Campo do Fragoso XX
Os dous mil celtistas arrecunchadiños nas bancadas de Riazor vivimos o sábado o partido máis feliz e emocionante que esta tempada ofreceu o equipo noso. Desta volta os celestes non se viron intimidados pola perigosa atmosfera do nordés que alí bate tan forte. Pola contra, saíron moi concentrados para conter con paciencia e disciplina defensiva as perigosas turradas iniciais dun Coruña decidido a procurar a vitoria que como auga de maio aliviase as dores da súa frouxa tempada. A modiño e con moito tempero, os de Fernando Vázquez foron desfacendo o nobelo dun derbi moi áspero. Grazas a unha defensa atacante moi sobria e elegante, aos límites da perfección, o Celta comezou a recuperar balóns no medio campo e a apuntar con perigo á porta dos Riazor Blues. Así chegou o gol máxico de Silviña, tras un oportuno remate dun Baiano moi implicado e batallador ao longo de todo o encontro. Co vento a favor e tras os oportunísimos trocos da segunda parte, o Celta abraiou aos locais cos seus continuos contragolpes e cambios de banda. Borja Oubiña –situado por vez primeira como atacante, por diante dos medios centros ocasionais– amosou nun par de xogadas extraordinarias que posúe, ademais de capacidade de recuperación defensiva, tamén o don do pase preciso (algo propio só das figuras). Nunha das súas alancadas proporcionou un servizo de ouro a Perera que non dubidou en noquear os coruñeses. Tras unha década de desgustos, este gran conxunto de Vázquez recuperou para o Celta a hexemonía indiscutible no futbol galego. Un día de orgullo e de competitiva ledicia para os seareiros celestes que ben sabiamos que non hai mal que dez anos dure.
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol