24.2.09

Brétemas muda a blogaliza

Despois de catro anos con blogger estás brétemas mudan para a comunidade de blogaliza. A partir de hoxe estamos aquí, onde iniciamos con enorme ilusión as Brétemas 2.0 Como a casa nova está aínda en obras, faltan algunhas cousiñas. Prego tomedes nota do novo enderezo e saibades desculpar os inconvenientes que esta mudanza vos poida ocasionar.

Marcadores: ,

«Rosalía 21»

Hoxe é «Día de Rosalía», conmemoramos o 172 aniversario do nacemento da nosa poeta primeira. Con este motivo aparece Rosalía 21, o libro colectivo de ensaios do proxecto multiartístico coordinado por Anxo Angueira. Un libro ben fermoso para unha data que non debe pasar desapercibida.

Marcadores: , ,

23.2.09

Entrevista en Radio Nacional

Onte domingo foi emitida na desconexión do mediodía de RNE para Galicia unha entrevista que me fixeron con motivo do trinta aniversario da editorial. Hoxe varios medios publican algunhas das miñas afirmacións recollidas por Europa Press.

Marcadores: ,

22.2.09

«A primeira paraula en catalá»


Vía Carlos Callón.

Marcadores: ,

A campaña da FPG


A FPG está promovendo unha campaña ben xeitosa. Merece o noso interese o anuncio e a cuña, pasando polos textos do blog do candidato (X.L. Méndez Ferrín), ao completo programa. Sería magnífico que a esquerda independentista que defende a República Galega entrase no Hórreo.

Marcadores: , ,

Morreu Lois Barros

Gonzalo Amoedo, o noso bo amigo de Redondela, envíanos este correo dando conta do falecemento de Lois Barros:
Durante esta madrugada morreu, logo dunha longa doenza que o foi murchando pouco a pouco, Lois Barros, autor de Galeguismo e sociedade na Redondela da IIª República, así como da páxina web Indiredo, dende a que propulsou a Liga Veciñal polo Voto Nulo nas derradeiras eleccións municipais, en Redondela. Lois, vello militante da ANPG que nunca renunciou ao nacionalismo, pero si a súa militancia política, foi o ideólogo e alicerce desta Liga Veciñal polo Voto Nulo, que conseguira daquela recoller un nada desprezable dez por cento do desencanto dos veciños, cansados de tanto mal uso da política, e foi tamén, xunto ao desaparecido Jaime Serín, un dos fundadores do Colectivo Republicano de Redondela. Esta tarde, a última hora, o seu corpo será trasladado ao tanatorio de Mañó, desta vila.
As nosas condolencias para todos os seus.

Marcadores:

Campo do Fragoso LXXII

RIDÍCULO
O Éibar gañou con todo merecemento e autoridade a un Celta ridículo, sen corazón nin cabeciña ningunha, un equipo o noso que hai un mes perdeu o horizonte do seu soño. Tras seis partidos sen coñecer a vitoria, anotando na táboa clasificatoria só dous puntos de dezaoito posibles, o equipo de Pepe Murcia descartouse onte de forma definitiva das candidaturas ao ascenso, colocándose na perigosa desputa dos postos de descenso a segunda división B. A de onte foi unha noite importante para os apenas cinco mil celtistas que contra vento e marea resistimos en Balaídos. Tras a primeira media hora de xogo, cando afogando ao Celta no medio do campo os eibarritarras bailaron os nosos até deixalos en completo ridículo, comprendimos que estabamos asistindo á cerimonia do definitivo fracaso da tempada e, por ende, do proxecto deportivo acuñado por ese nefasto personaxe para o celtismo chamado Ramón Martínez, responsable primeiro da confección dun cadro de xogadores moi frouxo e desequilibrado e da contratación dun adestrador que xornada a xornada demostra non estar á altura técnica que precisa un club que pretende ascender a primeira división. Foi, outra vez máis, a entrada no terreo de xogo de Trashorras no minuto trinta e dous da primeira parte a que permitiu que os celestes gañasen o control da pelota e os dianteiros comezasen a visitar a área vasca. A piques de rematar a primeira parte, Ghilas, moi desafortunado e nervioso, non soubo aproveitar en dúas ocasións senllos magníficos servizos de Dani Abalo e Dinei. Porén, o Éibar tivo a fortuna de abrir o marcador dous minutos despois de comezada a reanudación, grazas a un golazo de Carlier que soubo aproveitar un fallo garrafal de Trashorras. Mais a xogada clave do encontro chegaría só uns minutos despois, cando Ghilas errou no lanzamento dun penalti cometido contra David Rodríguez. Antes do lanzamento, como sucedera tamén hai quince días fronte ao Castelló, o arxelino, Trashorras e David Rodríguez litixiaron sobre quen debería facelo, liorta vergonzosa que amosa a total falta de autoridade e criterio do técnico. Desaproveitado o penalti, os celestes quedaron noqueados, dominaban sen chispa e sen convicción de obter a remontada, febleza que aproveitou Sutil convertindo unha formidable volea, moi aplaudida polos afeccionados galegos, que deixou sentenciado o encontro. A partir dese momento, consumouse o divorcio dos seareiros co equipo, especialmente co adestrador, que recibía estrondosos asubíos solicitando o seu cese. Pouco importou que faltando tres minutos, David Rodríguez conseguise marcar, cando xa ninguén acreditaba nas posibilidades nin sequera dun empate. O ridículo, e a vergonza que nos fai pasar cada semana este Celta de Mouriño e Ramón Martínez, é infinito. Seguimos co pesadelo.

Marcadores: , , ,

Benvido, deus Momo

No artigo da semana saúdo a chegada do deus Momo, o rei do do refundado entroido vigués.

Marcadores: , , ,

21.2.09

Todos os entroidos

Aquí podemos consultar todos os entroidos galegos.

Marcadores: ,

20.2.09

Caramba, señor Bermejo!

Quintana en Oia

Se foi tal como o contan hoxe diversos medios, trátase dun erro lamentable, e non abonda para desculpalo co argumento de que non foi un acto organizado polo BNG nin pola Vicepresidencia ou que a súa denuncia forma parte da «campaña contra o nacionalismo». Por moito agarimo e simpatía que teñamos a Quintana, non podemos evitar que un esvarón deste tipo nos lembre unha cultura política que xa tiñamos esquecida. Mágoa que unha campaña electoral excelente como a que ven desenvolvendo Quin poida ter sido luxada por un erro tan lamentable como o cometido polos organizadores do acto de Oia. [O feito chama máis a miña atención por que as persoas maiores forman parte do centro do meu barrio.]

Marcadores:

19.2.09

Os partidos e o libro

Interesante esta información de culturagalega.org na que se recollen as propostas programáticas dos tres partidos arredor do libro e da edición. Todas as tres fan referencia na lei de bibliotecas e no apoio á industria editorial. O Partido Popular propón dedicar o 2010 como «Ano da Lectura», unha proposta que temos feito repetidamente nestas brétemas.

Marcadores: ,

Escola dixital

Hoxe participei en Madrid nunha reunión onde se valoraron algunhas iniciativas de escola dixital das que se están desenvolvendo en España. Nesta liña, semella significativo o anuncio realizado pola xove ministra de Educación italiana Mariastella Gelmini : dentro de cinco anos os libros de textos de primaria e secundaria serán substituídos por outros en formato dixital.

Marcadores: ,

18.2.09

Un erro gravísimo de Feijoo

A cancelación do debate a tres por parte da CRTVG, obrigada pola estratexia de Feijoo, creo que liquida as posibilidades (escasas) do PP-G de obter a maioría absoluta. Sei que estes días a moitos nos entrou o medo no corpo diante da decepcionante campaña de Touriño, que moi pouco pode mobilizar aos indecisos progresistas a acudir votar. No obstante, o erro do equipo de campaña de Feijoo de forzar até o límite a estratexia dos debates a dous, devólvelle alento a Touriño, que pode coller un certo acougo. No entanto, como a votación non acade o 60% de participación, o bipartito (a pesar dos nobles esforzos e da boa campaña de Quintana) pódeo ter difícil. Quen dixo que as campañas electorais non servían para nada?

Marcadores: ,

16.2.09

«Se resides, decides»

Adherinme á plataforma «Se resides, decides». Velaí a declaración fundacional:
O pasado 12 de Febreiro foi constituída en Compostela unha plataforma cidadá que baixo o lema «Se resides, decides» traballará por conseguir a reforma en profundidade da actual Lei Orgánica de Rexime Electoral Xeral (LOREG, 5/1985) que regula o dereito de sufraxio e o seu exercicio.
A iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercício do dereito a voto –e todo o que ese exercicio leva aparellado– ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, inmigrantes).
Trátase como é sabido dun problema que a nosa sociedade arrasta desde hai moito tempo e que nos últimos anos adquiriu proporcións que dificilmente pode admitir unha sociedade que se reclama democrática.
Co seu lema, «Se resides, decides», a plataforma deixa claro que entende que o voto há de ser un dereito de residencia, non de sangue e, nese sentido, traballará para que o exercicio dese dereito sexa recoñecido de maneira efectiva a todas as persoas que residen de forma estábel e permanente na nosa comunidade. Traballará asi mesmo para que os dereitos que se recoñezan ás persoas de orixe galega que residen de maneira permanente no estranxeiro se regulen de acordo con esa situación.
A plataforma prevé desenvolver a sua campaña en duas fases ben diferenciadas.
Na primeira, que culminará o 1º de Marzo, dirixirase a todos os partidos e coalicións que presentan candidatura a estas eleccións para os instar a adquiriren o compromiso público e firme de iniciar, imediatamente a seguir a constitución do próximo Parlamento Galego, todas as xestións que estean ao seu alcance (tanto no ámbito autonómico como no estatal) para que a LOREG de 1985 sexa imediatamente derrogada.
Na segunda, a plataforma traballará para que a nova lei contemple as súas reivindicacións, que cré son compartida pola esmagadora maioiria da sociedade galega. Nese sentido, actuará perante os poderes públicos e realizará unha ampla campaña de sensiblización social.
En breve, a plataforma dará a coñecer o enderezo da sua páxina web que estará aberta a todas aquelas persoas e colectivos que queiran prestar o seu apoio á iniciativa.
Compostela, 14 de Febreiro de 2009

Marcadores: ,

15.2.09

Galician Literature in English Translation

Jonathan Dunne, hoxe o mellor tradutor da literatura galega ao inglés, actualiza a súa páxina persoal na que vai recollendo todos os textos da literatura galega traducidos ao inglés. Unha panorámica ben interesante composta por quince títulos individuais (de autores e autoras clásicos e contemporáneos) e dez antoloxías (tres delas de Rosalía de Castro). Jonathan Dunne traballa na tradución e edición dunha Antoloxía da Literatura galega (1196-1982), na que se inclúen as escolmas de 51 escritores e académicos, que debería constituír (temos prevista a súa edición no verán de 2010) a tarxeta de presentación do corpus histórico da literatura galega no ámbito da fala inglesa. O esforzo individual e altruísta de Dunne (actualmente vive en Sofía) amosa o útil que sería para a proxección internacional da literatura galega contar cunha humilde oficina pública na que sen grandilocuencias se fosen sistematizando os recursos existentes.

Recomendo seguir o blog que abriu Dunne estes días.

Marcadores: ,

Transversalidade

No artigo da semana analizo algúns dos datos da enquisa máis recente do CIS (pode baixars en pdf) e propoño unha reflexión para que na previsible segunda lexislatura do bipartito algunhas cuestións pendentes, temas de país, sexan abordados dende unha perspectiva transversal.

Marcadores: , , ,

14.2.09

O meu twitter

Aquí o twitter de brétemas. Para seguir a conversa.

Marcadores: ,

13.2.09

«Protexta 09»

Mañá distribúese cos periódicos do grupo La Capital o novo número de Protexta, o magnífico trimestral literario de Tempos novos. Por agora, xa se pode descargar un adianto, a entrevista de Bieito Iglesias a Gao Xingjian. Coordinado, agora, por Ana Salgado, o número promete: entrevista nas páxinas centrais a Manuel Rivas, e críticas dos seus dous recentes libros de xornalismo literario; ademais dun boa restra de críticas de novidades (que alentan a nosa curiosidade). Parabéns o novo equipo de Protexta, un soporte fundamental na nosa crítica literaria independente.

Marcadores: ,

Olladas Atlánticas

Olladas Atlánticas é un libro de relatos de Daniel Lavesedo en formato dixital. Poderíamos definilo como o primeiro e-book literario galego. Pode descargarse (o pdf, por 2,60 euros) dende o espazo web da editora Luarna, unha editora dixital multilingüe, que recomenda como soportes móbiles de lectura dixital os sony reader e o irex iliad. Os nosos parabéns a Dani, polo seu labor pioneiro.

Marcadores: , ,

12.2.09

«Nos camiños do entusiasmo", presentación en Compostela

Hoxe presentamos,ás 20:30 horas na Libraría Pedreira de Santiago (rúa do Home santo 55) Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación o ensaio de Goretti Sanmartín. Participaremos no acto xunto a Teresa Moure e a autora. Este ensaio constitúe unha reflexión potente sobre o proceso de recuperación de usos da lingua e do seu prestixio social. Entre as súas numerosas reflexións e propostas, quédome con esta, que me parece fulcral: precisamos un modelo de normalizacion no que a defensa do idioma e a súa calidade vaian unidas. «Os procedementos son a propia política.» Estades todos convidados.

Marcadores: , ,

11.2.09

Appanah en galego

Nacida en Illa Mauricio, con trinta e tantos anos, Nathacha Appanah é unha das narradoras máis orixinais en lingua francesa. Porén, a súa obra permance inédita en castelán, existindo no mercado apenas a tradución dunha das súas novelas en catalán e outra en éuscaro. Encargámoslle a Emma Lázare a tradución de Le dernier frère, a súa última novela, aclamada o pasado ano en Francia polos lectores (obtivo os premios dos lectores da FNAC 2007 e dos lectores de L' Express 2008) e pola crítica. A verdade é que quedamos moi satisfeitos do resultado da tradución. Unha novela moi conmovedora e emocionante sobre a amizade. O derradeiro irmán estará dispoñible nas librarías galegas a finais deste mes de febreiro. Agardo que guste, tamén, aos lectores e lectoras en galego.

Marcadores: , , ,

10.2.09

Kindle 2

Como xa anunciabamos hai tres días, o luns foi a estrea de Kindle 2 de Amazon. As expectativas desta presentación son grandes.


Hoxe son moitas as referencias na prensa sobre esta cuestión. Outra volta, como sinala Millán, abriuse nos medios o debate sobre o futuro do libro. Estou de acordo co mestre Txetxu Barandiarán: a chegada do e-book levará o seu tempo, sobre todo por que aínda estamos na fase do prototipado e os editores valoramos a desputa con cautela. A loita entre os formatos de lectores portables continúa. Non teño dúbida que o novo Kindle é atractivo, mais ten a enorme dificultade do seu carácter pechado (Amazon emula a estratexia de Apple co Ipod), o que obriga unha concentración na distribución dos contidos, con todos os perigos que un monopolio desta clase pode provocar para a liberdade de edición.

Marcadores: , ,

9.2.09

Campo do Fragoso LXXI

DESILUSIÓN
Na matinal de onte o Castellón gañou cos maiores merecementos a un Celta que volve dirixir a súa faciana cara o abismo. Nas últimas tres semanas os celestes obtiveron apenas un punto de doce en xogo, malogrando o esforzo da súa difícil remontada outonal e afastándose moito (non sabemos si xa definitivamente) das prazas clasificatorias onde é posible soñar, as únicas nas que os celtistas queremos ver ao noso equipo. Despois de partidos tan decepcionantes coma estes catro pasados medra a nosa convicción de que os maiores problemas deste Celta da Concursal non son só os económicos, senón tamén aqueles referidos a súa pobre dirección técnica, tanto a dos despachos de Praza de España como a do banco de Balaídos. O Celta debe ser o único equipo das categorías profesionais que deixa fóra por razóns técnicas a maior parte dos seus xogadores extracomunitarios, a todas luces, coa honrosa excepción de Dinei, fichaxes fallidas do actual director deportivo celeste. Outrosí sucede no banco do estadio, onde Pepe Murcia amosa cada domingo as súas enormes limitacións tácticas e escasa intuición para xestionar os partidos. O Celta debe ser, tamén, o único conxunto desta igualadísima competición de segunda división que sistematicamente deixa fóra do equipo inicial ao seu xogador de mellor toque e calidade técnica (Trashorras); como, tamén, debe ser un dos poucos conxuntos que emprega idéntico esquema (4-4-2) para todos os partidos, tanto ten que sexa local ou fose visitante. Toda unha lección de torpe e desesperante terquedade á que nos ten afeitos o noso actual adestrador. Con este mesmo guión discorreu, liña por liña, o encontro fronte a Castellón, un equipo moi xeitoso que viña con esta lección ben aprendida. Abondoulle para controlar o partido adiantar a súa defensa e concentrar xogadores na mediana, realizando dende alí un traballo brutal de presión que asfixiou aos de Murcia que non atopaban outra solución que guindar puntapés imprecisos sobre Dinei e David Rodríguez. Froito deste esforzo posicional os castellonenses tiveron a súa primeira oportunidade de marcar transcorridos sete minutos, que axiña souberon concretar un cuarto de hora despois. Atado por semellante presión, cun Oubiña aínda en rodaxe e cuns extremos onte moi desafortunados, o Celta naufragou desentendéndose do coidado da pelota. Houbo que agardar á entrada de Trashorras, tarde, moi tarde, cando o marcador xa sinalaba 0-2, para que o equipo gañase en sentido de xogo e comezase a crear ocasións de perigo. Porén, xa non había tempo para a remontada, mais aínda cando pouco axudaba a pésima arbitraxe. Esta clara derrota anuncia que o camiño da segunda división pode ser moi longo. A desilusión volve a bancada.

Marcadores: , , ,

8.2.09

Luns sen clase por temporal

Mañá, luns 9 de febreiro, suspéndense as clases de todo o ensino non universitario e das galescolas. Neste novo temporal funcionou a coordinación entre os dous polos do goberno, ao tempo que esta información (máis completa que noutras ocasións) está fluíndo pola rede e chegando ás comunidades educativas a grande velocidade.
Con carácter xeral a Dirección Xeral de Protección Civil aconsella a toda a poboación adoptar medidas de autoprotección fronte a «chegada dun fenómeno de meteoroloxía adversa a nvel de alerta laranxa por vento en terra» mañá luns. «Segundo as informacións recibidas da Axencia Estatal de Meteoroloxía, prevense refachos de compoñente sudoeste de máis de 100 quilómetros á hora. Así, recoméndase evitar os desprazamentos, retirar obxectos que poidan caer á rúa dende balcóns, fiestras e tellados e afastarse de edificios en ruína ou construción, árbores e paneis publicitarios.» Engadido que se agardan «precipitacións que poderán acumular ata 40 litros por metros cadrado en 12 horas, o que se corresponde cun nivel de alerta amarelo. Este fenómeno meteorolóxico adverso afectará, especialmente, á provincia de Pontevedra desde as primeiras horas de mañá e ata a madrugada do martes.» Pois, iso, a ter coidadiño. Aí ven outra galerna...

Marcadores:

Rotundo fracaso de Galicia Bilingüe



Fotos Manuel Vilas (A Nosa Terra). [Moitas grazas]
Reunir só dúas mil cincocentas persoas ou, segundo fontes policiais, sete mil (a pesar de traer autobuses de fóra de Galicia e contar co apoio mediático de Rosa Díez) é un fracaso rotundo da manifestación de Galicia Bilingüe. A «posición Corina», asumida pola dirección do Partido Popular de Galicia, levou a que despois de case dúas décadas de contención os conservadores galegos camiñasen en público da man de sectores fascistas e de ultradereita enarborando a bandeira española. Un erro clamoroso do PPG que, en plena campaña electoral, volve situarse nas posicións rancias da vella AP. U-lo centro político onde Alberto Núñez Feijoo quere recuperar a maioría? Mágoa que a dura actuación policial sobre os independentistas que defendían a lingua agache nos medios este enorme fracaso de Galicia Bilingüe. Como moi atinadamente valora o comunicado emitido hoxe pola Mesa pola Normalización Lingüística esta escasa afluencia á manifestación supón un «enorme batacazo» tanto para os convocantes como para o Partido Popular que co seu apoio visualiza a ruptura do consenso lingüístico. Un fracaso que pon ás claras, tamén, o desinterese da maioría abrumadora da cidadanía galega por estas posicións intolerantes contra a lingua galega cada vez máis identificadas cos prexuízos de clase de sectores da pequena burguesía urbana. A desfeita que supón esta semente de división social, inevitablemente, conleva de forma inmediata unha enorme dificultade para acadar consensos futuros e anuncia que os dous temas centrais da campaña electoral serán (quen o díría hai uns meses?) a crise económica e o futuro da lingua.

Marcadores:

Barómetro da lectura 2008, melloras en Galicia


O Barómetro da Lectura 2008 da Federación de Gremios de Editores de España achega boas novidades. Se os comparamos cos datos de 2007, comprobamos con alegría que o pasado ano Galicia aumentou o seu índice de lectura, a pesar de que a nivel de todo o estado diminúe, abandonando así, por vez primeira desde que existe este estudo, as tres derradeiras posicións entre as comunidades autónomas. Segundo o barómetro o 52,6% dos galegos maiores de 14 anos serían lectores, o que supón un incremento do 1,4% con respecto a 2007; situándose por riba dos índices de Estremadura, Andalucía, Castela A Mancha e Murcia. No entanto, o índice galego sitúase por baixo da media estatal (54,6%), ao tempo que enmarcado na tendencia dos últimos cinco anos (51,6%), aínda se sitúa no terceiro posto pola cola. Tamén son mellores que en estudos anteriores, as estimacións dos índices de lectura en galego, xa que o 6,3% dos lectores en Galicia (4,9% en 2007) lerían habitualmente en galego (22,2% en catalán en Cataluña), porcentaxe que chegarían ao 59,2% cando sumamos o idioma habitual e ocasional de lectura (54,9% en 2007). Con respecto aos habitos de compra de libros, o estudo estima que en Galicia a compra de libros en galego supón o 7,3% (24% en catalán en Cataluña), o que supón un decrecemento, xa que en 2007 esta porcentaxe acadaba o 10%. Datos todos eles que amosan un esperanzador repunte dos índices de lectura en Galicia, ao tempo que diminúe o índice de compra de libros en galego. Cremos, no obstante que o balance é esperanzador no seu conxunto.

[A presentación inclúe a totalidade do barómetro que vai moito máis alá das referencias publicadas na prensa.]

Marcadores: ,

Tren de cercanías

No artigo da semana reclamo que o tren de proximidade sexa unha das prioridades da vindeira lexislatura.

Marcadores: , ,

7.2.09

Agustín Fernández Paz, «Letra E» 2009

Acabamos de saber que Agustín Fernández Paz recibirá en Vilalba no mes de xuño a «Letra E» (O escritor na súa terra) que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A decisión foi adoptada na asemblea anual da asociación celebrada esta mañá na que foron reelixidos Cesáreo Sánchez Iglesias como presidente e Antía Otero como vicepresidenta.

Marcadores: ,

Astrolabio


Dende hai dúas semanas o programa Astrolabio de Rodrigo Romaní, que emite a Radio Galega Música os sábados de 21:30 a 22:30 horas, conta con blog, onde se poden ver algúns vídeos dos temas emitidos. Esta peza de Jabier Muguruza é unha mostra das marabillas que escolle cada semana Rodrigo neste programa no que o folk galego dialoga co internacional. Recomendo o programa e seguir o blog.

Marcadores: , ,