Onte
cadaquén contou a súa
experiencia daquela noitiña de infamia. De todos os relatos que lin o que máis me gustou foi o de
sihomesi, tanto pola súa interpretación do acontecemento (unha parodia) como pola publicación completa da famosa lista.
Falar en primeira persoa do que aconteceu hai vinte e cinco anos demostra que para ninguén é doado facer este exercicio de memoria. Inevitablemente, queirámolo ou non, todos imos construíndo o relato das nosas vidas e facemos casar as pezas (os recordos) para que o conto sexa verosímil. Esta é a razón pola que algunhas persoas se expresan con maior discreción e obxectividade ca outras. Alá elas. Os lectores e lectoras xa valorarán.
Eu fixei na memoria aquela noitiña co recordo da
dignidade de dúas persoas: o sociólogo
Carlos Lerena e o meu amigo
Camilo Nogueira.
O conto foi que os alumnos de quinto de Pedagoxía organizamos do 23 ao 27 de febreiro de 1981 a
Primeira Semana de Educación, un conxunto de conferencias e debates arredor da Renovación Pedagóxica. Para iniciala, o luns 23, convidamos ao sociólogo da educación (falecido en 1983 nun accidente de tráfico), primeiro, a participar na facultade nun debate con
Herminio Barreiro, sobre "Educación e loita de clases", e, logo, a pronunciar unha conferencia no auditorio da Caixa de Aforros sobre "O oficio de mestre". Cando estaba a punto de rematar o debate, un bedel da facultade veu nervioso a contar que no Congreso entrarán un grupo de gardas civís. A pesar do rebumbio que suscitou a noticia, os organizadores (ben aconsellados polo profesor
Antón Costa) e o propio Lerena acordamos que non deberiamos mudar os nosos plans e marchamos para a Carreira do Conde onde, a partir das oito e pico, escoitamos a maxistral intervención de Lerena (logo publicada en galego no derradeiro número d'
As Roladas 2). O certo é que algúns dos meus colegas estaban escoitando a radio e cando anunciaron que Miláns del Bosch sacara en Valencia os tanques a rúa, a conferencia rematou en poucos minutos, sen espazo para pregunta ningunha.
Logo, fomos con Antón Costa ao local do noso
partido, onde atopamos, nunha pequena oficina, a Carlos Vázquez e a Camilo Nogueira contactando coa nosa xente en diferentes localidades. Eles dous quedaron alí toda a noite e nós marchamos, bastante preocupados, para casa a escoitar a radio. Ao día seguinte, pola tarde, acordamos reanudar as actividades da Semana de Educación, na que tamén participaron
Federico Martín Nebras,
Pilar Benejam e
Fabricio Caivano, todos os tres figuras destacadas da escola das pombas, causa que, dende entón, non abandonamos. Meses despois, topeime co 23-F en
Colmenar, mais iso xa son historias de ardor guerreiro que non paga a pena nin lembrar.
Marcadores: Historia, Política