Rede blogs e libros

Marcadores: Blogs_e_libros
Notas do traballo de edición

Marcadores: Blogs_e_libros
Rotundo éxito da homenaxe de tres días rendida no Morrazo a Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. A cea de homenaxe, os concertos e recitais, como a presentación do libro foron todos actos moi concorridos e agarimeiros co noso mariñeiro das palabras.
Marcadores: Autores, Efemérides, Presentacións, Teatro, Xerais
No artigo da semana valoro a importancia da campaña de promoción lectora e de uso do galego que se está desenvolvendo nas comisarías de policía. Unha experiencia moi novidosa e meritoria, enmarcada na campaña "En galego, con toda seguridade", promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingúística.Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Lectura, Lingua
Despois das dúas presentacións, onte en Vigo e anteonte na Coruña, da novela de Luís Rei Núñez e das primeiras recepcións de lectores (todas moi entusiastas e coincidentes en que a lectura destas catrocentas páxinas faise dun tirón), teño a impresión que esta será unha das novelas mellor valoradas e máis lidas dos últimos anos.Marcadores: Artes Visuais, Autores, Narrativa, Novidades, Presentacións, Xerais
Marcadores: Publicidade, Vídeos
Folerpa continúa a longa cadea de recoñecemento. Efectivamente, cando se represente Limpeza de sangue, asistiremos a un fito da escena galega. Un texto dramático para recomendar vivamente.
A presentación de onte do libro de conversas de Del Caño con Carlos Reigosa foi moito máis alá do protocolario neste tipo de actos. Nunha intervención memorable, o autor de Intramundi denunciou que nin os nosos intelectuais nin as nosas institucións culturais nin as nosas universidades elevan as tradicións da nosa cultura labrega ao corpus literario e cultural. "Non se está facendo nada para conservar esta realidade. Vivimos nunha cultura que está virada de costas á nosa orixe". Para concluír, despois, que "o meu compromiso é seguir escribindo preto desta tradición labrega. A nosa identidade está en perigo na medida que estamos esquecendo o lugar de onde vimos. Está é unha grande desfeita actual para a nosa terra. Dígoo cun certo desánimo".Marcadores: Autores, Presentacións, Xerais


Marcadores: Efemérides, Traducións
Eis o texto da entrevista con Adolfo Suárez , publicada no ABC dixital, da que falamos hoxe na Crónica de Tino Santiago. Algunhas afirmacións do ex-presidente son sorprendentes, como a existencia dunha cloaca madrileña de medios de comunicación ou a importancia que para el tiña convencer aos seus adversarios. É a sincera inxenuidade dun home queimado ou o froito dun tempo, paradoxicamente, máis aberto co actual?Marcadores: Política
DOUS GOKKAZOSMarcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol
No artigo da semana realizo a miña homenaxe á figura de Bernardino Graña, quen será homenaxeado esta semana en Cangas con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Unha boa oportunidade para volver sobre a obra do noso mariñeiro das palabras. Os actos da homenaxe, organizada pola Asociación Cultural A Cepa, xa foron anunciados. A presentación do libro homenaxe, coordinado por Héitor Mera, terá lugar o sábado, 29 de setembro, ás 13:00 horas, no salón de plenos do concello de Cangas.Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Autores, Campo de Granada, Efemérides, Poesía, Presentacións, Xerais


Onte foi atacado o monumento que o pasado sábado foi inaugurado en Puxeiros, lembrando a sete persoas que foran alí cuneteadas o 15 de setembro de 1936. Unha lamentable manifestación de intolerancia que denunciamos con indignación.Marcadores: Educación
Txetxu volve á carga propoñendo a realización dun censo de blogs relacionados co libro e a lectura. As referencias serán publicados no blog da revista Trama & texturas (que xa prepara o seu número 3).Marcadores: Blogs, Blogs_e_libros
O vindeiro 26 de setembro celebrarase o Día europeo das linguas organizado polo Consello de Europa. Recomendo a visita a este sitio web onde hai materiais e iniciativas abondas para a conmemoración da xornada, que ten unha clara dimensión educativa. Fedellando nas páxinas, chama a atención que nunha xornada na que se celebra a diversidade lingüística europea a información apareza publicada só en inglés. Tampouco sei se hai espazo para todas as linguas oficiais españolas. A pesar destas carencias, os autocolantes e o cartel son simpáticos.Marcadores: Efemérides, Lingua
Marcadores: Edición, Slideshare, Traducións
No artigo da semana reflexiono sobre as tres grandes novidades do curso escolar iniciado estes días: o comezo da implantación dos curículums LOE de Primaria e Secundaria, o novo decreto de uso e promoción do galego e a creación da rede de "Galescolas". Desta volta son optimista.Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Educación
A edición de Vieiros Barcelona publica unha interesante entrevista a Mario Regueira con motivo da presentación de L'affiche rouge que hoxe se celebra oraganizada por Espazo Galego dos Paisos Cataláns en Sargadelos de Barcelona. Da entrevista a Mario non podo evitar reproducir o derradeiro parágrafo que ilumina un debate tan complexo como é o da lectura, literatura e o mercado no que ven participando moi activamente:"O papel da nossa producçom literária é umha eterna promesa, ou na linha de Xurxo Borrazás: os escritores galegos valemos mais mortos do que vivos. Polo de agora, ainda com as pequenas vantagens de liberdade e experimentaçom que oferece viver nas margens, urge multiplicar os leitores das distintas expressões escritas do galego, algo que na Galiza passa mais pola educaçom e a política linguística do que polas campanhas de mercado."Mario presentará de novo a novela o vindeiro venres, 21 de setembro, ás 20:00 horas na nova Libraría Couceiro de Compostela. Alí estaremos.
Marcadores: Autores, Entrevistas, Lectura, Presentacións, Promoción do libro, Xerais
Dende hoxe pode baixarse un adianto de cinco páxinas da nova novela de Luís Rei Núñez, que se presentará o xoves 27 de setembro na Libraría Arenas da Coruña (por parte de Manuel Álvarez Torneiro e Laura González Garcés) e o venres 28 en Librouro de Vigo (por Ramiro Fonte).
Outra mostra da crise do Celta como institución é o retroceso que se produciu esta tempada no uso do galego no seu xornal oficial. Coincido ao cen por cen con este comentario de Todocelta sobre as mudanzas (para peor, moito peor) da publicación gratuíta que o clube distribúe cada xornada en Balaídos. A cor de Galicia (pode baixarse en pdf) desta tempada aparece cunha moi escasa presenza do galego, ademais de contar cunha información menos elaborada e interesante ca na anterior. Non pode ser alleo a esta cuestión o feito de que esta tempada xa non sexa Merlín Comunicación (a nova empresa especializada en exposicións e comunicación cultural do Grupo Galaxia) a editora da publicación. Non acreditamos en que existan razóns obxectivas (económicas ou de calidade xornalística), a pesar de que o Celta milite agora en Segunda división, para que esta publicación fose devaluada nos seus contidos de forma tan notable. Non era o emprego do galego un dos sinais de identidade do club que dirixe Xavier Martínez Cobas? Algunha explicación, tamén sobre este tema, compriría que proporcionasen os responsables celestes, nun momento de enorme preocupación cidadá sobre o futuro que lle pode agardar ao club. En plena campaña de abonados (a pesar do anuncio da Marea celeste) a asistencia ao estadio nas dúas primeiras xornadas reduciuse a menos de cinco mil siareiros, as opinións nas emisoras de radio son moi pesimistas e xeralmente iradas, ademais de correr sms entre os afeccionados celestes propoñendo un boicot á Directiva para a vindeira xornada en Balaídos. Algo habería que facer.Marcadores: Celta de Vigo, Fútbol, Medios
Marcadores: Publicidade, Vídeos
Hoxe presentamos en Compostela o libro Teatro infantil. Do texto á representación froito da colaboración de Xerais e da Fundación Caixa Galicia coa LIJMI (Red Temática de Investigación "Las literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico"). Marcadores: Literatura infantil e xuvenil, Novidades, Teatro, Xerais
Recomendo a lectura desta entrevista a Nelson de Matos, o noso benquerido e admirado editor (sen dúbida, o que máis literatura galega publicou alén Minho). Felicitámonos, ademais, pola volta á actividade so seu blogue.Marcadores: Editores, Entrevistas
Marcadores: Educación, Lectura, Literacidade, Slideshare
Sobre o tema de Literatura e Mercado xirará o IV Simposio sobre o libro e a lectura que está preparando a AGE para celebrar o vindeiro mes de novembro. Para adiantar reflexións sobre cuestión tan polémica enlazo esta anotación do escritor Andrés Neuman publicada por Clarín. Non podo evitar reproducir as tres categorías de lectores (informados, intelectuais e artísticos) que Neuman establece na casa do señor Mercado:"Resumiendo mucho, podríamos hablar de tres tipos de lector en la casa del Señor Mercado:Vía El ojo fisgón
1) Los lectores informados, aquellos que buscan sobre todo enterarse, estar al día de la actualidad como quien lee el periódico.
