31.3.05

Manifesto pola Ría de Pontevedra

Recibo na caixa de correo o manifesto que onte presentou Maio Longo e un grupo de persoas vencelladas ao mundo da cultura e o ensino de Teucro. Esta asociación cultural xunto á ONG Mais Libros teñen previsto facer unha publicación con escritores que conten vivencias, experiencias ou fantasías relacionadas coa ría de Pontevedra, Tambo, Lourizán, etc. Pregan a maior difusión do manifesto para o que recaban asinaturas. Aí vai.
POLA RECUPERACIÓN DA RÍA DE PONTEVEDRA
Houbo un tempo na nosa historia recente no que non se coñecía máis vontade có capricho da autoridade dictatorial nin máis argumento có gume das baionetas. Daquela, os poderosos campaban polos nosos eidos coma se fosen seus, entraban nas nosas casas coma se fosen súas e usaban a forza dos nosos brazos coma se fose só para eles.
Foi nesa época cando nos impuxeron a construción dunha fábrica contaminante nun lugar de privilexio: a ría de Pontevedra. As fabulosas gañancias que lles ía reportar aos donos eran máis importantes có estrago que causaría envelenando a auga, o aire e a paisaxe ribeirán, privando do seu sustento a centos de mariñeiros e mariscadoras, a hosteleiros, comerciantes e outras empresas, roubándonos a súa beleza singular, arriscando a saúde de toda a poboación da contorna. A cambio, ofrecíannos o mantemento dun exiguo continxente obreiro e algunhas cativas esmolas sociais.
Esta infamia mantívose durante máis de corenta anos porque os que estaban antes deixaron todo atado e ben atado con arame de espiños e os que viñeron despois tiveron coidado en manter os seus privilexios.
Pero o tempo da ditadura pasou e hoxe acollémonos ao mandado democrático da lei e a razón. E a lei di que a concesión está a acabar e que os terreos nos que se asenta a fábrica deben ser desocupados e reverter ao dominio público. A razón, reiteradamente expresada pola maioría cidadá, demanda para a nosa ría un futuro claro e sólido de traballo, prosperidade e benestar.
O goberno da cidade de Pontevedra reclamou o cumprimento da legalidade en consonancia coa vontade popular: a fábrica debe ser trasladada a un lugar menos sensíbel á contaminación e remozada con tecnoloxías non agresivas; os postos de traballo débense manter e aínda ampliar con novas liñas de produción. Un novo horizonte ábrese ante nós, un horizonte de futuro no que caberán todos os traballos e todos os praceres derivados do aproveitamento racional dunha ría saudábel, fermosa e fecunda.
Pero os donos da fábrica resístense a perder os seus privilexios e, en connivencia con algunha forza política ancorada no pasado, poñen en xogo toda clase de arteiradas para confundir a cidadanía e tratar de impedir que se cumpra a lei.
Hoxe, cando no mundo se aposta pola saúde e a calidade de vida por enriba da industrialización salvaxe, cando desde todos os lados se admite que o futuro pasa polo aproveitamento racional e sustentábel do medio natural, hoxe, no día en que Pontevedra está a verse a si mesma con outros ollos como cidade fermosa e produtiva, remozada no seu urbanismo, coas rúas cheas de xente en permanente actividade comercial, social e cultural, cun alto grao de autoestima cidadá, hoxe, máis ca nunca, as persoas que asinamos abaixo, relacionadas co ámbito da cultura (creación, investigación, ensino, asociacionismo, etc.), queremos deixar patente o noso compromiso firme de apoio ás forzas políticas e sociais e a toda a cidadanía de Pontevedra que loitan por un futuro de esperanza.
¡Polo traballo, pola saúde! ¡Polo futuro!
¡Fóra ENCE da ría de Pontevedra!

Marcadores:

Alivio

Hai moito que ler nese cento de folios presentados onte como anteproxecto da Lei Orgánica de Educación. A miña primeira valoración, a pesar do morniño da proposta (fáltalle alma política e conviccións educativas a esta ministra), é globalmente positiva. Constitúe un alivio volver ao espírito da educación comprensiva para todos da LOXSE, tras o claro paso atrás que supoñía a segregadora Lei de Calidade do goberno Aznar, cos seus itinerarios e reválidas. A proposta do goberno Zapatero é unha reforma, sobre todo, da ESO, e unha simplificación e clarificación de toda a normativa educativa.
Non é doado combinar calidade e equidade, como principios que rexen a proposta, moito máis cando a sociedade actual non promove estes valores e cando se lle demanda ao sistema educativo que compense todas as desigualdades e discriminacións. Paréceme valente defender o principio de esforzo compartido de todos os membros da comunidade educativa, propoñer a lectura e as matemáticas como eixes curriculares da educación obrigatoria, flexibilizar o sistema e a autonomía dos centros, ao tempo que establecer mecanismos externos de avaliación (indispensables para asegurar o carácter non discriminatorio do sistema). Haberá que entrar a debullar polo miúdo o texto, que compila e corrixe as catro leis anteriores vixentes (Estatuto do Profesorado incluído). Contarase con financiamento abondo? Que consecuencias terá para o currículo? Como se concretará a proposta de cooperación territorial entre as diversas Administracións con competencias educativas?
A pesar do prudente da proposta, non me extrañaría que os sectores máis conservadores comecen a bramar (algúns xa o fixeron). Cuestións como o regulamento da relixión católica e os concertos coa privada son as excusas para non entrar no debate dos temas de fondo sobre o sentido da educación pública no marco da sociedade europea do coñecemento. Non lle vai ser doado ao goberno sacar adiante a lei e, moito menos, co consenso que se propón (precisa ineludiblemente dos seus aliados de esquerda e dos nacionalistas). Ábrese o debate.

Marcadores:

30.3.05

Farenheit 451


Manuel G. Vicente

Hoxe preparei a contracuberta de Farenheit 451, o clásico de Bradbury que editaremos en breve. A lectura da nosa tradución volveu emocionarme como hai tantos anos me sucedera coa película de Truffaut. É un deses libros que non envellece, quizais porque como 1984 e Un feliz mundo novo souberon describir profeticamente a submisión de Occidente aos medios e ao conformismo.
A novela de Bradbury resulta asombrosamente visionaria: televisións de tamaño de paredes que mostran telenovelas interactivas; carteis publicitarios de sesenta metros de longo nas estradas; altofalantes en miniatura que a xente leva nos oídos para escoitar música e as noticias; a indiferenza das persoas con respecto a todo. Escrito hai cincuenta anos!!! A prosa poética e poderosa de Bradbury fusiónase cunha percepción extraordinaria sobre o potencial da tecnoloxía para crear unha novela que aínda ten capacidade de asombrar e impactar. Recomendo vivamente visitar esta antiutopía, agora en tradución de Marlén, na que os libros están prohibidos e un grupo secreto de libros vivintes esfórzanse en transmitir de boca en boca a antiga cultura.

Marcadores: , ,

29.3.05

Internet e a normalización

Millán dá conta estes días dun libro xa clásico sobre Internet no centro da estratexia de normalización lingüística. O traballo de Graells e Vives sobre o caso catalán merece a nosa intención. A reseña é moi suxestiva en temas, propostas e preguntas. Cal é razón de que non apareza nin o galego nin o catalán nin o éuscaro na páxina da máis alta institución do estado? Cales son as estratexias para aumentar o uso dunha lingua na rede? A proposta de Millán para comezar a intensificala é clara:
Se queremos unha WWW rica en catalán, teremos que ter numerosos usuarios navegando a rede en boas condicións económicas (unha tarifa plana real), cun bo servizo das operadoras, dúas cousas que están faltando.

Marcadores: ,

Aniversario da Radio Galega

Hoxe hai vinte anos que comezou as súas emisións regulares a Radio Galega. Vinte anos ininterrompidos de servizo público que merecen ser recordados. Un traballo fundamental para o noso proceso de normalización lingüística e cultural. A nosa radio pública é moito máis aberta e plural ca maioría dos medios galegos. A contribución de programas como o Diario cultural, o Miradoiro, a atención constante nas fins de semana ao deporte galego, e, sobre todo, á música de noso son impagables. Por riba, podemos escoitar na rede as súas tres canles. Cando en Galicia é tan frecuente banalizar calquera achega pública, debemos felicitarnos de contar cunha emisora coma a nosa. Beizóns para os seus profesionais.

Marcadores:

28.3.05

Reconquista?


Festa da Reconquista 2004

Hoxe é feriado en Sal. Nunca simpaticei coa celebración da Reconquista. A figura do capitán Bernardo González del Valle “Cachamuíña” merecíame apenas o respecto de ser glosada na balada que a el e a María Pita dedicou Siniestro Total (“ron ron la botella de ron…”). O seu suposto heroísmo na anoitecida do 27 de marzo de 1809 desfacendo a machada a porta da Gamboa –canto menos así o relataba en 1810 José Fernández y Neira en Proezas de Galicia, quizais a primeira crónica publicada en galego no século XIX– considereino unha glorificación hiperbólica e mitolóxica, ata extremos delirantes, dun acontecemento que supuxo outro triunfo do pensamento absolutista fronte os valores da Ilustración (liberdade, igualdade e fraternidade) que representaban as tropas francesas invasoras ao mando de Jacques Antoine Chalot.
Non comparto a exaltación de “viguismo cantonalista” de pequena cidade estado que acompañou xeralmente a celebración da data da Reconquista, posición reaccionaria moi pouco acorde co espírito de acollida coa que se foi construíndo a nosa cidade. Nin considero que cómpra facer moito fincapé no heroísmo popular dos nosos devanceiros (mariñeiro Carolo e cego Casimiro incluídos) daquela viliña amurada de seis portas no seu empeño por expulsar as tropas do Mariscal Soult. Nin, moito menos, aproveitar a efeméride para realizar unha exaltación de glorias e enseñas militares doutrora (incluída esa bandeira da media lúa que aparece na foto enarborada o pasado ano Corina ou os pendóns restaurados que se entregarán ao Museo hoxe). Creo que hoxe o sentido desta efeméride do 28 de marzo vai por outros vieiros moito máis pacíficos e esperanzadores: o de que os vigueses e viguesas do século XXI reconquisten o degradado Casco Vello como un espazo identitario de encontro e convivencia. Velaí o sentido que pode e debe ter a Reconquista do futuro.
Paradoxos vigueses, a festa popular non se celebra hoxe, senón o vindeiro domingo. Alguén noutra cidade podería comprendelo?

Marcadores: ,

27.3.05

Pan durmido


Rosca viguesa

Hoxe é o día do pan durmido, dos roscóns, das roscas, do rosco, das bolas doces dos padriños e madriñas. A Pascua comezaba para min a noite do xoves cando a madriña e a avoa viñan amasar onde nós. Traían as tinas cheas de fariña triga, manteiga cocida de vaca, cartuchos de azucre, daqueles grosos de papel de estraza, e ducias de ovos da aldea que mercaban ás señoras de confianza. Conservo o arrecendo da esencia de anís e das reladuras de limón que mesturaban con presiñas de sal e cos outros ingredientes, e o cheiro forte do fermento de panadeiro, que desfacían axudándose dun chorriño de leite. Traballaban a masa con entusiasmo, remexían ata conseguir que se despegase das mans. A masa quería traballo, había que bregala ata que quedase ben sobada. Cando remataban, facíanlle a cama, deixábana durmir ata o día seguinte, tapándoa cunhas mantas vellas, para así ben abrigala, impedindo que o frío estragase traballo tan concienzudo. A mañá do venres, ben cediño, íamos ao forno do Barrio do Cura, onde había unha actividade desenfreada. Antes solicitaramos ao señor Domingos quenda para facer aquelas trinta espléndidas roscas, de quilo ou de quilo e medio, xa que ese era un día de fartura. Unha vez confeccionadas, o mestre panadeiro apartábaas a durmir outra media hora, para logo, que era o que máis nos prestaba ós pequechos, lucilas con ovo batido, azucre humedecido, froitas escarchadas e, nalgúns casos, mesmo con ovos, tantos como anos tiña o afillado que a recibiría. Só había que agardar a fornealas e ter a sorte de que medrasen: as máis altas e esponxosas eran as máis valoradas por todos.

Marcadores:

Todo nada dous

A miña axente literaria favorita mudou de casa. Quedoulle ben bonita e ordenada. Hoxe tamén estará ben contenta polo artigo de Galicia hoxe. Concordo con ela en que os blos son un soporte e non un xénero literario. Ela e Cesare son os responsables da miña adicción a este soporte. Beizóns para os dous.

Marcadores:

26.3.05

Coñecemento dos homes

A raíz do meu último texto sobre a crítica recibo varios correos privados lamentando o punto tan agre no que se está producindo o debate, ao tempo que valorando o ton prudente e contido das miñas reflexións. Quedo magoado polo desánimo que denotan estes correos de persoas honestas e rigorosas, ás que moito aprezo, que levan traballando arreo para construír entre todos esa fantasía colectiva que supón a edición na nosa lingua. Semella que este consenso do esforzo e do respecto pode perderse, o que sería fatal para o noso futuro.
A este fío, considero que ven ao caso lembrar a opinión de Giulio Einaudi, mestre de editores, sobre a edición como unha tarefa de "coñecemento dos homes"; un traballo onde primaba tanto a intelixencia que alimenta a relación coas persoas como a habilidade no tratamento dos textos. Comparto, dende a miña humildade, que non hai edición cultural posible sen esa dobre dimensión (feito que algúns participantes nesta polémica pouco parecen ponderar); idea que o francotirador de Isaac Díaz Pardo expresou aínda con maior franqueza: boa parte do noso traballo consiste "en templar gaitas e limpar merdas".
Einaudi tamén apuntou que a tarefa da edición cultural para os vindeiros vinte anos (comentoullo a Severino Cesari en 1991) era a recuperación da felicidade, do entusiasmo. E nesa angueira creo que andamos todos os que labramos (con maior ou menor acerto) este eido, sexamos editores, autores, tradutores ou críticos (académicos ou xornalísticos, inhibidos e desinhibidos). Non perdamos nin a intelixencia na relación entre as persoas nin o respecto profundo que todas nos merecen nin a capacidade de entusiasmarnos co traballo que facemos.

Marcadores:

25.3.05

Dorian Gray


Dorian Gray por panchez.

Os aduaneiros, sempre tan oportunos, retrataron así ao presidente despois do retiro cos seus conselleiros en San Estevo.

Marcadores:

A crítica que queremos

A polémica sobre a crítica deu unha nova volta de torca. O responsable do Cartafol e o seu crítico máis rabudo argumentan en senllos artigos as razóns do seu posicionamento como "crítica libre e desinhibida" (acaso, o resto da escasa crítica que temos sobre a literatura galega non o é?).
Chámame a atención a utilización por vez primeira do argumento das subvencións á produción editorial (semellan un maná agasallado ao chou, por non se sabe quen, aos editores e profesores que manexamos a cultura oficial), para eles ofrecerse como garantes do control democrático e da luz que lle falta ao tinglado da nosa edición.
Desconfío sempre dos que se ofrecen como salvadores, moito máis, cando os argumentos que utilizan están baseados en información prexuiciada. Agradézolles que abran ese debate necesario sobre as subvencións (e o seu reparto) que recibe o libro editado en galego, onde, a pesar do que expresen os profesores Barreiro e Rodríguez, non é, como eles valoran, todo un disparate (quizais, apunto piadosamente. por carecer da totalidade dos datos).
O crecemento da produción literaria en galego (un éxito de todos) creou problemas e distorsións importantes, como a dificultade para distinguir entre a Literatura e os produtos literarios editoriais. Para min tan necesaria unha como os outros. Mais neste mar (afortunadamente) vizoso, e tamén inseguro, da nosa incipiente industria cultural é máis necesario ca nunca levantar a crítica como un faro de altofalante e de luz intermitente. Todos (os editores os primeiros, os autores, tamén, e non só os lectores) precisamos de mapas e cartas de navegación precisas. Necesitamos establecer valores estéticos de referencia que sexan fiables, para non extraviármonos na viaxe entusiasta que emprendemos. Velaí o papel fundamental desa crítica rigorosa e plural que todos queremos.

Marcadores:

24.3.05

Contra a síndrome NNA

Preparei esta mañá o texto de contracapa do libro de ensaios de Victorino Pérez Prieto que aparecerá o vindeiro mes. Creo que o primeiro que vai chamar a atención será o seu título provocador: Contra a síndrome NNA. Esta síndrome vén ser a de "Non hai Ningunha Alternativa", a que nace da imposición nos últimos anos do que se deu en chamar pensamento único, global; esa concepción do mundo, da vida, da política e da economía que nos quere convencer de que hoxe xa nos hai máis ideoloxía viable que a ideoloxía neoliberal e o sistema económico do mercado total. Como o letreiro que o Dante puxo na porta do inferno, cómpre "abandonar toda esperanza" en calquera utopía de cambio transformador, pois está de antemán condenada ao fracaso. Este libro nega radicalemnte este fatalismo ancorado no medo e no desencanto paralizante propoñendo como antídoto a esperanza que nace dunha confianza radical en que a auténtica globalización é a da fraternidade e o amor solidario.

Marcadores: , ,

23.3.05

O anaco de "Oeste"

En Oeste, a novela na que está a traballar Manuel Rivas, varias voces conflúen para intentar aclarar, en forma de suspense, o destino dunha muller. Oeste é tamén un espazo dunha historia castrada, de linguaxes reprimidas, de amores prohibidos, de corpos entumecidos, de violencia catastral, de soños que andan arredor do anzol como muxos e noticias que voan como aves do mar, sen data ou á procura dela. Este é o fragmento desta obra inédita que adiantou Periférica e que ten previsto editar Edicións Xerais de Galicia a finais desta primavera. A densidade e o alento do fragmento promete o mellor. Boa lectura!!!


“O avó Maiacurí cazaba as noticias co punteiro ferrado do seu bastón bengala. Tiña preferencia polas amareladas, untadas pola xeada e a solleira, levadas ao chou polos mesmos carreiros das follas secas, aínda que o papel das noticias voa un paso atrás, galináceo, e en solitario. Follas das árbores e follas de xornais, ceibadas da data, móvense no oeste en rabaños de atolada melancolía. Ás veces encrequenan no recanto dun portal abandonado, cubertos de lidro, como o pelello dun animal doméstico, que volveu da viaxe da noite coa labazada fría dos mortos, e non foi quen de atopar o oco da gateira. No monte da Torre, no outeiro mariño no que se ergue o faro de Hércules, algunhas destas follas peregrinas prenden nas matogueiras espiñentas, e fanse carne seca. Mais hai algunhas, poucas, que entran nun enlevo, suspensas ao puro leilán, tatuando o vento.
Esas son as preferidas polo punteiro do bastón bengala de Antonio Vieira, o avó Maiacurí.
Aí vén unha. Fai como quen non a ve. E de súpeto, zas!, o bastón bengala móvese como un arpón no ar, fai unha parábola e espeta a noticia no carreiro aberto polos pés na herba mol. O paso é polo algo acantilado do Gaivouteiro, cara a Fura do Touciño, e algo hai de ave de mar na peza de papel. Unha postrema axitación de plumas temoneiras.


Maiacurí deixaba o goberno d’A Lanterna de Aristóteles, ultramarinos, e escollía o comezo do verán, o mellor verán, segundo el, para pasar unha tempada na Coruña. Viña ver os barcos. Non era ningunha desculpa nin un mero xeito de falar. Era a verdade. Toda a verdade. Erguíase moi cedo para ir ao Muro, a lonxa do peixe, onde descargaban as bacas e bous do Gran Sol. Aínda que alí só se vendía á puxa, e en lotes grandes, conseguía sempre algo de peixe, con preferencia meigas e douradas. El non o comía nunca. Non lle gustaba o peixe, senón os barcos. Así que co tempo cheguei a pensar que a razón daquela merca era tamén facerse con noticias, neste caso molladas e con escamas, pois daquela era o papel prensa o envoltorio usual. Dende logo, desfacíase axiña do peixe, como quen se afasta por fin dunha infinda e inocente tristura para deixala en boas mans, neste caso, nas de Neves, a cociñeira e asistenta, mais durante uns minutos lía naquelas túnicas de periódico que serviran de sudario mariño. Non ten porque resultar estraña esta observación pola miña parte. O que era estraño, e velaí a miña atención, era que o avó Maiacurí non lera os xornais normais, enteiros, habendo como había varios, mesmo os dous que chegaban cun día de atraso por suscripción dende Madrid.
Desta primeira incursión, a da lonxa, regresaba cando de Mera, na outra beira da baía, saía a traíña do nacente a todo remar. Así que el chegaba á casa cun home de sol ao lombo. Logo almorzaba e dende a galería, feliz como unha ra arredor da poza, tomaba unha medida panorámica do porto. Adoraba a súa filla, e mantiña un silencio solemne diante das súas pinturas. E a súa filla, Chelo, respectaba ese silencio. Non recordo terlle oído nunca preguntar a opinión, á pescuda dun adxectivo, séndolle tan doado acadar a loanza de quen tanto a quería. Seguro que a Antonio Vieira lle gustaban aqueles cadros, eu diso non teño dúbida, pois penso que o cheguei a coñecer algo, mais supoño que tamén se preguntaba, como facía case todo o mundo, o porque Chelo non pintaba paisaxes, e sobre todo, por que non pintaba mariñas.
Eu tiña a resposta á pregunta que o avó non fixo. E a quen a fixo, non lla quixen dar.
Chelo pintaba paisaxes na miña man. Souvenirs, dicía ela. Cando ficaba satisfeita, engadía como un trazo final: Souvenir de Corot. Así que para min ese nome sempre foi algo moi familiar, como unhas cóxegas na man.
Cando me tardaba a fala, cando se trababa unha palabra, e ela notaba que aquela pelexa coa linguaxe estaba a reducirme a un espanto xeado, dun ser interior que castanexa os dentes no frío, mais uns dentes e un frío por dentro, por detrás dos ollos, por detrás da lingua.
–Vén.
E pintaba na man un Souvenir. Hoxe, branco, azul, gris e prata.
Ese tic de abrir e pechar a man.
–A ver. Que tes aí? –preguntaba o avó Maiacurí.
Pola tarde, saiamos cara o Monte Alto deica chegar ao faro de Hércules. Mais antes faciamos un alto no bar da Parra, sentados baixo a uveira. Dicíame: “Xa verás como se ri”. Cando viña a dona, el pedía para min unha gaseosa La Revoltosa. “E para o vello, un branco eléctrico”. E era verdade que se ría.
–Agora déixame ver que levas aí, nesa custodia.
Eu abría a man moi, moi a modo.
–Un barco, eh? Un barco na néboa. Que sorte tedes algúns.
Mais había outro tratamento que facía Chelo para tentar aconchegarme coa linguaxe. Aprenderme canto antes a ler e escribir. Moito antes de ir á escola. Comecei a escribir con debuxos. Antes que as letras, as formas. As quebradas, as espirais, as cruces. De tal maneira que as letras, cando chegaron, eran tamén formas da natureza, como o “t” é un mastro dun barco e o “l” un ciprés. E o “o” pode ser moitas cousas. O “o” pode ser o sol e a lúa. Nós tiñamos unha lavandeira que se chamaba O. No santoral era A Nosa Señora da Expectación, María do O. A min facíame moita graza cando a miña dicía ao vela xa de lonxe pola rúa: “Velaí vén a Nosa Señora da Expectación”. Era doado distinguila, pois traía un O enorme enriba da cabeza. Dentro dese O viña a roupa. Cando se achegaba, a súa cara era tamén un O moi risoño, con dous ollos moi claros, de tal maneira que a súa presenza remitía ao sol, mais tamén ao circos da auga.
–Ola O.
O, a lavandeira, foi unha das mulleres que pintou Chelo. Esa serie que parecía infinda, e que de feito o foi, e que ela chamaba Mulleres que levan cousas enriba da cabeza".
© Manuel Rivas

Marcadores: , ,

Adianto de Jaureguizar


Manuel Vilariño

O xornalista Santiago Jaureguizar ofrece hoxe en El Progreso a primicia da aparición da próxima novela de Manuel Rivas. Un éxito profesional de quen concibe a información cultural en Galicia sen complexos da súa dimensión e con todo o rigor, a curiosidade, independencia e visión de futuro que merece a construción desa fantasía. Periférica, a revista cultural trimestral portuense (témola nos nosos enlaces desde hai tempo), publica no seu número de marzo catro páxinas de adianto de Oeste a novela que Xerais publicará o 15 de xuño, excurso ilustrado cunha magnífica serie fotográfica ("Cousas que levan as mulleres na cabeza") de Manuel Vilariño. Parabéns para Jaure. Os medios da competencia deberían tomar boa nota deste novo adianto.

Marcadores: , ,

22.3.05

Industria cultural

Nunha recente reunión de editores debatemos sobre o termo "industria cultural". No excelente blo de Rogerio Santos (obriga consulta, fonte de coñecemento e curiosidade constante) leo o resume dun texto de Ramón Zallo que axuda moito a comprender este concepto no que teimamos tanto os editores galegos.
Para Zallo as industrias culturais serían o "conxunto de ramos, segmentos e actividades auxiliares industriais e distribuidoras de mercadorías con contidos simbólicos, concibidas por un traballo creativo, organizadas por un capital que se valoriza e destinadas finalmente aos mercados de consumo, cunha función de reprodución ideolóxica e social".
Sob este concepto as industrias culturais serían:
  1. Industrias de edición descontinua, como as editoriais, discográficas, produtoras de cinema, edición audiovisual,
  2. Industrias de produçión e difusión continuas, como a prensa, radio, televisión, que coinciden cos chamados medios de comunicación,
  3. Industrias sen canle autónoma de distribuición e difusión, como a publicidade e a produción audiovisual,
  4. Segmentos tecnoculturais da informática e electrónica, como a informática doméstica e Internet,
  5. Segmentos culturais da industria xeral como deseño gráfico e industrial ou imaxe de produto.

Pois iso, a tomar nota. Temos industrias culturais en lingua galega? Lendo a Zallo, déitome máis optimista.

Marcadores: ,

21.3.05

Dúbidas co PXOM de Vigo

No artigo da semana expreso as dúbidas coa actual redacción do Plan Xeral. Hai aspectos extraordinariamente positivos, sen embargo hai actuacións socialmente abrasivas. Non quero que a miña cidade se convirta nun novo Sao Paulo.

Marcadores: , ,

Galicia confidencial

Descubro polo sempre interesante Gago a existencia dun confidencial de noso. Gustoume, non semella o sitio típico de rexoubes e intoxicacións políticas interesadas. Está moi ben presentada a información sobre a candidatura de Beiras (din que irá de dous pola Coruña) e a intelixente manobra da suposta división dos chamados "Non adscritos".
Os confidencias son outra das armas da información libre que corre pola rede. En realidade un agarda atopar neles o que sabe nunca vai ler nun medio dos convencionais; con todo hai que ter prudencia para valorar o que nos ofrecen.

Marcadores:

20.3.05

Irak (2003-2005)


Irak (2003-2005)
Apoio o necesario recordo de dot. Coas tropas españolas na casa, acabou a guerra para nós?

Marcadores: ,

19.3.05

Novidades sobre Ence

Recibo por correo electrónico un artigo que Luís Bará, o concelleiro de Cultura, enviou hoxe aos medios valorando a manifestación a prol de ENCE celebrada onte. O cerco informativo ao que están sometendo algúns medios ao goberno municipal pontevedrés é noxento. Transcribo o aclaratorio texto de Bará.
ENCE: A PASTA CONTRA A ÉTICA

Luis Bará, Concelleiro de Cultura de Pontevedra

O conflito de ENCE constitue a escenificación dunha ofensiva total dos poderes económicos e políticos (Caixa Galicia e PP), co apoio do brazo sindical e mediático, contra un goberno lexitimamente constituído que representa a vontade marioritaria da cidadania de Pontevedra e que defende a legalidade urbanística, o desenvolvemento sustentábel da cidade e a recuperación da ría.
O omnímodo poder financeiro, acostumado a poñer e quitar gobernos, leva intentando distintas manobras para violentar a vontade popular e impoñer a súa lei: primeiro foi a fallida declaración de supramunicipalidade, despois a tamén truncado intento de substraer do dominio público os terreos do complexo industrial, a continuación o asalto ao pleno e agora a tentativa tamén condenada ao fracaso de vincular o asentamento da fábrica ao porto de Marín.
A manifestación do venres 18 foi o último episodio dunha estratexia equivocada: os centos de millóns repartidos en prebendas, patrocinios, subvencións e anuncios non foron quen de influir nunha cidadanía madura e que sabe decidir por si mesma, sen interferencias nin manipulacións interesadas.
Os acontecementos das últimas semanas tráennos unha lección da que todos debemos tirar conclusións, especialmente os máximos dirixentes de Caixa Galicia e do PP: co diñeiro pódese conseguir moitas cousas, pódense comprar clubes deportivos, apoios de institucións e de empresas, submisión de sindicatos, fidelidadades inquebrantábeis de medios de comunicación. Mais todo o diñeiro do mundo non poderá comprar a un alcalde e a un goberno firme nas súas conviccións democráticas e no seu compromiso con unha causa xusta.
Porque ao final non se trata dun debate sobre os postos de traballo de ENCE: como se explica senón que se organice unha manifestación e unha feroz campaña mediática con 13 anos de antelación sobre a data en que a fábrica debe trasladarse da ría?
Non se trata tampouco dunha discusión serea e rigorosa sobre a industria forestal e o seu papel no desenvolvemento económico de Galiza. Quen decidiu que o futuro deste sector pasa inevitábelmente pola instalación dunha papeleira na ría de Pontevedra?
Nin sequera se trata do que queremos que sexa a nosa ría e a nosa cidade no futuro: se aceptamos mansamente unha realidade imposta, con todas as súas imposturas, ou se nos sumamos a unha tendencia compartida por ducias de cidades de toda Europa, desde Manchester a Barcelona, de Bilbo ata A Coruña, que están transladando as instalacións fabrís para gañar novos espazos de convivencia e desenvolvemento equilibrado.
Non nos equivoquemos. A estas alturas, o debate está xa situado nun ámbito moito máis transcendente: é a loita pola ética, por demostrar que na política non somos todos iguais, que non todo vale; por deixar claro que o poder económico move moito pero a vontade das persoas é invencíbel.
Porque, señores de Caixa Galicia e do PP: se vostedes teñen a forza dos cartos, nós temos o poder da dignidade; se vosa é a pasta, nosa é a ética. E a ética é un ben que non se vende.

Marcadores: ,

18.3.05

Fast book

No Portal Literal, un sitio brasileiro sobre libros que visito con frecuencia, atopo un artigo sobre a utilidade da mercadotecnia no mundo editorial. Valor de mercado e valor literario son categorías antagónicas?, cales son as relacións entre a literatura e os produtos editoriais?, como diferenciar o ouro da ganga? Preguntas as que este interesante texto intenta responder.
No mesmo sitio pode accesderse á blogesfera literaria brasileira.

Marcadores:

Kavafinho


Baudelaire
Volve con pulo Kavafinho, o mellor blo que coñezo de poesía en galego, con moitas novidades. Destaca a tradución de Derek Walcott e os poemas sobre o 11 de marzo de Torneiro e Ignacio Chao. Recomendo vivamente a visita.

Marcadores:

Respecto para a crítica

Unha crítica recente aparecida no Cartafol está provocando moita polémica. Desque exerzo a profesión de editor, e xa van aló anos, quizais de máis, nunca quebrei o meu compromiso de non contestar a crítica ningunha por desacertada que fose. Sei que cómpre asumir coa mesma sobriedade os paos cas cenorias. E por moito que me doia o caso que nos ocupa (unha obra que considero das verdadeiramente grandes), non vou rebater a lectura do xove crítico nin comentar a súa pericia no uso dos adxectivos.
Creo que editores e autores debemos apoiar e respectar o traballo da crítica (tantas veces minusvalorada e con tan escasos espazos de difusión nos nosos medios) e esixirlle rigor e independencia, criterios que me consta asume o
responsable deste Cartafol. Equivócanse os que anuncian teorías apocalípticas da conspiración e a existencia de manobras de poderes ocultos que manexen o tinglado da nosa edición. O noso eido é tan pequeniño que non dá para tanto. Atopo a explicación desta polémica nosa nunha cuestión moito máis sinxela: confróntanse as subxectividades e visións da vida que provoca nos lectores e lectoras unha novela tan frondosa literaria, temática e formalmente coma esta. A quen non o fixera, convídoo a que aproveite estes días de lecer para lela de vagariño e sen os prexuízos que poida ocasionar a crítica de marras; logo poderá opinar con liberdade e con coñecemento de causa.

Marcadores:

17.3.05

Editores ágrafos?

Assouline dá conta de dous novos libros de memorias de editores internacionais, o de Tom Maschler, o presidente de Jonathan Cape, e o de Michel Mohrt, o famoso lector de Gallimard. Para o crítico de Le Monde son dous volumes de "anécdotas e máis anécdotas con escasa reflexión". As memorias de editores, das que son devoto lector, quizais agardando descubrir os segredos da profesión, agochan case todas o mesmo misterio: como persoas que presumiblemente teñen lido tanto, escriben tan pouca substancia?

Marcadores:

Cidade escuálida

Os amigos da agrupación local do PSOE convidáronme a participar no seu ciclo de conferencias sobre "O Vigo que queremos". A súa deferencia obrigoume a sistematizar o discurso sobre a situación actual da cidade. Saín esperanzado: a militancia é moito máis curiosa, receptiva e, sobre todo, menos complaciente ca os seus dirixentes galegos e os responsables do seu grupo municipal. Gustei moito da definición dun antigo deputado sobre Sal como cidade escuálida. Engadireina a miña colección de metáforas viguesas preferidas. Non desbotaría que tras as eleccións de outubro se poida volver falar da moción.

Marcadores:

15.3.05

Deakialli

A bibliotecaria coruñesa Catuxa Seoane e a madrileña Vanesa Barrero manteñen desde hai tres anos un excelente blo sobre biblioteconomía e xestión de coñecemento. Está organizado por categorías e ofrece enlaces interesantes. Mágoa, polo menos no que lin, que non faga referencia ningunha a nosa lingua e a nosa produción editorial.

Marcadores:

De papel a web

Quen teña dúbidas da eficacia da lectura en pantalla, pode consultar aquí. Unha tecnoloxía que permite pasar publicacións impresas en papel a soporte web. A calidade da lectura é sorprendente e a interface amigable. O programa tamén permite facer zoom sobre cada páxina e nalgúns casos establecer enlaces. Un programa a ter moi en conta, sobre todo, para recuperar na rede revistas impresas.

Marcadores:

Volven os bravús

Jaureguizar anuncia que onte rematou unha novela. Parabéns!!! Ese mesmo día, Xurxo entregounos un expléndido libro de relatos (Tres trebóns) que publicaremos a finais desta primavera. Volverán, pois, decontado dous dos narradores con maior pulo daquela chamada "xeración bravú", reclutada por X.C.C. Cando nos chegará o orixinal prometido por C.F. ?

Marcadores: ,

Lector tradutor

O lector ideal é un tradutor. É quen de desmiuzar un texto, retirarlle a pel, cortalo ata o miolo, seguir cada arteria e cada vea, e logo poñer en pé a un novo ser vivinte (Alberto Manguel).
Unha reivindicación moi apaixonada do labor do tradutor, traballo non sempre valorado como merece por editores e crítica.
A cita está tirada da páxina da confederación de libreiros. Un sitio moi recomendable para obter información sobre a actualidade do mundo do libro. Incorpóroo aos meus enlaces.

Marcadores:

14.3.05

Verbum


Casa das Palabras, 2003
Propoño pechala e volver a empezar co seu proxecto orixinal.
Unha amiga, que está doente, descubriume esta mañá que o fígado é a víscera da tristeza. Consola a súa melancolía lendo os correos dos amigos.

Marcadores: , ,

13.3.05

Cinco retos para o libro

Coñezo por Nelson un novo sitio para os profesionais do libro. É interesante o debate que se propón arredor dos cinco retos do sector do libro e un informe sobre a situación das bibliotecas nas CC.AA.. Hai que rexistrarse. Recomendable.
Ao fío deste debate propoño os meus:
  1. Incrementar os índices de lectura en galego, aumentando a dotación bibliotecaria pública.
  2. Crear un novo tecido de mediadores fomentando clubes de lectura, blos, suplementos, programas televisión... que aborden a cultura do libro.
  3. Manter a actual rede de librarías de proximidade e o prezo fixo dos libros.
  4. Promover a tradución do literatura galega contemporánea e o seu coñecemento internacional.
  5. Desenvolver a edición galega nos soportes dixitais e en rede.

Marcadores:

Xogo da serpe


Marea celeste

O noso corazón celeste levounos a incorporarnos á marea de afeccionados de Sal. Había tempo que non gozabamos co xogo electrizante da serpe e coa reivindicación da irmandade nacional. O estirón que prometeu o noso Arrigo é un feito que non ten volta. O taconazo defensivo de Borja foi o mellor do encontro.

Marcadores: ,

Nas terras de Merlín


Loureiro e Merlín

A vella cidade de Merlín recibiunos onte cun fiíño de brétema. Participamos na cerimonia da presentación da novela de Loureiro e do irmanamento coa cidade guindastre. A reivindicación das Terras de Escandoi desta terceira Bretaña e a presenza virtual do Chanceler, do meigo Merlín e dos membros de Toxos e Froles transformaron o acto nunha páxina máis desta novela alucinante onde se mesturan o mundo e o trasmundo sen solución de continuidade. Marchamos para o partido tan conmovidos coma asustados.

Marcadores:

Independencia

Foi unha alegría contar con Franco Grande presentando o libro de Veiga. O veterano académico é exemplo de que a independencia de criterio é un camiño, por difícil que semelle, posible na intervención política e cultural en Galicia. As súas palabras foron atinadas. A literatura, basicamente, é facerse preguntas.

Marcadores:

11.3.05

Con Cuerda


A lingua das bolboretas

Onte á noite coñecín a Cuerda. Foi un dos presentadores do libro de Antón en Auria. O cineasta rendeu un tributo á educación como transmisora de talante crítico (mágoa o abuso desta palabra) e da capacidade de análise da realidade social. Pareceume un tipo ben simpático e moi bo narrador oral. Enunciou un discurso aceirado contra a civilización do espectáculo e da percusión: "se non fas ruído ninguén che atende nesta sociedade maceirada polo poder". Cuerda prefire a harmonía das melodías de Alejandro.

Marcadores:

Nova lei educativa e gratuidade

Un grupo de editores mantivemos onte unha reunión con Mauricio Santos, presidente de Anele, co obxecto de analizar o estado do proceso da nova reforma educativa e as consecuencias para o sector dos diferentes modelos de gratuidade do libro de texto. O goberno presentará a finais deste mes unha nova lei de educación, que refundirá os catro textos anteriores vixentes e, sobre todo, devolverá o carácter comprensivo da ESO, ao tempo que reducirá nesa etapa o número de materias. Quizais, a novidade máis salientable será que a LECTURA adquirirá un maior relevo, sendo considerada como unha materia transversal. Isto, creo que é unha boa noticia para a edición, xa que suporá volver poñer sobre a mesa o estado (lamentable, na maior parte dos casos) das bibliotecas escolares e a necesidade imperiosa da súa mellora.
Sobre o conflito da gratuidade as noticias foron menos alentadoras. O modelo de préstamo (a propiedade dos libros corresponde aos centros), actualmente en experimentación en Galicia, de ser xeralizado en todo o ensino obrigatorio reduciría a facturación do sector educativo nun 52% (o que sería gravísimo, xa que o libro de texto supón entre o 35 e 40% da facturación anual). O do préstamo é un modelo que rebaixa o valor do libro, fomenta a fotocopia ilegal e destrúe a rede de librarías de proximidade, o tecido cultural máis tupido co que conta o libro. Se non lle poñemos remedio (alternativas hai, como as exitosas fórmulas do copagamento electrónico, implantadas no ensino secundario francés), en Galicia, nun prazo de catro anos, perderanse centos de postos de traballo, o que terá consecuencias para todas as tipoloxías da edición galega. A vindeira semana presentaremos diante da Consellaría unha alegación xustificada. A ver!!!

Marcadores:

10.3.05

A culpa foi de R.C.O.

Os seguidores da polémica de Jaureguizar teñen hoxe no Faro das Culturas (mágoa que non apareza na rede este suplemento monolingüe, que fai un seguemento puntual da nosa produción editorial) magnífica entrevista co protagonista. "Creo que nun país tan pequeno é tan imposible ser tan coñecido como Antonio Gala, como ser tan descoñecido como Salinger", afirma o autor de Dedre. Non lle falta razón.

Marcadores:

9.3.05

Calígrafo

Lázaro Enríquez

Despois de moitos meses, visito a Lázaro, o calígrafo, deseñador gráfico e ilustrador a quen tanto admiro. Este mestre galego-cubano foi quen mellor nos ensinou na editorial que a caligrafía é a danza da pluma e a escolla tipográfica é o primeiro labor do editor. Os seus caligramas son metáforas xestuais, onde o texto do poeta e o grafismo do calígrafo conforman unha escultura de tinta plana. Falamos das saudades do Malecón, do seu querido Ángel, das miserias da nosa cidade revolcada ou do último premio que hoxe lle anunciaron desde Xapón. Ultimamos o espazo para un signo, esa afirmación do xe que preparamos para o noso aniversario. En Galicia hai moita xente valiosa coma el que debido á elegancia da súa discreción apenas se coñece.

Marcadores: ,

8.3.05

Kapire mosamam mam kapire

Hoxe na mani escoitamos de novo a canción de Pilocha e Carmen Blanco.
Ben bonita que é amosando o anceio da igualdade real.
Kapire, mosamam, mam, kapire, el ham mosamam el ham. Kapire, mosamam, mam, kapire, el ham mosamam el ham...

Marcadores:

7.3.05

A palabra que danza

Comprobo que hai moito interese por definir a ciberliteratura. A miña achega ao debate é recomendar un blo dun auténtico veterano da edición dixital. Axudará tanto a teóricos diletantes, que teñen que opinar sobre o chollo, como aos usuarios inexpertos que exploramos cada día as posibilidades do soporte. Co doado que é pontificar e o difícil que é traballar.

Marcadores:

Frankfurt falará catalán en 2007

A Feira do Libro de Frankfurt, a babel da edición mundial, aprobou que a cultura catalana "será a convidada de honra da feira do ano 2007". O Institut Ramón Llull, a entidade pública que se ocupa da promoción da cultura catalana no exterior, recibirá decontado o contrato e tratará de converter o 2007 nun ano de proxección intensa da literatura catalana, tanto en Alemaña coma no resto dos países europeos. A cultura catalana xa fora, con notable éxito e repercusión mediática, o foco da última Feira do Libro de Guadalajara, o máis importante dos eventos editoriais iberoamericanos. O número de traducións de obras publicadas orixinalmente en catalán e a presenza dos autores cataláns nos foros internacionais incrementarase notablemente despois deste Frankfurt 2007.

Non hai dúbida: o traballo político da consellera de Cultura, do Gremi de Editores de Catalunya e da Associació d´Editors en Llengua Catalana (os nosos colegas de Galeusca) a prol da internacionalización da súa literatura e da súa edición comeza a recoller froitos. Desde Galicia, onde estamos comezando este difícil e custoso traballo diplomático, sentimos certamente un pouco de envexa.

Marcadores:

6.3.05

Salto de altura

A catarreira e a febre deitáronme no sofá e nestas dúas tardes papei coma un parvo os campionatos todos. O mellor foron os concursos de saltos: en pértiga feminina unha rusa bateu a marca mundial (4,90 metros) e en salto de altura un sueco voou a 2,40 metros. Os dous só puideron abandonar a competición cando demostraron cos seus tres "nulos" que non eran capaces de superar unha maior altura. O éxito deportivo é moi efémero; os saltadores aceptan que sempre van rematar cun fracaso. Unha metáfora da vida.

Hai días escoitei unha entrevista moi emotiva con Héctor Tizón, que me levou a mercar decontado La casa y el viento. Non lera nada deste autor arxentino, considerado un clásico no seu país. A novela, mais ben é unha noveleta, interesoume. Narra a fuxida cara unha fronteira, a desolación do exilio, a imposibilidade do regreso. É un libro de beleza dolorosa, de saudades e desacougo. Lembroume tematica e estilisticamente ao de Veiga. Anotei no caderno as frases que me interesaron:
  • "A historia dun home é un longo paseo arredor da súa casa";
  • "Onde hai libros non hai diaños";
  • "Só hai necesidade de definir o que se quere mudar".

Marcadores:

5.3.05

O escritor guitarrista

Volvín de Torre ben satisfeito. O acto con Landero foi bo. A súa conversa contaxia as ganas de lelo. Creo que afán é a palabra que mellor define a este novelista vocacional, que move constantemente as súas mans de guitarrista para apoiar o seu discurso apaixonado. Entre a morea de ideas luminosas que expresou sobre a ficción anotei unhas cantas no caderno:
  • O maior perigo do escritor é deixar de sentir, deixar de asombrarse;
  • O segredo da vida é vivir e soñar. Vivimos de día e de noite soñamos, que non é outra cousa que narrar, transformar en relato a experiencia vivida;
  • O escritor é alguén que observa, que mira arredor, que ten un xeito especial de mirar. E ese xeito é o que chamamos estilo, e cadaquén intenta procurar o seu;
  • O escritor debe lembrar cada día que vive nun país afastado;
  • A memoria é o almacén onde debe acudir o escritor: ninguén debe ser esquecido, ninguén debería morrer nunca de todo e para sempre; o escritor debe participar na escrita da Enciclopedia do Xénero Humano, un volume onde aparecesen non só os notables, senón todas e cada unha das persoas que pasan polo mundo;
  • A miña biblioteca da infancia foron os libros orais do meu pobo campesiño;
  • A ruptura da cadea de transmisión da cultura campesiña é unha traxedia cultural maior ca o incendio da Biblioteca de Alejandría;
  • O narrador ten que vivir lentamente e escribir sobre o concreto, aquilo sobre o que somos inimitables;
  • A arte toda nace da inamizade coa vida, dese desacougo, desa insatisfacción;
  • A unidade básica da novela está nas esceas;
  • O ritmo da novela conséguese entrelazando as esceas e mantendo o compás;
  • Cando a emoción funciona na novela, funciona toda;
  • Iso que chaman inspiración do escritor non é outra cousa que a visita da intuición en momentos de fulgor;
Landero forma parte desa derradeira xeración de narradores que aínda recibiron directamente o legado da memoria humilde dos seus maiores, escoitando a súa voz ancestral, e, ao mesmo tempo, se incorporaron ás transformacións provocadas pola cultura urbana. Son –en Galicia hai boas mostras, tamén– "fillos dun século en miniatura". Beizóns para este escritor arraiano de narración perdurable e lúcida. Pagou a pena escoitalo. recomendo vivamente lelo a quen non o fixese.

Marcadores: ,

4.3.05

Lectura europea

Por fin atopo datos fiables sobre a lectura e o consumo de libros nos países da Unión Europea. Este eurobarómetro da lectura (datos da Unesco) amosa unhas diferenzas enormes entre uns países e outros. Con eles reafírmome na tese, que intuitivamente defendín nalgunhas entrevistas, de que os hábitos de lectura son unha cuestión de temperatura (os europeos que máis len son suecos e fineses; o maior índice de libros editados por habitante téñeno os islandese): a menor temperatura media maiores índices lectores e de edición de libros. Acaso funciona esta correlación en Galicia? Será outros dos sinais diferenciais?

Marcadores:

3.3.05

Galicia encantada

Hoxe abriu un sitio que ben merece ser visitado. Galicia encantada é unha enciclopedia virtual da fantasía popular de Galicia. Aquí podemos atopar a historia da Galicia imaxinaria, seres míticos, lendas, ritos, contos, romances e aventuras. Recoméndoa vivamente. Está preparada por Antonio Reigosa e a navegación é vistosa e amigable. Unha fonte que seguiremos con enorme interese. Beizóns para os promotores.

Marcadores:

Reunión de editores

Hoxe directiva e asemblea de editores. Oito horas, con xantar na raxaría incluído, deron para moito. Para saber do rumor (máis que fundado) de que Planeta pretende comezar a editar proximamente en galego, iniciándose no xénero infantil e xuvenil; para confirmar o inicio da emisión da segunda canle da TVG (como a chamarán TVG2?) antes das vindeiras eleccións e con contidos sobre todo infantís e culturais; para coñecer o programa do vindeiro Galeusca (Donostia, 8-11 de xuño, seguro que non poderei participar). E, por riba, vimos unha nevaradiña en San Marcos, aínda que as folerpas non coallaron.

Marcadores:

2.3.05

Biblos

Biblos, o clube de lectores en lingua galega, cumpre hoxe dous anos. É esta unha proposta cultural orixinal que merece ser apoiada, tanto pola calidade dos servizos que ofrece (revista e web, especialmente), polas súas ofertas e descontos, como pola orixinalidade das súas iniciativas. Tucho e Carmela foron deseñando amodiño unha liña de edición, a colección Mandaio, que constitúe tamén unha das iniciativas editoriais galegas recentes máis suxestivas e coidadas. Parabéns polo seu segundo aniversario e longa vida para esta semente de palabras de esperanza.

Marcadores:

1.3.05

O día 3 nace Diagonal


Diagonal

Anúnciase a aparición de Diagonal, un novo periódico quincenal de actualidade crítica achegado aos movementos sociais. Ata agora non tiñamos noticia ningunha desta publicación nacida en Madrid como refundación do mensual Molotov. Prometen abordar as noticias que non toca a prensa convencional, sinalando como os seus referentes a medios como Le Monde Diplomatique, Il Manifesto. Custará dous euros, non terá director e a primeira portada, a deste vindeiro xoves, terá relación cos ex-ministros do Partido Popular. Poderemos atopalo en Galicia? É viable un modelo xornalístico do tipo proposto?

Marcadores: