30.5.05

Candidatura de Ánxel Casal para o 17 M

Recibo a proposta da Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa promovendo a candidatura de Ánxel Casal para que lle sexa dedicado o Día das Letras Galegas do vindeiro ano. Non nego a miña simpatía por esta proposta de homenaxear o máis grande editor galego. Transcribo o texto da proposta:
Ánxel Casal é a figura que máis fixo pola normalización do libro galego antes da barbarie que comezou en 1936. Nunha situación de cultura non normalizada como a que lle tocou vivir, as súas tentativas de constitución dun sistema editorial están relacionadas co proceso de construcción dunha literatura nacional.
Nacido na Coruña, fillo de pais arzuáns, Ánxel Casal tamén coñeceu a emigración. Primeiro en Boas Aires e logo en Francia. De volta atendeu a chamada das Irmandades da Fala ás que se afiliou en 1918 e converteuse nun dos seus membros máis activos. En 1924, con Leandro Carré Alvarellos fundou a editorial Lar e en 1927 el mesmo fundou a editorial Nós. Ademais das publicacións propias, todas relacionadas coa cultura e coa problemática xeral de Galicia, tamén imprimiu no seu taller o xornal A Nosa Terra, como órgano oficial das Irmandades da Fala, así como moitas outras publicacións.
En 1931 trasladouse a Santiago. Nun primeiro momento instalouse na casa taller de Camilo Díaz e dous anos máis tarde na Rúa do Vilar, 15. Os seus libros tiñan unha admirable calidade gráfica e entre os seus autores estaban moitos dos que actualmente son xa uns clásicos da Literatura e o ensaio galego:
Alcalde de Santiago en 1936, pagou coa propia vida o seu compromiso de amor a Galicia. Fillo de pais das terras de Arzúa, de Vilantime o pai e de Visantoña a nai, Ánxel Casal foi, pois, o primeiro elemento urbano dunha familia de orixe profundamente rural. E tanto é así que o hórreo, un hórreo tipicamente arzuán con dous cativos, é o emblema da editorial NÓS. Un hórreo cheo de millo cunha rapaza que le e un neno deitado á sombra, escoitando, representan os obxectivos de Casal e os dos seus compañeiros de xeración: pan e escola, mellora social, reforma educativa e cultura galega para todos.
Por todo iso, a Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa promove ante diversas institucións, entidades, editoriais e persoeiros da cultura galega unha proposta dirixida á Real Academia Galega para que lle dedique ao editor Ánxel Casal Día das Letras Galegas, pois aínda recoñecendo a súa escasa obra literaria, de non ser por NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta é posible que algúns dos libros de autores clásicos da Literatura galega como Villar Ponte, Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cabanillas, Manuel Antonio, Amado Carballo.

Marcadores:

Blo 0.0

Cando Josito iniciará o seu blo? Debe andar cismando. Ánimo!!!

Marcadores:

Diáspora


Maruja Mallo, Muller con cabra

Recomendo a visita á exposición Diáspora do Marco.

Marcadores: ,

29.5.05

Premios da Crítica Galicia


Xosé Chao Rego e Antón Costa Rico

Levo asistindo aos Premios da Crítica Galicia desde hai máis de vinte anos. As mellores edicións sempre son as que coinciden en periodo preelectoral. Así sucedeu onte, onde todas as intervencións dos gañadores reclamaron abrir un tempo novo, chamadas á esperanza e ao inconformismo coa situación presente (referencias importantes que non vin en información ningunha dos medios, que se limitaron a reseñar as actas dos xurados).
Antón (co de onte, o seu libro xa acada tres premios) en Investigación, Pepe Chao (mágoa que se lle vexa cada vez máis abaixadiño) no de Ensaio, Luis Bará (o concelleiro de Cultura de Teucro) en Música, Farruco Bernal (en representación do equipo galego de Mar adentro) en Artes da representación, e o alcalde nacionalista de Vilar de Santos (promotor do Museo Etnográfico da Limia) en Iniciativas Culturais fixeron dunha ou doutra maneira referencias esperanzadas á necesidade de cambio político.
Mención á parte merece a categoría do discurso de don Xesús, nomeado Galego Egrexio, unha peza oratoria memorable; aínda que me chamou a atención a escasa presenza dos seus colegas, coa excepción de Axeitos, que lle fixo unha fermosa laudatio. O profesor está en plena forma e demostrou nun discurso lido (o que non acostuma) que continúa agudo, combativo e erudito coma sempre adoita.
Xa nos rexoubes dos pinchos, xente ben informada apuntaba a preocupación que en privado amosa o responsable da campaña do PP polos datos que proporcionan as enquisas. Semella que hoxe hai posibilidades reais para a alternativa.

Marcadores:

28.5.05

Lamatumbá


Lamatumba

Pedro Feijoo, o baixo de Lamatumbá, é o autor de Viva o furremol, un libro que publicaremos proximamente, onde se desmiuza desde dentro o mundo da música popular en Galicia. Hoxe, despois de revisar outra vez as probas, conclúo que se o sistema literario galego é complexo e difícil, dedicarse aquí á música é unha proeza para xente afouta. A de Lamatumbá tenche un talento especial con folgos arreo e coa alma do Cuco de Velle no peito; éche ben difícil mesturar con soltura rock, samba, reggae, ska cos ritmos de verbena como fan adoito. Unha marabilla. Estes ourensáns son o mellor antidepresivo que coñezo (se tivese que escoller cal é o tema que máis me aleda do disco novo, non sabería qué dicir, todos me prestan). Este verán van dar moito que falar (o seu directo é prodixioso). Lume e festa...!!! (que boa falta fai tal como che está o panorama).

Marcadores:

Sandiás

Recibo no correo noticia dunha páxina (non oficial) do concello limiao de Sandiás. A recollida de información é moi exhaustiva e rigorosa. Recomendo a lectura das lendas sobre a lagoa de Antela. Encabeza o sitio un texto do poeta irlandés Seamus Heaney, que constitúe unha declaración de resistencia:
As pequenas culturas teñen unha relación complicada co mundo de hoxe en día. É unha situación de Anteo fronte a Hércules: Hércules é a globalización, e Anteo a posibilidade de resistir. O mito dinos que vence Hércules, mais tamén nós di que Anteo segue a resistir.
Parabéns, Xabier!!!

Marcadores:

26.5.05

O blo de Carme Adán

O de Carme Adán si é un blo. Impecable tecnicamente (como cómpre), escrita coidada (algo escura) e posibilidade de colocar comentarios (imprescindible). Son de agradecer o pertinente dalgúns enlaces. Aventuro que estoutro vai perder lectores. Só lle poño unha tacha: o número e o tamaño das fotos é un chisco desmesurado. Agardemos que teña a sorte que merece o seu empeño.

Marcadores:

Tastarabás

Onte á noite, despois da estupenda presentación do libro de Victorino, atopeime con Antón para falar do proxecto Tastarabás. O autor de Chirlosmirlos enleouse agora na confección dun catálogo de brinquedos populares, ixolos e enredos e sobre o uso lúdico da natureza. Xa ten confeccionadas 543 fichas destes xoguetes populares, amais de telos construídos a maior parte deles (pódense ver no Museo do Xogo Popular do CEIP de Esteiro). Volvín para casa abraiado coas marabillas que se poden facer cunhas noces ou cunhas follas de eucalipto e máis contento cun pequecho tocando a carraca (axudábame, ben é certo, que a ledicia de escoitar a lamatumbá, o mellor disco do ano). Comprometínme a editar o catálogo en formato de libro enciclopédico de dous volumes (incluíndo case un milleiro de fotos). Aparecerá o vindeiro ano.

25.5.05

Libros sobre libros

O meu amigo, o editor valenciano Joan Carles Girbés, recomendoume hoxe este magnífico sitio de libros sobre libros. Moi recomendable para editores, autores, críticos e demais letraferidos.

Marcadores:

24.5.05

Libros de peto

Souben hoxe do seminario que Peter Mayer, o antigo responsable de Penguin, está impartindo en Madrid sobre os libros de peto. O editor de Overlook Press considera este tipo de edición "como o símbolo da cultura democrática de masas". Diante desta afirmación, volvo preguntarme polas razóns do noso fracaso coa colección de Peto. Non será, quizais, por que carecemos, ainda, dunha masa suficiente de lectores en galego? Poderemos volver intentalo?

Marcadores:

23.5.05

"Poeta na cadea"

Baixo o título "Poeta na cadea" atopei esta noticia. Recomendo ler o texto completo e non quedar só co titular e a fotografía (o que facemos adoito). Podería incorrerse nun erro lamentable.

Marcadores:

Manifesto dos correctores

Sei por Millán da existencia dun manifesto, aparecido na lista editexto, que reivindica o papel dos correctores na edición de textos e no coidado do uso do idioma. Unha iniciativa oportuna que debería ter o seu correlato en Galicia, onde estes profesionais desempeñan un papel apenas recoñecido.

Marcadores:

Críticos e reseñistas

Alejandro Gándara comenta no seu blo a aparición recente do libro do crítico da polémica. A disquisición entre o papel do reseñista e o do crítico pon sobre a mesa, outravolta, o papel da crítica no sistema literario e na promoción da lectura e dos produtos editoriais.

Marcadores:

22.5.05

As curtametraxes

Pasei a tarde baixando e vendo as curtametraxes. Vaia traballón!!! Quedei abraiado polo esforzo e pola calidade media da maioría. Emocioneime, rin, anoxeime, tomei notas: "a maldita memoria é coma ter un ourizo na cabeza". Beizóns para os promotores, poucas veces foron tan merecidas.

Marcadores:

Púrpura para Amanda

O sábado participei no acto de entrega do Premio de Relatos Os Viadutos para menores de trinta e cinco anos, que dende hai sete anos organiza o concello. Alí souben de Manuel Antonio Lourenzo Sobral, un mozo de Arcade, licenciado en filoloxía (está facendo o postgrao sobre o galego exterior con Quique Costas). Manuel é o autor de "Púrpura para Amanda", o relato que os membros do xurado declaramos (sen dúbida ningunha) como gañador. Un conto impresionante, arredor da tortura e do golpe de estado de Chile en 1973, literariamente redondo. Ao remate, contoume que era a primeira vez que mandaba algo a un concurso e que tiña un fachico de contos na gaveta. Volvín para casa contentísimo. Aí veñen novas xeracións de narradores galegos cun pulo poderoso!

Marcadores:

21.5.05

Cambio galego


Anxo Quintana e Carmen Adán

Onte asistín á conferencia de Quin. O público, a maioría militantes, entregado. Bonita e sobria a presentación de Carmen. A intervención do candidato clara, didáctica, moi ben estruturada, aínda que, na miña opinión, falta dun chisco de emoción (algo que podería corrixir doadamente). Fixo múltiples referencias a necesidade do "cambio" (a palabra maldita", adxectivándoa, nalgúns caso, como "galego"). Gustoume moito a súa defensa da rexeneración democrática e a proposta de redistribución de oportunidades; sen embargo, as referencias ao desenvolvemento do autogoberno (Novo Estatuto e novo modelo de financiamento) foron máis vagas. Na proposta de esquema de goberno (moi moderna e innovadora) botei en falta unha referencia máis explícita ao enfoque da política cultural e lingüística (apenas a creación do Instituto Castelao de promoción da lingua e literatura galegas no exterior), que semellaría axeitada que fose no seu modelo unha área de carácter transversal. Por último, aconsellaríalle con todo o agarimo que nas súas intervencións fixese unha referencia a Beiras, que ben a merece, e, por riba, alentaría a confianza do público.
En fin, Quin amosou un bo ton para acometer a difícil empresa que lle agarda nas vindeiras semanas.

Marcadores:

20.5.05

Ponte de esperanza

Meniños cantores


O máis bonito que sucedeu onte.

19.5.05

Onde vou?

Non comparto a mala fama que ten Sal como cidade de escasa actividade cultural. Teño o corazón dividido polos convites que recibo para o serán de mañán: conferencia de Quin no Clube Faro, inauguración de Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (a exposición que comisaria Carlos Bernárdez) e presentación de Balada Solitaria, o último poemario de Fran. Non sabe un a que chamada acudir, todas á mesma hora nun radio de apenas cincocentos metros. Os tres son amigos, os tres actos, con certeza, moi interesantes. Aos tres dixen que iría. Onde vou?

18.5.05

Tipografía galega


Tipografía galega

Beizóns para o novo proxecto de Aduaneiros de recuperar a tipografía galega. Moi bo!

Marcadores:

Estamos con vosotros

Transcribo o texto do correo anónimo que recibín hoxe e sinala anda percorrendo apoios fóra de Galicia:
ESTAMOS CON VOSOTROS.
Somos muchas las personas que miramos a Galicia desde fuera con ojos atentos. Vemos en vosotros un país que nos atrae y vemos también cosas que no comprendemos.
¿Cómo un país que demostró fuerza y dignidad para gritarle “nunca máis” a un poder que lo despreció sigue dando esa imagen de país encerrado en un tiempo pasado y bien pasado?
¿Cómo una sociedad que da muestras de ser creativa y dinámica permite que siga marchando su juventud y con el índice de nacimientos más bajo de Europa?
Desde fuera, desde España toda y desde toda Europa vemos que Galicia está ante una decisión histórica. Creemos que va a ser esa juventud que vimos movilizarse para defender el mar y la tierra, esa juventud que lanzó ese “nunca máis”, esa consigna de rebeldía y de esperanza al mundo a que decida el dilema.
Deseamos que Galicia opte por el futuro, por vivir el tiempo de la libertad y opte por la esperanza. Nosotros estaremos aguardando conocer esa nueva Galicia que sabemos que ya existe.


(ESTAMOS CONVOSCO.
Somos moitas as persoas que ollamos a Galiza dende fóra con ollos atentos. Vemos en vós un país que nos atrae e vemos tamén cousas que non comprendemos.
¿Como un país que demostrou forza e dignidade para berrarlle “Nunca máis” a un poder que o desprezou segue a dar esa imaxe de país encerrado nun tempo pasado e ben pasado?
¿Como unha sociedade que dá mostras de ser creativa e dinámica permite que siga a marchar a súa xuventude e co índice de nacementos máis baixo de Europa?
Dende fóra, dende España, dende Europa toda, vemos que a Galiza está ante unha decisión histórica. Cremos que vai ser esa xuventude que vimos mobilizarse para defender o mar e a terra, esa xuventude que lanzou ese “nunca máis”, esa consigna de rebeldía e de esperanza a todo o mundo a que decida o dilema.
Desexamos que a Galiza opte polo futuro, por vivir o tempo da liberdade e opte pola esperanza. Nós estaremos agardando coñecer esa nova Galiza que sabemos que xa existe.)

Marcadores:

Despois do 17

Despois deste 17 semellan detectarse novas tendencias a ter en conta para futuras edicións: os libreiros comezan a saír a rúa en varias cidades (con maior ou menor éxito, esa é a verdade); o cortexo cívico colle corpo e arrastra a máis de mil persoas; a romaxe etnográfica de Vilanova preséntase como un modelo de animación popular; os libros fanse máis visibles nalgúns escaparates; os rapaces reclaman a telefonía móbil en galego; continúan as iniciativas a prol da normalización da lingua en todos os ámbitos e, mesmo, os actos da Academia perderon un chisco do seu cheiro a naftalina. Algo moveuse este 17.

Marcadores:

17.5.05

Chintófano

O día das letras tróuxonos un agasalliño aos maceiros: o "chintófano", un widget que permite consultar o Dicionario da RAG. Pódese descargar doadamente dende a páxina da empresa Galinus. É moi doado de instalar e comprobei que funciona sen problemas en safari. Mágoa de nome para unha utilidade interesante.

Felices Letras


Paul Taylor

O máis significativo deste ano para as Letras Galegas foi, sen dúbida, o estourido creativo dos e das militantes fantasía. Un cestiño de pombas e mazás para todos e todas. Felices Letras.

Marcadores:

16.5.05

A entrevista de Suso.


Edicions Bromera (catalán)

Recomendo a lectura devagariño da longa entrevista a Suso de Toro que aparece hoxe en Vieiros. Non ten desperdicio. É moi clarificadora sobre o momento que vivimos. Reflexivo e mirando cara o futuro, esas inxeccións de esperanza que tantas veces faltan aquí, Suso reclama a mobilización cidadá para abrir unha nova etapa política.

Marcadores:

Sobre "Heroína"


Heroína

A semana pasada recomendaba Heroína; onte publiquei un artigo sobre a película. Non vexo outros comentarios en galego por ningures? A verdade é que xa sei que non é Os luns ao sol, mais non merece tanto silencio. María Bouzas e Carlos Blanco están fenomenal. Só por ver a súa interpretación e gozar coa canción de Antonio Vega arrolando sobre a ría, paga a pena ir vela.

Marcadores:

15.5.05

Exiliados

Exiliados, o especial das Letras 2005 de Culturagalega.org é cousa bonita. O traballo de Manuel Gago e os seus compañeiros é modélico. Xa anuncia Diásporas, a exposición comisariada por Carlos López Bernárdez, que será inaugurada no Marco o vindeiro día 20.
Afortunadamente, unha das mellores cousas das Letras son estes especiais dixitais. Xa sinalara a miña admiración polo de Vieiros. Mais tamén hai unhas cantas páxinas de centros educativos que, a pesar de contar con menos medios, merecen ser salientadas polo seu esforzo; velaí as do IES Monte Carrasco, do IES As Lagoas, da Universidade da Coruña ou a de Edugaliza. Unha cestiña de mazás para cada unha delas.

Marcadores:

Tres no escaparate

Nesta fin de semana das Letras conto exactamente tres títulos editados en lingua galega no escaparate da Casa do Libro de Vigo. Esta porcentaxe, moi inferior ao 1% dos títulos expostos, é a que corresponde ás vendas do libro galego neste establecemento? Sempre gabei e o seguirei facendo o traballo de dinamización do libro galego (sobre todo de presentacións de novidades) que se fai na primeira libraría viguesa, sen embargo, non comprendo cáles son os seus criterios comerciais e de visibilidade.
Comparto e apoio todos esforzos por buscar un novo modelo para o 17 de maio. Sei que cómpre darlle unha volta a un ritual que esmorece, entre o oficialismo e as rotinas de editores, libreiros e medios de comunicación. Con todo, reivindico o seu carácter de Día do libro galego, tal como era a intención dos seus creadores en tempos de resistencia.
O venres participei na presentación dunha iniciativa do concello dos Viadutos consistente en expoñer oitocentos libros galegos nos escaparates de máis de cen comercios da vila. Baixo o lema "Tanto les, tanto vales. Un libro axuda a vivir", libros nosos en tendas de deportes, ópticas ou de confección conforman unha paisaxe inédita destinada a proporcionar visibilidade para o libros nosos.
O libro galego debería ocupar, aínda que fose de forma excepcional durante unhas xornadas, todo o espazo dos escaparates das nosas librarías. É pedir de máis?

