30.9.07

Rede blogs e libros


A iniciativa de Txetxu participamos na rede social de Blogs e libros. Consolídase así, tras a iniciativa do censo de Tramas e texturas, un espazo na rede sobre blogs, libros e lectura.
Etiquetas:

Marcadores:

"Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario"

Rotundo éxito da homenaxe de tres días rendida no Morrazo a Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. A cea de homenaxe, os concertos e recitais, como a presentación do libro foron todos actos moi concorridos e agarimeiros co noso mariñeiro das palabras.
A presentación do libro colectivo, coordinado por Héitor Mera, –fóra dun malentendido que me deixou desolado (por causas incomprensibles non se publicou o traballo enviado por Xosé Vázquez Pintor, dende aquí expresamos as nosas maiores desculpas para el)–, foi outra oportunidade para escoitar a Bernardino expresando con absoluta liberdade o horizonte dos seus soños.

O de Tirán comezou a súa intervención lamentando algunhas grallas que detectara na edición do libro ("areíñas que se meten nos zapatos"), froito do apresuramento na realización dos traballos. Referiuse despois a satisfacción que lle producía o proxecto de Xerais de editar Catro de Sinfarainín, a tetraloxía de pezas dramáticas infantís que publicaremos na vindeira primavera. A primeira, O lobo do saco é unha referencia explícita a Franco que non puido ser publicada por mor da censura e que se distribuíu a ciclostil. A segunda, A larpadela gustosa do lobo e a raposa, como a terceira, Sinfarainín contra don Perfeuto (publicada como separata do número 48 da revista Grial) están protagonizadas por ese sínfano, un mosquitín que se mete por todas as partes, inventado vendo unha representación dunha obra de Lorca, que representa a conciencia das cousas. A última, Os burros que comen ouro, será publicada con arranxo á primeira versión para nenos, a pesar de que foi representada nunha versión para persoas adultas.
Continuou Bernardino expresando que "teño moi boa sorte con esta homenaxe, mais teño mala sorte co teatro. Sería bo facer unha representación de Vinte mil pesos crime", ademais de desvelar que ten gardada na gaveta outro texto de teatro para adultos, Unha vella en auto-stop, peza a que logo mudou o título por Nun caseto que vai ser un banco, que quizais algún día poida ser publicada e representada. Rematou as súas palabras facendo unha defensa vibrante do libro e da lectura: "Os libros son para tomar conciencia. Espero, son utópico, que neste século XXI vexamos todo o que nos prometeron na metade do século XX, menos traballo e máis tempo para ler e asistir a representacións teatrais. Aspiro á semana de catro días de traballo. Así poderemos estar lendo e as máquinas e robots traballando para nós. Así nos homenaxeremos todos".

Actualización (01-10-2007): "Eu tamén utópico", comentario de Náufrago.

Marcadores: , , , ,

Contos de agardar

No artigo da semana valoro a importancia da campaña de promoción lectora e de uso do galego que se está desenvolvendo nas comisarías de policía. Unha experiencia moi novidosa e meritoria, enmarcada na campaña "En galego, con toda seguridade", promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingúística.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

29.9.07

Retrato de Urbano Lugrís

Despois das dúas presentacións, onte en Vigo e anteonte na Coruña, da novela de Luís Rei Núñez e das primeiras recepcións de lectores (todas moi entusiastas e coincidentes en que a lectura destas catrocentas páxinas faise dun tirón), teño a impresión que esta será unha das novelas mellor valoradas e máis lidas dos últimos anos.
As intervencións memorables dos presentadores, os poetas Manuel Álvarez Torneiro e Ramiro Fonte, foron en idéntica liña e coincidiron na estirpe cervantina deste retrato da aventura humana do pintor de Lugrís coas luces da bohemia coruñesa dos anos cincuenta como teón de fondo. "Unha novela que ensancha con humildade e traballo os límites da nosa narrativa contemporánea"; "unha prosa para endereitar o rumbo zozobrante da narrativa galega" (dixo Fonte). "Unha aventura humana, un drama, un destino de Urbano Lugrís que non está nos museos, mais que está na novela de Luís Rei" (dixo Torneiro). A amizade do pintor co poeta de Taramancos (na liña das grandes parellas literarias e cinematográficas Quixote e Sancho, Laurel e Hardy, Martin Pawley e Ethan Edwards) os límites tan tenues entre a realidade e a ficción (con precedentes en Max Aub, Valle, Cansinos Assens ou Vázquez Montalban), o procedemento arriscado dos diarios apócrifos, o xogo das dúas voces (a do narrador e a apócrifa do pintor), a importancia da literatura biográfica para os narradores ("Unha tarefa que debían acometer todos os narradores é escribir unha biografía doutro escritor", dixo Fonte), as relacións entre a pintura e a literatura (e mesmo a vocación dormida de pintor de Rei Núñez) ou o carácter poliédrico e contraditorio do protagonista foron outras reflexións expresadas nas dúas presentacións. Unha novela importante, moi recomendable.

Nota: a próxima presentación realizarase o 25 de outubro, organizada polo Ateneo de Pontevedra.

Actualización (01-10-2007)
: Folerpa recolle outras frases de Ramiro Fonte da presentación.

Marcadores: , , , , ,

28.9.07

In an Absolut world





Estes dous anuncios forman parte da nova campaña mundial do vodca Absolut. Pretende provocar o debate entre os consumidores sobre temas de actualidade. Noutra ocasión xa temos rescatado os impactantes anuncios de Smirnoff, a súa maior competidora. Nos dous casos amósanse as posibilidades narrativas da nova publicidade da era da globalización. A campaña de Absolut estará nos cines españois no vindeiro mes de outubro.
Etiquetas:

Marcadores: ,

26.9.07

Diálise

Folerpa continúa a longa cadea de recoñecemento. Efectivamente, cando se represente Limpeza de sangue, asistiremos a un fito da escena galega. Un texto dramático para recomendar vivamente.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

Carlos Reigosa denuncia

A presentación de onte do libro de conversas de Del Caño con Carlos Reigosa foi moito máis alá do protocolario neste tipo de actos. Nunha intervención memorable, o autor de Intramundi denunciou que nin os nosos intelectuais nin as nosas institucións culturais nin as nosas universidades elevan as tradicións da nosa cultura labrega ao corpus literario e cultural. "Non se está facendo nada para conservar esta realidade. Vivimos nunha cultura que está virada de costas á nosa orixe". Para concluír, despois, que "o meu compromiso é seguir escribindo preto desta tradición labrega. A nosa identidade está en perigo na medida que estamos esquecendo o lugar de onde vimos. Está é unha grande desfeita actual para a nosa terra. Dígoo cun certo desánimo".
A reflexión deste "zoqueiro cosmopolita" (como o denomina Ramón Villares no prólogo do libro de conversas), ademais de amosar certa melancolía, expresa un debate de fondo calado na construción da nosa literatura nacional. Dificilmente a ampla obra narrativa e investigadora de Reigosa pode ser cualificada como "ruralista", razón pola que a súa denuncia poida ser interpretada en clave persoal, gañando en credibilidade e en posibilidades de abrir un necesario debate sobre a cuestión. Superado, afortunadamente, o falso dilema entre o rural e o urbano, categorías inservibles hoxe para definir a realidade galega (e, endebén, a nosa produción literaria), a recuperación do corpus da cultura tradicional convértese (máis aló da etnografía conservadora) nunha das fontes posibles para reinventar a identidade contemporánea. Pode a cultura literaria galega prescindir da achega da tradición oral dos contos populares ou dos mitos fundacionais acuñados durante séculos?
A lectura de novelas, rabiosamente modernas, como Intramundi (seguramente o cume literario de Reigosa, na estirpe das mellores obras faulknerianas), amosa que esta denuncia, á contracorrente das modas actuais, pode contribuír a abrir futuro para a nosa literatura.
O misterio de Carlos Reigosa. Conversas será presentado nas vindeiras semanas na Pastoriza, no corazón de tras da Corda, o espazo natal e literario de Reigosa. Sen dúbida, un acontecemento para festexar o traballo literario dun dos escritores maiores das nosas letras.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

25.9.07

Bañeira de libros

"Vidas post-it" de Iolanda Zúñiga

Jaureguizar cre que será a revelación da tempada.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

Público


Mañá aparecerá Público, o novo xornal madrileño dirixido polo veterano blogueiro Nacho Escolar e vencellado ao grupo da Sexta. Custará 0,5 cents (os domingos 1 €). Recomendo a lectura da transcrición do chat co director que reproduce xornal.com, na que se presentan moitos dos criterios do novo xornal. Paréceme esperanzador que exista competencia para El Pais. Non anuncia ningún vencello con Galicia, coa excepción da colaboración de Julián Hernández e a presenza do xornalista Manolo Rico como responsable de Política.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Día internacional da tradución



O xoves, 27 de setembro, celébrase en Santiago unha xornada de reflexión con motivo do Día internacional da tradución (30 de setembro, san Xerome), ao tempo que unha homenaxe a Fernando Pérez Barreiro Nolla.

