30.4.08

Os libreiros lanzan un SOS

Esta noticia de Galicia hoxe non me pasou desapercibida. A valente denuncia realizada pola Federación de Libreiros de Galicia demostra que, ademais de implementar novas políticas de fomento do libro e da lectura (como é o caso deste convenio asinado pola Consellaría de Cultura e Deporte e o Ministerio de Cultura para a dotación das bibliotecas galegas por medio de compras nas librarías, unha medida tan acertada como necesaria), cómpre tamén xestionalas coa mellor eficiencia. As economías das pequenas librarías galegas teñen marxe de manobra moi reducida, razón pola que se comprende este SOS que os libreiros emitiron onte, onde detectamos un aceno da agre melancolía da derrota.

Marcadores:

28.4.08

Publicidade revolucionaria


Vía Juan Gallo.

Marcadores: ,

27.4.08

Galicia plurilingüe

No artigo a semana propoño unha reflexión, que pretendemos continuar en vindeiras semanas, a raíz do decreto de uso e promoción do galego, sobre a necesidade dunha modelo de educación plurilingüe coma un grande consenso nacional, expresión do noso nivel de convivencia e civilizatorio.

Marcadores: , ,

26.4.08

Febre nas bancadas

Anagrama acaba de lanzar en Panorama de narrativas Fiebre en las gradas, unha nova edición do primeiro libro do meu admirado Nick Hornby, o narrador que mellor escribe de fútbol dos que coñezo. Estas son as memorias dun seareiro do Arsenal, desque o seu pai o levou, con apenas once anos, ao estado de Highbury e comprobou que "o espectáculo en forma de dor era un concepto totalmente novo" para el. O libro é moi divertido e melancólico, aínda que queda un pouco desfasado (publicouse en 1992), cando aínda non chegara ao clube londiniense Arsene Wenger nin contaban no centro do campo co xogo matemático de Cecs Fábregas. Con todo as opinións de Hornby sobre o momento actual do Arsenal poden seguirse dende o seu blog. Recomendo o libro ao meu amigo o editor e escritor Henrique Alvarellos.

Marcadores: ,

25.4.08

"A represión lingüística en Galiza"

Inmersos nun profundo debate sobre o futuro da lingua, acaba de chegarnos ao almacén A represión lingüística en Galiza no século XX, obra preparada pola profesora pontevedresa María Pilar Freitas Juvino. Un libro moi importante, froito da súa tese de doutoramento, sobre o que volveremos nos próximos días.

Marcadores: , ,

24.4.08

Educación plurilingüe

Pareceume magnífica esta iniciativa, promovida dende a Universidade de Vigo, coa intención de divulgar os contidos do decreto de promoción do galego no sistema educativo non universitario e de informarsobre a Europa plurilingüe.
Este intelixente traballo en man común é o que debera ter feito hai case un ano a Consellaría de Educación e apropia Secretaría Xeral de Política Lingüística. Beizóns aos promotores.

Marcadores:

A forza da túa asinatura


Non coñecía este vídeo de Amnistía Internacional, premiado en Cannes en 2007.
Vía Tíscar.

Marcadores: ,

23.4.08

Liberespazo

"Máis libros", o anuncio


O anuncio da campaña é xeitoso visualmente, aínda que me custa entender que non apareza, sequera nalgunha ráfaga, algún dos soportes convencionais de lectura, sexan os impresos ou as pantallas. Con todo, o máis frouxo, pareceume, o tópico de considerar a lectura como unha "actividade apaixonante", desbotando o concepto de utilidade na construción persoal. Mágoa que estes publicistas (entendo que coruñeses) non atinasen neste anuncio tanto como fixeron noutras ocasións anteriores.

Marcadores: , , , ,

22.4.08

Imprenta de tipos móbiles


Marcadores: ,

"Máis libros"

Polo pouco que puiden ver ata agora, a campaña Máis libros, incluída no Plan galego de Lectura, ten moi boas trazas. O concepto de lectura utilizado é o que vimos defendendo, situándoa por riba do soporte libro e do espazo onde se realiza. A aposta decidida pola libraría de cultura e pola biblioteca fundamental. O eslogan é moi acertado, vencellado a lectura cos valores da liberdade, subliñando así o seu carácter cívico. O deseño gráfico, baseado no protagonismo dos textos sobre diversos soportes cotiáns (briks de leite, rolos de facturas...) pareceume moi elegante. En definitiva, gustoume moito e levei unha boa alegría. A campaña promete. Porén, chamoume a atención, segundo puiden ver no vídeo da noticia de Vieiros, que na presentación da campaña da Consellaría de Cultura se colocasen sobre a mesa "monstros de libros" publicados por editoriais privadas co logotipo da Xunta de Galicia no lombo. Constitúe unha imaxe equívoca que pode levar a malentendidos e subliminalmente a afondar no prexuízo de sector subvencionado que dende tantos anos persegue aos editores privados galegos.

Marcadores: , ,

21.4.08

A homenaxe á Enrique X. Macías

O Máis alá de Vieiros publica unha anotación moi agarimosa e ben contextualizada sobre a homenaxe prevista ao noso amigo o músico Enrique X. Macías. Agardamos que as actividades previstas no mes de maio pola Consellaría de Cultura e a Concellaría de Cultura de Vigo estean á altura que se merece un dos nosos creadores máis interesantes da nosa contemporaneidade.

Marcadores:

Grazas, Maciño

Despois de cinco anos de render moi bos servizos, esta madrugada un erro fatal ("kernel panic") estragou o meu vello mac de bola. Quedamos, pois, sen ordenador na casa (desacougado que estou con algunhas perdas de información), razón pola que estes días teremos moitas dificultades para manter actualizadas estas brétemas. Volveremos cando contemos cun novo (hai que buscar as mellores ofertas). Pregamos desculpas.

Marcadores:

20.4.08

Campo do Fragoso LIX

SOUBO A POUCO
Os pouco máis de catro mil resistentes espallados polas bancadas estragadas de Balaídos acudimos ao estadio con escasas esperanzas de saír minimamente satisfeitos. Habituados a unha tempada de xogo nefasto e resultados decepcionantes, a vitoria raquítica fronte ao Hércules sóubonos a pouco. Outra xornada máis, quedamos co mel nos beizos de poder gozar dunha vitoria ampla e de non sufrir o desacougo de pedir medrosos á hora nos minutos finais. Onte o Celta, sen facer un partido doutro xoves (a esta altura, os celtistas somos de moi bo conformar), mereceu un resultado máis avultado polas numerosas oportunidades que elaborou e por un xogo de calidade moi superior ao dun Hércules anémico e desorganizado. Sen ter apenas problemas defensivos e, cada vez mellor asentado no medio de campo, onde a parella Rosada-Michu vai collendo o seu punto, os nosos aseñoraron o partido durante oitenta minutos, nos que tiveron oportunidades abondas para acadar un resultado máis amplo. O gol de Okkas, no minuto trece, anticipándose na área pequena á defensa alacantina e rematando un saque de falta de Larena dende o lateral, prometía que poderíamos asistir, por fin, a un encontro tranquilo. Poucos minutos despois, Núñez culminou cun pexegazo raso, magnífico, unha combinación de toda a dianteira, acción que repetiu, ben entrada a reanudación, con outro formidable disparo, dende trinta metros, repelido pola escuadra, que botou na mesma liña de gol. Michu tamén puido marcar cun cabezazo que lambeu o poste. Outrosí sucedeulle a un Diego Costa famento de gol, mais que non tivo o seu mellor día: ao comezo da segunda parte, o poste malogrou a súa fermosa chilena dende a área pequena; tampouco tivo fortuna e serenidade suficiente, noutro par de ocasións, para canear ao porteiro no momento decisivo. O Hércules, un equipiño de veteráns, de capa caída, coma o noso, conseguiu desfacerse do control celeste no derradeiro treito do partido, no que conseguiu a súa única chegada, un formidable remate ao longueiro de Ión Vélez, que nos puxo un nó na gorxa, demostrando que este Celta, mesmo cando gaña, é un equipo agónico de seu. Con todo, a vitoria aforra desacougos e o medo a imprevistos de última hora, colocando aos celestes no camiño de comezar o proxecto da vindeira tempada. Antonio López ten a oportunidade de foguear aos canteiráns nas xornadas que restan. Unha boa oportunidade para recuperar a ilusión perdida.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

Máis cidadanía

No artigo da semana critico a redución de horas de Filosofía, Historia e Educación Física, que a Consellaría de Educación introduce no decreto que regula o ordenamento e currículum do novo bacharelato. Fago miñas as palabras dos membros da asociación de profesores de Filosofía Sine Nómine que promoven un manifesto na rede sobre esta cuestión (pode asinarse aquí).

Marcadores: , ,

19.4.08

Memorable "Serán pola paz"

A de onte foi unha noite moi emocionante e memorable. Un milleiro de persoas (1000, non me trabuquei) ateigaron o Teatro Caixanova para participar no Serán pola paz, onde presentamos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz e celebramos o 25 aniversario de Educadores pola Paz. A presentación de Manolo Romón foi magnífica. Os discursos institucionais interesantes (especialmente o do alcalde Abel Caballero, que apostou por unha cultura de paz laica e pcomprometida). As intervencións dos autores dos libros acaídas (algunhas como as do teólogo Tamayo e o vicerreitor da Universidade de Lisboa, Luis Moita, extraordinarias). As lecturas dos poetas galegos e portugueses potentes. E as actuacións musicais memorables: Abe Rábade virtuoso, Uxía (a sorpresa non prevista no programa) saudosa e entrañable, e Berrogüetto (xa con Xavier Díaz) impresionante.
Porén, e a pesar de todo o expresado (o acto alongouse durante tres horas), o verdadeiramente importante desta noite inesquecible foi a homenaxe que todos lle rendemos á figura de Xesús R. Jares, ese orfebre da cultura de paz. Suso é unha autoridade mundial en Educación para a Paz, como puidemos comprobar pola presenza no acto de persoas chegadas de Latinoamérica (México, Colombia e Chile) e de diversos lugares da península coa única intención de abrazalo e expresarlle o seu recoñecemento. Ao longo da noite, eu que son un sentimental incorrixible, non puiden evitar quedar invadido polas saudades de hai vinte e cinco anos, cando os dous tiñamos arredor de vinte e cinco anos, e desde o grupiño de Nova Escola Galega de Vigo abrimos este vieiro de loita contra o conformismo e a desesperanza no eido educativo. Con todas as beizóns para Suso Jares.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

16.4.08

Normas do Hábitat

Se hai unha área no actual Goberno Galego da que nos poidamos sentir máis satisfeitos os cidadáns galegos progresistas é a da Consellaría de Vivenda. Dende o inicio da lexislatura, a conselleira do BNG Teresa Táboas ven acometendo un traballo rigoroso e teimudo chamado a provocar unha revolución de calado sobre aspecto tan complexo como é o da política de vivenda, un eido que afecta directamente á calidade de vida das persoas, ao rostro do territorio e, por que agachalo, tamén aos importantes intereses económicos en xogo (na construción de vivendas é onde se cocen hoxe as maiores fortunas). Despois de décadas de fracasos continuados das políticas públicas de acceso a vivenda (un dereito fundamental recollido na Constitución), a conselleira Táboas demostra que neste eido outra política é posible.
O primeiro e grande acerto da conselleira foi deseñar unha política estratéxica integral que abordase de forma transversal todos os ámbitos do problema: o regulamento das vivendas rurais, a recuperación dos cascos históricos e cidades monumentais, a política de chan, o mercado de vivenda protexida, os estándares construtivos, a participación corresponsable das administracións autonómicas e locais na xestión edificatoria e urbanística… Eidos todos eles inseridos nun modelo racional e sostible de organización territorial do país, de compensación de desigualdades sociais e territoriais, e de atención ás novas realidades sociais e comunitarias, expresados cun estilo político renovado baseado na discreción, austeridade e diálogo sectorial, o que non lle impide o exercicio da firmeza necesaria na defensa dos intereses colectivos (como sucedeu co presunto fraude das vivendas protexidas de Navia).
Entre o amplo abano de actuacións desenvolvidas nestes case tres anos de traballo do equipo de Teresa Táboas merecen o noso aplauso máis entusiasta pola súa afouteza as dúas “medidas corenta”: a que regula o solo urbanizable e as recentes “Normas do Hábitat Galego”. Non entendo, pois, a razón pola que os responsables socialistas da FEGAM, facendo seguidismo dos intereses dos construtores, pretenden boicotear a aplicación dunha norma aprobada polo goberno galego (onde eles están presentes). Ben debería o presidente Touriño clarificar a posición do seu partido. Este xogo partido non se entende.
Etiquetas:

Marcadores:

15.4.08

Editar é sexi

Esta anotación de Joaquín Rodríguez, con motivo da inauguración da feira do libro de Londres (onde anda estes días Fran Alonso, representando aos editores galegos), non ten desperdicio. A verdade é que ten razón a ministra de cultura británica, os editores, aínda que constituímos xeralmente a primeira industria cultural dun país (como sucede, tamén no caso galego), temos escaso poder de sedución sobre a sociedade e unha imaxe escasamente atractiva para a maior parte da cidadanía (só había que visitar a pasada semana a lánguida Feira do Libro de Compostela). Recuperar a capacidade de sedución que tivo a edición (mellor sería dicir, agora, a lectura) semella un reto que debemos afrontar.
Etiquetas:

Marcadores: ,

14 de abril, Vigo

Máis fotos, aquí.
Etiquetas:

Marcadores: ,

14.4.08

As luces da República

Os compañeiros da Asemblea Republicana de Vigo convidáronme a pronunciar unhas palabras con motivo da concentración republicana do 14 de abril. Reproduzo o texto que escribín.
Estimados compañeiros e compañeiras:
Reunímonos para recordar a xesta democrática que un día coma hoxe de hai setenta e sete anos protagonizaron os nosos avós. Facémolo sen nostalxia, sen saudades ningunhas, movidos pola convicción profunda de que aquel lume de esperanza acendido por eles o 14 de abil de 1931 continúa aceso na memoria de moitos corazóns, convencidos de que aqueles seus ideais de renovación democrática, de liberdade, de igualdade e fraternidade están hoxe plenamente vixentes. Aqueles ideais son, tamén, hoxe os nosos ideais.
Todos sabemos que nos reunimos nun espazo emblemático da memoria republicana viguesa. En fronte nosa, no muro do león de Pedro Domeq, contiguo ao edificio “El Moderno”, quedaron sinaladas as marcas de fusilaría que o 20 de xullo de 1936 acribillaron, tras a lectura do Bando de Guerra do capitán Antonio Carreró Verges, a Lenin Moreda Vázquez, un rapaz de só catorce anos, que o profesor don Xesús Alonso Montero considera o primeiro mártir vigués da represión.
Lembrar hoxe a efeméride do 14 de abril de 1931, un día que foi vivido pola xeración dos nosos avós como un auténtico estourido de alegría, é, ademais, un acto de estrita xustiza histórica; mais aínda nunha cidade como Vigo que, xunto a Eibar e Barcelona, se adiantou en proclamar, tras os resultados das eleccións municipais do 12 de abril, a chegada da nena bonita.
Efectivamente, foi o tipógrafo socialista Enrique Heraclio Botana (logo fusilado o 27 de agosto de 1936 en Pereiró, xunto a outros mártires), quen, en representación da xunta republicana viguesa, izou na tardiña daquel martes, catorce, a bandeira tricor na viguesa casa do concello. Abríanse así cinco anos nos que se realizou un colosal esforzo de modernización social baseado na consideración da “pedagoxía como a auténtica ciencia de transformar as sociedades” e na declaración dunha guerra aberta contra o analfabetismo e a ignorancia. Afirmábase así o valor central da educación e da cultura como luces para o progreso e para a convivencia cidadá. Só, alicerzados sobre estes valores, crían os dirixentes republicanos, se podería lograr que España fose unha auténtica democracia.
Estas ideas eductivas republicans, defendidas polos membros da Institución Libre de Enseñanza e do movemento de intelectuais rexeracionista, calaron tan fondo que, coa perspectiva do tempo transcorrido, debemos considerar a aquel período republicano como o dunha revolución educativa sen parangón na nosa historia. Tras a creación dunha escola primaria unificada (neutra, coeducadora, gratuita e obrigatoria), planificouse a construción de 27.000 mil escolas (2.200 en Galicia); acometéndose, tamén, a formación de mestres e pedagogos e a mobilización cultural promovida polo Patronato das Misións Pedagóxicas co obxecto, como sinalaba o director xeral de Instrución Pública Rafael Llopis, “de sacudir da modorra a esa España rural e inxusta que permanecía aferrada á tradición monárquica, liberando aos seus habitantes do caciquismo que caracterizou o réxime canovista e a ditadura de Primo de Rivera”.
As Misións Pedagóxicas chegaron a Galicia en 1933 contando coa participación do inesquecible Rafael Dieste, ou doutras figuras galegas como o poeta Lorenzo Varela, o pintor Urbano Lugrís ou Otero Espasandín. En medio centenar de poboacións galegas desenvolveron exposicións pitóricas polo día e charlas e proxeccións cinematográficas pola noite, ademais de contribuír a montar bibliotecas escolares, un feito inaudito, daquela: só na provincia de Pontevedra creáronse 155 en dous anos.
Aquelas luces educativas reformistas da Segunda República estendéronse ademais a un amplo programa de democratización e de procura de avances sociais: aprobouse o voto feminino, procurouse a incorporación da muller a algúns gobernos e procedeuse a separar a Igrexa e o Estado; aprobáronse os Estatutos de Autonomía de Cataluña, Euskadi e Galicia abríndose, por vez primeira, a posibilidade de construción dunha España plurinacional e do recoñecemento da súa diversidade lingüística e cultural.
Setenta e sete anos despois, cómpre recoñecer aquel esforzo de vitalidade democrática e transformación modernizadora emprendido nun intenso tempo de entusiasmo, truncado infelizmente pola intolerancia dos que se alzaron contra o poder lexitimamente constituído e acometeron unha feroz represión xenocida.
Xa é tempo de recuperar a historia e recoñecer dunha vez o esforzo realizado por todas aquelas persoas que prenderon e mantiveron contra vento e marea acesas as luces da República. Mais tamén este noso tempo é o acaído para expresar a vixencia e actualidade dos ideais republicáns de globalización de fraternidade, de finalización dos privilexios da igrexa e da coroa, de afirmación do laicismo na organización da sociedade, de honestidade e austeridade no exercicio do goberno e da profundización da participación da cidadanía na xestión do público.
Compañeiros e compañeiras: manteñamos acesas as luces da República.
Saúde e República!
Viva República!
O acto, cada ano máis concorrido, reuniu a máis de trescentas persoas.
Etiquetas: República

Marcadores: , ,

Campo do Fragoso LVIII

ABURRIDOS
Perdido o obxectivo do ascenso, un aburrimento insoportable asolagou Balaídos. O encontro vespertino do sábado fronte a unha decepcionante e temerosa Real Sociedade (que pola fraca actitude amosada, tamén vai ter moi difícil ascender) agoira que o derradeiro treito desta nefasta primeira tempada en segunda vai deixar as bancadas de Balaídos coma un auténtico ermo. Os poucos celtistas voluntariosos e pacientes que aínda acudimos ao estadio perdemos xornada a xornada os escasos azos que nos quedan nas nosas reservas de entusiasmo. Resulta absolutamente decepcionante contemplar o deambular apático e vencido do noso equipo sobre a lameira, incapaz de atopar un vieiro certo da vitoria ou de amosar sequera aos seus afeccionados resistentes que conta cunha alma aínda non completamente derrotada. Saíu a Real de Juanma Lillo co equipo moi adiantado, chegando con moita facilidade á portaría de Esteban, semellando que viña a facerse cun encontro vital para as súas aspiracións de ascenso. Cando os donostiarras mareaban co seu fútbol combinatorio aos celestes, un inesperado cabezazo de Lequi –tras un bo servizo de Larena dende o recanto e un estrepitoso fallo de marcaxe da defensa vasca– os puxo por diante no minuto vinte e sete. Mais, como xa é adoito, o espellismo dunha posible vitoria céltica non durou nin vinte minutos. Perdida a batalla do centro do campo, onde o traballo solitario de Michu (Rosada non compareceu neste partido) non abondaba para controlar o de Garitano e Martí, e sen bandas ningunhas por onde rachar, un recorte de libro a Lucas permitiu que Castillo centrase moi cómodo dende o extremo da área e que Díaz de Cerio empatase a pracer, cando remataba o primeiro tempo. Aí rematou o escaso fútbol que se viu no encontro. A segunda parte foi aburridísima. A Real achantouse, sometida a un pánico inexplicable e arrepiante, apaxando a pelota mais renunciando a arriscarse a levar un partido que tiña na man fronte a un rival tan endeble e desmotivado. O Celta defendeuse con certa orde e mesmo, nos minutos finais, co público adurmiñado e bocexante, amagou con algún contraataque de certo perigo, mais xa era tarde para intentar recuperar tanto tempo estragado. Finalizado tan aburrido “espectáculo”, tras o ritual minuto de asubíos da bancada dirixido ao señor Mouriño, os afeccionados collemos os paraugas para intentar defendernos do ballón. Coa que estaba caendo sobre Balaídos, mellor era abrigarse.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

13.4.08

Una má de contes


Este programa de TV3 non podía ser emulado en galego pola TVG?
Vía Laie CCCB

Marcadores: , ,

Serán pola paz

No artigo da semana, con motivo da celebración o vindeiro venres en Vigo do Serán pola paz, realizo un breve percorrido polo traballo do grupo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Recomendo moi vivamente participar neste acto literario-musical no que presentaremos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz. Sei que aínda quedan unhas poucas entradas. É moi previsible que completemos o aforo de case 800 persoas. As entradas poden retirarse nas oficinas da Concellaría de Educación de Vigo.

Marcadores: , , , ,

12.4.08

Arte con libros

O escultor australiano Nicholas Jones fai estas pezas a partir de libros. Os libros impresos, ademais de para ser lidos, poden ser transofrmados e moldeados como arxila?
Vía Alessandro Martins. A quen lle interese esta utilidade pode consultar outras anotacións sobre "arte con libros".

Marcadores: ,

10.4.08

Xerais blog

Dende hai unha semana estamos desenvolvendo unha versión beta do primeiro blog da editorial. A nosa intención é utilizalo como soporte de comunicación de noticias, presentacións e novidades e de participación dos lectores e lectoras. Pretendemos, ademais, utilizar algunhas das utilidades que nos proporciona a ferramenta para publicar algúns monográficos. Unha vez consolidado e mellorado este primeiro modelo, queremos abrir outros blogs especializados no ámbito educativo e de fomento de lectura. Cremos que esta rede de blogs debe ser o eixo da nosa comunicación editorial na rede.
Etiquetas:

Marcadores: ,

9.4.08

Entrevista a Xaime Corral

Esta mañá gustei moitas das opinións de Xaime Corral, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, recollidas nunha entrevista que publica Faro de Vigo, con motivo da celebración dos premios Irmandade do Libro en Sanxenxo, onde acudiremos o vindeiro sábado. Corral, un dos mellores coñecedores do mundo da lectura en Galicia, defende a dimensión cultural da libraría, ao tempo que diagnostica algúns dos principais problemas do sector do libro:
"Lo digo un poco sarcásticamente cuando se habla de que los jóvenes no leen. Me pregunto qué leen nuestros políticos, los jueces, los médicos, los periodistas, y me temo que si lo vemos, nos llevaríamos una sorpresa o un disgusto, ¿los jóvenes no leen pero los médicos, los jueces o los periodistas sí? El mejor consejo es leer y dar ejemplo."

"El librero es un profesional que además de vender un producto cultural informa, prescribe, habla, en un lugar, la librería, que es un espacio para la convivencia. Hay que potenciar la dimensión cultural del negocio, convertir a la librería en epicentro cultural del barrio y no tardar ni un minuto más en aplicar las nuevas tecnologías."

"Hay estudios que indican que se producen un millón de ejemplares al día, y estamos ante esa disyuntiva: publicar más o mejor, y mi opinión es que necesitamos entrar en un capítulo sosegado, parar la indigestión de títulos, publicar menos y de mayor calidad."
Etiquetas:

Marcadores:

8.4.08

Blogs e wiquis


Vía Tiscar.

Marcadores: ,

7.4.08

Premios da edición en Galicia

Moi oportuna a proposta de hoxe de Ferrín sobre a necesidade de ampliar os Premios Nacionais de Cultura aos diversos xéneros literarios.
Diante do debate social suscitado, quizais conviría que os responsables da Consellaría de Cultura explicasen como entenden a posta en marcha do artigo 21 da Lei do libro e a lectura, aprobada por unanimidade do Parlmento Galego e co apoio de todo o sector do libro, no que se fai referencia a "Premios, bolsas e outros recoñecementos". En concreto o artigo establece e este teor:
"A Xunta de Galicia outorgará, en colaboración cos axentes do sector, os premios da edición de Galicia ás mellores obras publicadas en galego cada ano –narrativa, poesía, teatro, ensaio e literatura infantil e xuvenil–, á mellor tradución, ás obras mellor editadas e aos mellores labores editorial e de fomento da lectura, ás obras mellor ilustradas e outros".
Se non nos trabucamos na interpretación do texto, estes premios da edición non deberían ser incompatibles coa convocatoria dos anunciados Premios Nacionais de Cultura. Razón pola que agardamos a súa próxima convocatoria, o que constituiría unha excelente e moi agardada noticia para o mundo da lectura en galego.

Marcadores: ,

6.4.08

"O señor Lugrís e a negra sombra", Premio da Crítica 2007

Estamos entusiasmados coa noticia. Dende que no mes de agosto pasado anunciamos a súa aparición crimos que O señor Lugrís e a negra sombra era unha obra das importantes. A crítica recoñézeo. Beizóns e abrazos para Luís, un dos nosos novelistas primeiros.

Marcadores: , , ,

A revolución da tradución

Moi xeitosa a ampla reportaxe de Faro de Vigo sobre a actual "revolución da tradución" no mundo editorial galego e as dificultades dos tradutores e tradutoras. Algunhas das anécdotas que contan as tradutoras son magníficas. Quedo con esta prodixiosa que conta Marga Rodríguez Marcuño, a tradutora d' O segundo sexo: "Recordo ese momento en que acabo a derradeira revisión do prólogo na madrugada do día 9 de xaneiro (de 2008), xusto 100 anos despois de ter nacido Simone. Ela nacera ás catro da mañá". A iso podemos chamalo "providencia laica".

Marcadores:

A Ría somos nós

No artigo da semana, diante da intención da Autoridade Portuaria de Vigo de acometer novos recheos na Ría, propoño unha reflexión historica que pode axudar a entender a irracionalidade coa que se levou sempre o proceso de crecemento do porto. Levamos cento cincuenta anos empedrando o noso primeiro patrimonio. Con certeza que debería haber outra solución para a potenciación do porto de Vigo que non pasase por estragar a plataforma do noso anfiteatro.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

5.4.08

Escritoras na RAG

Aledeimei moito do nomeamento da Margarita Ledo Andión como novo membro da Academia Galega. Un recoñecemento xustísimo á traxectoria de Marga, vencellada ao mundo da creación literaria, do audiovisual e da comunicación, un perfil que moderniza a institución e a obrigará a dialogar máis estreitamente coa contemporeneidade. Ao mesmo tempo, a presenza de Margarita axuda a reparar o carácter patriarcal da Academia, onde a presenza de mulleres, a pesar das últimas incorporacións, é cativa.
No entanto, fago miñas as palabras de Fran Alonso reivindicando a entrada na Academia de María Xosé Queizán, unha personalidade fulcral da cultura galega dos últimos cincuenta anos, que dende hai moito tempo xa debería de formar parte da institución. María Xosé, alén do seu compromiso político feminista, toca con alento todos os paos da nosa creación cultural: narradora, poeta, autora dramática, ensaísta, tradutora, directora de hai vinte anos dunha revista de cultura, activista a prol da lingua e non sei cántas cousas máis. Beicemos a entrada merecidísima de Margarita Ledo Andión, a seguinte incoporación debería ser a de María Xosé Queizán.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

Industriais culturais a debate

Hoxe Faro de Vigo publica dúas páxinas do debate que sobre o futuro das industrias culturais en Galicia mantivemos con José Antonio Perozo e Ignacio López Chaves. Ao longo da conversa insistín no que entendo son as catro liñas básicas para o desenvolvemento das industriais culturais en Galicia e en galego:
"Primeira, unha política cultural pública de carácter transversal, de carácter estratéxico, que ata de agora non existíu; segunda, vencellada á normalización lingüística como sinal de identidade cultural; terceiro, a internacionalización, porque non somos un sector somentes interior; por último, a creación de industrias culturais ten que estar vencellada á innovación tecnolóxica, se non, non hai futuro".

Marcadores:

3.4.08

Xosé María Álvarez Blázquez, WebQuest ESO

Publicouse unha interesante WebQuest sobre a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, deseñada polos responsables das bibliotecas escolares do IES Afonso X O Sabio (Cambre) e o IES de Fene. Un recurso didáctico valioso para traballar nos centros de ESO a homenaxe do 17 de maio.
Por outra banda, dende a editorial estes días mandamos a fabricar A cidade e os días, obra que publicamos en colaboración co concello de Vigo; Xosé María Álvarez Blázquez. Unha Fotobiografía, volume preparado por Afonso Álvarez Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez. Unidade didáctica, preparada por Irene Pérez Pintos. Rematamos así o proxecto de publicacións sobre a figura tan querida e salientable de don Xosé María.

Marcadores: , , ,

2.4.08

Os Encontros de Bilbliotecas Escolares en directo

Mañá falaremos nos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares sobre "A lectura en galego no marco da nova literacidade: o caso dos blogs". O máis pavero do asunto é que vai ser retransmitido en directo por Internet. Agardo non estar moi espeso ás catro da tarde. Prego, polo tanto, que as persoas que o vexan sexan benevolentes. Non me vin noutra coma esta.

Marcadores: ,

Ángela Iglesias Rebollar e José Niebla García

Hoxe recibín na caixa de correo un saúdo dende Barcelona do neto de Ángela Iglesias Rebollar, unha das mulleres asasinadas ás que recordabamos no noso artigo do domingo. O correo, moi agarimoso, achega información moi clarificadora sobre a peripecia de Ángela e do seu home (José Niebla García). Polo seu indubidable interese histórico transcribo tres dos seus parágrafos:
"Veo que de mi abuela es quizá de la que menos información tenéis y me ofrezco para contaros lo que sé, que tampoco es mucho. Hace un par de años, mi padre (es el José que mencionas en tu texto) y yo pedimos permiso al Ministerio de Defensa para consultar el archivo militar del Ferrol. Allí encontramos el legajo de un consejo de guerra a uno de los "fuxidos" que mi abuela tenía refugiado en su casa y allí también encontramos por primera vez testimonios directos de cómo mis abuelos perdieron la vida. Mejor dicho, se la quitaron violenta y salvajemente. En el legajo aparecen las declaraciones de los que participaron en la redada y como poco después aparecieron los cadáveres de mis abuelos asesinados por balas por la espalda. Y muchos comentarios sobre el hecho de que mi abuela era "protestante" y desafecta al régimen.También tengo testimonios de como guardias civiles y falangistas participaron en aquellos hechos. No sé donde estan los cuerpos de mis abuelos, pero si se que su recuerdo está vivo en nosotros, especialmente en mi padre, que se quedó huérfano a los 4 años. Y no sólo perdió a sus padres, también le separaron de su hermano Eliseo, a quien no volvió a ver hasta transcurridos 40 años, en la década de los 70.La hermana de Angela Iglesias, Maruja, aún vive. Es mi abuela-madrina. Cumplió 100 años el pasado mes de octubre..."
Moito agradecemos esta información que axudará a restaurar a memoria de Ángela Iglesias Rebollar e José Niebla García. Grazas, moitas grazas.

Marcadores: ,

II Feira proxecto-edición

Ten moi boa pinta o programa da IIª Feira do proxecto-edición.

Clicando na imaxe pode lerse o programa.

Marcadores: , ,

IIº Premio Teatro Radiofónico

Despois de fallado o IIº Premio de Teatro Radiofónico, hoxe ultimamos a entrada en imprenta do libro e do cedé coas tres obras premiadas. A presentación está prevista para o 17 de abril no Teatro Principal de Pontevedra e a comercialización do libro cedé nas librarías para a derradeira semana de mes.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

1.4.08

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil


A sección do IBBY de Thailandia foi este ano a designada para preparar o texto e o cartel da xornada do 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O autor do texto e do cartel foi Chakrabhan Posayakrit. Traducimos o texto, a partir da versión española de Laura Canteros (Imaginaria):
"Os libros iluminan, o coñecemento encanta
A busca de coñecemento mediante a lectura debe ser unha prioridade e é fundamental estimulala dende a infancia.
Na miña opinión, sobre a base dunha cultura e tradición sublimes, dende tempos inmemoriais inculcouse nos nenos thailandeses o desexo de adquirir coñecemento por medio da lectura. Os pais son os seus primeros mestres e os relixiosos son os seus mentores éticos, os que guían e educan intelectual e mentalmente aos mozos tanto en asuntos terreais como espirituais.
Para crear esta pintura inspireime en recoñecidas tradicións thailandesas, que comprenden dende a narración de contos aos nenos ata a aprendizaxe mediante a lectura de textos escritos sobre follas de palmeira que se colocan sobre pequenas mesas pregables deseñadas exclusivamente co propósito de ler.
Os contos escritos sobre follas de palmeira adoitan provir da tradición budista. Relatan a vida de Buda e transmiten as historias dos "jatakas"* coa noble intención de cultivar as mentes novas e infundir nelas fe, imaxinación e principios morais.
Chakrabhand Posayakrit

* "Jataka" (en pali e sánscrito, "nacemento"): Colección de contos recompilados arredor do século IV a.Xto. cuxos protagonistas son o Buda (en sánscrito, "iluminado") e os seus discípulos en encarnacións previas. No imaxinario popular considéraselles perlas de sabedoría que abrollaron dos beizos de Buda (Siddharta Gautama) en persoa. Cada conto comeza cunha reflexión sobre o feito que motiva o seu relato e remata coa identificación por parte do Buda dos personaxes da anécdota introdutoria con persoas do pasado. Caracterízanse pola súa diversidade e humor. Divídense en "jatakas" canónicos, que suman 547 e nos que a encarnación previa do Buda é sempre un ser humano, e en "jatakas" non canónicos, relatos folclóricos anteriores á aparición do budismo aínda que os seus personaxes principais se identificaron co Buda e os seus discípulos e nos que o Buda encarnou nun animal durante as súas vidas pasadas. En todos os casos o Buda exemplifica unha virtude que o relato busca inculcar.
Os "jatakas" inspiraron numerosas obras de arte, en especial pinturas e esculturas, en todo o ámbito de influenza do budismo e recoñéceselles como antecedente de obras literarias universais como as fábulas de Esopo."

Clicando no texto, agrándase a ilustración.

Marcadores: ,

Jürg Schubiger, premio Andersen 2008

O autor suízo Jürg Schubiger foi o gañador do Premio Andersen 2008 (o nobel da LIX), anunciado onte na Feira de Bologna. O pasado ano publicamos Así comezou todo, un libro que escribiu xunto co poeta Franz Hohler. Schubiger combina a actividade de escritor coa de psicoterapeuta en Zürich e Tessin. As súas primeiras historias publicáronse en 1971 baixo o título Die vorgezeigten Dinge, cun prólogo do propio autor que comeza coas seguintes palabras:
"Presentar a Jürg Schubiger é un gran pracer, pois levou a vida dun auténtico poeta. A súa mocidade está marcada por continuas expulsións de diferentes centros escolares, así como por oficios da máis diversa índole, como xardineiro no sur de Francia, viticultor en Tessin e leñador en Córsega. Tampouco lle falta a experiencia de interromper a súa formación como cortador de cartón cando estaba a piques de rematala, e finalmente a súa obstinación por recuperar o tempo perdido preparando de forma autodidacta o bacharelato, indo á Universidade de Zürich e mais escribindo unha tesiña sobre A metamorfose de Kafka".

Dende 1978, Schubiger dedícase sobre todo a escribir historias para nenos. Entre nós é coñecido só por dúas obras: Cuando el mundo era joven todavía, obra pola que obtivo o Premio Nacional Alemán de Literatura Infantil, e polo xa citado Así comezou todo. 34 historias sobre a orixe do mundo, traducido para o galego por Patricia Buján.
Na categoría de ilustración, o Andersen 2008 foi para Roberto Innocenti, de quen Kalandraka publicou o seu extraordinario Pinocchio e A historia de Erika.
Estes Andersen son dúas oportunidades para volver sobre a obra destes autores fundamentais, dos que afortunadamente xa hai unha mostra das súas obras en galego (o que demostra a madurez da nosa oferta).
Etiquetas:

Marcadores: , , ,