2) Los lectores intelectuales, que analizan la información del libro, la subrayan e incluso la comparan con otras fuentes. Aunque estos segundos lectores son más disciplinados que los primeros, tal vez ambos estén unidos por una limitación: no modifican los libros que leen.
Por eso sospecho que quienes escasean son: 3) Los lectores artísticos, esos que recorren las páginas con los sentidos en vilo, la intuición expectante, la memoria abierta. Creadores a su modo, los lectores artísticos leen para interrogarse acerca de su propia identidad y ven en la literatura una existencia. Estos lectores merecen especial gratitud porque completan los libros, los salvan."
Marcadores: Comercio do libro, Lectura
SINISTRO TOTALMarcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo
Desde aquí pode facerse unha impresionante viaxe fotográfica por algunhas das bliliotecas máis fermosas de todo o mundo. Unha auténtica marabilla para quen teña curiosidade por estes espazos para gardar a memoria das palabras. Pódese ampliar a navegación nas páxinas de flickr. Moi recomendable.Marcadores: Arquitectura, Bibliotecas, Imaxes
No artigo da semana reflexiono sobre a necesidade do Bipartito de recuperar os seus sinais iniciais de identidade: programa común de goberno, austeridade e transparencia na xestión e comunicación compartida. Dende as posicións cidadás é necesario esixir este novo impulso de rexeneración democrática.Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Política
Marcadores: Arquitectura, Televisión, Vídeos
Manuel Martínez Barreiro será o novo xefe de gabinete da Vicepresidencia. Quen fora coordinador de edición de Xerais e despois coordinador de edición dixital de Acordar, ademais de comentaristas político da Radio Galega e de Vieiros, veterano blogueiro e autor de literatura infantil, terá a responsabilidade de acometer acarón de Quintana un traballo político decisivo na segunda parte da lexislatura. Os que o coñecemos e queremos sabemos que Manolo Barreiro posúe grandes doses de capacidade de diálogo, rigor na análise política e social máis concienzuda e actualizada, longa experiencia política, curiosidade tenaz polo coñecemento, persistencia e xenerosidade no esforzo, profundas conviccións de esquerda, discreción e elegancia exquisitas, amais de labaradas de ironía e doutros moitos valores humanos. Condicións abondas para prever que Quintana, o BNG e todo o Goberno Galego están hoxe de en hora boa por este acertadísimo nomeamento. Non teño dúbidas de que o seu selo irá calando coa discreción e o traballo ben feito que sempre o caracterizou alí onde foi e onde sempre deixou tantos amigos. Desexámoslle os maiores éxitos nesta súa nova (e, non o podemos negar, dífícil) andaina.Marcadores: Book_trailer, Promoción do libro, Vídeos
Tanto ten se Antón Losada dimitiu por asuntos persoais ou foi cesado a petición do interesado (termos que, sen dúbida, expresan que foi o propio Antón quen elixiu abandonar neste momento a súa responsabilidade). A actuación de Losada foi nalgúns momentos torpe, e mesmo un chisco teatral e esaxerada nas súas formas, mais tamén é innegable que contribuíu coa súa determinación e coñecemento a impulsar moi decididamente a acción do Goberno galego no traspaso de competencias pendentes (como até agora ningún político galego fixera), a impulsar a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou a intentar que a acción de goberno dos nacionalistas fose respectada (o que non é doado) polos seus coaligados sempre dispostos a competir con eles. Quizais o maior problema de Losada foi que dentro do equipo de Vicepresidencia asignóuselle –coma a Guerra, a Cascos ou á actual ministra Magdalena Álvarez– o difícil e incómodo papel de ser o "malo da película" que leva no lombo a maior parte dos paos dirixidos ao seu xefe e, por riba, debe participar en todas as liortas e polémicas mediáticas e partidarias. Haberá que agardar a comprobar como se desenvolve Quintana no futuro sen tan valioso pararraios. Quizais, entón, con maior perspectiva, se poida xulgar máis acaidamente o traballo político de Losada, para min decisivo para o éxito acadado (con moitas máis luces ca sombras) tanto por Quintana como polo bipartito no seu conxunto nesta primeira parte da lexislatura.Marcadores: Política
Marcadores: Book_trailer, Promoción do libro, Vídeos
A libraría O trasno viaxeiro de Teo-Cacheiras ten un interesante blog. Publica apostillas literarias, novas de interese sobre o mundo do libro e unha completísima rede de enlaces sobre blogs literarios. Beizóns para as súas editoras.
Na revisión que vimos facendo das experiencias dos book trailers non podía faltar a dos livroclips que promove o Canal do livro brasileiro e da que xa temos dado noticia. A pesar de que esta é unha experiencia máis modesta cas producións canadianas ou italianas, é moi atractiva, como se pode comprobar nestas pezas sobre A metamorfose ou nestoutra sobre Crime e castigo. Cun orzamento máis baixo, mais con talento creativo poden conseguirse, tamén, magníficos resultados.Marcadores: Book_trailer, Promoción do libro, Vídeos
O ilustrador Pablo Auladell emprega o seu blog para adiantar os traballos que vai finalizando. Eis catro ilustracións das que preparou para o novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz (O único que queda e amor), que publicaremos nunha nova colección no vindeiro mes de outubro. Das características da colección e das súas dúas primeiras entregas falaremos nas vindeiras semanas.Marcadores: Adiantos, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil, Xerais
Hoxe entrou no almacén A casa dos Lucarios, a primeira obra de Teresa Moure dentro da colección Fóra de Xogo. Estará nas librarías a vindeira semana. Recupero o texto que redactamos de presentación promocional:Rosa e Chicho, cando perderon a súa terceira filla, María Celeste, aparecida morta no seu berce na segunda semana de vida, decidiron instalarse en Ferreira. Alí levantaron unha casa de dúas plantas, coa cociña grande daqueles tempos, pegada á corte, e dous cuartos máis para acubillar á xente miúda, ademais dun faiado fermoso onde gardaren mazas e millo e soños dos que escorregan polas fendas de madeira. Despois, Chicho tiraría coa corte e construiría a taberna, onde cada noite apertaba o fol da súa gaita grileira, e onde tamén Rosa acrecentaba, contra vento e marea, as súas industrias de vendedora de pezas do enxoval. A vida ía manando paseniño, coa correspondente ración de dores e alegrías, como mudaba a casa dos Lucarios.
Teresa Moure ofrece nesta novela curta, escrita nunha prosa engaiolante, enchida de humor e sensualidade, a historia dunha familia a través das mudanzas e transformacións realizadas na súa vivenda ao longo de varias décadas. Un texto memorable dunha das nosas grandes escritoras contemporáneas.Etiquetas: Teresa_Moure
Marcadores: Book_trailer, Promoción do libro, Vídeos
Marcadores: Book_trailer, Promoción do libro, Vídeos
Tras a reconversión do club e a liquidación case total do equipo das pasadas tempadas (aínda, a pesar da marcha de Guerrero, quedan compoñentes do sindicato de festas), o problema máis acuciante do actual Celta de segunda é a falta de liderado. A ninguén pode extrañar que chegase tan axiña a primeira derrota dun conxunto no que ninguén saben quen manda fóra do terreo (din que as charlas na caseta as imparte o segundo do adestrador) e non que tampouco ninguén coñece quen é a referencia dentro. Non abonda con lamentar que foron simples erros de concentración os que provocaron nos minutos finais o empate co Córdoba e a derrota de onte en Castalia. Os xogadores apenas se coñecen e tampouco saben a qué xogan (ou, canto menos cál é o patrón, se é que existe, que lle presta a Stoickhov). Haberá que agardar varias semanas para poder ir ubicando no conxunto a toda esta lexión de rapaciños cedidos e de veteranos libres que nos trouxo a última hora un director deportivo, que ten a gala durar moi pouco alí ónde vai. Mentres non acougen, moito temo que chegarán novas derrotas e outras decepcións. Este Celta de Mouriño e Cobas segue á deriva. Paciencia! Quédanos, polo menos, o aliciente de seguir o que poida ir facendo Borja na Premier League.Marcadores: Celta de Vigo, Fútbol
Marcadores: Book_trailer, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil, Promoción do libro, Vídeos
No artigo da semana reflexiono sobre o complemento aprobado para os funcionarios que exerceron como altos cargos e apoio o rexeitamento proposto por Encarna Otero. Entendo que o exercicio da política como servizo xeneroso e noble á cidadanía require destas actitudes de rexeneración ética.Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Política