Sócrates, un
comentarista destas brétemas, lamenta que lle parece triste que na páxina dun editor o post que maior número de comentarios suscita é un referido ao fútbol, lamentando que "así lle vai á literatura deste país". Nunca, ata agora, pensara que existise unha incompatibilidade entre o meu oficio de editor e unha das miñas poucas afeccións extralaborais.
Son futboleiro e celtista declarado desque meu pai me levaba a Balaídos con apenas tres ou catro anos. Alí aprendín a comprender a gramática do fútbol celeste da man dun equipo de figuras inesquecibles, que hoxe constitúen os verdadeiros heroes da miña infancia: Ibarreche na portería; Herminio, Manolo, Costas, Las Heras, Rivera, Juan, Abel e, sobre todo, Suco, un extremo esquerdo que corría a banda de marabilla. A miña infancia está gravada na bancada de Río do vello Balaídos que se inundaba, un domingo si e outro tamén, pola subida do Lagares. O Celta daquela, case sempre en Segunda, tiña vontade de equipo waterpolista, xenuíno representante dunha cidade de sal, deitada diante da ría, como é a miña.
Ao remate da miña adolescencia (tras frecuentar moito Riazor, nos anos nos que fixen o bacharelato na Coruña) e coa conquista das liberdades asumín o pensamento nacionalista e a defensa da lingua. O meu celtismo familiar madurou, da mesma forma, a un celtismo identitario e consciente. Creo que no fútbol se xoga, fóra do terreo, unha liga paralela, a das emocións dos afeccionados. O fútbol, como case todos os deportes que empregan unha pelota, é na vida o que mellor escapa ás leis da vida. Todos os equipos son máis que un club, son manifestacións de identidades locais e nacionais; e os partidos son expresión da intelixencia en movemento nos que, como dicía André Maurois, se formulan problemas matemáticos de infinita complexidade que se resolven cun alustro, grazas a unha faísca de pensamento activo que posúen os futbolistas xeniais. Aí reside para min a grandeza deste deporte (tan deturpado actualmente polo tinglado económico e mediático), na súa capacidade para unir intelixencia, sentimentos, emocións e identidades.
Concibido o fútbol deste xeito, eu non podo ser máis ca celtista, como outros grandes amigos non poden ser máis ca deportivistas. O Celta, dende a súa fundación, tivo a vontade de ser a primeira selección galega. Hai uns anos coñecín a Juan Baliño Ledo, un dos impulsores da fusión do Real Vigo F.C. e do Fortuna, os dous equipos que conformaron o Real Club Celta de Vigo. Baliño contoume emocionado queo grupo de fundadores pretendeu crear un equipo potente que levase as cores da bandeira de Galicia polo mundo adiante. O propio nome do equipo, escollido entre outros tan simbólico como "Club Galicia" e Breogán, amosa ese poder identitario galego que posúe o Celta. Outrosí podería dicirse do
Deportivo.
Hoxe, oitenta anos despois, o Celta e o Deportivo, coas súas traxectorias nas competicións europeas (mágoa de intermitencias como as desta tempada) conseguiron o soño de poñer a Galicia en pé de igualdade con outros espazos identitarios, política e economicamente máis poderosos que o noso, proceso que se intensifica notablemente coa recuperación da Selección Galega no
partido que se celebrará en Compostela dentro dez días. Este é un feito relevante para o noso desenvolvemento identitario, que visualiza, tamén, neste eido simbólico, os anceios de cambio da sociedade galega.
Debo avergoñarme de gozar e sufrir nos estadios? Fágolle por isto algún dano á literatura galega?
Grazas a Vieiros pola súa foto tirada da súa magnífica Canle Selección.