Marcadores: ,

24.9.07

A entrevista con Adolfo Suárez

Eis o texto da entrevista con Adolfo Suárez , publicada no ABC dixital, da que falamos hoxe na Crónica de Tino Santiago. Algunhas afirmacións do ex-presidente son sorprendentes, como a existencia dunha cloaca madrileña de medios de comunicación ou a importancia que para el tiña convencer aos seus adversarios. É a sincera inxenuidade dun home queimado ou o froito dun tempo, paradoxicamente, máis aberto co actual?
Etiquetas:

Marcadores:

Campo do Fragoso XLV

DOUS GOKKAZOS
Os dous goles de Yiannis Okkas, o dianteiro internacional chipriota que debutaba en Balaídos, devolvéronos a ledicia. Porén, a pesar da clara vitoria diante da U.D. As Palmas (o equipo máis frouxo dos que por aquí pasaron), iso que chamamos fútbol aínda non compareceu sobre a lameira do Fragoso. A primeira parte celeste foi moi pobre. Os de Stoichkov non puideron impoñer a súa autoridade: a parella de pivotes (Vitolo e, o tamén debutante, Mario Suárez) quedaba trabada no medio do campo e os dous laterais (de carácter ultradefensivo e moi estáticos) eran incapaces de colaborar dalgunha forma no xogo atacante polas bandas. Apenas unhas poucas escintilacións técnicas de Larena e, sobre todo, do punta chipriota (unha agradable sorpresa) introducían algún fío polo que estirar o xogo e construír un relato cun mínimo de perigo. Na segunda parte mudou radicalmente o panorama, grazas, ao empuxe que supuxo a presenza diante dos pivotes de Diego Costa, que substituíu ao inofensivo Quincy “o bicicleteiro”. Unha xogada a balón parado, tocada co veludo preciso de Larena e peiteada con grande elegancia por Okkas, e unha contra ao límite do fóra de xogo, aínda mellor resolta, tamén, polo chipriota abondaron para pechar o marcador. Estes dous gokkazos de fermosa factura foron o mellor dun encontro que, a pesar do resultado, non resolve as dúbidas que arrastra o Celta deste comezo de tempada. Non vimos un esquema táctico definido, non vimos continuidade no debuxo das liñas (entre unha defensa caótica, que aposta máis polo pelotazo ca pola anticipación, e un medio campo sen personalidade nin capacidade de recuperación), non vimos, polo momento, capacidade de xerar ese fútbol ligado e coherente que gosta en Balaídos dende os tempos de Mazinho e Mostovoi. Mágoa, que o resultado quedase ennegrecido pola grave lesión de Borja Oubiña, na xornada na que debutaba en Anfield Road, un dos templos do fútbol mundial. Todo o noso agarimo, nestes momentos tan difíciles, para o mellor xogador galego deste século.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

23.9.07

Bernardino 75

No artigo da semana realizo a miña homenaxe á figura de Bernardino Graña, quen será homenaxeado esta semana en Cangas con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Unha boa oportunidade para volver sobre a obra do noso mariñeiro das palabras. Os actos da homenaxe, organizada pola Asociación Cultural A Cepa, xa foron anunciados. A presentación do libro homenaxe, coordinado por Héitor Mera, terá lugar o sábado, 29 de setembro, ás 13:00 horas, no salón de plenos do concello de Cangas.
Etiquetas.

Marcadores: , , , , , ,

21.9.07

Mariano Fernández Enguita en Vigo


O sociólogo da educación Mariano Fernández Enguita participará, xunto cos profesores Jurjo Torres Santomé e Jordi Adell, na Xornada "Innovación, Educación e Sociedade no Século XXI", que se celebrará en Vigo durante toda a tarde do vindeiro día 4 de outubro. Un programa moi atractivo (con tres grandes conferenciantes) para reflexionar, dende a perspectiva da pedagoxía crítica, sobre a situación e os retos da educación.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

20.9.07

Atacado o monumento de Puxeiros


Onte foi atacado o monumento que o pasado sábado foi inaugurado en Puxeiros, lembrando a sete persoas que foran alí cuneteadas o 15 de setembro de 1936. Unha lamentable manifestación de intolerancia que denunciamos con indignación.

Marcadores: ,

19.9.07

Escándalo nas oposicións

Sabemos que hai noticias que corren no ruxe-ruxe dos cafés e dificilmente chegan aos medios (coa excepción dalgún blog). O escándalo das oposicións do profesorado de Secundaria deste pasado verán foi unha delas. Sabiamos que os interinos foron claramente beneficiados pola Administración educativa. Sabiamos que opositores con exames extraordinarios, quedaron á porta sen posibilidade ningunha, mentres interinos con probas penosas, aprobaban. Sabiámolo e todos calamos coma petos. Foron estas oposicións "restrinxidas" (aínda que non aparecesen como tales, por que a Lei da Función Pública impide esta figura) un sistema de acceso á función pública baseado nos principios constitucionais de "igualdade, mérito e capacidade"?
Afortunadamente hai algunha persoa afouta que hoxe no Faro levanta a voz da dignidade denunciando este escándalo e defendendo ao colectivo de opositores que até agora non tiña nin sindicato que piase por eles. Non teño dúbidas de que estas oposicións trucadas foron máis unha descarada regularización de interinos ca un sistema fiable de acceso igualitario e transparente á función docente. Temo que, ademais, van contribuír ben pouco a mellorar a calidade da nosa educación. Desta volta a Consellaría de Educación e os responsables dos sindicatos do ensino erraron primando intereses corporativos. Unha mágoa!

Marcadores:

18.9.07

Blogs e libros

Txetxu volve á carga propoñendo a realización dun censo de blogs relacionados co libro e a lectura. As referencias serán publicados no blog da revista Trama & texturas (que xa prepara o seu número 3).

Actualización (23-09-2007): A referencia de Brétemas.

Etiquetas:

Marcadores: ,

17.9.07

Día europeo das linguas

O vindeiro 26 de setembro celebrarase o Día europeo das linguas organizado polo Consello de Europa. Recomendo a visita a este sitio web onde hai materiais e iniciativas abondas para a conmemoración da xornada, que ten unha clara dimensión educativa. Fedellando nas páxinas, chama a atención que nunha xornada na que se celebra a diversidade lingüística europea a información apareza publicada só en inglés. Tampouco sei se hai espazo para todas as linguas oficiais españolas. A pesar destas carencias, os autocolantes e o cartel son simpáticos.
Etiquetas:

Marcadores: ,

16.9.07

Edicion e tradución en Galicia (2005)


Os datos incluídos nesta presentación serán os que utilizarei mañá na miña intervención no Curso de Tradución Editorial da Universidade de Vigo sobre o panorama da edición e da tradución no sector editorial galego. Sinto que non se poidan ler coa claridade tipográfica que a min me gustaría.

Marcadores: , ,

Volta ás aulas

No artigo da semana reflexiono sobre as tres grandes novidades do curso escolar iniciado estes días: o comezo da implantación dos curículums LOE de Primaria e Secundaria, o novo decreto de uso e promoción do galego e a creación da rede de "Galescolas". Desta volta son optimista.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

15.9.07

Entrevista a Mario Regueira

A edición de Vieiros Barcelona publica unha interesante entrevista a Mario Regueira con motivo da presentación de L'affiche rouge que hoxe se celebra oraganizada por Espazo Galego dos Paisos Cataláns en Sargadelos de Barcelona. Da entrevista a Mario non podo evitar reproducir o derradeiro parágrafo que ilumina un debate tan complexo como é o da lectura, literatura e o mercado no que ven participando moi activamente:
"O papel da nossa producçom literária é umha eterna promesa, ou na linha de Xurxo Borrazás: os escritores galegos valemos mais mortos do que vivos. Polo de agora, ainda com as pequenas vantagens de liberdade e experimentaçom que oferece viver nas margens, urge multiplicar os leitores das distintas expressões escritas do galego, algo que na Galiza passa mais pola educaçom e a política linguística do que polas campanhas de mercado."
Mario presentará de novo a novela o vindeiro venres, 21 de setembro, ás 20:00 horas na nova Libraría Couceiro de Compostela. Alí estaremos.
Etiquetas:

Marcadores: , , , , ,

14.9.07

"O señor Lugrís e a negra sombra"

Dende hoxe pode baixarse un adianto de cinco páxinas da nova novela de Luís Rei Núñez, que se presentará o xoves 27 de setembro na Libraría Arenas da Coruña (por parte de Manuel Álvarez Torneiro e Laura González Garcés) e o venres 28 en Librouro de Vigo (por Ramiro Fonte).

Marcadores: , , , ,

13.9.07

A cor de Galicia

Outra mostra da crise do Celta como institución é o retroceso que se produciu esta tempada no uso do galego no seu xornal oficial. Coincido ao cen por cen con este comentario de Todocelta sobre as mudanzas (para peor, moito peor) da publicación gratuíta que o clube distribúe cada xornada en Balaídos. A cor de Galicia (pode baixarse en pdf) desta tempada aparece cunha moi escasa presenza do galego, ademais de contar cunha información menos elaborada e interesante ca na anterior. Non pode ser alleo a esta cuestión o feito de que esta tempada xa non sexa Merlín Comunicación (a nova empresa especializada en exposicións e comunicación cultural do Grupo Galaxia) a editora da publicación. Non acreditamos en que existan razóns obxectivas (económicas ou de calidade xornalística), a pesar de que o Celta milite agora en Segunda división, para que esta publicación fose devaluada nos seus contidos de forma tan notable. Non era o emprego do galego un dos sinais de identidade do club que dirixe Xavier Martínez Cobas? Algunha explicación, tamén sobre este tema, compriría que proporcionasen os responsables celestes, nun momento de enorme preocupación cidadá sobre o futuro que lle pode agardar ao club. En plena campaña de abonados (a pesar do anuncio da Marea celeste) a asistencia ao estadio nas dúas primeiras xornadas reduciuse a menos de cinco mil siareiros, as opinións nas emisoras de radio son moi pesimistas e xeralmente iradas, ademais de correr sms entre os afeccionados celestes propoñendo un boicot á Directiva para a vindeira xornada en Balaídos. Algo habería que facer.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

11.9.07

Smirnoff


Grazas a Manolo Gago puidemos recuperar este anuncio de Smirnoff sobre os océanos. Eis as posibilidades narrativas da publicidade condensadas nun minuto. A verdade que tamén hai outros trailers publicitarios deste vodca (de duracións e calidades visuais moi diversas) que pagan a pena lembrar.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Teatro infantil

Hoxe presentamos en Compostela o libro Teatro infantil. Do texto á representación froito da colaboración de Xerais e da Fundación Caixa Galicia coa LIJMI (Red Temática de Investigación "Las literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico").
Este libro continúa aos publicados nos dous últimos anos con motivo do Curso de Formación Continua sobre as literaturas infantís e xuvenís ibéricas e a súa influencia na formación lectora, Multiculturalismo e identidades permeábeis e Hans Christian Andersen, Jules Verne e El Quijote na literatura infantil e xuvenil do marco ibérico. Sempre crin que unha editora como Xerais, cun catálogo amplo no eido infantil e xuvenil, ten a responsabilidade de contribuír a ampliar o catálogo existente en galego, tanto sobre a formación lectora como nos ámbitos dos estudos académicos sobre a LIX (hoxe moito máis reducido .
Este libro colectivo que presentamos an Biblioteca Nova 33, xunto ao académico Euloxio R. Ruibal e á coordinadora de LIJMI Blanca-Ana Roig Rechou, presenta unha panorámica moi completa sobre o teatro infantil nas cinco linguas ibéricas. Na primeira parte, propón unha reflexión tanto sobre a especificidade dos textos dramáticos dirixidos á infancia (especialmente os de monicreques) como sobre o concepto de representación dende os presupostos da psicoloxía e a semioloxía. Na segunda, ofrécese unha perspectiva histórica do teatro infantil nas diferentes linguas ibéricas durante o século XX. Xa, na terceira, proponse unha selección de 61 textos dramáticos infantís (publicadas nas cinco linguas ibéricas) que contribúen á educación literaria ou á formación do criterio lector. Pechan o volume sete comentarios por estenso doutras tantas obras.
O libro, como os dous anteriores da mesma serie e fasquía, ten un carácter multilingüe, xa que cada un dos traballos é publicado na lingua na que foi escrito, coa excepción dos publicados en éuscaro, que tamén aparecen traducidos para o galego, lingua vehicular da publicación. Esta escolla multilingüe, moi infrecuente nos estudos literarios, constitúe unha proposta novidosa, ao tempo que un modelo no que afondar. Son moi de salientar, tamén, as ilustracións do editor Luis Mendonça. O libro ten indubidable interese para o traballo dos mediadores (editores, bibliotecarios e profesorado) e para os investigadores da LIX e da literatura dramática.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

10.9.07

Entrevista a Nelson de Matos

Recomendo a lectura desta entrevista a Nelson de Matos, o noso benquerido e admirado editor (sen dúbida, o que máis literatura galega publicou alén Minho). Felicitámonos, ademais, pola volta á actividade so seu blogue.
Etiquetas: Nelson_de_Matos

Marcadores: ,

A alfabetización na era dixital


Moi recomendable esta presentación de Tiscar sobre a Alfabetización na era dixital. Utilísima para o profesorado de ESO á hora de preparar a abordaxe do desenvolvemento da competencia dixital.

Marcadores: , , ,

Marcos S. Calveiro gaña o Ala Delta

Literatura e Mercado

Sobre o tema de Literatura e Mercado xirará o IV Simposio sobre o libro e a lectura que está preparando a AGE para celebrar o vindeiro mes de novembro. Para adiantar reflexións sobre cuestión tan polémica enlazo esta anotación do escritor Andrés Neuman publicada por Clarín. Non podo evitar reproducir as tres categorías de lectores (informados, intelectuais e artísticos) que Neuman establece na casa do señor Mercado:
"Resumiendo mucho, podríamos hablar de tres tipos de lector en la casa del Señor Mercado:
1) Los lectores informados, aquellos que buscan sobre todo enterarse, estar al día de la actualidad como quien lee el periódico.
2) Los lectores intelectuales, que analizan la información del libro, la subrayan e incluso la comparan con otras fuentes. Aunque estos segundos lectores son más disciplinados que los primeros, tal vez ambos estén unidos por una limitación: no modifican los libros que leen.
Por eso sospecho que quienes escasean son: 3) Los lectores artísticos, esos que recorren las páginas con los sentidos en vilo, la intuición expectante, la memoria abierta. Creadores a su modo, los lectores artísticos leen para interrogarse acerca de su propia identidad y ven en la literatura una existencia. Estos lectores merecen especial gratitud porque completan los libros, los salvan."
Vía El ojo fisgón

Marcadores: ,

9.9.07

Estatísticas

Cumpriuse onte un ano desque coloquei un contador no blog. Foron 163.641 as páxinas vistas destas Brétemas. Aínda que o incremento da audiencia non é obxectivo do noso espazo, sempre anima saber que hai persoas que utilizan o noso traballo na rede. Grazas a todas elas polo seu interese.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Campo do Fragoso XLIV

SINISTRO TOTAL
Fronte ao Eibar, Stoichkov apostou por presentar outro equipo novo, sen canteirán galego ningún. Nos dez primeiros minutos, un par de detalles técnicos de Diego Costa, o media punta brasileiro que substituía a Canobbio, e unhas cantas bicicletas pola banda do holandés Quincy levantaron a bancada: semellaba que, por fin, chegaba o fútbol a Balaídos. Foi só un espellismo. Os vascos colléronlle amodiño o control do centro do campo a Souza e Larena (a nosa parella de medios) e desapareceu o fútbol combinativo dos celestes. Na primeira parte só grazas a senllos balóns de Rubén, picados dende moi atrás, Manchev (o noso único dianteiro) tivo a oportunidade de demostrar as súas enormes dificultades para desbordar ou rematar cun mínimo perigo. A pesar da entrada de Vitolo e Dani Abalo (que deron un chisco máis de velocidade) e das dúas xogadas con certo sentido que desperdiciou a nosa inocente dianteira, non mellorou o xogo céltico coa reanudación. Faltando dez minutos para a conclusión e enfastiada a bancada pola ausencia de algo que se poida chamar xogo, unha contra ben levada polos eibarrotarras abondou para noquear outra vez a este Celta paupérrimo. Na terceira xornada de liga a súa situación é xa absolutamente crítica, non só polos resultados que, previsiblemente, o situarán en posicións de descenso, senón, e sobre todo, por que non se intúe que nas vindeiras xornadas vaia mellorar o xogo e autoridade dos celestes sobre o terreo. O Celta de Stoichkov non manexa conceptos do fútbol actual, non posúe liderado nin dentro nin fóra do campo, amais de non ter corazón nin identidade definida. Algo que non nos extraña tras a vergonzosa política de liquidación do conxunto da tempada anterior e a súa transformación nun mero equipo vasoira, onde probar a canteiráns dos equipos da capital (onte chegaron a xogar até cinco destes inexpertos rapaciños). Un auténtico sinistro total para unha afección con oitenta anos de fútbol atlántico.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

Bibliotecas fermosas

Desde aquí pode facerse unha impresionante viaxe fotográfica por algunhas das bliliotecas máis fermosas de todo o mundo. Unha auténtica marabilla para quen teña curiosidade por estes espazos para gardar a memoria das palabras. Pódese ampliar a navegación nas páxinas de flickr. Moi recomendable.
Vía Valadés (beizóns).
Etiquetas:

Marcadores: , ,

Recuperar o vieiro

No artigo da semana reflexiono sobre a necesidade do Bipartito de recuperar os seus sinais iniciais de identidade: programa común de goberno, austeridade e transparencia na xestión e comunicación compartida. Dende as posicións cidadás é necesario esixir este novo impulso de rexeneración democrática.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

8.9.07

Concelleiros de Urbanismo


O programa Vaya semanita da ETB ten algunhas pezas ben simpáticas. Un modelo (ben podería emulalo a TVG) de como é posible dende as televisións públicas facer humor sobre temas políticos. Os que teñan TDT de R poden velo en Galicia na canle internacional da ETB os sábados. Esta peza sobre "o escaso valor das bibliotecas", como tantas outras, paga a pena.
Vía Vigoblog.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

7.9.07

Barreiro, xefe de gabinete de Vicepresidencia

Manuel Martínez Barreiro será o novo xefe de gabinete da Vicepresidencia. Quen fora coordinador de edición de Xerais e despois coordinador de edición dixital de Acordar, ademais de comentaristas político da Radio Galega e de Vieiros, veterano blogueiro e autor de literatura infantil, terá a responsabilidade de acometer acarón de Quintana un traballo político decisivo na segunda parte da lexislatura. Os que o coñecemos e queremos sabemos que Manolo Barreiro posúe grandes doses de capacidade de diálogo, rigor na análise política e social máis concienzuda e actualizada, longa experiencia política, curiosidade tenaz polo coñecemento, persistencia e xenerosidade no esforzo, profundas conviccións de esquerda, discreción e elegancia exquisitas, amais de labaradas de ironía e doutros moitos valores humanos. Condicións abondas para prever que Quintana, o BNG e todo o Goberno Galego están hoxe de en hora boa por este acertadísimo nomeamento. Non teño dúbidas de que o seu selo irá calando coa discreción e o traballo ben feito que sempre o caracterizou alí onde foi e onde sempre deixou tantos amigos. Desexámoslle os maiores éxitos nesta súa nova (e, non o podemos negar, dífícil) andaina.

Marcadores: ,

Book trailer VII

A primeira experiencia de book trailer dun libro galego foi a d' O home inédito, a novela de Carlos G. Meixide que publicou en formato electrónico A Rotonda edicións (tamén a primeira en galego en formato Creative Commons) e, logo, en papel, Rinoceronte. Tamén poden considerarse como book trailers os anuncios de televisión que preparamos o pasado ano en Xerais das novelas de Suso de Toro e Rivas, así como os espazos de Planeta Fantasía de promoción e libros de literatura infantil.
Etiquetas:
video

Marcadores: , ,

6.9.07

E ti, pos a galega?


powered by ODEO
Moi simpática esta cuña da Radio Galega.
Vía Imeneo.
Etiquetas: Radio_Galega

Marcadores: ,

A dimisión de Losada

Tanto ten se Antón Losada dimitiu por asuntos persoais ou foi cesado a petición do interesado (termos que, sen dúbida, expresan que foi o propio Antón quen elixiu abandonar neste momento a súa responsabilidade). A actuación de Losada foi nalgúns momentos torpe, e mesmo un chisco teatral e esaxerada nas súas formas, mais tamén é innegable que contribuíu coa súa determinación e coñecemento a impulsar moi decididamente a acción do Goberno galego no traspaso de competencias pendentes (como até agora ningún político galego fixera), a impulsar a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou a intentar que a acción de goberno dos nacionalistas fose respectada (o que non é doado) polos seus coaligados sempre dispostos a competir con eles. Quizais o maior problema de Losada foi que dentro do equipo de Vicepresidencia asignóuselle –coma a Guerra, a Cascos ou á actual ministra Magdalena Álvarez– o difícil e incómodo papel de ser o "malo da película" que leva no lombo a maior parte dos paos dirixidos ao seu xefe e, por riba, debe participar en todas as liortas e polémicas mediáticas e partidarias. Haberá que agardar a comprobar como se desenvolve Quintana no futuro sen tan valioso pararraios. Quizais, entón, con maior perspectiva, se poida xulgar máis acaidamente o traballo político de Losada, para min decisivo para o éxito acadado (con moitas máis luces ca sombras) tanto por Quintana como polo bipartito no seu conxunto nesta primeira parte da lexislatura.
Etiquetas:

Marcadores:

Book trailer VI


Non hai dúbida de que Tökland é o espazo en español máis inquedo e interesado sobre a promoción do libro empregando as ferramentas audiovisuais. Ao fío da nosa revisión sobre o fenómeno dos book trailer (ou video books) recordaban onte un book trailer que realizaron a iniciativa de Javier Celaya sobre La aventura ambigua, publicado por Elipsis ediciones. Pareceume excelente, convida a ler o libro. Outro modelo interesante.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

O trasno viaxeiro

A libraría O trasno viaxeiro de Teo-Cacheiras ten un interesante blog. Publica apostillas literarias, novas de interese sobre o mundo do libro e unha completísima rede de enlaces sobre blogs literarios. Beizóns para as súas editoras.

Marcadores: ,

5.9.07

Book trailer V

Na revisión que vimos facendo das experiencias dos book trailers non podía faltar a dos livroclips que promove o Canal do livro brasileiro e da que xa temos dado noticia. A pesar de que esta é unha experiencia máis modesta cas producións canadianas ou italianas, é moi atractiva, como se pode comprobar nestas pezas sobre A metamorfose ou nestoutra sobre Crime e castigo. Cun orzamento máis baixo, mais con talento creativo poden conseguirse, tamén, magníficos resultados.

Etiquetas:

Marcadores: , ,

Pablo Auladell

O ilustrador Pablo Auladell emprega o seu blog para adiantar os traballos que vai finalizando. Eis catro ilustracións das que preparou para o novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz (O único que queda e amor), que publicaremos nunha nova colección no vindeiro mes de outubro. Das características da colección e das súas dúas primeiras entregas falaremos nas vindeiras semanas.


Etiquetas:

Marcadores: , , ,

4.9.07

"A casa dos Lucarios" de Teresa Moure

Hoxe entrou no almacén A casa dos Lucarios, a primeira obra de Teresa Moure dentro da colección Fóra de Xogo. Estará nas librarías a vindeira semana. Recupero o texto que redactamos de presentación promocional:

Rosa e Chicho, cando perderon a súa terceira filla, María Celeste, aparecida morta no seu berce na segunda semana de vida, decidiron instalarse en Ferreira. Alí levantaron unha casa de dúas plantas, coa cociña grande daqueles tempos, pegada á corte, e dous cuartos máis para acubillar á xente miúda, ademais dun faiado fermoso onde gardaren mazas e millo e soños dos que escorregan polas fendas de madeira. Despois, Chicho tiraría coa corte e construiría a taberna, onde cada noite apertaba o fol da súa gaita grileira, e onde tamén Rosa acrecentaba, contra vento e marea, as súas industrias de vendedora de pezas do enxoval. A vida ía manando paseniño, coa correspondente ración de dores e alegrías, como mudaba a casa dos Lucarios.
Teresa Moure ofrece nesta novela curta, escrita nunha prosa engaiolante, enchida de humor e sensualidade, a historia dunha familia a través das mudanzas e transformacións realizadas na súa vivenda ao longo de varias décadas. Un texto memorable dunha das nosas grandes escritoras contemporáneas.

Etiquetas:

Marcadores: , ,

3.9.07

Book trailer IV


Este book trailer da novela Shadow man de Cody McFadyen (editada por Bantam) recibiu o premio ao mellor book trailer (ou book video) do ano 2006. Repárese en que o editor enlaza con you tube o visionado do book trailer.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

Book trailer III

Tan interesantes como os de Harper Collins Canadá son os book trailer italianos. Esta produtora edítaos para Mondadori, Feltrinelli ou Fazi editore. Un dos mellores de todos eles é este de Il totem del lupo, o libro de Jian Rong.
Etiquetas:
video

Marcadores: , ,

2.9.07

Celta: falta liderado

Tras a reconversión do club e a liquidación case total do equipo das pasadas tempadas (aínda, a pesar da marcha de Guerrero, quedan compoñentes do sindicato de festas), o problema máis acuciante do actual Celta de segunda é a falta de liderado. A ninguén pode extrañar que chegase tan axiña a primeira derrota dun conxunto no que ninguén saben quen manda fóra do terreo (din que as charlas na caseta as imparte o segundo do adestrador) e non que tampouco ninguén coñece quen é a referencia dentro. Non abonda con lamentar que foron simples erros de concentración os que provocaron nos minutos finais o empate co Córdoba e a derrota de onte en Castalia. Os xogadores apenas se coñecen e tampouco saben a qué xogan (ou, canto menos cál é o patrón, se é que existe, que lle presta a Stoickhov). Haberá que agardar varias semanas para poder ir ubicando no conxunto a toda esta lexión de rapaciños cedidos e de veteranos libres que nos trouxo a última hora un director deportivo, que ten a gala durar moi pouco alí ónde vai. Mentres non acougen, moito temo que chegarán novas derrotas e outras decepcións. Este Celta de Mouriño e Cobas segue á deriva. Paciencia! Quédanos, polo menos, o aliciente de seguir o que poida ir facendo Borja na Premier League.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Book trailer II


O de Coraline, o libro de terror para nenos de Neil Gaiman, é un dos book trailer máis bonitos que coñezo. Chama a atención que o libro como tal case non apareza, coa excepción das ilustracións de David Mckean. Un caso ben diferente é o dos book trailers que publica Harper Collins Canadá, nunha liña máis publicitaria, xirando moi decididamente arredor do libro como obxecto. Eis o caso do realizado sobre o último libro de Tolkien ou destoutro sobre Londostani de Gautam Malkani. Nos tres casos, non se empregan voces en off e son as imaxes, a música e os textos os que marcan o ritmo da narración. Ten interese ver, tamén, o realizado sobre A bruxa de Portobello de Mario Coelho (onde a narración oral é clave) ou as dúas versións de The continuity girl, a de peto (máis breve) e a da primeira edición (moito máis extensa e atractiva). Deixo para o remate o meu preferido, que anuncia a aparición en rústica da serie de Lemony Snicket.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

Sobre inxustificado

No artigo da semana reflexiono sobre o complemento aprobado para os funcionarios que exerceron como altos cargos e apoio o rexeitamento proposto por Encarna Otero. Entendo que o exercicio da política como servizo xeneroso e noble á cidadanía require destas actitudes de rexeneración ética.
Etiquetas: Artigos

Marcadores: , ,

1.9.07

Book trailer I

Cada vez estou máis interesado en explorar o fenómeno do book trailer, como unha ferramenta de promoción do libro e a lectura na rede. Hai pezas moi interesantes (auténticas curtametraxes) que convén ir identificando para o arquivo. Aí van os de Matilda do mestre Dahl e o de Hot ice.



Etiquetas:

Marcadores: , ,