NOVIDADES NO BAZARHussam propúxonos comezar a visita á Damasco polo Museo Nacional, un magnífico centro arqueolóxico (un chisco descoidado) onde se pode contemplar unha síntese das culturas milenarias deste espazo mediterráneo. A entrada principal do edificio está presidida por unha reconstrución do pórtico do pazo do deserto de Qasr Al Heir Al Gharbi, un bo exemplo do estilo eclético omella, con mestura de elementos persas e bizantinos. No interior hai salas moi interesantes, como a dedicada á cultura
Ugarit (a cultura fenicia que, a través da escritura silábica cuneiforme, creou o primeiro alfabeto completo, de 30 signos), a sala de
Mari (dedicado ao templo dos ollos grandes), as pezas de Tafas (o deus dos arameos) ou a dedicada á reconstrución da Sinagoga de Dura Europos (do século II) cuns frescos moi ben conservados.
Do Museo Nacional, saímos cara o Militar (que celebra a vitoria do 71 fronte a Israel), para logo visitar o mercado de artesanía Gozamos da cerimonia do té, por vez primeira, coa que os comerciantes inician o seu proceso demorado e paciente de sedución aos clientes. O noso anfitrión falaba un español moi fluído, avalado por unha fotografía, que presidía un local pequeniño moi acolledor, da raíña Sofía, acompañada da muller do presidente. Ante semellante argumento real e republicán ao tempo, e diante do engado das pezas, rendímonos e saímos con senllas bolsas petadas de manteis damascenos bordados en seda e duns fulares moi xeitosos, a un prezo que nos pareceu moi asequible (desta volta nin sequera regateamos).
Entramos na cidade vella (amurada dende a época romana) polo zoco Al Hamidiyya, o mercado cuberto máis importante (e "turístico", se en Siria se pode empregar este adxectivo) da cidade, onde atopamos a figura do augador. Paseniño adentrámonos no corazón do bazar onde, como sinalaba
Cunqueiro, había moitas novidades para a sorpresa dos nosos sentidos, especialmente as das "perfumarías á carta" e as das tendas de especies e froitos secos. Do templo de Xúpiter (apenas quedan en pé dúas columnas de estilo corintio de doce metros de altura) pasamos ao mercado da seda e, logo, ao Suq Al Jayatin, o zoco dos xastres. Perdémonos por nos sei cantos outros zocos e chegamos, sen sabelo, ao
Jan Asaad Basha (un jans ou almacén onde os comerciantes da seda gardaban a súa mercadoría, ao tempo que servían de pousada). Alí estaban Xosé Freixanes e a súa familia preparando a súa instalación.
Esfameados, suplicámoslles a Hussam unha pausa para tomar un bocado. Detrás da Mesquita Omella, sentadiños nuns tallos, detrás dunha madrasa, papamos cadanseu Shawrma, un prato de orixe turca, moi semellante ao que en Europa se coñece de xeito erróneo como kebab. Máis tarde comprobariamos que o polo é a carne máis consumida pola poboación siria, acompañado polas berenxenas e o cogombro, indispensables en todas as ensaladas.
Rematamos a paseata visitando a
Mesquita Omella, lugar sagrado dende o segundo milenio antes de C. (cando alí se rendía culto ao deus semítico Hadad), que tivo o seu apoxeo no período romano, logo transformado en igrexa cristiana dedicada a san Xoán Bautista e, xa dende o século VIII, como un dos máis emblemáticos templos do islam.
Impresiona a solidez deste edificio de 1.200 anos e a amplitude do grande patio, reflectindo sobre a súa superficie impoluta a tarde vencida. Con todo, non é a monumentalidade da mesquita o que sobrecolle o visitante. Entrar na sala oracións, cuberta de alfombras moles, e observar como os fieis se arremuíñan sobre o monumento de mármore, que conmemora o lugar onde supostamente foi enterrada a cabeza de san Xoán Bautista, dá moito que pensar sobre esta expresión relixiosa. Saímos ás presas do bazar, camiño do Hotel. Había que recoller os papeis para o debate, a fin de contas a iso vimos a esta terra melosa.
Marcadores: Cidades, Persoal