Marcadores: ,

14.5.05

Historiador

Tras as eleccións de Euloxio R. Ruibal e Darío Xohán Cabana, teño a impresión de que a vacante pendente da Academia será ocupada por un historiador.

13.5.05

Bibliotecas escolares

Semella que desta volta vai adiante a posta en marcha dun programa serio de bibliotecas escolares. O plano marco que promove a Consellaría de Educación tivo unha boa acollida, xa que son setecentos os centros que solicitaron participar. Onte participei, en representación da AGE, na primeira reunión do grupo de traballo, promovido pola propia Consellaría, que pretende elaborar unha guía para a selección de fondos para as bibliotecas de infantil e primaria. Unha tarefa complexa que nos debería levar tanto a determinación de criterios do funcionamento das bibliotecas, como a escolla dos fondos, sexan eses títulos "imprescindibles" (os que non deberían faltar en ningún centro), fosen as novidades dos últimos anos, sexan materiais impresos como dixitais. Como sinala o manifesto de AGABEL, a biblioteca escolar debería configurarse como un centro de recursos multimedia que pon ao servizo de toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e pais e nais) todo tipo de material e fontes documentais, independentemente do soporte no que se presenta, e achega novas posibilidades dun ensino innovador. Quedan, pois, meses dun traballo ben ilusionante.

Marcadores:

12.5.05

Magnífico Rodríguez

Non tiven oportunidade de velo en directo, mais lin o texto do discurso que pronunciou hoxe no Parlamento Francisco Rodríguez é pareceume magnífico. Nas liñas precisas, o veterano parlamentario do BNG resumiu unha posición política, dende os intereses de Galicia, firme, seria, clarificadora e, ao mesmo tempo, capaz de abrir un diálogo co goberno para iniciar unha nova etapa política. As referencias á necesidade do Novo Estatuto e a un novo modelo de financiamento, así como a emocionada mención á traxedia de Ferrol foi tan oportuna, como indispensable, para chamar a atención sobre unha situación que non se debería repetir nunca máis.
Os meus parabéns entusiastas para o traballo parlamentar de Francisco Rodríguez. Galicia tivo a voz que precisaba.

Marcadores:

Coa lingua na maleta

O especial Letras Galegas 2005 de Vieiros é lindo lindo. Aqueladiño de todo. Un orgullo para a web galega.

Marcadores:

Faro da Cultura

Novidade: pódese descargar en PDF o Faro da Cultura. Unha boa nova para seguir semanalmente o suplemento que coordina Moncho Pena. Hoxe, como a Voz, inclúe un monográfico sobre Lorenzo Varela.

Marcadores:

Xa vai

A pesar da dor que nos produciron os trasacordos e os ataques cainitas que recibimos ben pagaron a pena e o manifesto na procura dun novo tempo político xa vai adiante, apoiado agora por unha ampla rede de cidadáns e colectivos. Esta é a mellor noticia que recibimos nos últimos meses.

Marcadores:

11.5.05

Cuspindo a barlovento


Cuspindo a barlovento

Onte á noite asistimos á inauguración da exposición de Manuel Sendón no Museo do Mar. O traballo xa se expusera en Compostela, visitara varias cidades europeas, fora editado, e faltaba dalo a coñecer na cidade do fotógrafo. A espera mereceu a pena. Os formatos dun metro por un metro locen o seu. A sutileza de Sendón, transformando a emoción daqueles días en pezas inmorredoiras, volveu abraiarnos.
A novidade da serie Peixes, ao xeito de emblemas do mar salgado, foi outra sorpresa. Retratounos coma se fosen xefes de estados, reivindicando a natureza mariña fronte a industrialización das granxas que están inzando a Costa da Morte. Ademais das fotografías, a exposición presenta as ferramentas creadas e utilizadas na loita contra o chapapote. Recomendo visitala para revivir o espírito de Nunca Máis. Non ven nada mal nestes momentos de tanta confusión.

Marcadores:

10.5.05

Manuel Seixas

Soubemos por Vieiros que o noso amigo Manuel Seixas posúe un espazo web. As súas facetas como narrador, poeta, músico (guitarrista virtuoso), ensaísta, editor (Madame Mir é o seu selo) ou profesor de filosofía amósanse neste vizoso espazo de creación. A páxina é moi recomendable; pódense ler os seus últimos textos, informarse dos seus proxectos musicais (sexa o seu traballo en solitario ou en Korosidansas o da súa nova aventura Neuroband) ou coñecer as súas últimas creacións sonoras. Non ten desperdicio escoitar a psicofonía recreada a partir das palabras proféticas do famoso alcalde de Negreira. Con este novo proxecto na rede, Seixas demostra que continúa sendo un dos rachadores do conformismo da nosa creación cultural. Parabéns por arriscarse con semellante proeza.

Marcadores:

9.5.05

Votar polo cambio

Teño un disgusto enorme polos inxustos e desproporcionados ataques que está recibindo Suso de Toro (unha persoa honesta e xenerosa onde as houber) a raíz do manifesto que se fixo público onte. Non entendo a que vén a posición do profesor Losada.
Tratar de apoiar unha corrente de cambio, promovendo a participación do electorado nacionalista e progresista (sensible a adoptar unha posición abstencionista diante da innegable febleza da alternativa que se lle propón) non é, nin moito menos, apostar polo voto ao PSdeG-PSOE (como argumenta Losada); é, simplemente, a estratexia posible para impedir un novo triunfo de Fraga. Que cadaquén vote a quen mellor considere, en función das súas conviccións ou da valoración que faga da oferta electoral presentada por cada un dos dous partidos (candidato, listas, programas...). Ou é, que agora, non estamos de acordo en que o fundamental é abrir unha nova etapa política tras dezaseis anos de gobernos de Fraga Iribarne?
Canto máis falo coa xente coa que teño relación, palpo maior desolación e impotencia. Sen embargo, como son un optimista da vontade, creo que non é este o momento de pecharlle as portas á esperanza. Unha apreta fraterna para Suso de Toro.

8.5.05

RDM

O foro de gurús empresariais e económicos que se está desenvolvendo estes días achega reflexións que non teñen perda.
Preguntado o xaponés Kenichi Ohmae, considerado un dos gurús mundiais en estratexias de desenvolvemento rexional, sobre qué facer para que Galicia sexa máis atractiva, contestou de forma lacónica: a palabra clave é RDM: o resto do mundo. Tenche moita razón, neste país noso tan chovinista, cómpre abrir a mirada cara fóra.

Marcadores:

Os correctores

O artigo de Moisés sobre os correctores abre un debate ben interesante. Ben se nota que sabe do que fala.

Marcadores:

Museo do Mar

No artigo da semana reflexiono sobre o futuro do Museo do Mar de Galicia.

Concursos

Pasei boa parte do domingo lendo relatos de narradores e narradoras novos para os dous xurados nos que participo mañá. Observo que nas últimas edicións o nivel medio dos textos mellorou moito. Con todo, a maioría xiran arredor do dilema "amor/desamor" ou modernizan o famoso "conto da aldea" ou de "memoria dos avós". Chamoume a atención a gran cantidade de contos ambientados nos trens. Os camiños de ferro estimulan a nostalxia e a creación literaria?

No nome da esperanza, xa vai

Velaí o texto do Manifesto que promovemos en nome da esperanza e do cambio:
A proposta que presenta o PP á sociedade galega para seguir ocupando o goberno da Xunta é impropia do tempo que vivimos. Condena ao noso país a seguir atrapado no tempo, a continuar encerrado nunha anomalía que xa non pode continuar. Oferta a parálise dun proxecto esgotado, agora só ocupado do reparto da herencia dun poder exercido como en finca propia.

O balance das luces e das sombras deste longo periodo de goberno protagonizado por Fraga Iribarne non pode ser positivo: o resultado global é que, tomando como referente o progreso de España, Galiza non só non avanzou en términos económicos e sociais senón que recuou e, así, a nosa mocidade mellor formada segue emigrando. Despois de 16 anos preséntasenos como a meirande expectativa de futuro continuar no pelotón das rexións europeas máis atrasadas.

A nosa saúde democrática está gravemente danada polo clientelismo e o amiguismo, pola falla de transparencia, pola manipulación informativa denunciada polo Valedor do Pobo. O goberno galego ofrece a imaxe penosa dun poder ensoberbecido e insensible ás preocupacións dos cidadáns mesmo cando nos golpea o desastre.

Esta situación non se corresponde coa sociedade que somos, non somos como a imaxe que proxectou todos estes anos esta Xunta. Hai un país vivo e dinámico que xa existe, de costas á falta de operatividade do poder político. Un poder político que fracasou estrepitosamente nunha Galiza sumida na sua peor crise demográfica, cunha poboación envellecida e que segue a expulsar á xente nova.

Este periodo político que agora se cerra foi dun control absoluto da sociedade, mais a sociedade civil resistiu e foi quen a demostralo repetidamente nos últimos anos: mantivo a esperanza. Esa esperanza é un ben do que dispón o noso país e que agora debe ser administrado con sentido da responsabilidade polas forzas políticas que configuran a alternativa, que deben ofrecer á sociedade vontade de diálogo e entendemento para un novo goberno capaz de movilizar as enerxías, capacidades e iniciativas deste país.

No nome desa esperanza chamamos a todos os galegos e galegas a que abran as portas a un novo tempo que afronte os graves problemas do país, e que afirme o autogoberno e a liberdade das persoas.

Un novo tempo que nos convoca a todolos cidadáns a colaborar activamente para darlle paso a unha sociedade libre e democrática, moderna e tolerante, participativa e solidaria, responsable e disposta a traballar esforzadamente para avanzar na democracia transparente, no autogoberno e no desenvolvemento económico e social de Galiza.


No nome da esperanza:

Participa no proceso electoral.

Vota polo cambio.

XA VAI.


Agustín Fernández Paz (escritor), Anxo Guerreiro, Carmen Segura, Dolores Vilavedra (profesora), Javier Carro, Luís Alvarez Pousa (profesor), Luis Tosar (actor), Manuel Bragado (editor), Manuel Rivas (escritor), Mar Martín, Miguel Anxo fernán Vello (escritor e editor), Ramón Chao (escritor), Ramón Máiz (profesor), Rosa Aneiros (escritora), Suso de Toro (escritora), Uxía Senlle (música), Xurxo Souto (escritor).

Marcadores:

7.5.05

Heroína


Heroína
Gustoume, aínda que saín do cine case noqueado. Herrero non proporciona tregua para complacencia ningunha (nin sequera coa canción de Antonio Vega), a pesar de que a realidade foi moito máis crúa ca ficción reconstruída. Un drama con esperanza e moita coraxe.

Marcadores:

6.5.05

O blo de Quin

Despois da estupenda presentación das Follas de bacallao, máis dun cento de persoas (con proxección de vídeo incluída), no Camaleón volvemos falar das razóns dos que apoian sen matices o plan xeral de Vigo. A cousa cada vez está máis clara: se alguén a comprende debería explicala. En Sal, o PSOE está feliz. Nunca llas puxeron mellor.

Cando chego a casa, María descúbreme o blo de Quin. Gustávos esa prosa tan enfiadiña e optimista?

Marcadores:

5.5.05

Bases de futuro

Hai trece anos que non facía unha intervención política. Foi onte na presentación das Bases do Novo Estatuto en Sal. Percibín que o que máis interesou ao público (numeroso, aínda ca menos ca o día anterior en Teucro) foron as propostas sobre ordenaciópn do territorio: a de redución e reordenación do número de concellos, o recoñecemento da comarca e a creación das rexións urbanas (ambas as dúas como entidades administrativas e políticas). Chocoume a escasa atención dos asistentes por comentar ou interpelarnos sobre cuestións máis políticas (a lingua, a cidadanía galega, a configuración federal do estado, a integración europea...), coa excepción dunha pregunta que nos fixeron sobre cómo recollía o texto a cuestión da soberanía nacional.
Isto xa ven sendo unha constante no debate político galego reducido de forma reiterativa a un debate nominalista sobre as infraestruturas que precisamos. En xeral, boto en falta a confrontación de alternativas sobre cuestións de máis peso na vida dos cidadáns: os modelos educativos e sanitarios, as políticas sociais e de emprego ou a profundización dos dereitos cívicos (cuestións que, sen embargo, o texto do Foro aborda con profundidade).
Temo que esta campaña quede sumida a unha estéril polémica sobre liftins, as crises dos tres partidos (o tema monográfico da tertulia de hoxe) ou os trens que chegarán (xa temos a certeza) con retraso. Vai ser esa toda a cartografía do soño noso?
Cando saín do acto notei certa frialdade comigo dos responsables e candidatos do BNG. Quizais falei con paixón excesiva sobre o que eu entendo por galeguismo republicano integrador ou, quizais, non foi moi diplomático o meu último post sobre as súas listas. En todo caso, creo que, por riba das consecuencias dos resultados de xuño, hai que apostar polo futuro.

Marcadores:

A canción do náufrago

Promete o blo do escritor Francisco Castro. Na liña do grande Jaure, arrisca a opinar. Enlázoo aos meus favoritos.

Marcadores:

4.5.05

Suso en checo

Chama Suso para despedirse. Marcha á Feira do Libro de Praga, onde presentará as edicións en checo de Trece badaladas e Ambulancia. Seino contento pola viaxe, aínda que preocupado pola situación política. Anúnciolle a segunda edición do libro. O lanzamento saíu ben. Houbo moita reposición. Promete chamar o domingo, de volta traerá noticias de primeira man.

Marcadores:

3.5.05

Nin terra nin tempo

O anuncio das listas do BNG é outra decepción máis. Ao longo do día coméntoas con varios amigos e todos coincidimos: semella unha purga irresponsable que non ten sentido ningún (lémbrame a que fixeron con nós en 1977, si hai vinte e oito anos, cando eramos uns rapaciños de Erga, aínda o sinto con tristeza). A UPG asegúrase os postos de saída (Rodríguez sabe que canto peores sexan os resultados que obteña o BNG, mellores serán as posicións políticas dentro da organización que vaia obter a UPG); o perfil do resto das candidaturas é politicamente baixo e tecnicamente insuficiente (a inexperiencia parlamentaria non asegura apertura á sociedade nin amosa un equipo de goberno máis fiable, como se pretende).
O lema ("un país novo") é patético. U-lo programa? Esta é a renovación que nos anunciou Quin?
Creo que a actual executiva do BNG confúndese de terra e de tempo; non vexo por ningures que posúa unha reflexión profunda sobre a Galicia do futuro (escoitaron o debate da SER?) nin que se recolla o espírito integrador e aberto do nacionalismo democrático que se foi forxando nos últimos vinte anos. Cara onde imos con estes vimbios?
A única esperanza que vexo para librarse do meigallo é promover unha forte corrente de participación política na sociedade civil (sobre todo nos mozos e nesa maioría de nacionalistas e galeguistas de tradición republicana que non militamos). O labor de todos será mover ao abstencionista de esquerda que, a pesar destas decepcionantes candidaturas (as socialistas non che son mellores), vote.
Este panorama desolador non me impide que mañá vaia poñer todo o meu pulo na presentación das Bases do Novo Estatuto en Vigo (o traballo pagou a pena, aínda que fose desprezado polos responsables da UPG). Convido aos que teñan interese a asistir á casa do Libro ás 8 da tarde.

Marcadores:

2.5.05

Cabana académico

Desta foi e a Academia nomeou por abrumadora maioría numerario a Darío Xohán Cabana. Recoñécese así a súa tarefa como construtor e forxador de lingua. Darío leva traballado arreo neste labor fundamental, sexa nas súas traducións, fose coma poeta de formas clásicas, como narrador de escrita de diamante ou preparando milleiros de encrucillados de noso.
É innegable que a Academia se renovou moito nos últimos anos. Con todo, aínda botamos en falta maior dinamismo e intervención na problemática cultural (fóra do protocolario do Día das Letras Galegas e dalgúns escasos pronunciamentos sobre o estado da lingua), sen esquecer, a incorporación de voces máis novas (ten algún académico menos de cincuenta anos?) e mesmo de ámbitos non estritamente filolóxicos ou literarios. Parabéns para Darío e pulo para o seu labor.

Marcadores: ,

Escola pública

No artigo da semana apoio a campaña a prol da defensa da escola pública.

Marcadores: , ,

1.5.05

Máis premios

Despois dunha semana intensísima de viaxes, presentacións e reunións (leveina moi mal, case anguriado) onte chegou unha enxurrada de boas noticias: os premios "Lecturas" 2003 e os Losada Diéguez 2004. Son dos premios que como editor maior agradezo, por tratarse de recoñecementos a obra xa editada.
Aos "Lecturas", organizados por Galix e fallados por escolares e lectores de bibliotecas públicas, téñolles moita lei. Son premios que dan alegría, sendo os máis xenerosos, a fonte verdadeira que dá valor aos libros. Este ano os lectores novos consideraron como os mellores libros publicados en 2003: O caracol remoldiño de Xoán Cuba (6-8 anos), Ota quere voar de Ánxela Loureiro (9-11), O meu nome é Skywlaker de Agustín Fernández Paz (12-14), Morgún de Suso de Toro (14 en diante) e O bigote de Mimí de Suso Cubeiro (libro mellor ilustrado).
Nos Losada Diéguez volvimos completar pleno: o de investigación correspondeu a Antón Costa por Historia da Educación e Cultura en Galicia (xa premiado hai semanas co Irmandade do Libro) e o de creación a Rosa Aneiros por Veu visitarme o mar (a novela galega máis vendida nestes primeiros meses do ano).

Marcadores:

Máis sobre as feiras

Ten razón Jaureguizar que cadaquén fala de feira como lle foi nela. A do libro de Santiago, que hoxe remata, non foi para botar moitos foguetes. Nós fixemos un esforzo importante: tres presentacións (bastante concorridas todas elas, sobre unhas corenta persoas cada unha) e catro asinaturas (con maior participación de lectores do que pensabamos). Sen embargo, non quedamos satisfeitos. E non falo das vendas (que aínda carezo de datos). As instalacións continúan sendo cutres, non hai posibilidade de sentar a tomar un café e botar unha parolada, falta publicidade dos eventos e, por riba, moitos dos libreiros de fondo non están presentes.
Suspéndese a Feira do Libro de Ferrol e hai moita incerteza de que se poida celebrar a de Vigo (a praza de Compostela está en obras e Corina non ofrece un emprazamento alternativo do gusto dos libreiros). Témome que o actual modelo das feiras do libro de Galicia, organizadas en exclusiva pola Federación de Libreiros (por moitas feiras novas que se organicen en Noia ou en Monforte) están tocando definitivamente fondo. Un sinal da crise real do sector libreiro e da incapacidade de todo o mundo do libro galego de xuntarse arredor dun modelo alternativo de promoción. Comprendo aos que se queixan, mais tamén boto en falta maior enerxía e compromiso para seguir turrando deste carro.

Marcadores: