31.8.05

País da esperanza

O pasado ano fomos visitar á familia nosa de Brasil. Estivemos onda eles en Cabo Frío, en Río e en San Paulo. Ningunha das viaxes que fixemos bateunos no corazón máis intensamente ca esta. Regresamos convencidos, por se tiñamos algunha dúbida, de que Brasil somos nós. Este é o país da esperanza, o espazo máis futurista da humanidade, onde a barbarie da insostenibilidade do modelo urbano dá a man en calquera recanto ás experiencias socialmente máis transformadoras que se están xerando. A lectura estes días das dúas atinadas e luminosas reportaxes de Josep Ramoneda encheunos de saudades que matamos escoitando os cedés que alí mercamos de Paulinho da Viola e Teresa Cristina.

Marcadores:

Día mundial dos blos


Hoxe é o día mundial dos blos. Rogerio recompila as recomendacións para quen queira conmemoralo.

Marcadores: ,

A importancia da creación cultural

Recomendo vivamente este artigo moi certeiro de Fernán Vello onde se reitera o carácter estratéxico da creación cultural para o país.

Marcadores:

29.8.05

Números

Por coñecidos non deixan de abraiarme estes números que achega Sonia.

Marcadores:

Campo do Fragoso I

DEBUT PROMETEDOR
Dous alustros de xenialidade foron suficientes para intuír que neste regreso do inferno da segunda podemos aspirar a volver gozar do xogo da serpe. Un xenial esquerdazo de falta indirecta de Gustavo López, a memoria daquel equipo que tanto nos fixo soñar, e un cacheirón de tiraliñas do batallador Baiano, tras outra subida veloz de Núñez, abondaron para noquear a un ordenado e teimoso Málaga. Porque o domingo gozamos máis coas marabillas que intuímos poden chegar no futuro que coa beleza do xogo que presenciamos. Durante a maior parte do encontro, a pesar de manter o debuxo táctico polo que apostou Fernando Vázquez (4-2-3-1), e coa excepción do derradeiro cuarto de hora, faltounos case sempre a pelota e o control do tempo de xogo, as dúas variables que fan a un equipo indiscutible gañador. Empregando este esquema, temos moito que mellorar no encaixe do xogo dos medios pivotes, onte Giovanella e Iriney (botouse en falta a Borja Oubiña), para proporcionar así maior solidez a defensa (a grande incógnita da eficacia do equipo) e permitir gañar terreo con maior facilidade á creatividade endiañada de Fabián Cannobio. Con todo, non temamos: o debut foi prometedor. Neste novo Celta intúese que hai moito talento e alternativas abondas para que os celtistas entoemos adoito en Balaídos a rianxeira.

Marcadores: , , ,

28.8.05

Cinema do Mar

Esta edición xaponesa do novo disco de Carlos (aparecida a mediados de xullo) inclúe temas de bandas sonoras ( The Mission, The Godfather, Barry Lyndon) e algunhas versións de temas clásicos (como a do bolero ou a do adaxo do Concierto de Aranjuez, que xa tocara en Castrelos o pasado ano). Xa me presta telo!!!

Marcadores:

En Xapón

Salvador Rodríguez adoita ofrecernos cada domingo no Estela unhas magníficas reportaxes, un xénero cada vez menos frecuentado na prensa. Hoxe publica unha excelente e documentadísima sobre a presenza da música galega en Xapón. Sen caer en tópicos nin en grandilocuencias, tan frecuentes cando falamos da nosa proxección internacional, debulla a presenza dende hai anos no país do sol nacente de Milladoiro, Luar na lubre, a Real Banda e Cuchús Pimentel.
A reportaxe informa tamén da xira que Carlos Núñez está realizando. Fedellando na web atopei noticia da estrea de Mar adentro e da edición en Xapón dun novo cedé do noso gaiteiro máis internacional (do que a reportaxe xa daba algunha noticia): Cinema do Mar. Espléndidas noticias para a nosa industria cultural.

Marcadores:

Galicia selección


Galicia selección.

Actualización (31-08-2005): en marcha.

Actualización (01-09-2005): Velaí o Castanhinho.

Marcadores:

27.8.05

Descontos nos libros de textos

Txetxu proporciona algunhas claves do funcionamento da política de descontos nos libros de texto que nestes días acometen algunhas grandes superficies. Carrefour asegura contar xa con 200.000 reservas (un millón e medio de libros, o 7% de todo o mercado español) que serán vendidos cun 25% de desconto, o que suporía (aseguran eles) un aforro de seis millóns de euros para os seus clientes.
Estes descontos, autorizados polos gobernos do PP e non modificados polo actual de Zapatero, non poden superar nunca o 25% do prezo sen ive, porcentaxe que coincide co desconto que lles realizamos os editores. U-lo beneficio para estas grandes superficies? Como poden rendabilizar os custos da xestión das reservas? Cales son as razóns de semellante política "social" destas grandes superficies? Que repercusións terá esta política para o sector libreiro tradicional (o de proximidade)? Son compatibles co espírito da política do prezo fixo? Como encaixarán coa futura lei do libro, prometida hai un ano pola ministra Carmen Calvo, e coa política de gratuidade que se anuncia?
En como se despeguen todas estas incógnitas e na dotación de lectura pública que se realice está boa parte da viabilidade do noso sector. A verdade é que as perspectivas, con tantas idas e voltas, con tantos pasos adiante e atrás dos responsables do ministerio, non parecen moi alentadoras.

Marcadores:

26.8.05

Vellas Maxestades

A verdade é que eu sempre fun dos Boíños. Sen embargo, impresiona a forza desta foto recente das Vellas e Satánicas Maxestades que acaban de iniciar a nova xira. Aquí pódese gozar de balde de catro das cancións do novo cd, A Bigger Band, que sairá á venda o 5 de setembro. Unha gozada.

Marcadores:

"O libro e as novas tecnoloxías"

Hoxe por fin convocamos o IIº Simposium sobre "O libro e a lectura" que nesta edición xirará arredor d' "O libro e as novas tecnoloxías". Seis conferencias, tres mesas redondas e un panel de experiencias (en total: trinta e dous ponentes) nos que se pretende reflexionar sobre o impacto das tecnoloxías dixitais sobre a edición, entendida como o proceso de creación editorial, fabricación, comercialización e promoción da creación cultural escrita.
Xa está confirmada a presenza como conferenciantes de Millán, Rogerio Santos e Leovigildo García-Bobadilla , así como a realización de debates sobre o futuro da edición e as NN.TT., a presenza do libro galego na Internet, e os blos e a creación cultural; así como un panel de experiencias sobre o emprego das tecnoloxías dixitais na promoción da lingua galega.
O Simposium -patrocinado por CEDRO, celebrarase os días 3 e 4 de novembro nas instalacións do Consello da Cultura Galega– está dirixido a profesionais da edición, profesorado e a todas aquelas persoas interesadas no mundo do libro e das NN.TT. Para asistir pode solicitarse información aquí.

25.8.05

Valerio

Sei que a pawley vaille interesar moito esta primeira crítica sobre a nova alfaia da factoría creativa montada por Xabier e Cobas.

Marcadores: , , ,

Nin patacón

Non deixaron nin unha cadela. Non o van ter doado.

Escritura para a rede

Vía libro de notas atopo un artigo interesante que constitúe todo un manual de estilo para a escritura na rede. Para o autor, claridade, sinxeleza e concreción, así como unha axeitada xestión dos enlaces son as claves para obter un texto lexible na rede.
Para sacarlle máis partido a este artigo, aconsello imprimilo e lelo devagariño no papel. É indubidable que a lectura en pantalla ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Mágoa que moitos textos na rede non o teñan en conta. Cómpre unha aprendizaxe desta técnica da escritura para a rede, poderemos tirar moito proveito.

Marcadores:

24.8.05

Libros o velocidade

Jordi Nadal e Paco García ofrecen un libro que para letraferidos non ten perda. O descubrimento débollo a Barandiarán. Obrigado.

Marcadores: , ,

23.8.05

Viaxe a Berlanga


Acompañei a Antón ata Berlanga de Duero. Fixemos mil trescentos quilómetros en pouco máis de vinte e a catro horas para visitar o Centro da Memoria da Cultura Escolar que están montando o catedrático Agustín Escolano e a súa compañeira a profesora Puri Lahoz.
Este vai ser o máis importante museo existente en España sobre manuais escolares non universitarios (aproveitamos a viaxe para achegar varios centos de pezas en galego). Folleamos algúns libros memorables, o que nos produciu unha grande emoción.
Este centro, instalado nunha magnífica casona do século XVI, declarada monumento nacional, pretende constituírse nun centro de documentación audiovisual de referencia internacional sobre a memoria escolar, tanto de docentes como de escolares. Un proxecto moi interesante, que agardamos reciba todos os apoios que merece tamaña proeza.
Na viaxe comprobamos o estado desolador do Monterrei queimado (as lapas chegaron ata a autovía, que semella serviu de cortalumes), que constrataba coas paisaxes luminosas da Ribera, pouco antes da vendima. Coñecimos, tamén fugazmente, San Baudilio (polos seus frescos románicos, chamada a capela sixtina castelá) e, á noitiña, ruamos pola vila de Frei Tomás de Berlanga, o descubridor das illas Galápagos. Non se pode pedir máis para tan pouco tempo.

Marcadores:

A industria dos incendios

Grazas ao Mr. dot chego a esta explicación tan plausible das razóns dos incendios que están arrasando Portugal. Por outra banda, Iván realiza un comentario moi interesante na páxina de Juan Varela sobre o que está sucedendo estes días en Galicia.
A foto que publica Mr.dot é tan desoladora coma o noso estado de ánimo.

Marcadores:

21.8.05

Ardemos

Así titulei o artigo da semana. A verdade é que lendo as noticias de hoxe creo que me quedei curto e moi piadoso cos pirómanos.
Revisando nas seccións de opinión, tanto dos medios impresos como dos dixitais, non atopo ningunha outra referencia a este problema. Ardemos e queremos mirar para outro lado?

Marcadores: , ,

O libro e o seu soporte

Barandiarán volve propoñer un debate sobre os límites da lectura máis aló do soporte: por que non chamamos lector ao que le na pantalla? Remítenos a outra súa reflexión anterior, sobre os límites do concepto da edición e do libro. A verdade é que concordo plenamente con esta análise: o traballo do editor está por riba do soporte (sexa o tradicional en papel, sexan os novos dixitais, ríxidos ou en liña), xa que o miolo do noso traballo está na selección, xerarquización e tratamento dos contidos (textuais, gráficos ou icónicos).
Por certo: lendo no mesmo blog de Barandiarán atopei un traballo de Millán que axudaría moito ao debate que anima jaureguizar sobre a propiedade intelectual na rede.

Marcadores: ,

20.8.05

Quen está detrás das lapas?

Vivín un día obsesionado polos incendios. Pola mañá, moi cediño, mentres escribía o artigo da semana (tituleino "Ardemos", pretendo interpretar todas as variables desta complexa situación) o zunido dos hidroavións sobre a ría alertoume sobre a magnitude do problema.
Diante da miña ventá comprobei que xa había lumes en Domaio, na aba da Lagoa da Guía ou na propia Madroa. Ao mediodía, camiño de Panxón o panorama da Serra do Galiñeiro era desolador: reaviváranse as frontes de Baíña, Peitieiros e Oia e unha mesta nube negra cubría todo o Val Miñor e a Serra da Grova.
Á noitiña, de volta para Sal, vindo pola autoestrada (alí se poden admirar as máis bonitas vistas de Sal), a situación era aínda moito máis preocupante: á altura do aeroporto de Peinador o incendio de Fornelos tiña unha fronte de lapas que semellaba abranguía varios quilómetros.
En Panxón nunha das terrazas preferidas do paseo, diante duns cafés e duns tés, especulamos con Josito sobre as motivacións destes desapiadados pirómanos e constatamos, por varias chamadas, a enorme precupación do goberno galego sobre a evolución ao longo do día da situación.
Diante de criminosos tan perigosos coma estes chiflados incendiarios (o 85% dos incendios son intencionados), que atentan frontalmente contra o patrimonio natural e contra o noso futuro, a Xustiza (entendo que a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza ) e as Administracións competentes (o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellaría de Medio Rural) debería poñer en claro diante da cidadanía galega cáles son os verdadeiros móbiles destes delincuentes.
Saben os meus amigos que, cando se constituíu o goberno conxunto, comentei en privado que tiña a intuición de que o primeiro problema serio a enfrontar sería a actuación desta vaga de pirómanos incontrolados. Infelizmente, o meu agoiro cumpriuse en toda regra. Quen está detrás destas lapas? Que podemos facer os cidadáns para apagalas de vez?

Marcadores:

18.8.05

Novos blos

Despois de moitos días sen facelo, dou unha longa virada e atopo cousas interesantes. Recomendo visitar: ollo da vaca, lousa digital e piscinas do mundo.

Marcadores:

Con valor

José María Barandiarán, ex-asesor de CEGAL e membro da consultoría Con+Valor, mantén un blog magnífico para reflexionar sobre a a edición, o mundo da libraría e a xestión do coñecemento. Unha fonte de información extraordinaria e un punto de encontro imprescindible nese necesario debate sobre a construción do futuro da cultura escrita. Recoméndoo moi vivamente a todas as persoas letraferidas. Bo, moi bo.

Marcadores:

17.8.05

Librarías soterradas


En Roma hai varias librarías de vello e de libro usado ubicadas en antigos pasos soterrados. A peonalización dalgunhas rúas do centro fixo inservibles estes espazos, agora recuperados para este uso comercial. Con todo, Italia é un país onde os libros de novidade son moi baratos, moito máis económicos que aquí. As edicións de peto non custan nunca máis de seis euros e as novidades de narrativa arredor dos dez. Manteñen a política do prezo fixo, aínda co inconveniente de que as novidades en rústica son descatalogadas decontado.
Vin poucas librarías independentes (xeralmente técnicas e universitarias), sendo as cadeas como Feltrinelli e Mel books (espazos amplos, cómodos, surtidísimos e, xeralmente, con cafetaría) as que levan o peso do negocio. En case todas elas véndense tamén discos (máis caros que en España, vinte euros os lanzamentos e trece nas series medias). Nas librarías italianas son habituais as promocións, empregando outros produtos como reclamo para a venda de libros.

Marcadores: ,

De volta

Seguindo o sabio consello de María non vou fardar do medio milleiro de fotos que fixen da viaxe nin enumerar o número de xeados, frapés, esprumatas e pizzas que catamos con entusiasmo.
De volta, o primeiro que fago para poñerme ao día é ler os faros atrasados e os bloglines de toda a semana. Atopo algunhas moi boas noticias (sobre todo a do nomeamento de Luis) e outras moi decepcionantes.
No artigo da semana intento chamar a atención sobre a alarmante situación da sinistralidade laboral, un tema do que, a pesar da súa gravidade, se fala moi pouco.

Marcadores: , ,

9.8.05

Fran Bueno

Onte presentaron a nova edición de Viñetas, onde este ano haberá unha exposición de Fran Bueno. Para min constitúe unha enorme alegría comprobar que a aposta teimosa de Fran saíu adiante. Asentado en Francia, dende hai algúns anos, publica nos Estados Unidos, con éxito a súa serie Noble Causes.
Fran comezou a publicar con nós, facendo moito libro de texto (páxinas e páxinas de cómic) e ilustrando algún merlín. Logo, foi un dos primeiros que apoiaron o proxecto de Golfiño, onde creou con Marilar a serie "Os escachapedras". Sempre crimos que podería seguir os pasos de Miguelanxo. Non nos equivocamos. Sentímonos moi orgullosos do seu éxito internacional.

Marcadores:

Novo fragmento de "Oeste"

Acaba de aparecer publicado outro fragmento de Oeste, a nova novela de Manuel Rivas, na revista Cañas.

Flora, La Niña, a quen Samantha, con máis envexa que sorna, chama A Liña, e mesmo ás veces A Liña da Concepción, está a interpretar un baile inusual en La Academia. Todo o seu corpo se expresa cunha seria implicación. A percusión dos pés de Flora conta unha historia de suspense no tamboril da tarima. Semella que só se refrean para escoitar. Poderían estar a contar o que sucede esta noite baixo o mesmo tellado. Hai tempo que os espectadores atentos saben que o baile de Flora deixou de formar parte do entreter, do animar, a medida que o seu corpo se foi afiando. Aínda que cando baila, pensa Samantha, as mans debuxan a lembranza dos corpos que foron. Esmirrada non está. É outra cousa. Cando non chove, todo o día pegada ao muro do Rompeolas. Ao vento mareiro do Orzán. Como un congro no secadoiro. Ao sol, como un animal da pedra. E agora dálle pola leria cos boxeadores, que xa podían vir facer gasto ao local. Non vai adelgazar! Xa o poeta lles chamou, a ela e a esa outra á que chaman Kif, que por algo será, “as heteras da intemperie”.
–A min non me soa nada ben –dixera Samantha, cando leu a Elexía a Flora e Kif.
–Pois ese poeta, por suposto con nome figurado –dixo Flora, sabedora de que títulos tiñan vara alta con Samantha–, é todo un señor médico. Proctólogo, para máis inri.
–E iso que é?
–Médico do pompis.
–Iso debe ser unha mina –dixo Samantha despois de cavilar se lle estaba ou non a tomar o pelo.
–Xa sabía que te ía interesar.
–Non está mal a poesía. As heteras da intemperie!
A Samantha non lle gusta que vaia tan de veras no espectáculo. E menos que saia de bailaor, en branco e negro, con pantalón e todo, o pelo recollido no sombreiro, e atreverse cunha farruca. Toda a vida por bulerías e a boas horas vén con estas. Dar a nota. Co entendidos que son na Coruña. Que até entenden de jazz.
–Agora, de vella, dálle polo arte.
Mais hoxe tamén escoita. Está no faiado, a axudar no parto de Milagres, e entende o código morse dos tacóns.


–Milagres? Ese non é nome serio para unha puta.
–Eu non son puta. Eu veño polo dos colchóns.
–Os colchóns?
–Si señora. Para lavalos e espelir a la.
Samantha estivo a piques de escachar a rir. Milagres era como unha aparición que repetía un contrasinal. Cando ela chegara ao barrio tamén dixera algo parecido. Tamén ela viña a espelir os colchóns. Ía dicirlle que na cidade xa había quen espelira a la. Na colchoería de Panadeiras, alí abaixo, coa súa grande horta, que se convertía no verán nun xigantesco manto de la a levedar co sol, coa alegría da la cando espile tamén todo o peso, toda a canseira. A fatiga entalada da la. Só que a ela, a Samantha, cando non era Samantha, que o que tiña que espelir xa era ela, espelir o seu corpo, levedalo e mazalo, e nun colchón de poma de millo ou de cortiza picada. Espelir e entrepernar.
–Milagres, eh? Pois eu tampouco son o Papa. Chámate como queiras.
Cando chegou, pensou en botala. Máis que inxenua, parecéralle de poucas luces. Decatouse axiña de que o que en realidade tiña era medo, moito medo. Xa había tempo que Samantha perdera a noción de medo, ou iso crera, mais a chegada de Milagres desenganouna. Había un remoto fío familiar entre elas. Por iso lla mandaran, con esa referencia. E iso púxoa furiosa por dentro. Foi ese detalle o que espertou o medo da longa anestesia. Como se lle meteran un furón na tobeira da memoria. Alí diante tiña a nena con corpo de muller. Unha nena que xa levara de todo enriba da cabeza. Unha nena que viña do medo da aldea e ía cara o medo da cidade. Dunha escravitude a outra. Darse un tempo. Esa foi a desculpa para non mandala de volta ao primeiro medo.
–Si, señora. Eu veño para espelir os colchóns.
–Os colchóns? Os colchóns e todo resto. Vas traballar como unha burra. Veña.
Acordou do faiado. Levantou a trapela e dixo no escuro: “Imos arranxar un sitio aquí. Unha cova no ceo”.
Agora está aí, a morder un pano branco, está a suar un resío que enchoupa a luz da lámpada e da candea que María Soliña, a mociña que ás veces canta fados, lle puxo a san Ramón Nonnato cunha fita de cor. Ten os ollos de medo asidos aos dela. O seu suor é frío porque ela está a doar todo o calor, a quentar toda a redoma do faiado. Samantha recorda e cala: É unha sorte para ti que esteas aquí, pois se cadra na aldea estarías soa, a desangrarte, e a casa tería os oídos tapados, e ninguén te estaría a ollar, ninguén devolvería o calor ao teu corpo.
Os tacóns de Flora son o latexo da casa. Transmiten un código de puntos e liñas que resoa polo estucado das paredes, soben polas escaleiras, abren as trapelas. É tan intenso, está tan perto o baile, retumba no teito, como se Flora bailara no tellado á luz do faro, que algo a distraen dos golpes de dentro, porque ese corpo que vén, ceo santo, é máis grande que ela.
Milagres non o sabe, mais Samantha púxolle debaixo da almofada unha chave para axudar no parto, para axudar a que se abra a porta esa da vida, a cona, dispensando, aínda que máis confía en que lle axude a infusión de ruda que lle recomendou a comadre. Porque hoxe a boa muller é comadre, mais tres meses antes viñera de aborteira. Non o podía crer, o do embarazo da moza. Cando o soubo, cando se decatou que non andaba rara, senón preñada, ou as dúas cousas, rara e preñada. Conseguiu disimular coa saia e as enaguas e cunha faixa de la que lle daba varias voltas á roda do corpo. Calada, fuxidía, todo o día a traballar, de costas, a cociñar, a facer as camas, e moi cedo a durmir no seu faiado.
–Tes frío, nena?
–É a humidade.
Samantha resumiu rumbosa cun aceno de xeografía corporal o seu vestiario de catro estacións: A bata de seda, o colar, os brincos, e a boquilla de fumar exipcios.
–Pois busca quen che agasalle un colar de ouro. Tapa moito.
Seguro que algunha das outras, as moi lerchas, o sabían. Se era así, non entendía o segredo. Cómplices do ocultamento, que favor lle facían? Poñerlle unha esfera de espiñas enriba da cabeza. Samantha tendía a interpretar calquera contrariedade na casa como algo persoal, fora o que fora. Como unha conspiración contra ela. Mais ela deixara medrar as unllas. Xa non era o primeiro ollo que lle arrincaba ás contrariedades. Ela vencera. Xa non se deixaba montar. Era ela quen escollía, quen montaba, por gusto, por diñeiro ou por capricho. Nos últimos tempos, só o facía polas tres cousas á vez. Por que o faría esa parva? Por que o faría Milagres?
–Chamade á Viúva.
Non conseguiran que a moza soltara prenda. A Viúva, que así, entre elas, só entre elas, chamaban a aborteira, aínda que tamén a trataban pola Boa Muller, ou a Comadre, segundo a encomenda, pois ben, a Viúva dixo que a crianza xa estaba lograda, que xa pasaría dos seis meses e que o mellor agora era levantarlle a espiñela á futura nai, que ben se lle vía que a tiña caída. Un brazo máis longo que o outro. Tres dedos de distancia. E que non lle deran de comer lebre porque se non a criatura ía durmir toda a vida cos ollos abertos. Isto dixérao en ton de broma. Non era moi corrente, o que falara en broma. Cada frase dirixida ás mulleres tiña a medida dunha braza e significaba sempre algo que cumpría gardar. Un día, moi seria, díxolles que o útero era unha “cámara sagrada”. As infeccións eran causa de moita mortandade. Así que falaba da hixiene como dun credo.
–Vas levar unha sorpresa, Samantha.
–Que sorpresa?
–Ai!

© Manuel Rivas Barrós

8.8.05

Rivas ao teatro

Manuel Rivas anunciou no programa El ojo crítico de hoxe, retransmitido dende a Feira, que acaba de rematar unha peza de teatro, O heroe, que será estreada por Sarabela no vindeiro mes de novembro, con motivo do vinte e cinco aniversario da compañía ourensá dirixida por Ánxeles Cuña. O heroe desenvolve o conto homónimo, protagonizado por un ex-lexionario que se transforma en subversivo. Xa se ve que o vindeiro outono ven cheo de novidades.

Marcadores:

Un libro por galego

Hoxe varios medios fanse eco dos datos do noso informe sobre a situación da edición en galego.

Actualización: 09-08: Galicia hoxe desprega máis información, recollendo a información que presentamos na roda de prensa do pasado 12 de xullo. Quedamos tan pampos como agradecidos.

Marcadores:

7.8.05

Cambio para Vigo

Hoxe no artigo semanal decidín abrir o debate cidadán sobre a necesidade dunha moción de censura. Touriño e Quintana deben tomar cartas no asunto, se non queren ter aberta unha perigosa vía de auga para o seu goberno.

Marcadores: , ,

Máis novas da Feira

De Silgar saímos pitando para Torre, onde quedara a media tarde con Camilo para revisar o orixinal do libro de ensaios novo. Acordamos titulalo A terra cantada.
Logo entrevisteime con Xoán Abeleira, que nos entregou hai varios meses un sorprendente libro fotográfico e biográfico sobre Man. Vaise titular A pegada de Man. Xoán está moi preocupado por cál pode ser o destino do museo de Camelle que deixou o artista alemán. O libro, agardo que o poidamos ter rematado antes de finais deste ano, pode ser un elemento que contribúa a salvar do esquezo ou mesmo impedir a desaparición de traballo artisticamente tan valioso e singular.
As presentacións da tarde foron un fervedoiro de xente. A agradable sorpresa foi a presenza a título persoal da nosa conselleira Ánxela Bugallo. Un detalle que moito lle agradecimos os editores. As palabras do poeta Ignacio Chao na presentación do libro de Ramiro foron certeiras, á altura da elegancia e ambición dunha obra das que penso van perdurar.
Mañá aconsello seguir, á hora do café, El ojo crítico que será emitido desde a feira. Arrate Sanmartín, a directora do programa, solicitoume información sobre a nova novela de Rivas, que será un dos entrevistados do programa. Coa xornada de onte, din por rematada a Feira deste ano. Xa me gustaría que o resto correran coma foi esta.
A verdade é que me sinto moi cansado e un pouco melancólico. Mañá, despois de resolver na oficina uns cantos asuntos urxentes (a pesar de ser agosto, o teléfono e as urxencias non paran), agardo poder coller unha semana de descanso. Na casa xa estamos os tres chapando as guías.

Marcadores:

Silgar

Onte ao mediodía presentamos o libro de Alvarellos na praia de Silgar. Foi a primeira vez que organizamos un acto literario nun areal, con boa parte dos asistentes preparados para darse un baño.
Aproveitamos para dar un paseo (a 35º) por esta cidade galega de vacacións. Comprobei que é unha mágoa a destrución sistemática e concienzuda da paisaxe natural de beiramar para converter esta vila mariñeira nun parque temático formigonado por onde pululan milleiros de veraneantes; con todo, aínda é o concello español que posúe maior número de bandeiras azuis.
Xaime Corral, o libreiro de Nós, despois da presentación, convidounos a xantar e logo levounos a Padriñán, onde o seu amigo M. creou hai dous anos a partir dunha pequena explotación familiar a Adega Eidos. Esta bodega pareceume un proxecto empresarial precioso. Tecnoloxía de última xeración (laboratorio, barricas e proceso de produción totalmente informatizado), arquitectura integrada na paisaxe, deseño atractivo e moderno dos produtos. Magníficos!!!
Nun mesmo día e nun mesmo concello, comprobamos que hai dous xeitos moi diferentes de entender cál debe ser o noso futuro: o da Galicia emprendedora, innovadora e respectuosa coa tradición, que procura aumentar o valor polo traballo; e o da Galicia colmatada e sumisa, que aspira a aumentar o valor polo negocio inmobiliario. Eu aposto polo modelo substentable dos Eidos.

Marcadores: ,

6.8.05

Tres libros de política

Estes días ando ultimando a edición de tres libros, que pretendo aparezan no outono, doutras tres persoas claves para entender Galicia nos últimos corenta anos: unhas conversas políticas e literarias con Méndez Ferrín, unha recompilación de traballos de Xosé Luís Barreiro Rivas sobre a guerra (O que eu sei e Bush non sabe), e un novo libro de ensaios políticos de Camilo Nogueira. Os tres falando a corazón aberto de Política, propoñendo rotas na cartografía do devir do noso tempo.
Forma parte das miñas esperanzas que un dos maiores beneficios que vaia achegar o novo goberno conxunto é propiciar na sociedade civil un gran debate sobre o futuro do país (Estatuto, financiamento, autogoberno, políticas sectoriais...), devolvéndolle así a dignidade e a racionalidade ao debate político. Nesa perspectiva pretendo presentar estes tres libros de política, protagonizados por tres persoas imprescindibles que teñen moito, moito que dicir na configuración deste novo tempo.

Marcadores:

5.8.05

Xerardor poético

Efectivamente, o xerador funciona de forma impresionante. Velaí o primeiro poemario electrónico galego. Poetas e editores convencionais debemos tomar moi boa nota. Beizóns para os aduaneiros.

Marcadores: ,

4.8.05

Día de Feira

Onte vivín un día moi intenso na Feira de Torre. Xantei cos Sumilleres n' O Secreto onde ultimamos os criterios de edición da guía 2006; da man destes expertos comer e beber coma reis está asegurado: o cava, o ribeiro e a ventresca á grella estaban, sinxelamente, formidables. Logo, entrevisteime con Isabel Castro Vázquez, a profesora que presentou en Towson a primeira tese de doutoramento sobre a obra de Manuel Rivas, texto que acordamos publicar o vindeiro ano. Máis tarde, estiven na nosa caseta falando un pedazo con J. (o noso heroe) e, xa, pouco antes de comezar as presentacións, coñecín ao meu admirado Martin Pawley (quedou pendente o noso café e a nosa conversa) e falei un anaquiño con Josito, María e Rosa (dúas mulleres sol).
As intervencións do serán foron magníficas. Sofía de Labañou e Souto estiveron moi lúcidos, cantando e contando (dous narradores oriais de estirpe), chegando Sofía a transformar co seu esconxuro dúas botellas de chapapote en dous litros de licor negro de café. Xenial!!! Logo, na segunda sesión, Pepe Neira relatounos as aventuras do primeiro rei galego da Amazonía e outros sucedidos da súa memoria inagotable emigrante.
Para rematar o día, Carlos e Xurxo convidáronos a cear no Monte Alto nécoras, percebes, navallas e abadexo (outra marabilla!!!). Baixei para Sal de madrugada, fartiño de tanta enchenta e máis contento cun cuco, conducindo amodiño e arrolado polo moumeo de Keita. Esta xente toda de Torre é unha marabilla. Quen pode facer réxime con eles?

Actualización 21:05: María subiu unha bonita reportaxe fotográfica da tarde. Non se lle escapou nada.

Actualización (2) 23.30
: na feira tamén parolei con naúfrago (escritor e grande animador cultural de Sal) e comentamos a sá envexa que como vigueses nos daba o bo ton da feira de Torre. Como se ve, e sen querelo, este serán xuntou a un bo fato de blogueiros (comentamos que se sabía que en Torre tamén estaba o máis grande polemista, mais eu non falei con el, coas ganas que tiña).

Marcadores:

3.8.05

Os trebóns de Xurxo

Hoxe viaxo á feira de Torre para presentar o novo libro de Xurxo. Souto é unha marabilla, un narrador poderoso que posúe a fluencia, a expresividade e a mirada dos nosos contadores populares. Unha tradición que asume de forma orgullosa e soubo reinventar e reconstruír empregando as linguaxes universais das emocións, da repichoca cascarilleira e da nosa lingua de estirpe. Xurxo é pura emoción, pura alegría verquida na alquimia de vidas que se inventan nun horizonte de esperanza. Este libro é unha cousa bonita, luminosa e cantareira. Un refacho de optimismo, que é moi de agradecer neste país de alegrías tan concisas. Beizóns para el.

Marcadores:

2.8.05

Syntagma 1

Recibín hoxe o primeiro número de Syntagma, a revista anual multilingüe do Instituto de Historia del Libro y de la Lectura. O deseño da portada e interiores de Alberto Corazón é soberbio, unha auténtica alfaia da arte da edición e exemplo paradigmático da disposición da maqueta segundo a composición áurea.
Interesoume a monografía sobre os dous sistemas editoriais canadianos, o francés e o inglés. Mágoa que non se poida consultar na rede.

Marcadores:

Moqueta no Obradoiro

Vin pola televisión o acto do Obradoiro e quedei ben chafado. Vaia por diante que non teño saudades ningunhas das bandas marciais doutrora, porén pareceume lamentable e innecesario cómo se intentou cubrir a praza con moqueta de cores.
O vídeo, o gaiteiro, os poemas de Seoane e Pimentel, e a Real Philarmonía: ben. O resto, penso que é máis prudente ser piadoso e non cualificalo con severidade.
A cerimonia pareceume fría e pretenciosa (lonxe da austeridade e sinxeleza pretendida), carente do ritmo, das sorpresas e das metáforas imprescindibles (alí non se deitou pinga ningunha de alegría) que marcasen unha secuencia narrativa de interese para o público. E o que máis lamento, os organizadores visualizaron nos asistentes unha disposición elitista (retratada, unha e outra vez, pola retransmisión) máis propia dun gabinete de comunicación que quere marcar distancias (os privilexiados convidados, diante sentados) que dunha auténtica exaltación popular (a xente, detrás, no poleiro das escadas da catedral). Errarron os organizadores con esta escenografía tan rebuscada que pretendía distanciarse explicitamente das gaiteiradas como, implicitamente, da imaxe das concentracións cívicas que alí se celebraron.
Había motivos dabondo para realizar unha cerimonia distinta e elegante que marcase nas formas a alborada deste tempo novo. Mais, tamén, existían razóns sobradas para recabar a participación da xente xa que, en definitiva, foi a maioría da cidadanía galega a que impuxo este goberno conxunto.
A verdade é que quedei chafado porque neste día tan sinalado agardaba aplausos máis entusiastas e maior emoción nas palabras e nas imaxes. Con todo, o importante é que mañá xa contaremos cun novo goberno. Isto é o decisivo.

Marcadores:

1.8.05

A dama das camelias

Urxencias editoriais obrigáronme esta fin de semana a facer unhas primeiras probas da tradución da primeira novela de Alexandre Dumas (fillo). A versión galega de Antonia Vega Prieto, publicada en Bivir, é magnífica. Non agardaba mergullarme tan doadamente no enredo dun amor imposible que dera pé á Traviata e, posteriormente, a Camille, a versión cinematográfica de Cukor, interpretada pola Garbo.
A tradución destes clásicos é unha das tarefas urxentes da nosa edición. Esforzos como os da Biblioteca Virtual da literatura universal en galego, que xa conta cunha importante nómina de obras, merecerían ser apoiados con decisión pola nova Consellaría de Cultura. Acometer un Plan Nacional de Tradución, acordado entre as asociacións de tradutores e editores e os responsables da administración, que permitise publicar un centenar destes títulos nun periodo de catro ou cinco anos, sería unha empresa que verdadeiramente merecería a pena.

Marcadores:

Avante!!!

Acertamos só dous resultados da nosa quiniela sobre as consellarías nacionalistas. Como supoñía houbo algunha sorpresa, aínda que se mantiveron os criterios previstos. As catro eleccións parécenme acertadas e ilusionantes. Na beira socialista, o perfil político escollido parece máis baixo, o que agardamos no empece a eficacia e o rigor que deles se agarda.
Coas eivas que puidera haber, o proceso de confección do acordo e do programa semellan modélicos e as declaracións do presidente intelixentes e esperanzadoras. Síntome orgulloso de pertencer a este país que colle tan decidido un novo rumbo. Agardemos que os temoneiros teñan a sorte que merecen e non baixen os brazos do seu esforzo. Avante!!!

Foto: Xurxo Lobato.

Marcadores: