamento non estar máis fino no debate cando un dos participantes acusou aos editores de vivir durante vinte anos das subvencións. Unha afirmación prexuizosa e inxusta que, por riba, non obedece á realidade. Acordamos traballar sobre un borrador do Plan de Lectura e manexar nova documentación, pouco coñecida entre nós, para intentar, así, rematar o documento no mes vindeiro.

Terra. Lingua. Cultura
No Teucro Luis agasallounos cuns novos cedés e Miguel coas novas conversas con Beiras. Xa teño ganas de debullalo. É un xénero que me presta e, por riba, o libro preséntase con moito interese e un depoimento do protagonista.
No coche viñen remoendo a idea de promover unha entidade transversal parecida ao Ómnium catalán. Terra. Lingua. Cultura. Tres eixos para o traballo cívico que precisamos. Debemos promover un novo tipo de asociacionismo cultural. Non abrirlle as portas nin a desolación nin ao desánimo, insistir, non desistir, penso cando chego á nosa cidade revolcada.

Marcadores:

17.1.05

U-la edición en galego?

Teño tres exemplares que recibín con cada un dos xornais impresos que comprei onte. Ningún deles está en galego. No País de hoxe aparece unha nota de desculpa lamentando o erro que supuxo que na súa edición de Catalunya se agregasen exemplares non editados en catalán. A quen teño que reclamar en Galicia?: A cada un dos xornais que distribuíron a edición só en castelán? Á Delegación do Goberno? Á DXPL? Quen garante os meus dereitos lingüísticos de recibir información pública na nosa lingua? Que voces dos partidos se pronunciaron para denunciar esta discriminación lingüística tan clamorosa?

Ae fond kiss
Sei da nova película de Loach por dous novos blos: Infixo e Café instantáneo. Elegantes e magnificamente escritos. Seguireivos, benvidos!!!

A boa sorte
Outra benvida: a da nova editora galega Xixirín, promovida por Daniel Rozados. Recibo o seu primeiro título, a tradución dun dos best sellers do pasado ano, que aborda as claves da prosperidade ou, falando con menos eufemismos, as claves para converterse en millonario. Abrín o libro e topei cunha das citas máis coñecidas de Woody: "o noventa por cento do éxito consiste sinxelamente en insistir". Pregúntome se na edición, insistindo o noventa e cinco ou máis por cento das veces, como é posible que, aínda así, fracasemos? Lerei con atención o primeiro libro editado por Daniel.

Marcadores:

16.1.05

O xesto de Castrillo

Sae publicado no Faro o artigo que enviei sobre os efectos da saída de Castrillo. É de xustiza salientar que o balance do seu traballo (13 anos no concello) foi positivo, aínda que tamén non se pode negar que a súa saída era unha medida imprescindible (chega tarde) para iniciar o proceso de restauración da esperanza da maltreita esquerda viguesa, sometida aos "tapóns" do disenso e a rixidez que supoñían tanto a súa presenza como a de Bartleby Mariño.
A marcha de Castrillo non vai supoñer unha moción de censura, mais creo vai permitir que o BNG poida retomar a iniciativa perdida e acometer unha nova estratexia, seguramente máis vencellada á democracia cívica, consolidando, con tempo suficiente, o novo liderado municipal de Olveira.
O miolo do asunto está no que poida facer o PSdeG-PSOE diante deste xesto do Bloque, que semella pretende tender unha man dun entendemento municipal futuro en Vigo, ao tempo que visualizar a posibilidade real dunha alternativa progresista tras as eleccións autonómicas deste ano. Témome que o xesto será imperceptible ou irrelevante para Mariño, Blanco e Vázquez, persoas para as que unha Xunta coaligada sería un grave contratempo para os seus intereses. Unha cousa é o que se di e outra a que se fai.

Librarías galegas
É interesante a reportaxe sobre o futuro das librarías especializadas. O traballo de Couceiro e Andel polo libro galego-portugués é heroico.

Marcadores:

15.1.05

Sutilezas


Lois Greenfield, American Reportory Ballet.

Vaia artigo do Rivas!

Dúas mostrar da sutileza que procuramos na creación cultural.


Marcadores:

14.1.05

Tintas galegas

Xantamos en Gaifar con Carlos e don Álvaro Álvarez Blázquez. Repasamos o estado da catalogación da obra de Serigrafía Galega, a experiencia máis notable de popularización da arte contemporánea galega nos anos do tardofranquismo, e da necesidade de asegurar que no futuro a colección poida quedar a cargo dunha institución pública. Don Álvaro, pertence a xínea dos Álvarez, conserva aos seus oitenta e catro anos unha lúcida memoria do pensamento galeguista e republicano. Sempre é un privilexio participar na súa conversa, lúcida e informadísima sobre todo o que acontece.
Pola tarde, reviso con Carlos o estado dos proxectos que nos está preparando: pechamos esa Coruña por Ferrer da que tanto temos falado e acordamos a estrutura definitiva da Fotobiografía de María Casares (1922-1996), que pretendemos editar en setembro do vindeiro ano, con motivo do décimo aniversario do pasamento da actriz. A coruñesa, filla do presidente republicano, a actriz galega máis internacional do século XX, apenas é recordada en Galicia (só unha rúa en Torre); sen embargo, levan o seu nome rúas de Málaga, Almería, Badaxoz e Aviñón (Francia toda recoñeceuna como un patrimonio nacional indiscutible). No seu libro de memorias deixou escrito que lle "gustaría morrer amodiño en permanente estado de alerta" (unha desas citas famosas que impresionan). Non estaría de máis que, antes de rematar a edición desta fotobiografía, poder ler esa Residente privilegiada (debe ser difícil de atopar) e ver Orfeo, un dos seus filmes inesquecibles. A Casares é outro capítulo da nosa cultura do exilio que tan pouco coñecemos.

Marcadores:

13.1.05

Maré

Ten moita razón Jaureguizar. O traballo de Maré é moi valioso. No cativo mundo cultural galego (éche máis pequeno do que cre a maioría) sofrimos do andazo dos prexuízos e das máis chuscas clasificacións apriorísticas, razón pola que resulta necesario salientar contribucións como as de Lopo e a súa xente. Xeralmente as opinións sobre a cultura (sexan as dos creadores, editores ou mediadores) son rotundas e pouco matizadas. Empréganse para opinar os mesmos criterios dos xogos dos pequechos: “Gústame / Non me gusta”; ou aqueloutro máis propio dos maiores: “Quérote / Ódiote”. Existen poucos matices e escaso interese por abrirse á sorpresa ou ao aire novo que pode chegar de calquera recunchiño, por moi afastado ou achegado que for. En Galicia, na cultura galega, falta curiosidade.
Maré combate ese andazo simplificador realizando un seguimento constante da nosa produción cultural cun criterio aberto e xeneroso. Se isto non abondase, semanalmente, agasállanos coa RDL, esa rareza engaiolante da que hai poucos precedentes na prensa española. Seguimento que, sendo xustos, tamén cómpre gabar noutros espazos, como no admirable Diario Cultural de Romaní ou no Faro da Cultura de Pena.
No noso debate político e cultural (se podemos falar de que exista un verdadeiro debate) faltan maiores doses de sutileza, elegancia, imaxinación ou humor, as armas coas que conta a creación cultural. Sobran os litros de vitimismo e cainismo que, en doses narcotizantes, nos asolagan coa súa simpleza. Semella que existise un xen galego destinado á crítica banal e arrogante, fundamentada en esencias que se esvaen coma o fume. Hoxe a resistencia cultural (a vía da disidencia fronte o lixo homoxeneizador) non se constrúe con certezas (escasas, supoño), senón coa capacidade de mirar cara os vagalumes do horizonte que case non sabemos interpretar.
Ten razón Jaureguizar. Maré non debe faltar na nosa lista diaria de favoritos.
Como mostra de sutileza e elegancia aí temos as traducións galegas coas que nos agasalla Kavafinho. Hoxe, “O albatros” de Baudelaire. Cadrando as rimas. Beizóns para el.

Marcadores:

12.1.05

Noticia de Gulliver

Na oficina tiven unha mañá de entrevistas. A primeira hora o profesor Ripalda entregoume o seu orixinal definitivo do Libro das fontes. Sei que detrás de cada unha destas humildes construcións singulares hai unha comunidade. A auga fonte de vida. Vai quedar un libro ben curioso e do que non coñezo precedentes.
Logo chegou Luis con noticias de Gulliver Ferreiro. Outra fonte de novidades: apareceu un poema disperso publicado en Ribadeo e unha partitura de Enrique dedicada ao escritor da taberna do galo (non sabía da súa amizade). O máis interesante, sen dúbida, foi a noticia da aparición dun fachico de textos narrativos, que, quizais, poidan pertencer ás inconclusas Memorias de nunca. Debe valoralos Moncho. Volvimos ao tema recorrente de Venezuela e á necesidade de restaurar definitivamente a súa memoria luxada polos ananos. O que sucede co noso Gulliver é paradóxico: nesta cultura tan necrolóxica é, sen embargo, dificilísimo recuperar a memoria e a obra dun dos nosos máis grandes poetas. Seguiremos teimando. Luis recomendoume a lectura do Manifesto de Caracas en defensa da humanidade do que tiña noticia por Farruco, o vice ministro de cultura galego do governo bolivariano.
Ao mediodía arrei, entre unha choiva do demo, para Muralla. Cando regresaba souben pola galega da demisión de Lois. Como alcalde fixo un traballo moi digno e insuficientemente recoñecido; agora, sen embargo, precísanse caras novas e, sobre todo, unha estratexia audaz para restaurar a esperanza da maltreita esquerda de Sal. Restaurar, tecer e destecer coma Penélope na tea dos nosos soños.

Marcadores:

11.1.05

Lavandeiras en Fronteira

No faladoiro da mañá debatemos de máis sobre as consecuencias políticas do Plan Ibarretxe. Non é doado introducir racionalidade nesta polémica cando se manexan posicionamentos que impiden calquera tipo de acordo. Convénzome, unha vez máis, de que deberiamos centrar o noso interese máis sobre como desenvolver os criterios de reforma do noso ca en participar nestas especulacións estériles sobre unha cuestión que, en todo caso, se dirimirá nas vindeiras eleccións de maio, o auténtico referendo para Euskadi.
Logo recollín a N. e fomos a Fronteira, onde quedáramos co pintor Xosé Luís de Dios. Concretamos a edición ilustrada d´O lapis do carpinteiro, que pretendemos publicar este ano na colección conmemorativa do XXV aniversario. Foi unha hora e media intensa e gozosa no seu estudio. Rodeados dos lenzos das súas lavandeiras inconfundibles, representacións da vida como realidade laboriosamente construídas, De Dios, moi agarimoso e entusiasmado polo proxecto (el xa fora o autor da ilustración da cuberta do libro de Manolo), insistiunos en que a disidencia é a única forma de resistencia na civilización occidental. Un discurso lucidísimo, rebentado polo humor. Xenial !!! Ao mediodía, marchamos cara a Auria, cargados de melancolía, onde concretamos un novo proxecto de texto (o xénero máis complexo do noso traballo).
Hoxe o día non deu para moitos foguetes máis. Contesto a Nelson de Matos e prometo que xantaremos o mes vindeiro onde naceu Portugal. Recibo unha proposta moi interesante sobre a publicación de blos (concretala). Por fin, no día atopo un artigo luminoso; Rosa ten razón semella que vivimos nunha espiral de silencio. Antes de deitarme lerei un dos poemas de Kavafinho (outro descubrimento dos blos galegos!). Mañá viaxarei a Muralla. Este é un mes para pechar proxectos. O tempo xa comeza voar.

Marcadores:

10.1.05

Galego de rebaixas

O galego vende por que está nas rebaixas. Non fixo falta que a Mesa argallase unha campaña específica, como sucedía hai anos, para que moitos comerciantes empregasen a eficacia emotiva da nosa lingua como o mellor argumento para anunciar as súas ofertas desta tempada. O valor engadido e a eficacia como reclama comercial da publicidade en galego xa fora sinalada por diversas investigacións sociolingüísticas. Por fortuna, xa contamos cun número aprezable de empresas que se veñen singularizando polo emprego do galego na súa publicidade, salientando así a utilidade da lingua no eido empresarial.
Sen embargo, esta semella non ser a opinión do medio que promove a edición dos fascículos, Galicia siglo XX que apareceron onte por vez primeira nos quioscos. Unha obra moi prometedora e atractiva, dirixida polo profesor Ramón Villares e preparada por un grupo formado polos mellores documentalistas cos que contamos, como son Guillermo Escrigas e Xosé Ramón Fandiño; un proxecto editorial, de concepción moderna e divulgativa, que polo seu grande peso documental recorda ao que no seu día idearamos con Víctor Freixanes. Alén da calidade incuestionable dos contidos, nas poucas páxinas que vimos destaca o seu deseño limpo e ordenado (diferenzando xerarquías, o que é imprescindible para acceder á información nunha obra de referencia coma esta), como corresponde á concepción de Xosé Díaz, un dos grandes diagramadores e deseñadores de libros cos que contamos. En definitiva, gustounos como produto editorial, máis magoounos que, incomprensiblemente, fose editada en castelán.
O século XX foi, como sinala o profesor Antón Costa, o do emprego do galego como lingua culta en todos os eidos. Pensan os editores da obra que publicándoa en castelán contarán con maior número de lectores? Non se deberá, quizais, a unha intención, consciente ou inconsciente, de pretender rebaixar o prestixio do uso culto do noso idioma? Ou, quizais, a esoutro afán de identificar o uso do galego como unha marca de identidade política nacionalista ou de procedencia familiar aldeana, como ten sinalado a profesora Ana Iglesias na súa tese de doutoramento?
Prexuízos sobre o uso do galego, en todo caso, inexistentes para os comerciantes que o empregan para anunciar as súas rebaixas. O galego é a lingua de todos os galegos, un patrimonio común da cidadanía, tanto daqueles que o empregamos habitualmente como dos que prefiren utilizar o castelán. Mágoa destoutra oportunidade perdida para que un proxecto editorial, destinado a aumentar o coñecemento do grande público sobre a nosa historia recente, contribuíse a aumentar a autoestima sobre a lingua de todos.

Marcadores:

9.1.05

Cines de Vigo

O arquitecto José Antonio Martín Curty sabe moi ben que os vellos cines vigueses balizaron a nosa memoria. A aparición do seu libro, Cines de Vigo (Instituto de Estudios Vigueses, 2004), supón a recuperación do esquecemento deses espazos culturais que conformaron o patrimonio cinematográfico vigués, hoxe desaparecido case que na súa totalidade. Este último libro dun dos destacados estudosos do noso patrimonio arquitectónico (son tamén súas as monografías sobre Pacewicz e sobre o Edificio Rubira) constitúe unha obra de investigación exhaustiva e documentadísima, ao tempo que unha historia sentimental e íntima sobre o cinema na nosa cidade.
O doutor Carlos Castilla del Pino, autor dunha longa autobiografía de lectura moi recomendable, recollida nos volumes Pretérito imperfecto (Tusquets, 1997) e Casa del Olivo (Tusquets, 2004), cre que a memoria sempre é reinvención e o esquecemento unha forma, economicamente necesaria, de disolver aquela parte nosa que, por diversas razóns non toleramos. A memoria sería, pois, unha reinvención socialmente necesaria que se conforma coas lembranzas e emocións persoais, mais que se enriquece cos datos proporcionados pola investigación histórica recente e a memoria persoal dos outros. Quizais sexa pola súa poderosa capacidade de recordo, onde resida a maior grandeza deste fermoso libro de Curty. Debullando estas máis de trescentas páxinas, enchidas de planos, alzados das edificacións ou fotografías dos cines, da súa cartelaría ou mesmo dalgunhas das súas entradas, dispáranse as lembranzas que cadaquén, sen pretendelo, gardou sobre eses espazos entrañables de escuridade luminosa, onde vivimos algunhas das emocións decisivas que conforman o que hoxe somos. Máis ca un libro, este de Curty é un almacén de luz sensible de enorme capacidade evocadora.
Sen dúbida que para o autor, que se confesa no prólogo un cinéfilo empedernido, moito significou o Ronsel (o primixenio cine Casablanca), onde foron estreadas A hard day´s night en 1965 e Help en 1966, as primeiras películas protagonizadas por aqueles inesquecibles “ye-yés” de Liverpool. Sen embargo, a miña querenza quedou prendida nas películas de Fantomas e de Louis de Funes da primeira sesión da tarde dos domingos no humilde cine Disol de Travesas, onde meu avó Suso Beleiro traballaba na carpintaría de Dignatario Cerdeira Señoráns, o empresario de boa parte dos cines periféricos vigueses (aspecto abordado no volume, o que é moi de agradecer) como o Avenida do Calvario ou o Mary de Valladares. Máis tarde, formeime nas sesións dos sábados do Cine Salesianos (tamén aparece no libro, ao que semella non escapárselle detalle ningún), que animaba don Salvador Penín, quedando marcado por Perros de paja ou Farenheit 451 e onde, logo, fundariamos o cine-clube Abertal, o primeiro de carácter xuvenil que funcionou en Vigo, que organizaría a estrea de Malapata de Carlos Piñeiro, a primeira longametraxe do cine galego. Co libro de Curty cadaquén poderá reinventar a súa memoria persoal do que viviu nas salas de Isaac Fraga Penedo (propietario do Fraga, Tamberlick, Odeón I e II,) ou de Eugenio González de Haz (dono do Cinema Radio, Rosalía de Castro, Vigo, Plata), ao tempo que entender as razóns da súa crise e do seu proceso de desaparición sistemática e substitución polos multicines actuais.
Hai ademais neste libro, outro elemento clave que non debemos deixar de salientar: contribúe a densificar o pensamento conservacionista desta cidade desmemoriada que ata ben pouco arrasou sen contemplación ningunha co seu patrimonio máis valioso. Hoxe sabemos que barbaridades como o derrube do Tamberlick ou do vello Odeón de Urzaiz non serían posibles. Razón de máis para intentar rescatar para o patrimonio municipal as dúas pezas deste patrimonio cinematográfico, deseñadas polo arquitecto Francisco Castro Represas, que, aínda que pechadas, permanecen en pé: o cine Vigo (espazo céntrico ideal para instalar alí ese teatro municipal e sala de concertos mediana do que carecemos) e o cine Plata (magnífico para ubicar un auditorio e centro cultural para o barrio de Casablanca). Os grupos municipais non deberían desbotar á lixeira estas posibilidades que, con planimetría incluída, suxire a lectura do libro que comentamos.
Cines de Vigo é, pois, unha obra que non podemos máis ca saudar con entusiasmo e con agradecemento para o seu autor e para os seus editores, porque nos devolve a memoria sobre o devir vigués da expresión artística máis xenuina do século XX. Un libro de cine sobre un pasado que debería servirnos para construír o futuro.

Este artigo foi publicado en Faro de Vigo, o domingo 9 de xaneiro de 2005.

Marcadores:

8.1.05

Orvallo e outras músicas

Onte remexendo entre os discos de música galega do centro comercial atopei ao chou un novo cedé de Miro Casabella, Orvallo. Vaia sorpresa!!! O meu amado Miro, o de “O meu país” (o tema que hai pouco gravou Luar na lubre), quizais unha das mellores cancións da música galega, despois de non sei cantos anos, saca un cedé en solitario. Só sabía da súa participación nas gravacións de Doa, xunto ao músico e fotógrafo Xoán Piñón. Escoitando o cedé de Miro comprobei que ten razón Vicente Araguas cando di que “non é que Miro Casabella volva, os que volvemos somos nós, porque el nunca se fora”. Emocionoume volver escoitar “Adeus”, canción sobre un poema de Bodaño, a quen lle puxeran música Aurichu Pereira e o propio Miro; e gustáronme os temas instrumentais, sobre todo “Der Gutere”, onde a zanfona soa cun aire mozárabe precioso.
Como é posible que Miro Casabella (un dos grandes de Voces Ceibes e do Movemento da Nova Canción Popular Galega) edite un cedé e non apareza esta noticia en case medio ningún? É incrible. Demostra que a edición de música galega é un mundo invisible, só recoñecible para os moi iniciados. Disto teño falado moito con Fernando Luaces, o editor de Boa, que está convencido que os maiores problemas da edición de música galega (do xénero que sexa, que non todo aquí é folc) son o da distribución e o da súa incorporación ás novas tecnoloxías. Se non contamos con canles, chegaremos a un punto sen retorno onde non será posible editar (xa non falo das copias piratas nin da crise do soporte). Hoxe a liberdade de edición dos produtos culturais é a súa capacidade de distribución e presenza no mercado.
Hai moi pouco sucedeume o mesmo con Conservas lambón. Cancións para os croques, un cedé moi orixinal de música para nenos (sen mixiricadas e ñoñerías) preparado por Antón Seoane e no que cantan, entre outras, Pilocha e Laura Amado. Este disco contén un menú delicioso para os pequenos, mais apenas están tendo repercusión nos medios e imaxino que no mercado.
E todo isto no ano da música, promovido admirablemente (como tantas outras iniciativas) polo Concello de Pontevedra.
Para non caír no desacougo, prendo no itunes o “Pasodoble Romántico” dos nosos grandes 100 pés e logo “É Xera” do Ajrú da Mercedes Peón. Sonche dos mellores euforizantes que coñezo.

Marcadores:

7.1.05

Nova lei do libro e a lectura

Remato de enviar as últimas suxestións, en representación dos editores galegos, á comisión redactora da nova Lei do libro e a lectura. Os traballos están a piques de rematar e o texto resultante ten moi boas trazas. Nesta comisión, presidida e dinamizada por Xavier Senín (magnífico o seu labor!) e formada por representantes de todos os subsectores do libro, traballouse con moito rigor e seriedade. Algo moi infrecuente no país noso, abocado sempre ao fatalismo. Unha boa mostra de que en Galicia, contando con vontade política e xenerosidade no esforzo, é posible o diálogo con amplitude de miras.
O texto, que os membros da comisión contamos aprobar neste mesmo mes de xaneiro, creo deberá ser sometido ao plenario da Mesa polo Libro e a Lectura, e logo á consideración do Goberno Galego e dos Grupos Parlamentarios. O que suceda no futuro será responsabilidade deles, mais constitúe un feito xa histórico que todos os axentes do libro e do fomento da lectura apoien unha proposta de futuro destas características. Non teño dúbidas de que este texto vai constituír unha referencia ineludible.
No documento da comisión hai moitas propostas novidosas, dende a constitución dun Consello Asesor do Libro, a creación do Instituto Rosalía de Castro (destinado a promover a lingua, a literatura e o libro galego no exterior), o regulamento da edición pública, ata un compromiso explícito de dotación á rede bibliotecaria (o déficit de lectura pública en Galicia lastra ao sector) e do desenvolvemento dun Plan Nacional de Fomento da lectura, entre outros.
Non é este xa o tempo das lamentacións dos editores e libreiros galegos denunciando que perdemos tiraxe e lectores. Cómpre iniciar unha nova etapa máis profesional e creativa (como no seu día fixo o sector audiovisual), contando cun apoio decidido dos poderes públicos polo fomento da lectura. Eis, o reto que propón esta lei na que puxemos tantas esperanzas. O libro galego é un sector estratéxico, sen unha industria do libro viable, moi dificilmente podemos crer no futuro da creación cultural en Galicia.

Marcadores:

6.1.05

Confesión de Gaspar

Escoitei esta mañá ao padre Gabilondo que “facer de rei Mago en Sevilla foi unha das maiores honras da súa vida”. Desta volta, estou con Iñaki; a miña experiencia de onte, durante cinco intensas horas, como rei Gaspar pagou a pena. Hoxe, supoño que esta é a única monarquía necesaria, a que rexe a fantasía dos pequenos cidadáns (máis aínda se queremos facer fronte á americanización globalizadora dese papá Noel de pacotilla, invención certa da Coca-Cola que nos invade). Acompañei no seu percorrido ao rei Melchor (José Manuel, un emigrante cubano, que leva xa máis de dez anos en Galicia, mágoa que fose un anticastrista visceral!) e ao rei Baltasar (Abdalá, un emigrante de Serra Leoa, que vive en Vigo dende hai tres anos e medio e agarda contar cos seus papeis no vindeiro mes de febreiro). Os tres fomos unha representación moi acaída da sociedade mestiza na que xa vivimos.
Aí vai a prometida confesión de Gaspar (onte, inxenuo de min, cría que sería Melchor, os das brancas guedellas):
Primeira. A experiencia axudoume a comprender que formar parte das familias reais require ben pouca cousa: saudar con determinación (apenas un xiro levísimo da man dereita, que só custa facer durante os primeiros minutos) e sorrir a todo quisque. É incrible!!!, funciona!!! Na carroza, sen querer, quedei pampo facéndoo a algunha farola da Ramallosa. Non e brincadeira, pasa, de veras.
Segunda: Nesta cuestión dos Magos só hai dous tipos de nenos e nenas: os que cren e os que non cren (refírome a eses fachendosos materialistas que procuran un saco de caramelos de balde). Loxicamente, quedeime cos primeiros, e aos segundos, trateinos coa profesionalidade característica da realeza, como diría Jaime Peñafiel. A valentía dos que cren (sobre todo eses pequenos de cinco a sete anos), cando se achegaban ao trono (recibín a máis dun centenar durante dúas horas), merecía o maior respecto e todos os abrazos e mimos que un podía darlles. Algúns déronme indicacións precisas da localización da súa casa, outros engadiron novos encargos (tanto para si, como para os seus), e mesmo hai quen preguntou directamente se ía ter ou non a Gameboy Advanced que pedira ou esa moneca Bratz (da que eu nada sabía). A maioría remataba a nosa conversa cun beixiño, que eu intuía dóce, e marchaba confiado. Xuro que noutra máis difícil nunca me vira.
Terceira. Cando regresaba para casa lembrei unha frase que me persegue dende hai vinte anos, a que me dixo Natalia (daquela aquela moreniña preciosa tiña cinco) na miña primeira escola de Budiño: “Manolo, sabes?, no mar tamén pode chover”. Un descubrimento extraordinario, do que tiña certeza porque llo fixera saber o seu pai embarcado no Gran Sole. Dende aquela sei que aos nenos hai que velos cos ollos do corazón, como quería o principiño.
Os meus reis foron moi xenerosos: trouxéronme o cd de Green Day, American idiot. Prometo gozar nestes días deste rabudo punk americano.

Marcadores:

5.1.05

Noite de Reis

A de hoxe é a noite que máis quero destas festas. E non o digo para afirmar o meu espírito de Peter Pan, agora que andan celebrar o centenario da obra de Barrie, nin para culminar un mes de consumismo compulsivo dos agasallos, comportamento que rexeito e intento non practicar, coa excepción, lóxica da adquisición de libros. Onte entrei, como fago case todos os días, na libraría do meu barrio e quedei pampo diante da pila de novidades nosas que semellan moverse pouco. Púxenme a tremer. Non me atrevín nin sequera a facer a pregunta retórica de sempre: Que tal está saíndo Vigo por Magar II? O medo, o pánico, ao efecto das devolucións de febreiro témolo todos os editores.
Hoxe terei unha noite de Reis diferente. Por vez primeira serei Melchor. Aceptei o convite que me fixeron os responsables do departamento de Cultura e Festas do concello de Nigrán. Os que me convidaron non sabían que este traballo era un dos meus anceios máis devecidos. Agardo que non me suceda aquilo que conta a Fina Casalderrey na súa Derradeira carta ós Reis Magos. Non vai ser doado. Os picariños sonche hoxe ben espilidos.
Moi boa a iniciativa do Faro de Vigo de publicar dúas páxinas de contos de Reis. Si señor. Escribiron os textos Rosa Aneiros, Antonio García Teijeiro, An Alfaya, e Álvaro Otero, e Villalobos e Gogue fixeron as postais de Reis. Mágoa que na edición dixital do Faro só se poida ler o conto de Rosa, que non aparece asinado.
Alármome diante dos titulares da noticia que aparece en Galicia hoxe sobre a distribuidora de libro galego que promove Arnoia, a empresa vencellada a Edicións do Cumio. Lendo o corpo da información quedei máis tranquilo. Sen dúbida, é imprescindible un esforzo por concentrar e potenciar a distribución do libro galego. Desvelar a tea que agocha o libro galego nas librarías e nos medios de comunicación debe ser un dos nosos primeiros esforzos.

Marcadores:

4.1.05

Pecharlle as portas á desolación

Si esa creo que foi a intención de María Victoria Moreno cando hai máis dun ano, coincidindo coa Feira do Libro de Pontevedra de 2003, me propuxo editar un libro sobre a súa experiencia, dende hai sete anos, como doente de cancro de mamá. Aceptei decontado convite tan valente, xa que hai moito tempo que admiro a pulsión literaria de María Victoria e nunca tivera a fortuna de editar ningún dos seus textos; admiración que se remonta á metade dos anos oitenta cando lin aquel inesquecible Leonardo e os fontaneiros, novela que creo pode considerarse como a primeira, ou ou unha das primeiras, de corte realista da literatura infantil en galego. Cando me enviou o orixinal, María Victoria só me puxo dúas condicións: primeira, que se pensaba editalo, lle propuxese as modificacións que me parecesen máis oportunas (foron moi escasas, o texto pareceume xa na primeira volta de lectura engaiolante e de escrita pulcra); segundo, que lle escribise un prólogo. Así o fixen, o mellor que puiden, treméndome moitas veces as mans sobre o portátil. Axiña quedei contaxiado pola súa aposta pola vida e pola esperanza, lembrándome o optimismo sensato dun ensaio que no mes de agosto lera no Brasil (Por um fío, do oncoloxista paulistano, de orixe galega, Drauzio Varella, un fenómeno social alí, con filias e fobias atroces).
O libro de María Victoria, Diario da luz e a sombra, apareceu nos andeis das librarías hai pouco máis dun mes; foi presentado nun acto concorridísimo no Ateneo de Pontevedra o día 13 de decembro (cunha intervención soberbia de Xosé Ramón Couto Fariña); e agora sabemos que chega o momento da verdade: o da recepción por parte da crítica e os lectores. Semella que o libro non vai ser ninguneado como sucede adoito (a máis grave doenza que padecemos na edición en galego). Hoxe lin a entrevista que lle fixo Suso Fraga na Voz e logo a que apareceu n´A Nosa Terra desta semana de Xan Carballa. Expléndida e coraxuda María Victoria, apostando como fai no libro por unha convivencia serena coa “pupa cabrona”. As entradiñas das dúas entrevistas salientan a pulsión literaria do texto. Sen dúbida, este é un libro no que as palabras serven para destilar vida en estado puro, explorando os territorios da luz e da sombra da alma humana. Beizóns María Victoria!!!

3.1.05

Brétemas de Esperanza

Recibo no móbil e nas caixas de correo moitos votos de primeiro ano reclamando o cambio político para Galicia. Saúde e que cante o merlo! Que o ano novo veña preñado de esperanza!... escríbenme os amigos, convencidos de que as súas palabras poden axudar a que xermole o que hai tantos anos agardamos. Sen embargo, a máis conmovedora destas mensaxes díxoma no Froxán un dos rapaces organizadores da Pisa, cando alá fomos a comezos de decembro, cun neboeiro mesto, da man de Xesús Marcos e Gloria Gallego, escoitar o canto do brelo: "Manolo: para remoer a pedra hai que facelo dende o fondo da fraga" (ecoaban as palabras de Uxío Novoneyra entre as xentes de Burla Negra que acompañaban a Vitor Mosquera, o pregoeiro da festa). Foi moi luminoso aquel día do Caurel, a presentación moi concorrida, o xantar comunal case a baixo cero, e sobre todo a visita con Miro (o libreiro de Mendinho de Travesas) e a súa turma a aldea de Seceda, onde están recuperando unha casa e onde bebín na fonte do souto, ao pé daquela alvariza impoñente. Por riba, trouxemos un quilo de mel. Arrecende, dende entón, pola casa toda.
Cando chego da oficina leo en Vieiros o artigo de Camilo Nogueira sobre o Plan Ibarretxe (Camilo sempre fino e agudo, como é posible que no BNG poidan pensar en prescindir do seu criterio?), un texto no que agroma a esperanza que procuramos nesta brétemas que hoxe iniciamos.
Remoo nos criterios para preparar o artigo do domingo sobre os cines de Vigo, a partir do novo libro do arquitecto José Antonio Martín Curty. A información que recolle a obra é moi interesante, a planimetría abraiante, aínda que a edición do libro é pouco profesional. Mágoa destas publicacións institucionais que poderían ser moi melloradas cun pouco de traballo de edición.
Lamento non coñecer mellor o entorno técnico do blog. Supoño que será cuestión de fedellar e preguntar aos colegas que saben máis disto.

Marcadores: