31.8.07

BlogDay 2007

Hoxe é o Blogday 2007, unha xornada creada coa intención de que os blogueiros coñezan a blogueiros doutros países ou doutros centros de interese. O rito proposto semella que consiste en recomendar cinco blogs, preferentemente dunha cultura distinta a da propia. Como son ben ghiadiño, e como xa fixera o pasado ano, aí vai a miña proposta para tecer a rede de libros e blogs:
  • Alessandro Martins: un paulistano que mantén unha xanela aberta ao mundo do libro e da textualidade electrónica.
  • The Book Design Review: o blog de Joseph Sullivan que, dende Chicago, ofrece unha interesantísima reflexión sobre o traballo portadístico e de deseño do libro.
  • El ojo fisgón: o blog de Martín Gómez, hoxe para min, o máis interesante e traballado que coñezo sobre tendencias no mundo editorial.
  • Charkin blog: o espazo de Richard Charkin, o responsable de Macmillan, un dos poucos publishers con actividade da rede.
  • Extratexto: o blog rexido por Nuno Seabra, o máis documentado (actualizadísimo) en portugués sobre o mundo profesional da edición.
Etiquetas:

Marcadores: ,

30.8.07

A Fiscalía entra en Gaiás

Sabiamos que a posta en marcha da comisión de investigación sobre a xestión e as adxudicacións realizadas na Cidade da Cultura non era un camiño substitutorio da actuación da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza (como, seguramente, pretendía o PPdeG). Tras o informe do Consello de Contas detectando importantes irregularidades no proxecto, era lóxico que se producise esta importante noticia. O que pode dar de si a apertura desta sandía, é impredicible. Quizais esteamos diante da noticia máis importante desta lexislatura?

Marcadores: ,

28.8.07

Ranking da edición mundial

No blog de Richard Charkin, un dos responsables de Macmillan, publícase o ranking da edición mundial nos anos 2006 e 2005 en función dos resultados de explotación. Unha mostra moi clara do proceso de concentración na mundialización do sector. Paréceme significativo que o noso xigante, Planeta, ocupe só o posto número doce, Santillana o vinte e oito e que sexan os grupos educativos ou os dedicados á edición profesional os que ocupan as primeiras posicións. Tamén é moi salientable a xeografía que debuxa esta táboa, na que coa excepción da edición xaponesa, todos os grupos son norteamericanos e europeos. Esa é a auténtica xeografía do libro e a lectura no mundo contemporáneo?
Etiquetas:

Marcadores:

Volve Luís Rei Núñez

Entrou en impresión a nova obra de Luís Rei Núñez, un dos nosos mellores novelistas actuais. Eis o texto de contracuberta que preparamos para presentala:

Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos tarambainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso "branco" ou os candorosos aprendices de literato... en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

O señor Lugrís e a negra sombra estará nas librarías na terceira semana do mes de setembro. A edición en castelán será publicada por Ediciones del Viento.

Etiquetas:

Marcadores: , , ,

27.8.07

Campos do Fragoso XLIII

ASÍ NON SUBIMOS
Polo que vimos contra o Córdoba, así non subimos. O Celta de Stoichkov naufragou en todas as súas liñas contra o equipo que hai só uns meses gañou o Play Off de ascenso ao noso benquerido Pontevedra. Sen patrón de xogo, sen identidade de conxunto, sen individualidades desequilibrantes, sen referentes de liderado dentro e fóra do terreo de xogo, sen coñecemento das características do equipo rival, sen compromiso nin convicción nas propias posibilidades, os célticos foron dominados coma fantoches durante case todo o encontro (nalgúns momentos da segunda parte de forma vergonzosa) por un equipiño entusiasta que se tería levado doadamente o encontro de ter máis fortuna na finalización. Custoulle ao Celta media hora realizar un remate e, en todo o partido, só foi capaz de tecer unha xogada con verdadeiro sentido atacante (a do gol dun pésimo Canobbio, que culminou unha boa asistencia de Larena). Un pobrísimo balance de xogo para o peor Celta que recordo, polo menos, nos últimos quince anos. Os sufridos resistentes da bancada (apenas a metade dos que comezamos a tempada pasada) non podemos dar creto á semellante desfeita que, sendo realistas, sitúa aos celestes moito máis preto da 2º B ca do devecido ascenso a primeira. As dúas únicas notas positivas da lamentable matinal de onte foron o debut de tres canteiráns (Richi, Dani Abalo e, sobre todo, dun prometedor Roberto Lago), que adozaron cun pouco de sal e optimismo o aborrecemento do público, e a posibilidade de tributarlle unha derradeira homenaxe a Borja Oubiña, quen, inevitablemente, abandonará o clube esta semana. Moito, moito terá que mellorar este equipo, instalado nunha crise gravísima de identidade, para poder aspirar a recuperar tanto terreo perdido. A mesma enerxía que utilizou o señor Mouriño para desmantelar nunha semana o club debería empregala ésta para rearmar realmente o equipo. Se non o fai, pode volver precipitalo no abismo.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

26.8.07

As 25 leis máis absurdas do mundo

Indispensable a anotación que publica hoxe Pedro Valadés sobre as 25 leis máis absurdas vixentes no mundo. Como adianto desa lectura tan recomendable, aí vai un anaco:
"[...] Na cidade de York, ao norte do país, esta permitido matar a unha persoa de orixe escocesa que transite polas murallas da cidade, a condición de que este cargue un arco e frechas. En canto ás mulleres embarazadas, permíteselles por lei evacuar as súas necesidades físicas en calquera lugar, ate no casco dun policía, se así o require a futura nai. Con todo, non só Estados Unidos e Reino Unido contan con este tipo de leis, en Francia, é ilegal pór a un porco o nome de Napoleón. En Indonesia, a masturbación se castiga con decapitación, e en San Salvador, os condutores de automóbiles que conduzan peneques poderían ser castigados coa pena de morte [...]"
Etiquetas:

Marcadores:

Un himno de todos


No artigo da semana volvo sobre a polémica do himno.
Etiquetas:

Marcadores: , , , , ,

25.8.07

Decálogo das persoas libro


Etiquetas:

Marcadores: , ,

23.8.07

El Jueves, máis madeira

Marcadores: ,

Adeus, Oubiña

Estes vindeiros días saberemos, por fin, se é o Manchester City ou o Benfica o destino do noso admirado Borja Oubiña, o mellor xogador galego de fútbol. Gosto de calquera das dúas opcións. Sempre crin que para as características do seu xogo a Premier League (hoxe a miña liga preferida) sería o espazo máis axeitado para medrar como futbolista; o tempo enérxico do xogo de conxunto do fútbol inglés sería o berce máis axeitado para lucir a capacidade de recuperación e a elegancia de desprazamento de balón do vigués. Non esquezamos que Oubiña é o modelo de futbolista moderno: culto, estudoso e paciente, moi traballador dentro e fóra do campo, ademais de moi disciplinado e concienzudo tacticamente sobre o terreo. Mais tampouco é mala opción para el a do Benfica (onde pode ser unha estrela e voar, máis tarde, á Premier, onde os futbolistas portugueses teñen moito creto), a pesar de que a Liga Portuguesa non é das mellores europeas e que o conxunto que esta tempada adestrará Camacho non xogará a Champions (o pasado ano só quedou terceiro). Xogando Oubiña en Portugal teríamos unha razón máis para interesarnos polo noso país irmán (por que a TVG non trata de dar os partidos?). En todo caso, tanto Inglaterra como Lisboa son opcións intelixentes para un xogador a quen tanto debemos os celtistas. Saudosos, desexámoslles os maiores éxitos. Aupa, Borja!
Etiquetas:

Marcadores: ,

22.8.07

Google maps e os blogs

Google maps acaba de introducir a posibilidade de que as súas buscas poidan ser publicadas nos blogs. Premendo en "establecer unha ligazón con esta páxina" aparece unha ventá, na que aconsello escoller a opción "personalizar e visualizar previamente o mapa que se inclúe". Alí podemos escoller tamaño e copiar o código html para pegar na nosa anotación. Desde o blog poden utilizarse todas as utilidades e mesmo enlazar co mapa ampliado; así, as posibilidades de emprego didáctico, aumentan considerablemente. Eis a busca da miña oficina.

Visualizar o mapa ampliado

Marcadores: ,

21.8.07

Gremio Literario

Xenial, Lisboa!

Vía Txetxu.
Etiquetas:

Marcadores: ,

20.8.07

Himno galego: o ridículo de "El Mundo"


El Mundo, o periódico máis identificado hoxe coa dirección do Partido Popular de Mariano Rajoy, pretende atacar ao vicepresidente Quintana por medio dunha anotación sen asinatura na que se ridiculiza o himno galego e algunhas medidas de política lingüística aprobadas polo Goberno Galego.
O máis sorprendente do caso non é a intención claramente denigratoria que o periódico de Pedro J. acomete cara un dos símbolos nacionais de Galicia (e por extenso co pobo galego), senón a paupérrima argumentación e documentación (tradución ao castelán do texto de Pondal, incluída) que utiliza, absolutamente impropia dun chamado "xornal de referencia".
A lamentable anotación non merecería máis comentario se non fose outro síntoma da ferocidade que esta prensa capitalina (ou esa inefable rede de blogs proRajoy, que meten medo!) está disposta a despregar co nacionalismo galego, ás portas das vindeiras Eleccións Xerais. Ben sería que por coherencia o propio Mariano saíse ao paso da anotación e solicitase unha rectificación ao seu benquerido PJ, xa que o actual presidente do PP é corresponsable da Lei de Símbolos de Galicia, aprobada (por unanimidade) en 1984 polo Parlamento Galego do que el daquela formaba parte. De non facelo, poderiamos chegar a pensar que Rajoy defende sen rubor ese "nacionalismo excluínte" que para El Mundo expresa o himno dun tal "Arturo Pondal".
O máis pavero do asunto é que as palabras de Quintana foron ben sensatas e moi prudentes. Claro que a celebración do centenario do himno (o vindeiro 20 de decembro) merece ser salientada polo Goberno, polo Parlamento e polo conxunto da sociedade galega! Como tamén o desexo de Quintana (que todos compartimos) de que todos os escolares realmente aprendan o himno, mais aínda cando o coñecemento dos símbolos de Galicia está recollido como un dos contidos dos currículums de todas as etapas educativas non universitarias (mesmo dende a Educación Infantil). Quintana non propuxo nada que xa non estivese establecido na nosa lexislación educativa. Mágoa que os redactores anónimos de El Mundo non tivesen a paciencia e o rigor de comprobalo!
Etiquetas:

Marcadores: , ,

19.8.07

Ás voltas coa Área Metropolitana de Vigo

No artigo da semana reflexiono sobre a enésima polémica arredor da constitución da Área Metropolitana de Vigo. Entendo que o debate real está na reforma da organización territorial de Galicia, cuestión vencellada á reforma do Estatuto. O demais serían polémicas partidarias para seguir enredando e gañando tempo.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

18.8.07

Policía de costumes

Vía: Album de Recortes.

Marcadores:

17.8.07

Fotografías panorámicas

A rede atesoura algunhas posibilidades artísticas que quizais nunca chegamos nin a imaxinar. O blog do arxentino Juan Gallo (un dos máis suxestivos e sorprendentes que visito) presentaba onte unha fotografía panorámica do río Nilo que, nunha imaxe única e sen saltos, percorre 81,29 km dunha das súas beiras. Grazas a este procedemento podemos asistir na nosa pantalla a esta longa viaxe que comeza de madrugada e remata ao solpor.
A fotografía, titulada “The Nile Studies - Sketches and visual notes of the Nile River”, foi realizada por Michael Aschauer, autor tamén doutra experiencia semellante no río Danubio, que fora presentada en Artech 2006, a Terceira Conferencia Internacional de Arte Dixital e Electrónica, celebrada en Pontevedra en novembro de 2006 (e da que non tiñamos aínda noticia).

Ver as fotografías:
Etiquetas:

Marcadores: ,

16.8.07

Caderno de Bretaña III

INTERCÉLTICO
Brest e An Oriant son dúas cidades de arquitectura aparentemente insípida. Bombardeadas e case totalmente destruídas por ingleses e norteamericanos, por ser bases dos submariños alemáns na IIª Guerra Mundial, estas dúas cidades obreiras foron reconstruídas empregando os criterios da planificación urbanística dos anos cincuenta e sesenta. Cuadrículas de edificios de formigón de seis andares e algunha mole singular de arquitectura racionalista conforman as coordenadas destas dúas cidades de beleza oculta. Porén, souberon atopar no seu carácter de cidades portuarias (tanto dende o punto de vista pesqueiro, comercial, militar, deportivo coma cultural) o perfil que as singulariza como dúas das máis interesantes e dinámicas de Francia.
Brest, situada nunha rada preciosa, centro dunha área metropolitana de máis de trescentos mil habitantes, atopou no mar a súa identidade, converténdose así nun dos referentes da cultura marítima mundial. A organización dos festivais marítimos (cuatrienais), a ubicación do Centro Nacional de Explotación dos Océanos, do Centro Oceanográfico de Bretaña, da base dos submariños nucleares franceses, de Oceanapolis e dunha dinámica Universidade permitiron o despegue desta cidade que aparentemente conta con escasos encantos patrimoniais.
Outrosí sucede con An Oriant, primeiro porto pesqueiro de Francia polo valor das súas capturas, unha cidade hoxe de sesenta e pico mil habitantes, renacida das súas cinzas durante os anos cincuenta, que atopou, dende 1971, na celebración do Festival Interceltique o seu elemento clave de proxección internacional e renovación urbana. Así o puidemos comprobar na nosa visita a un evento xigantesco e un chisco desmesurado (como lles presta aos bretóns) que durante dez días mobiliza e ocupa toda a cidade.
Organizado por unha entidade privada (dirixida desde este ano polo asturiano Lisardo Lombardía) e contando, fundamentalmente co apoio de empresas privadas e medios de comunicación, o Intercéltico é un modelo de organización de grandes eventos que vai moito máis alá do musical e, mesmo, do estritamente cultural. O Interceltique (hoxe o festival máis importante de Francia) é máis que un enorme evento da música folqui (con trescentos concertos, 4.500 artistas e setecentos mil espectadores), que se desenvolven nos maís diversos formatos, dende os grandes concertos no Estadio, no porto pesqueiro e no Grande teatro, ás actuacións nos bares e nas diferentes carpas.
O Interceltique é, ademais, un festival literario e unha festa do libro; un salón de arte contemporánea e, sobre todo, un grande espazo para o turismo familiar (algo fundamental en Francia) con mercadiños e espazos para o picoteo máis diverso. Actividades todas elas moi ben artelladas arredor do discurso da Keltia que ten no país convidado (nesta edición Escocia) o elemento de maior cohesión.
No noso percorrido polo "Quai des Pays Celtes" visitamos o espazo de Galicia (un pavillón de Turgalicia de deseño moi elegante, aínda que meramente publicitario, sen alma nin servizos, como teño comprobado noutras ocasións que se organiza adoito a nosa presenza en eventos internacionais) e o magnífico espazo comercial do Obradoiro de Gaitas dos Seivane, que constituía a auténtica embaixada de Galicia no festival.
As actuacións de Fía na roca, Luar na lubre, de Unión das Terras e da Banda de Gaitas de Outes foron as nosas achegas principais a un programa amplísimo que nesta edición se foi abrindo a outras músicas non estritamente folquis, unha orientación que semella se intensificará en vindeiras edicións.
De cara ao 2009, ano no que Galicia será o país convidado, moito haberá que traballar para que a nosa presenza adquira a relevancia e dignidade que un evento desta importancia e proxección merece. Quedei coa idea clara de que o Interceltique é moito máis ca un evento musical macro. Ademais de ofrecer un programa atractivo do conxunto da creación musical galega, haberá que pensar en cómo organizar a presentación da cultura (libro, arte, gastronomía...) e da realidade da Galicia contemporánea no seu conxunto. En definitiva, An Oriant 2009 debe entrar na axenda da Consellaría de Cultura e de Turgalicia.

Etiquetas:

Marcadores: , ,

15.8.07

Caderno de Bretaña II

ENTRE FISTERRAS
Viaxando por Breizh non fai falta ser un cunqueiro para que un galego atope semellanzas e identidades comúns co país noso. Non é preciso camiñar pola fraga marabillosa de Brocelianda, onde Sidoine namorou de Ponthus e onde aínda goberna Merlín, para atopar situacións, lugares e manifestacións culturais que nos fan sentir a terra bretoa coma propia.
Xa Castelao percorreu en 1929, durante catro meses, os camiños da vella Armórica a cata de cruces de pedra tan imitantes aos cruceiros galegos. Esta semellanza formal, que amosa paralelismos nas manifestacións da relixiosidade popular, foi recollida polo noso pai da patria n' As cruces de pedra na Bretaña, un traballo de investigación que sería publicado polo Seminario de Estudos Galegos (Pontevedra, 1930) e reeditado por Xosé María Álvarez Blázquez na colección Pombal de Edicións Castrelos en 1974. A visita aos "enclaves parroquiais", situados entre Montroulez e Brest, constituíu un dos momentos máis propicios para sentir esta proximidade. Dende os cruceiros populares, situados coma os nosos nas encrucilladas, aos formidables calvarios como os de Sant-Tegoneg e Gwimilio, pasando pola presenza de Santiago e o mito xacobeo en capelas e igrexiñas (ademais de nese formidable gwerz que é Yann Derrien), son moi numerosas as coincidencias das manifestacións da fe popular. Os pardons (procesións ou romaxes populares na honra do santo patrón, moi numerosos no efeméride de hoxe), a utilización de exvotos ou mesmo a figura da Anaon (a Santa Compaña) como representación da morte son outros elementos que percibimos desta proximidade da cultura relixiosa popular.
Outrosí poderiamos expresar da paisaxe debuxada no interior de Breizh por largacíos milleirais e na súa beiramar pola omnipresenza dos faros nos cantís e nas súas múltiples illas, fachos que constitúen as marcas das mareas dun perfil litoral moito máis suave có noso. Chamounos a atención a homoxeneidade das vivendas rurais (con tellado de pizarra a dúas augas e dúas chemineas a cada vento) así como a inexistencia de valados de pedra que separen as propiedades, o que proporciona ás edificacións unha xurdía harmonía e integración nunha paisaxe, neste caso ben diferente da nosa, onde escasean as masas forestais.
A forte presenza da cultura megalítica é outro elemento de proximidade cultural con Breizh. A visita aos impresionantes aliñamentos de Carnac (din que constituídos por un milleiro de menhires) e ao espazo megalítico de Locmariaquer foron outros dos momentos máis impactantes da viaxe.
Porén, é no desenvolvemento da cultura marítima onde atopamos as maiores diferenzas con Galicia. País coas súas urdimes no mar, coma o noso, os bretóns veñen desenvolvendo dende hai décadas unha cultura da memoria do mar que ten, aínda, escasos precedentes entre nós. Os centos de escolas de vela (supoñemos que unha en cada porto deportivo), o magnífico Port-musée de Douarnenez (con cinco embarcacións tradicionais ou antigas museificadas e visitables, na foto), o Museo da Pesca de Concarneau ou o formidable complexo didáctico e de lecer de Oceanopolis de Brest, ademais da organización de festivais marítimos internacionais como os de Brest e DZ (en Brest 2008 Galicia será unha das culturas marítimas convidadas) son iniciativas das que en Galicia moito deberiamos aprender xa que constitúen elementos identitarios de cohesión interna e de ampla proxección internacional para o turismo familiar.
Outro feito que mereceu a nosa atención ao longo de toda a viaxe foi coñecer algunha das cidades bretoas irmandadas con outras galegas. Estas xemelgaxes entre concellos, iniciadas en 1971 entre Lugo e Dinan (ambas as dúas cidades con muralla), son un dos instrumentos máis eficaces para unir e favorecer o coñecemento mutuo, a cooperación económica e o intercambio cultural entre as poboacións galega e bretoa. Indubidable froito do espírito "federateur" do municipalismo progresista francés, a verdade é que estas xemelgaxes levan paradas algúns anos. Á porta da casa do concello de An Oriant hai un cartel que sinala a distancia existente con Vigo (un irmanamento entre nós case esquecido), o famoso Mont St. Michel (patrimonio da humanidade) está irmandado con Cambados, a fermosa vila de Lannuon o está con Viveiro ou a mariñeira Plougon (situada ao pé da Pointe du Raz, o con da fisterra bretona) con Fisterra. Recuperar o pulo destas xemelagaxes, ás portas do Festival Intercéltico de Lorient 2009, onde Galicia será o país convidado, é unha iniciativa que as novas corporacións galegas deberían considerar. Non se deberían perder os fíos que unen estas dúas fisterras atlánticas.
Etiquetas:

Marcadores: ,

14.8.07

Caderno de Bretaña I

BREIZH. UNHA NACIÓN ESGAZADA
Viaxamos en coche, durante unha semana por Breizh, esoutra Fisterra do norte que todo galego leva dentro (Cunqueiro dixit!). A recente relectura de L' affiche rouge e o traballo de edición hai catro anos do libro de conversas con Carlos Núñez aviveceron a nosa curiosidade por percorrer os vellos camiños da península de Armórica. Fóra de alimentar e desmitificar mitos celtistas (dos que somos razoablemente escépticos), a viaxe foi gozosa, moi intensa visualmente, ademais de resultarnos clarificadora sobre a situación dunha nación esgazada polo estado francés en dúas rexións administrativas, a de "Bretagne", con capital en Roazhon (Rennes), sobre tres millóns de habitantes, e a "Loire-Atlantique", con sede en Naoned (Nantes), e cun millón cen mil habitantes. Unha ruptura en duas rexións administrativas que supón que á Bretaña fáltalle unha quinta parte do seu territorio (en total 34.281 km2), un terzo da súa poboación e, o que é aínda máis importe, case a metade do seu PIB.
Os bretóns (moi orgullosos do seu país) amosan un forte sentimento identitario nacional, a pesar das diferenzas e fragmentacións existentes no seo do movemento político bretón como de que a súa lingua céltica (o brezhoneg falado de forma cotián por case 300.000 persoas) non posúe aínda un recoñecemento institucional semellante ao acadado polo galego, éuscaro ou catalán. O esforzo dos colexios Diwan (onde estudan uns dez mil alumnos e alumnas en bretón), a reivindicación lingüística promovida polo movemento Stourm ar Brezhoneg (Combate pola Lingua Bretoa) ou o esforzo dos eescritores e ditores bretóns (publican anualmente varias decenas de títulos, dirixidos sobre todo aos nenos e mozos), tentan abrir vieiros de esperanza para a recuperación da lingua e cultura bretoas (no marco da Carta europea das linguas minoritarias). Esta frase do escritor Yann-Bêr Piriou paréceme moi significativa deste combate lingüístico bretón: "Kement ger, kement lavar en hor yezh zo un akt a feiz en amzer da zont" ("Cada palabrra, cada frase na nosa lingua é un acto de fe no futuro").
A pesar das dificultades, o movemento a prol da recuperación do bretón vai gañando algúns espazos. Sobre todo no departamento de Finistere xa é adoito atopar a sinalización dos topónimos en bretón e en francés. Algúns políticos, como Jean-Yves Cozan (chegou a ser vice-presidente da Region de Bretagne e aparece fotografado con Carlos Núñez no seu libro de conversas) promoven accións decididas a prol da cultura bretona como a creación da Oficina da lingua bretona, organismo de planificación lingüística cofinanciado pola Region de Bretagne e polo estado francés con oficinas abertas en Rennes, Carhaix, Nantes e Plomeur.
Expresión deste esgazamento é a actual bandeira nacional (Gwenn ha du), creada en 1925 por Mor Van Marchal. A bandeira branca e negra –moi presente en institucións públicas, en moitas edificaciós privadas, en todos os actos culturais e primeiro souvenir do país– é considerada de forma unánime como o símbolo da identidade política e cultural bretona. Con todo, na nosa viaxe puidemos observar que o maior pulo da cultura bretoa reside no desenvolvemento da cultura marítima e do folclore (danzas, música, gastronomía, traxe e arquitectura).
Comentario á parte merecería o mito intercéltico da Keltia, moi presente nalgúns círculos culturais bretóns. Keltia estaría constituída hoxe polas seis nacións celtas modernas (Escocia, Mann, Irlanda, País de Gales, Cornualles e Bretaña). Dezaoito millóns de celtas europeos, que ocupan o noroeste de Europa entre os paralelos 47º e o 61º, e entre o 1º e o 11º meridiano. Á beira desta rede central de seis países celtas, existiría para os keltistas un segundo círculo de países celtas onde a poboación reinvindica raíces celtas mais ou menos importantes. Este sería o caso da Bohemia e, sobre todo de Galicia, Asturias e a provincia portuguesa do Minho.
Ao longo de toda a viaxe quedei coa dúbida de se este modelo bretón de nación esgazada non será o que lle poida agardar á nosa no futuro.
Etiquetas:

Marcadores: ,

5.8.07

Nomes de rueiro

No artigo da semana, a raíz do estudo sobre os nomes de muller nos rueiros, fago unha proposta para a renovación e feminización do da cidade de Vigo.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

4.8.07

"L' affiche rouge"



Onte presentamos L'affiche rouge, a primeira novela de Mario Regueira na terceira xornada da Feira do libro da Coruña. A intervención da profesora María do Cebreiro e o miniconcerto de Leo de Matamá (algó insólito na Feira) centraron un acto onde o autor ártabro foi moi arroupado polos seus compañeiros de xeración. Na miña intervención non puiden evitar recordar que a lectura desta cousa bonita produciume un estremecemento semellante ao que sufrín hai vinte e cinco anos cando o fixen con Dos anxos e dos mortos (conmemoramos o trinta aniversario da súa edición en Castrelos) de Anxo Rei Ballesteros.
A novela de Mario, como sucedeu coa de Anxo, está chamada a abrir un tempo literario novo na narrativa galega. "O que soñamos hai que conquistalo, hai que loitalo", comenta Xulio, un dos protagonistas da novela, no seu derradeiro diálogo, para deitar unha fenda de esperanza para unha novela que propón un diálogo interxeracional arredor dos mitos que constrúen a nación.
Unha novela que recomendo moi vivamente e da que agardamos impacientes a aparición das primeiras reseñas e valoracións.

O vídeo recolle a interpretación de Leo Ferré da canción homónima á novela, sobre texto de Louis Aragon.

Actualización (15-08-2007): Recomendo a visita a diversos blogs que fixeron crónicas sobre a presentación:
  • Ghanito (grande reportaxe fotográfica).
  • Zerovacas (propón un interesante debate sobre a "cuestión xeracional")
  • Mario (as reflexións do propio autor).
Etiquetas:

Marcadores: , , , , ,

"Terrorista", unha literatura atrevida

Agradécense moito críticas como as que Mar Pichel publica en Galicia hoxe sobre Terrorista, a novela que traducimos de John Updike. Sempre crin que a novela é importante e a tradución de Lara Domínguez para o galego excelente. Agardo que comece a ir desvelándose devagariño entre o público que procura textos de altura.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

3.8.07

TVE estreará dous novos programas sobre libros

Quen dixo que os libros non son para a televisión? Hoxe soubemos que TVE estreará en setembro dous novos programas sobre libros que serán emitidos en horario estelar. "Marcapáginas", un espazo de ficción, e "Página 2", unha revista literaria son as dúas apostas da canle pública que pretende con eles dobrar o tempo dedicado aos libros. Libro aberto, o programa da TVG con tan bos índices de audiencia e aceptación na súa primeira tempada, tomará exemplo e mudará na súa reentrada outonal o seu horario de emisión abandonando a madrugada?

Etiquetas:

Marcadores: ,

2.8.07

"Trece badaladas" en braille

Onte, ao remate do pregón da Feira do Libro, o delegado provincial da ONCE da Coruña entregou a Suso de Toro un exemplar da edición de Trece badaladas en braille. Esta é unha noticia significativa que amosa o compromiso da ONCE en continuar co seu compromiso de verquer á linguaxe braille unha parte significativa do corpus da actual literatura galega para que poida ser gozado e utilizado por persoas con deficiencias visuais. Este é un proceso iniciado xa hai anos, con enorme discreción, que merece ser recoñecido e necesita ser impulsado.

Etiquetas:

Marcadores: ,

Faleceu Victoria Díaz Cabanela

Onte, antes de comezar, a presentación do libro do profesor don Xesús Alonso Montero na primeira xornada da Feira do libro da Coruña, soubemos do falecemento de Victoria Díaz Cabanela, a admirada mestra, feminista e militante comunista coruñesa. Hoxe xornal.com, onde colaboraba, dá a noticia e varios obituarios a recordan. Aconsello a lectura da derradeira e estremecedora anotación que Victoria publicou en xornal.com, onde relata cómo sufriu o infarto.
Ao fío desta tan triste perda e parolando na viaxe de volta da presentación (un grande éxito de público e unha intervención vibrante e con moita agulla do autor), o profesor comentábame a súa decepción polo escaso tratamento que os medios impresos de maior difusión en Galicia proporcionan a este tipo de noticias, nos que existe escasa tradición do xénero do obituario [o caso contrario sería a da edición nacional de El Pais que dedica atención a esta cuestión]. Recordoume o profesor o falecemento de Manuel Barros, o máis veterano militante comunista de Redondela (un dos presos da illa de San Simón), que a pasada semana foi enterrado en Reboreda sen que apenas os medios deran noticia ningunha.
O noso recordo emocionado, tanto para Victoria como para Manolo Barros. Que a terra que axudaron a fertilizar cos seus gromos de liberdade e xustiza, lles sexa leve.

Marcadores:

1.8.07

O pregón de Suso de Toro

Co pregón de Suso de Toro comeza hoxe a Feira do Libro da Coruña. Recollemos unha boa parte do interesantísimo texto do autor de Home sen nome no referido ao libro, a lectura e as bibliotecas públicas:

"O libro [...] ten ese carácter case personal, o lector le no libro e dialoga con el. Se non gusta del déixao quedar arrombado, se lle reina mergúllase nel e disfruta, outras veces, párase e discute con el, nega o que di ou para a pensalo, a discutilo. O diálogo entre quen escribe e quen le a través dun libro é un diálogo democrático. Baséase na liberdade do lector sempre, se o lector non gusta do libro o libro será unha máquina que non funcione, que non consiga comunicar aquilo que o autor pretendeu.
O libro é unha máquina moi fráxil pois esa comunicación é delicadísima. Todo o humano é delicado, fráxil, pois somos unha marabillosa máquina caída das estrelas e feita de carne.
Mais sendo fráxil o libro é poderosísismo: As transformacións da nosa civilización nos últimos cincocentos anos foron posibeis grazas ao libro.
O libro era o lugar onde vivía o texto escrito. Hoxe ocorreu unha transformación, o texto xa non vive exclusivamente no libro, está tamén, e sobre todo, nas pantallas. Non debemos ver isto como algo malo, pois a Rede, Internet, permite que todos leamos e tamén escribamos texto. Internet permítenos a todos enviar mensaxes, non só recibilos. Ten un aspecto democrático indudábel.
Mais se as pantallas se fan exclusivas liquidarán ao libro. E o libro é o que crea individuos. A lectura é un acto solitario, un acto individual, individualizador. Lendo estamos sós. Mais non estamos incomunicados, estamos dialogando cun autor, cun texto. Un texto que moitas veces é producto de moitas persoas, de tradicións colectivas, é un diálogo con outro, con moitos outros.
E estando sós, lendo, estamos a soas con alguén importantísimo, nós propios. A soas con un mesmo. A lectura é a ximnasia do “eu”, da identidade personal. Os medios estimulan o noso abandono, buscan fascinarnos, que abramos os ouvidos, os ollos, a boca... A nosa entrega total, quere que nos disolvamos, que deixemos de ser. A lectura en cambio é esixente, quere que sexamos, que esteamos aí, máis ou menos atentos. Lendo entramos no texto mais nunca é un labirinto do que non poidamos saír, sempre hai un camiño de volta e sempre mantemos a conciencia. A lectura respecta á nosa intelixencia e integridade, e lendo respectámonos.
A lectura individual, a lectura personal, o libro, é o grande invento moderno e, á súa vez, a lectura é a inventora da modernidade, do individudo ilustrado e con criterio propio. O individuo que cre na persoa, o que esixe respecto para as persoas, para si propio, para os demais. A lectura, e o libro, evolucione como evolucione, seguirá a ser o alimento dos individuos con sentido da dignidade personal. O alimento dos cidadáns.
E si, o libro, como as estradas, os portos e aeroportos, o alumado, a sanidade ou a escola pública, precisa apoio. Un apoio democrático, claro. Sen populismos.
E a garantía de que vai seguir habendo libros ao alcance do cidadán foi, é e seguirá a ser a biblioteca pública e mais o libreiro. Non se trata de regalar ou tirar cos libros, trátase de que, nunha sociedade no que hai diñeiro para consumir a eito, os cidadáns, que previamente adquiriron a capacidade e mais o hábito de ler na escola, teñan perto de onde viven unha biblioteca e mais unha librería na que encontren alimento para a súa cidadanía: libros.
Falei de feiras, reclamándoas como a fonte da democracia, e falei de libros, que son os que forman individuos libres, cidadáns. Os protocolos dun pregón da feira do libro aconsellan tamén que se cite a localidade que acolle a feira dun modo encomiástico. A min non se me ocorre máis que dicir que das feiras da Galiza esta feira da Coruña é onde máis libros se venden. Contra a visión tópica das cousas, eu considero que é un grande mérito cívico."

Etiquetas:

Marcadores: , , , ,