30.6.08

É fútbol, só bo fútbol

Aos que nos gusta o fútbol, e non temos complexos en seguilo domingo a domingo, o campionato acadado polos rapaces de Luis Aragonés foi un acto de xustiza deportiva. Un xogo intelixente e paciente, baseado na elegancia no control e condución da pelota, e un esforzado compromiso de todo o grupo de xogadores na presión defensiva, como mellor estratexia de xogo, amosan que este pode chegar a ser un deporte ben fermoso. O xogo marabilloso de rapaces –como o galego Torres, o noso admirado Silviña ou os cataláns Xavi Hernández e Cesc Fábregas, demostra que a cerna deste deporte de equipo reside na procura concienzuda do instante decisivo, eses dous ou tres segundos nos que se acende a faísca da beleza do gol. Porén, os excesos, os ditirambos ou a pailanada do nacionalismo españolista na celebración desta vitoria son atribuíbles ao fracaso histórico dunha idea monolítica de España, que non acaba de cuallar. O triunfo do equipo multinacional de Luís foi do fútbol, só do bo fútbol. Deixémolo aí.

Marcadores:

29.6.08

Noticias felices

A posibilidade de que o Senado rumano estableza nos medios de comunicación unha cota do 50% para as noticias felices non debería ser considerada tan escandalosa como a primeira vista semella. En realidade esta cota, sen lei ningunha que a ampare, xa se supera diariamente en Galicia nos espazos destinados á información institucional. Un caso, o galego, que non é único en España, como ben se pode comprobar visitando outros espazos semellantes. Non deixa de sorprenderme que aquí non se fagan brincadeiras sobre esta cuestión (non entro nos criterios dalgúns medios privados) e, porén, nos escandalicemos coa inxenuidade destes rumanos que pretenden impoñer a felicidade dende os escanos parlamentares. En Internet xa hai espazos especializados só en "boas noticias". Outro problema ben diferente é determinar cáles son as noticias felices?

Marcadores:

Noite na biblioteca

No artigo da semana, a raíz da experiencia de Espazo Lectura, reflexiono sobre a necesidade de refundar a rede de bibliotecas públicas.

Marcadores: , , ,

28.6.08

"Editores do século XXI" (II), Sara Lloyd

Do manifesto de Sara Lloyd, do que falamos na anotación anterior, interesáronme, sobre todo, as respostas que proporciona á pregunta: que papel terán neste contexto, se lle queda algún, os editores do futuro?
Para a editora de Pan Macmillan a saída (difícil) está en que os editores recuperemos o noso papel de intermediación (algo que cos medios dixitais xa non é imprescindible) centrándonos "en desenvolver un coñecemento especializado en nichos verticiais, aproveitando o 'nicho profundo' que se atopa na longa cola de Internet". [...] Neste contexto, os editores centrarían o valor en torno a súa pericia técnica no tema ou o xénero e o seu coñecemento íntimo e directo do mercado, proporcionando funcións editoriais e de comercialización máis alá das meramente 'técnicas'". Lloyd propón, en definitiva, que os editores recuperemos azos nas actividades de promoción e mercadotecnia: "se queren convertirse nunha ponte eficaz entre autores e lectores, os editores terán que introducirse máis no espazo do vendedor final e desenvolver relacións directas cos consumidores do seu contido". Ou noutras palabras, aínda máis clarificadoras: "calquera que sexa a forma que adopte o futuro, semella que os editores non van sobrevivir a menos que recuperen algunhas das funcións que cos anos foron cedendo a outrso elos da cadea de distribución".
Outra posibilidade de supervivencia dos editores atópaa Sara Lloyd na posibilidade de dixitalización dos nosos arquivos impresos e na posibilidade de acceder a eles (un labor que quizais poidan facer en mellores condicións que megacorporacións como Google books), sexa por medio da venda e promoción de libros impresos (baixo demanda) como en formato dixital. Coincido de cheo coa Lloyd que nun contexto deste tipo, hoxe xa é imprescindible que os editores utilicemos a fondo as posibilidades da comunicación editorial dixital: sementando na rede sistematicamente capítulos de mostra, entrevistas en audio e vídeo ao autores, novas das súas aparicións públicas, enlaces a artigos...
Traduzoo derradeiro parágrafo do manifesto, no que Sara Lloyd condensa boa parte da súa achega prospectiva:
"Sexa como for, para que os editores superen os seus límites tradicionais e se convertan nas empresas editoras do mañá, cómpre unha mudanza de paso na súa forma, a súa cultura e o seu enfoque. As estratexias de publicación dixital terán que pasar de defensivas e protectoras a creativas e liberais, cunha atención especial en permitir que os lectores compartan e modifiquen o que len. Un afastamento do texto como centro exclusivo da súa actividade en dirección aos formatos multimedia ,sen dúbid,a será clave, e isto terá repercusións no tipo de dereitos que editores deberán negociar, así como nas habilidades que requirirán os seus empregados. Os editores terán que verse como configuradores e facilitadores en vez de como produtores e distribuidores, adoptando un enfoque baseado no proxecto máis que no produto e aceptando que a súa posición é meramente a dun elemento compoñente dunha circularidade entre lector, escritor e editor. Os editores deberán adoptar novos modelos de negocio, e quizais deban mesmo trasnformarse en empresas multimedia en vez de empresas editorais. Terán que comprender aos seus lectores, coñecelos e conectar con eles dun xeito moito, moito mellor, e deberán cultivar marcas que confiran maior prestixio aos autores e que impliquen uns valores que atraian aos lectores en torno a nichos identificables. En último termo, quizais deban prepararse, máis cedo ca tarde, para unha loita a morte non só cos actuais partners da cadea de distribución do libro senón tamén co competidores non tradicionais que xa están devorando a toda velocidade o espazo que ata hai pouco estaba reservado aos editores."

Marcadores: ,

25.6.08

"Editores do século XXI" (I), Sara Lloyd

Sara Lloyd, editora de Pan Macmillan, ven publicando no blog da súa editorial diversas anotacións baixo o título de "Manifesto dunha editora para o século XXI". Por polémicos que algúns lles poidan parecer estes textos prospectivos (poden baixarse no blog Soybits), merecen a maior atención de todos os que nos ocupamos no noble oficio da edición, xa que sinalan algunhas tendencias sobre a evolución do sector internacional.
Citamos algunhas das tendencias que sinala Lloyd, tratando de responder ás pregunta: quen necesita hoxe os libros, quen necesita aos editores?, como terán que evolucionar os editores se queren manter algún papel na cultura da lectura e a escritura do futuro?
  • As vendas en papel impreso descenden. Nos Estados Unidos a competencia lectora e o grao de lectura voluntaria dos mozos de materiais impresos amosan unha tendencia decrecente.
  • O tempo de lecer dedícase cada vez menos á lectura de libros e á televisión e máis á rede.
  • Internet está mudando a estrutura liñal da cadea do libro [na que o editor sentíase seguro, producindo, almacenando e distribuíndo o seu produto] e comezando a introducir a circularidade da rede. Comézase a propoñer a desintermediación dos editores e o seu papel na distribución.
  • Os editores deben pensar menos en produtos e máis en contidos. Os libros terán cada vez bordes máis porosos.
  • Os lectores van ter un papel máis protagonista no futuro.
  • Os editores terán que convertirse en posibilitadores de lectura e dos procesos relacionados con ela.
  • Cómpre atender ao fenómeno da conectividade da lectura dixital.
  • A lectura é unha actividade menos pasiva e solitaria do que xeralmente se afirma.
  • Os editores terán que proporcionar as ferramentas de interacción e comunicación entorno ao contido dos libros e amosarse activos nos espazos dixitais (blogs, foros dixitais, redes sociais, wikis...) onde os lectores discuten e interactúan co contido. Ese é o fenómeno que podemos denominar "libro en rede" ou o "libro como software social".
  • A cadea de valor desprázase dende o modelo "contido/distribución" a outro que valora só o "contido"
  • Aos consumidores de libros impórtalles cada vez menos a marca do editor. Algúns autores son marcas, mais os editores son completamente invisibles para os lectores.
  • Os editores terán que abandonar a súa torre de marfil e traballar conxuntamente en plataformas multieditoriais, sobre todo no eido educativo.
  • A xeración de nativos dixitais están pasando moi rapidamente da "cultura download" á "cultura upload". Isto ten importantes efectos sobre a súa concepción da lectura.
  • A búsqueda e o acceso á rede serán as claves da nova lectura dixital, as descargas terán un papel irrelevante.
  • A pregunta clave é: como lerán en pantalla os lectores do futuro? que papel terán neste contexto, se lle queda algún, os editores do futuro?
O texto de Lloyd é fulcral no debate sobre o futuro da edición. Volveremos sobre el en novas anotacións, nas ue abordaremos a resposta que a editora estadounidense proporciona a última destas preguntas. Recoméndoo moi vivamente a lectura demorada destes dezasete folios que teñen moito contido.

Marcadores: , ,

Decálogo do galego



A presentación que fixemos d' Os Grouchos de Manolo Rivas en Santa Comba tivo dúas versións do Decálogo do galego. Aínda botamos unhas risas. Beizóns, Pawley.

Marcadores: , ,

24.6.08

Xurxo Patiño, novo presidente da Federación de Libreiros

A Federación de Libreiros de Galicia elixiu nova xunta directiva. Durante os vindeiros catros a federación será presidida por Xurxo Patiño, o noso bo amigo e responsable da Libraría Librouro de Vigo. Xaime Corral, brillante presidente durante case unha década, continúa na directiva como tesoureiro. Non hai dúbida que este novo equipo de libreiros galegos do sur, onde tamén están Arximiro Blanco e Benxamín Riobó, ten importantes retos que enfrontar neste momento de difícil reconversión do conxunto do sector do libro (e moi especialmente da súa distribución e comercialización). Os nosos mellores desexos de éxito para todos eles catro.

Marcadores: ,

22.6.08

"De aldeanos" ("De aldeáns")


Pasáraseme esta curta, gañadora do Iº Certame de curtas na rede, que publicamos en Xerais blog de lingua.

Marcadores: , ,

As digresións de Fino Lorenzo

No artigo da semana presento a exposición de Fino Lorenzo aberta na viguesa Casa das Artes.

Marcadores: , , ,

21.6.08

"Festina lente", estrea en Compostela

Onte acompañamos a Marcos Calveiro na primeira presentación de Festina lente, realizada no obradoiro de encadernación da Libraría Couceiro compostelana. Hoxe aparecen catro entrevistas nos medios nas que Marcos salienta o valor dos libros como poderosas armas de coñecemento contra a intolerancia e o carácter da novela como fresco histórico da Compostela dacabalo dos séculos XVI e XVII. As primeiras referencias de lectura que estamos recibindo son inmellorables, na liña da nosa intuición. Seguiremos presentando a novela na Feira do libro de Vigo, no Festigal e na Feira do libro da Coruña.

Aconsello visitar o blog da novela.

Marcadores: , , , ,

20.6.08

Unha noite na biblioteca


Esta é unha das experiencias máis bonitas e máis orixinais que coñezo de fomento da lectura entre os pequenos. Concibir a biblioteca como fogar das palabras e dos libros, considerala como espazo para compartir a vida e os libros, ubicala como eixo da vida cultural dunha comunidade é unha aposta preciosa de Espazo Lectura. Unha experiencia que abre un vieiro de esperanza, un modelo para compartir. Beizóns para os amigos e amigas de Espazo Lectura.

Marcadores: , ,

19.6.08

Herminio Barreiro

Hoxe rdl publica un monográfico sobre o meu benquerido amigo e profesor Herminio Barreiro. Unha longa entrevista con Herminio e dous textos de Lupe Gómez, Narciso de Gabriel conforman estas oito páxinas que non podemos máis que recomendar. Hoxe ás 20:00 horas presentaremos na Libraría Sargadelos de Santiago Recordar doe, o formidable libro memorialístico de Herminio. Participaremos no acto con Lupe Gómez e o profesor Luís Cochón. Os que poidan obviar a primeira parte do partido de Portugal, están convidados.

Marcadores: ,

2000

Esta anotación fai o número 2000 das publicadas nestas brétemas. Hai menos de dous anos, cando acadamos as 1000, reflexionabamos sobre o sentido do blog, nacido hai case catro anos, coa inxenua intención de explorar as posibilidades da textualidade electrónica proporcionada polos blogs. Ao longo deste tempo produciuse o estourido do fenómeno dos blogs (afortunadamente, tamén en galego); aquel chamado blogomillo levedou na súa diversidade, procurando o camiño de pequenas comunidades especializadas; apareceron as redes sociais con toda a súa enorme forza para compartir información e coñecemento; ademais de mellorar moito as ferramentas e as utilidades para facilitar esta forma de escritura electrónica participativa.
Nestes dous últimos anos, estas brétemas foron tamén ampliando a súa mirada temática (nada do que nos afecta podemos consideralo alleo) e reducindo o peso da crónica do noso traballo como editores de Xerais (sobre todo dende a apertura do blog da editorial, onde agora publicamos moitas das informacións que aparecían aquí). No entanto, continuamos a nosa reflexión acougada (e escasamente apocalíptica) sobre os futuros do libro (quizais hoxe o tema central de brétemas), nun momento de clara transición entre soportes, no que a primacía da calidade do contido textual é o valor principal. Continuamos tamén achegando a nosa preocupación pola participación política (singularmente en Galicia, un país que nos doe e estimula na esperanza), cando se albiscan sombras preocupantes sobre a derrota (entendida como deriva, loxicamente) da cultura da cidadanía. Temas que non nos impiden, madia leva!, desbordar a nosa subxectividade máis emotiva sobre temas futbolísticos (sen eu pretendelo, outro dos sinais de identidade do blog), onde nos sentimos menos determinados ca noutros eidos que requiren maior racionalidade.
Dende a anotación número 1000, estas brétemas recibiron máis de tres mil comentarios, o que supón unha clara redución con respecto ás mil primeiras, un fenómeno que vimos comprobando se produciu na maioría dos blogs (non só galegos). Con todo, conservamos un número de visitas que non deixa de abraiarnos e as que debemos agradecer a súa deferencia por lelas, enmedalas e criticalas. Seguimos crendo que a razón de ser dos blogs, destas identidades individuais de dominio público, no marco da nova web 2.0 (non sei se debe dicirse 3.0), reside en compartir informacións, reflexións, opinións, lecturas, películas, cancións, saudades, cabreos, risas ou momentos de beleza... entre amigos e amigas. Nesa angueira, seguiremos mentres teñamos acougo e azos.

Marcadores: , , ,

18.6.08

Europa ten medo

A aprobación polo Parlamento Europeo, por práctica unanimidade, da chamada directiva da vergonza, contando co vergonzoso apoio do goberno Zapatero (vaia comezo de segunda lexislatura que leva!) e do grupo socialista europeo, amosa que os eurócratas (os posuidores da marca "Europa") teñen medo a enfrontarse aos ultraconservadores populistas europeos (Berlusconi, Sarkozy e compañía) e escasa coraxe cívica para defender os dereitos humanos. Este claro recorte de dereitos á poboación inmigrante –unha posición xenófoba, queirámolo ou non– amosa moito medo ao diferente e auténtico pavor a perder os privilexios dos que gozamos os europeos a costa do malvivir dos países dese chamado Terceiro Mundo. Poden considerarse as persoas ilegais? Pode aceptarse unha retención de dezaoito meses nun centro de internamento por cometer o "delito" de querer vivir en Europa? Esta é a Europa que queremos construír como o grande proxecto político do século XXI? Con esta medida, como sinala Juan Varela, dá vergonza chamarnos europeos.

Marcadores: , ,

U-lo currículum de Bacharelato?

A piques de de rematar as clases a vindeira semana e de iniciar os trámites da matrícula para o vindeiro curso, aínda non apareceu publicado no DOG o currículum do novo Bacharelato LOE. Fedello cada día no portal educativo da Consellaría co desexo de atopar a nova da aparición deste documento fundamental para artellar o comezo do vindeiro curso. no que se implantará o primeiro curso do Bacharelato LOE. Este retraso (que provoca importantes consecuencias sobre o profesorado, o alumnado e os editores de materiais educativos) é un síntoma máis que preocupante do nivel de xestión desta consellaría, sometida ao réxime inexorable que marcan as datas do calendario escolar. Que está sucedendo na Consellaría de Educación? Agardo que que o decreto se publique nos vindeiros días.

Actualización (20-06-2008): afortunadamente hoxe o Consello da Xunta aprobou o decreto de currículum.

Marcadores:

17.6.08

Firefox 3.0

Aínda que non son moi friqui, a verdade é que me anotara hai uns días para baixar o Firefox 3.0. Baixeino, con algunhas dificultades, e noto que vai bastante máis rápido que a versión anterior. No meu mac, a aparencia aseméllase a de Safari, navega estable e non me deu erros ningúns. Agora, debemos agardar ao 25 de xullo, data na que estará dispoñible a versión oficial en galego. A xente de Mozilla e Mancomún merece que a beicemos polo seu traballo xeneroso.

Marcadores:

Llegir en valenciá




Curiosos anuncios de televisión que forman parte da campaña de lectura "Llegir en valenciá".

Vía: Joan Carles.

Marcadores: , , ,

16.6.08

Campo do Fragoso XLIII

ESCÁNDALO
Nunca na nosa historia de seareiros celestes, e levamos acudindo a Balaídos dende hai corenta anos, sentimos tanta vergonza e tanta indignación polo comportamento do noso equipo como na segunda parte do encontro de onte. A primeira foi moi cómoda. O Celta, levando o partido ao ralentí, como se estivese disputando un partido de preparación fronte a un rival moi inferior, púxose por diante aos dez minutos, grazas a un servizo moi longo de Núñez que Canobbio rematou cunha boa dereita. Logo, mantendo o mesmo ritmo preguiceiro e diante da incomprensible anemia atacante do Alavés, que apenas chegou con perigo nun par de ocasións, Perera estragou varias oportunidades claras para aumentar o marcador. Porén, tras a reanudación mudou o panorama de arriba a abaixo. O equipo visitante, apupado polos seus numerosos seareiros, situados en Río Baixo, saíu disposto a gañar o encontro, mentres que o noso, semellaba que prefería non facelo. Como aquel Bartleby, o oficinista que inmortalizara Herman Melville, os celestes fixeron da súa inhibición, da súa apatía (preferimos pensar froito do seu decaído estado de ánimo) o comportamento que facilitou que os alavesistas metesen tres goles verbeneiros en só seis minutos, asegurando así a súa permanencia e condenando irremisiblemente ao Rácing de Ferrol ao descenso. Foi entón cando os seareiros celestes rebentamos irados, diante da inhibición dun cadro de xogadores de conveniencia, aos que non lles importaba que esta nova derrota provocase un impacto emocional tan duro para os seus afeccionados, avergonzados polo castigo enorme e inxusto que o seu Celta infrinxía ao segundo equipo galego do seu corazón. Con este comportamento indigno, este equipo formado por Ramón Martínez, o auténtico responsable desta tempada de catástrofe, acadou o seu máximo nivel de degradación, xa que rebasou as liñas dos valores incuestionables do deporte: o esforzo e o orgullo para acadar a vitoria. O escándalo chegou ao seu cénit cando o arbitro asubiou o remate do encontro: a maioría dos xogadores célticos, coa excepción de Antonio Núñez (un profesional dunha peza), correron a toda mecha para protexerse no curral do vestiario. Nese momento, nas bancadas había unanimidade: a aplicación da Concursal é unha magnífica oportunidade para desfacerse canto antes deste cadro de mediocres millonarios que non merecen levar durante máis tempo a camiseta celeste que representa ao país dos galegos. Non hai dúbida, a tempada que ven, teremos que mudar de xente.

Marcadores: , , ,

15.6.08

Premios Nacionais da Cultura Galega

Onte asistín á gala de entrega dos Premios Nacionais da Cultura Galega. Non podo máis que felicitar ao equipo da Consellaría de Cultura de Deporte polo desenvolvemento dun acto (un fito histórico e irreversible) moi mimado e axustado, que non perdeu interese e ritmo ao longo dos seus setenta minutos de duración. Subliñaría tres cuestións das que gustei. Primeiro: o seu formato de programa televisivo (producido polo equipo de Miraxes da TVG) o que lle proporcionou axilidade e plasticidade (combinando momentos musiciais e de danza, apoio dos vídeos da fundación Intemperie e a espontaneidade das intervencións dos premiados). Segundo: concederlle todo o protagonismo aos premiados e as súas familias (non houbo discursos institucionais, a pesar de que a ocasión histórica ben os merecía, e os políticos nin sequera estaban nas primeiras filas). Terceiro: ofrecer unha imaxe transversal e plural dunha cultura galega moi ancorada tanto na contemporaneidade (os momentos de Mercedes Peón e o Centro Coreográfico Galego foron moi brillantes) como na memoria (os minutos do cuarteto de corda da real Philarmonía, que interpretou a peza de Gaos, acougaron o acto, proporcionándolle un punto de emoción e melancolía). As intervencións foron, loxicamente, moi desiguais. A min gustáronme moito as de Peón, Margarita Ledo, Fierros e, sobre todo, a de Ferrín. Mágoa que o meu admirado Manuel Lourenzo, introducise un innecesario estrambote final no seu parlamento esperanzado, respondido con elegancia sutil por Ferrín. Beizóns para Francisco Novo (o responsable da gala televisiva), para Miguel Fernández e Xandra Tedín (magníficos presentadores) e para a conselleira Ánxela Bugallo e todo o seu equipo. Abriron un camiño de autoestima e dignidade para todo o sector cultural da nación.

Marcadores: ,

O escritor fronte ao seu espello

A rdl desta semana presenta un interesantísimo monográfico sobre a cuestión do "escritor fronte ao seu espello". Cando fun consultado telefonicamente, entendín que a pregunta remitía ao da visibilidade do escritor galego na sociedade. Para min a cuestión esencial non é a da valoración que teña o escritor senón as posibilidades coas que conte de visibilidade. É lexítimo que os autores e autoras, e os editores, esteamos insatisfeitos coa visibilidade dos nosos textos na sociedade. Ninguén publica sen esperar ser lido. A falta de visibilidade ten que ver, en primeiro lugar, co prexuízo que aínda existe, a pesar de que se está superando, sobre os propios textos e a edición en lingua galega. Hoxe, afortunadamente, a oferta editorial en galego é cada vez máis diversa e de maior calidade. Mais, non podemos esquecer que o peso da edición en galego no noso mercado é cativa: o libro en galego supón apenas o 15% do libro vendido en Galicia. A escasa visibilidade e recoñecemento que teñen os escritores na nosa sociedade ten que ver con este peso insuficiente no mercado do libro en galego. Outrosí sucede coa visibilidade dos libros nas librarías e nos medios de comunicación, competindo en inferioridade coa avalancha brutal do libro en castelán. Para saír deste funil hai que abordar a cuestión da lectura, e máis especificamente, da lectura en galego dende unha perspectiva política, colocándoa como unha das prioridades estratéxicas da política cultural e lingüística. Promover esta revolución lectora, dende as aulas e as bibliotecas públicas, sen esquecer o papel das librarías e das empresas privadas, é o camiño para visibilizar o libro e os autores galegos na nosa sociedade.

Marcadores: ,

Celta, a derradeira oportunidade

No artigo da semana volvo coa miña reflexión sobre a crise do Celta e as posibilidades de refundación do seu proxecto galego.

Marcadores: , , ,

14.6.08

O problema de Vigo

Recomendo esta atinada reflexión que realiza Pablo Eifonso sobre o problema de Vigo. O caso Urbán, como a opereta do Plan Xeral, a custosa montaxe publicitaria da Universiada, o funcionamento bipolar do goberno municipal, a absurda politica de mobilidade, o fracaso do planeamento metropolitano e tantas outras decepcións sinalan que o Vigo deste novo século non arrinca. A cidade, a pesar do seu pulo industrial, amodiño parece quedar anestesiada pola síndrome da mosca azul que afecta aos políticos e forzas vivas locais (en afortunada metáfora do Frei Betto), aparcando calquera proxecto de modernización e transformación con participación cidadán. Non nos enganemos, sobre a cidade nosa non caíu ningún mal fario; o noso non é un problema de mala sorte conxénita que nos impida avanzar como están facendo outras cidades do noso entorno coas que competimos. Como moi ben sinala Eifonso, esta cidade precisa dunha nova cultura urbana, superadora da enfermidade dun rancio localismo de tres pesetas. Unha cultura que –engadiría eu, inserida na nosa memoria de abella atlántica da ribeira– fose asumida polos políticos locais e apupada polo protagonismo da cidadanía e do planeamento estratéxico. Recuperar aqueles azos do municipalismo galego de comezos dos noventa penso que sería unha oportunidade para evitar caer na desolación. Coa crise do Celta, abóndanos.

Marcadores: ,

13.6.08

Edición mundial 2008

Recollo a información de Txetxu sobre a clasificación establecida por LivresHebdo dos grandes grupos da edición mundial.

Marcadores:

12.6.08

Serán pola paz


Suso Jares mandoume a reportaxe fotográfica (preparada por Paco Vilabarros) do Serán pola paz, celebrado o pasado 18 de abril, no que presentamos os dous primeiros volumes de Educación e paz e festaxamos o 25 aniversario da fundación do grupo Educadores pola paz.

Marcadores: , , ,

Premios Xerais 2008 (I)

11.6.08

Protexta primavera

Xa está dispoñible en pdf o Protexta 6. Imprescindible!

Marcadores: ,

10.6.08

A derradeira oportunidade para o Celta

Estaba cantado. A pésima tempada a nivel deportivo e os múltiples erros de xestión da era Horacio obrigaron ao consello de administración do Celta a solicitar voluntariamente no xulgado mercantil a concursal (o que antes chamaban quebra ou suspensión de pagamentos). Non existía marxe ningunha, xa que a outra posibilidade que tiña Mouriño sería promover a disolución do club. A pesar de que o caso do Celta non é único (o Deportivo debe 150 millóns), a situación celeste, agotadas as posibilidades de ascenso e os ingresos televisivos que supoñerían, é desesperada. A pesar de que todo o mundo do futbol profesional español está arruinado (o que demostra o fracaso da aplicación e posta en práctica da Lei de Sociedades Anónimas Deportivas), son os clubes de segunda aos que lles está tocando apandar co inicio dunha nova reconversión, quizais máis dolorosa que a realizada nos anos noventa.
A Concursal do Celta, inserida nun plan de viabilidade (no que se pretende renegociar a débeda con Facenda, Caixanova e asegurar unha cesión do estadio por parte do concello e durante vinte anos) pretende reducir a enorme débeda da entidade (84 millóns de euros, recoñecidos a finais de 2007, ás que habería que engadir as perdas do primeiro semestre deste ano como consecuencia do fracaso de non acadar o ascenso) en cinco anos e endereitar un barco que vimos á deriva ao longo das dúas últimas tempadas.
É innegable que esta nova situación xurídica supoñerá para o Celta importantes dificultades e propón múltiples dúbidas, na medida que o club terá un estreitísimo marxe de manobra para xestionar a súa (ata agora, nefasta) política deportiva, xa que será controlado por unha instancia xudicial. Isto suporá que o club será xestionado cunha economía meduliana: rebaixaranse as posibilidades de novas fichaxes e ás contías dos salarios de técnicos, directivos e, sobre todo, xogadores. O primeiro efecto da Concursal será, inevitablemente, o dunha importante limpeza no cadro de futbolistas. E iso pode ser moi positivo –como demostra a situación do Sporting de Xixón e do Málaga, que nesta mesma situación pelexarán esta fin de semana polo ascenso–, se axuda a que directivos e seareiros baixemos da nube fachendosa na que estivemos instalados por riba das nosas posibilidades (durante unha década) e recuperemos a identidade de equipo humilde que representa aos laboriosos galegos. Por moito que doa, non podemos seguir vivindo eternamente do soño daquel marabilloso xogo da serpe do Eurcocelta, alicerzado nos mellores tempos de Mostovoi, Karpin e Víctor Fernández. Agora toca volver atravesar, durante algunhas tempadas (cantas?), o deserto da Segunda; o que pode constituír unha magnífica oportunidade para refacer un proxecto futbolístico galego (onde dificilmente lle vexo cabida ao actual director deportivo), baseado nunha combinación axeitada de canteiráns (dende Borja, Roberto Lago, Michu a Iago Aspas) e mozos e veteráns repatriados (dende a fichaxe de Trashorras á cesión de Jonathan Pereira). Toca volver a aquel Celta humilde da nosa nenez (o de Ibarreche, Herminio, Las Heras...). Esta pode ser a derradeira oportunidade para evitar destrozar a memoria de oito décadas de fútbol atlántico.

Actualización (11-06-2008): Claves para entender a aplicación da lei concursal (Faro de Vigo).

Marcadores: ,

9.6.08

"Chega de saudade"


Tino Santiago pediume unha canción para a A Crónica de hoxe. Aí vai a miña elección, "Chega de saudade" (1958), música de Antonio Carlos Jobim e letra de Vinicius de Moraes. Unha dose de melancolía euforizante para comezar a semana.

Marcadores: ,

Acordo sobre gratuidade en Andalucía

A Consejería de Educación de la Junta de Andalucía e as organizacións de editores, distribuidores e libreiros acaban de asinar un acordo para o desenvolvemento das políticas de gratuidade do libro de texto na educación obrigatoria durante os próximos catro anos. A pesar de que se continúa apostando polo modelo de préstamo (o que creo un erro), este acordo, cando menos, racionaliza os calendarios de implantación de novos materiais e permitirá a editores, libreiros e distribuidores resistir, xa que cada ano poderán vender novidades para catro cursos; medida, ademais, que axuda financieiramente á administración educativa andaluza, que así pode prorretear os gastos de adquisición. Sen dúbida, o máis interesante da medida é que permite aos editores cubrir o baleiro existente no calendario actual (o curso 2010/2011), no que non se contemplaba a posibilidade de presentación de novidades ningunhas, o que ameazaba moi seriamente o nivel de emprego do sector.
A piques de rematar a lexislatura, o actual Goberno Galego semella esquecer o compromiso adquirido formalmente co sector do libro de estudar todas as fórmulas posibles de gratuidade para evitar a desfeita do sector. Non conviría, polo menos, valorar a posibilidade de chegar a un acordo (loxicamente, coas características dunha comunidade con lingua propia) como o acadado en Andalucía? Acadalo supoñería un grande alivio para o sector.

Marcadores:

8.6.08

Xa temos Xerais 2008

Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra Premios Xerais 2006. Beizóns para eles tres e para Carlos G. Reigosa que actuou como mantedor literario dunha velada que resultou emocionante.

Marcadores: ,

Clubs de lectura

No artigo da semana valoro a magnífica experiencia que supoñen os Clubs de lectura. Penso que poden ser unha das experiencias máis valiosas para o fomento da lectura, especialmente en galego.

Marcadores: , , ,

7.6.08

"O Globo de Shakespeare", premio Terra de Melide 2008

Anunciouse onte a obra gañadora do VIIIº Premio de Narrativa Terra de Melide: O Globo de Shakespeare de Santiago Jaureguízar. O xurado do certame, formado por Xesus Manuel Marcos, Xaquín Vázquez, Anton Pedreira, Óscar Sánchez e Manuel Bragado, entre as vinte e unha obras participantes, apostou por esta obra que propón unha viaxe tras o primeiro manuscrito de Hamlet que, supostamente, estaría agochado nun pazo de Ribadeo. O Globo de Shakespeare, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano (como o que mellor reflite as paixóns humanas), supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, do escape das vidas, da soidade e dunha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. O monifaterio Ricardo e o seu pai, o pintor Leandro, tras a tola e valleinclanesca procura do manuscrito agochado, emprenderán unha viaxe que, irremediablemente, rematará cuna apoteósico final tráxico. Creo que Jaureguizar con esta novela ambiciosa dá unha importante volta de torca na súa narrativa. A novela será publicada por Xerais no mes de outubro.
O Premio Terra de Melide será entregado hoxe en Melide, tras a merecidísima homenaxe a Xosé Vázquez Pintor, un dos nosos máis grandes escritores. Mágoa que non poidamos acompañalos, xa que hoxe estaremos enleados co fallo dos nosos premios.

Marcadores: ,

5.6.08

Diálogos literarios en Mariñán

Mañá estaremos participando nos Vº Diálogos literarios de Mariñán organizados pola Fundación Carlos Casares. Moderaremos o debate sobre "Letras da vida" que manterán dous bos amigos Xosé Miranda e Gustavo Martín Garzo.

Marcadores: ,

4.6.08

A proeza de Barreras

Esta mañá abrindo o Faro quedei pampo coa nova proeza de Barreras. Este buque de prospeccións sísmicas, o primeiro de proa invertida (ou en forma de torpedo) construído en España, é unha mostra da formidable capacidade técnica do primeiro asteleiro privado galego. O actual proxecto empresarial de Barreras, baseado na competitividade proporcionada pola innovación tecnolóxica, aposta pola confianza nas propias posibilidades: "canto máis difícil sexa o proxecto, mellor, maior valor engadido", afirma Francisco González Viñas, presidente da compañía. Este modelo empresarial semella que cunde, xa que outros asteleiros da ría comezan a emular a estratexia. Así, o sector naval vigués ten carteira completa de pedidos ata 2013, un feito incrible para un sector industrial que, non o esquezamos, sufriu a comezos dos anos oitenta unha durísima reconversión. Mañá, Barreras botará outro buque, neste caso un ferry ultrarrápido de Balearia para cubrir a liña Denia-Ibiza-Palma. Outra marabilla. Os éxitos de Barreras amosan as posibilidades de poñer en valor os nosos sectores produtivos. E unha última reflexión: se somos dos poucos países do mundo que sabe e pode facer embarcacións de todo tipo, que agarda o goberno Zapatero para desbloquear Navantia Fene?

Marcadores:

3.6.08

Bidibooks

Esta noticia de hoxe é interesante. Aproveitando a lectura dos códigos bidimensionais, os chamados bidibookseditados pola editorial coruñesa Netbiblo– pretenden completar a lectura sobre un soporte analóxico coa dixital proporcionada por unha pantalla de teléfono móbil. Un intento de fusión entre libro impreso e móbil, unha lectura hipertextual apoiada na rede e nas súas aplicacións. Semella que esta nova tentativa recolle algunha das experiencias xaponesas de lectura sobre móbiles e o desenvolvemento da conectividade da telefonía de nova xeración. Ademais, esta é unha noticia moi significativa de como se move en Galicia a edición dixital. Con todo, e a pesar da evidente utilidade dos bidibooks para tipoloxías de edición específicas (como o das guías de viaxe), o sistema de lectura paréceme un chisco rebuscado. Porén, estoutra noticia, referida á aposta dalgúns grandes grupos de edición polo kindle paréceme máis significativa (polo que ten de tendencia).

Marcadores: ,

2.6.08

Palabras para cambiar o mundo


Moito agradezo a Marcos que recollese o texto do pregón co que Agustín Fernández Paz inaugurou a Feira do Libro de Ourense o pasado 31 de maio. Recollo os derradeiro parágrafos, preciosos:
"Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendernos a nós mesmos. Para soñar outras vidas, para loar todo o que a vida nos dá, para vencer o espanto da morte. É curioso: as vellas palabras de Cunqueiro volvémolas atopar hai pouco en boca do estadounidense Paul Auster ao recibir, hai agora dous anos, o premio Príncipe de Asturias: “Necesitamos historias case tanto coma o comer, e sexa cal sexa a forma en que se presenten –na páxina impresa ou na pantalla da televisión- resultaría imposible imaxinar a vida sen elas.
Coma o comer, como beber auga, xaora que si. As persoas non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e dos soños. E, aínda que unha boa parte desa sede, desa fame, a saciamos a través das múltiples pantallas coas que convivimos, non podemos esquecer que a orixe de todas as historias está nos libros. Pois os libros conteñen os soños, as paixóns, os medos, as risas: neles están a imaxinación, os sentimentos e experiencias das persoas, das que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. José Ángel Valente escribiu, nun poema memorable, "el que da una palabra, da un don". Pois iso son os libros, ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender mellor o oficio de vivir."

Marcadores: , , , ,

Campo do Fragoso LXII

SAN ESTEBAN
A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.

Marcadores: , , ,

1.6.08

Premios Nacionais

No artigo da semana gabo a elección dos primeiros Premios Nacionais da Cultura Galega, ao tempo que propoño para vindeiras edicións a súa ampliación por xéneros literarios.

Marcadores: , ,