31.12.06
Suspensión do proceso
O fracaso deste proceso (no que se comprometeron todas as forzas políticas, coa excepción, seguramente interesada, do PP) foise evidenciando dende hai meses pola aparición da kale borroka, da extorsión e, agora, polo brutal atentado. Fracaso do que se poderían tirar algunhas conclusións para o futuro:
1. A inexistencia de interlocutores fiables tanto dentro da organización terrorista (o atentado amosa que a comunicación que se mantivo con "responsables" de ETA non o era) como, e non é menos importante, do seu entorno político. As patéticas declaracións de Otegi amosan que nin el nin a súa organización poden ser considerados como auténticos interlocutores políticos, apenas uns voceiros da organización armada. Sen esta interlocución ao máximo nivel e sen a vontade acreditada de rexeitar a violencia por parte de Batasuna é imposible reanudar proceso ningún.
2. Non hai posibilidades nin garantías de éxito para un proceso rexeitado polo principal partido da oposición. Entendo que o maior erro de cálculo de Zapatero foi minusvalorar a negativa a participar no proceso do PP (que agora, a apupado polo seu entorno mediático, tratará de tirar réditos da súa profecía cumprida). Se houbese posibilidades de reanudalo, para o que se requeriría un cese permanente e acreditado da violencia, sería unha condición indispensable incorporar ao PP no acordo do resto dos partidos democráticos (o que semella moi difícil que se produza no que queda de lexislatura).
3. Aínda que para algúns sexa moi duro admitilo, o único punto final para o terrorismo etarra pasa pola negociación. Corenta anos demostran que non existe posibilidade ningunha de acabar de forma definitiva con ETA por medios exclusivamente policiais. A paz haberá que acadala con medidas políticas e coa vontade e unidade de todos os demócratas para facela posible.
4. A maioría abrumadora da sociedade vasca (e, por suposto, do resto das comunidades españolas) rexeita frontalmente a violencia e anhela esperanzada a paz. Esta determinación é a que levou ao Presidente a sobrevalorar as posibilidades de éxito do proceso. Un exceso de confianza que no futuro, se volve presentarse a oportunidade, haberá que evitar. Todas as cautelas serán poucas.
Marcadores: Política
A forza da palabra
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cultura, Efemérides, Eventos, Exposicións, Lingua
30.12.06
Océano Sobral
Marcadores: Artes Visuais, Exposicións
Feliz 2007!
Súmome a estes fermosos parabéns (Vía Manolo Gago).
Marcadores: Vídeos
29.12.06
Futbolistas emigrantes
Marcadores: Fútbol, Selección_Galega, Sociedade
28.12.06
Iniciativa Man de Camelle
Marcadores: Artes Visuais, Cultura, Efemérides, In memoriam
27.12.06
O Vigo da movida
Balance dun ano cultural
Interrogado sobre as exposicións máis salientables do ano contestei que foran varias as que me interesaran moito: a do centenario da RAG, a organizada pola Consellaría de Cultura con motivo do Ano da Memoria e Urbanitas do Marco.
Por último, expresei como o meu maior desexo para o vindeiro ano no eido cultural a posta en marcha da revolución lectora prevista tras a aprobación recente da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.
Son consciente que quedaron foron moitas outras importantes cuestións desta ano cultural, dende a decisión anunciada hoxe sobre a Cidade da Cultura, pasando pola nosa indixencia bibliotecaria, ata as dificultades de consolidación da nosa industria cultural. Como é adoito preferín salientar nestas declaracións os feitos que entendo máis positivos (o que non quere dicir que non sexa consciente da existencia de moitas decepcións e insuficiencias no noso tecido cultural), quizais influído por aquilo que escribiu Borges: "a súa memoria era un precioso museo de literatura. Gostaba de gabar...". Hai tempo que optei por asumir este principio e compartir cos demais os goces que a literatura, a música ou as artes nos van proporcionando.
Actualización (31-12-2006): A reportaxe de Faro de Vigo.
Marcadores: Cultura
26.12.06
Universalista
20 anys de Bromera
La Favorita de Príncipe
Hoxe na rúa do Príncipe xa non hai fotógrafos de rúa, nin vendedores de parisién, nin libraría ningunha. Apenas unhas cantas xoeirías das de toda a vida, como a de Rainiero Fernández, o grande fotógrafo afeccionado, e un par de zapatarías resisten o empuxe da nova economía global, que no terreo do comercio impoñen as franquicias e tendas das grandes cadeas. De todo aquilo quédanos a memoria da infancia e as fotografías que o noso amigo Manolo Vicente, sempre tan previsor, fixo uns días antes que pechara para sempre La Favorita de Príncipe.
(Unha primeira versión deste texto inaugurou a miña sección "Campo de Granada" de Faro de Vigo, o 22 de agosto de 1999. Publícoo, de novo, lixeiramente actualizado, xa que como pediu unha boa amiga, saudosa dos nosos anos yeyés.)
Marcadores: Campo de Granada, Persoal, Vigo
24.12.06
Brétemas temáticas
Cos meus mellores desexos nesta noite saudosa para os lectores e lectoras sempre tan xenerosos comigo. Con todos os abrazos.
Marcadores: Persoal
Himno polémico
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Música, Política, Vídeos
23.12.06
Volve Richard Sennett
Para o pensador social norteamericano os traballadores estamos sometidos a unha inevitable corrosión do carácter provocada pola agresiva cultura relacional do que el chama "capitalismo impaciente". Vivimos nunha era da fragmentación, onde cada individuo debe encarar o reto de definirse a través de constantes mutacións profesionais en ausencia de institucións capaces de dar sentido á vida (o que podemos definir como "precarización" da empresa por medio da externalización dos seus servizos). Reto ao que habería que engadir outro non menos complexo, o de dar a talla na chamada "sociedade das habilidades" na que o talento xa non se valora e as competencias do individuo quedan axiña obsoletas (o que supón a dificultade ou a imposibilidade de facer planos a longo prazo, a presenza do fantasma da inutilidade dos mozos ben preparados como outro paradigma da fragmentación). Retos, os anteriores, ao que habería que sumar o da necesidade de buscar un lugar dende o que sexa posible manter vencellos co pasado que sexan capaces de explicar argumentos de vida que cadaquén debe ir tecendo (que remiten aos fenómenos da "soidade acompañada" ou da desigualdade cada vez máis vencellada cos fenómenos do aillamento).
Este novo libro de Sennett, para min moito máis claro que os dous anteriores, constitúe dende unha perspectiva moral un alegato contra a "cultura da superficialidade" na que o consumismo desaforado (Viva o o Nadal!) substitúe á politica e os apaños e a solidariedade familiar ás medidas sociais. Sennett remata o seu ensaio reivindicando unha nova cultura do traballo ancorada en tres grandes valores, que considera decisivos:
–O relato: procurar o sentido de conexión narrativa no traballo, atopar o argumento ou sentido do que facemos. Sennett apunta como iniciativas innovadores deste esforzo as realizadas nos Estados Unidos e na Gran Bretaña para dar forma ás "institucións paralelas" que tratan de facilitar aos traballadores a continuidade e a sostibilidade ausentes nas organizacións flexibles e a curto prazo, as experiencias de "emprego compartido" e as de "ingreso básico".
–A utilidade: procurando, sobe todo nos servizos públicos, un recoñecemento socialmente inclusivo de todo tipo de traballos.
–O espírito artesán: definido como "o desexo no traballo de facer ben algo polo simple feito de facelo ben."
Un libro de referencia, a contracorrente, que nos interroga continuamente e que axuda a mellor entender o noso tempo presente. Recoméndoo.
Marcadores: Ensaio, Novidades, Sociedade, Socioloxía
22.12.06
Premios Xerais 2007
Marcadores: Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Premios, Xerais
21.12.06
Nace a Diciopedia do século XXI
Marcadores: Dicionarios, Lingua, Novidades
Campo do Fragoso XXIX
Esta tempada un extraño trasno debe habitar na estragada lameira de Balaídos trabando as botas dos dianteiros celestes e impedindo que se produzan eses instantes decisivos, eses alustros de duración apenas perceptible para os seareiros, que permiten a aparición da fantasía irrepetible do gol. Onte, o Celta volveu poñer sobre o terreo todos os ingredientes necesarios para que algún deses momentos máxicos aparecesen: a intención atacante, a intensidade defensiva, o manexo con sentido da pelota, o despregue en velocidade polas bandas, o toque preciso nos desprazamentos, a cooperación no contragolpe… A pesar de manexar con soltura todos estes conceptos do fútbol gañador, mesmo a pesar do conformismo do actual pechacancelas da liga, o conxunto galego volveu naufragar na casa por que foi incapaz de concretar as súas múltiples oportunidades nos instantes decisivos: un pexegazo moi ben intencionado de Jorge Larena á trabe, un punteirazo ao pao do sempre batallador Baiano ou as diversas melés a porta baleira que os dianteiros celestes non souberon resolver. Durante moitos minutos do partido, cun dominio tan apabullante, con ocasións tan claras e realizando un xogo combinativo moi aceptable, parecía imposible que os celestes non acadasen, por fin, a vitoria diante dos seus afeccionados. Porén, por mor da teimosa presenza do trasno da imprecisión nos instantes decisivos o gol non só non apareceu se non que volveu asomar a temible sombra da derrota. Cando avanzada a segunda parte o Celta comezou a decaer fisicamente, tras tres encontros nunha semana, afortunadamente os de Lotina careceron da convicción suficiente para levarse o encontro nun dos seus contragolpes. Para os dous conxuntos estivo claro que no fútbol, como na vida, non se pode gañar se non se aproveitan eses poucos instantes decisivos.
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol
19.12.06
Segundo Congresso de Editores
Etiquetas: Congreso_Editores, Portugal
Isaac e a memoria
Feismo? Destruír un país
Marcadores: Arquitectura, Novidades
18.12.06
Botábase en falla
Marcadores: Lingua, Publicidade, Vídeos, Xerais
17.12.06
Noite da edición de Galicia 2006
O discurso de peche de Alfonso García Sanmartín, o actual presidente da AGE, foi unha peza oratoria espléndida, tan rotunda como chea de matices, que recolle como anel as preocupacións do sector tras a aprobación esta semana no Parlamento galego da Lei do libro e da lectura de Galicia. Recollo, polo que entendo gran interese e por non ter atopado apenas referencias nos medios impresos, boa parte dos contidos desta importante intervención:
O presidente dos editores galegos comezou salientando a satisfacción dos editores galegos pola recente aprobación por unanimidade dos grupos políticos da “Lei do libro e a lectura”. “Desde aquí os nosos parabéns á señora conselleira e a toda a clase política galega, o noso agradecemento por contar co sector na redacción da mesma e parabéns, de xeito especial, por conseguir a súa aprobación por unanimidade. Unanimidade que entendemos como firme decisión de apostar definitivamente polo sector. Unanimidade que compromete a palabra de toda a clase política, máis aló dos avatares que a loita de partidos nos poida deparar”.
A continuación sinalou que “non é momento de facer unha análise polo miúdo do texto da Lei, pero permítanseme salientar algúns aspectos que considero especialmente significativos: recoñécese o libro como elemento identificador de Galicia. Afírmase, en función disto, o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro pola súa importancia cultural, social e económica e como instrumento de normalización lingüística; como garante do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, a historia e a lingua de Galicia. Recóllense tamén medidas encamiñadas á renovación tecnolóxica e á modernización da industria do libro e das estruturas de distribución. Iso define o novo reto: libro igual a cultura, normalización, industria, comercio, renovación tecnolóxica; libro igual a ben social e dereito cultural de todos os galegos e galegas”.
Continuou o presidente dos editores galegos salientado que o “libro é unha obriga na acción de goberno; libro que transcende o ámbito da acción cultural e educativa e implica transversalmente o resto do goberno: Innovación e Industria, Comercio, Mercado exterior, Benestar social, Normalización... Estamos seguros de que a Consellería de Cultura saberá liderar de forma efectiva o novo marco que a Lei nos ofrece. O sector está ilusionado en que se consiga. Seguro que no encontro do vindeiro ano estaremos xa celebrando unha nova situación”.
As palabras do presidente da AGE abordaron tamén os retos que ten por diante o sector editorial galego: “Ninguén pode poñer en dúbida que as editoriais galegas nacen fundamentalmente como compromiso coa lingua e a cultura galegas, nacen coa conciencia clara de contribuír a facer país. Pero somos xa un sector maduro e asumimos conscientemente o reto de avanzar na mellora e na modernización das nosas estruturas, na diversificación das nosas liñas editoriais, na busca de novos mercados, na edición en novos soportes... En resumo, no fortalecemento das nosas estruturas empresariais. Esa é a nosa mellor garantía de futuro e este é o noso gran compromiso e empeño. Unha sociedade incapaz de soster unha industria cultural é unha sociedade inmatura, non-desenvolvida. Un país incapaz de soster unha industria cultural é un país en perigo, un país sen futuro. Un sector que non acolla a modernización e a profesionalización como paisaxe vital é un sector ameazado, un sector en situación terminal. Velaí o gran reto e velaí o noso empeño, o noso compromiso de colaboración aberta e leal con toda acción institucional. Saberemos defender os intereses do sector e contribuír a buscar solucións para os problemas e posibles desencontros que se poidan producir. Somos conscientes de que do diálogo nace a luz, de que exercendo a crítica, como xuízo e proposta construtiva, estamos colaborando de forma efectiva a crear país”.
Alfonso García non dubidou en expresar as inquedanzas que magoan ao sector: “Hai, nestes momentos, un tema que preocupa especialmente o sector do libro. O modelo de préstamo como sucedáneo da gratuidade. Reiteramos o noso apoio á gratuidade, pero solicitamos o empeño do goberno actual na análise e no estudo das graves consecuencias que o modelo comporta para a totalidade do sector e para o propio sistema educativo. O préstamo é, ao noso ver, un regalo enganoso que se lle fai á sociedade galega. As consecuencias veranse a medio prazo.A decisión que no seu día tomou o PP foi precipitada e electoralista. O tempo dirá se seguirá a pasar factura”.
O presidente da AGE rematou a súa intervención pedindo “unha acción de goberno consecuente e harmónica. Falar de normalización lingüística na escola, de galescolas, do libro como sector estratéxico, propoñer no horizonte unha Galicia inserida na sociedade da información e do coñecemento e ofrecer o libro escolar en préstamo son accións que non se sosteñen. Para demostralo, ofreceremos os datos que se desprendan do Estudo de viabilidade do sector do libro en función do modelo de préstamo. Desde aquí, o noso agradecemento a Cedro, a ANELE, e ao Gremio Nacional de Editores; sen a súa colaboración e axuda económica non sería posible realizalo. Seguro que os resultados serán útiles para que todos tomemos os camiños axeitados e tendo como horizonte o mellor servizo á sociedade galega”.
Actualización (19-12-2006): Nota de prensa da AGE sobre o evento.
Resplandor no abismo
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Autores, Campo de Granada, Narrativa, Novidades
16.12.06
Xosé L. Méndez Ferrín, solidariedade traballadores de Astano (1985)
15.12.06
Os anuncios
Estes dous espazos, os primeiros que anuncian a aparición de dúas novelas galegas, non son, porén, os primeiros dun libro galego en televisión. Hai xustamente vinte anos foi tamén Xerais a primeira empresa que empregou este medio para anunciar a aparición do Diccionario Xerais da Lingua, un feito, daquela, si verdadeiramente histórico. Somos conscientes da utilidade dos medios audiovisuais para a promoción do libro. O vindeiro ano pretendemos profundizar e mellorar, canto sexa posible, nese vieiro.
Marcadores: Dicionarios, Vídeos, Xerais
13.12.06
12.12.06
11.12.06
Campo do Fragoso XXVIII
A afección ten razóns para estar descontenta co Celta desta tempada. Os magníficos resultados e a consistencia do equipo fóra da casa (un dos mellores conxuntos como visitante) non se corresponden nin cos seus raquíticos resultados (apenas cinco puntos de vinte un posibles) nin coa intermitencia do seu xogo nos encontros de Balaídos. Esta comprensible decepción dunha bancada moi esixente, ansiosa de velo xogar na casa coa consistencia que amosa nos partidos televisados, estase traducindo nunha severísima como, para min, inxusta relación cos xogadores e, especialmente, co seu adestrador. Balaídos converteuse así para os celestes nun inferno máis que no escenario para sentirse agarimados e protexidos polos seus máis incondicionais siareiros. Onte volveu aparecer este desencontro nun partido intenso (o máis fermoso desta liga), desputado por dous conxuntos que quixeron a pelota e que estragaron moitas oportunidades claras en ambas as dúas portas. A primeira parte foi, sen dúbida, para os galegos mercede ao control do mediocampo, onde moito mandaron Iriney (secou ao perigoso Riquelme) e Oubiña, e a unha banda dereita onde Ángel e Gustavo desbordaron canto quixeron. Na segunda mudaron as tornas, o Villarreal gañou o control do xogo, o que non impediu que os célticos tivesen tres grandes oportunidades nas botas dun actívismo e sacrificado Baiano. Noutro contexto, este xogo perigoso e a vontade de vitoria do Celta, a pesar do empate, abondarían para deixar máis que satisfeita á bancada; mais sometidos a esta presión, o encontro rematou de forma moi tensa con apupos a Fernando Vázquez por mor do cambio de Baiano, solicitado previamente polo dianteiro (un malentendido). A reconciliación do equipo coa bancada é urxente se queremos acabar con este perigoso desencontro.
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol
10.12.06
Palabras contadas
A hora de Galicia
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Política
9.12.06
Memoria do 36
8.12.06
Jerome Murat
Marcadores: Artes Visuais, Vídeos
A morriña no blogomillo
Aborrezo a nostalxia polo tempo pasado, unha actitude xeralmente paralizante e moi pouco eficaz para construír un futuro incerto. Tecer e ganduxar a rede de blogs galegos como se ten feito, en apenas tres anos, é un éxito colectivo que nos debería de encher de orgullo a todos os que participamos dunha ou doutra maneira neste patchwork. No entanto, proporcionar consistencia e maior participación ás pequenas comunidades temáticas transversais (blogs políticos, culturais, gastronómicos, científicos...) ou aos grandes puntos de encontro son novas e moi produtivas tendencias no blogomillo –a pesar de que como fenómeno morreu e debemos aceptalo, "blogomillo" continúa sendo un termo eficaz para referirse aos blogs publicados en galego– que deberían constituír o eixo das nosas preocupacións moito máis que esa paralizante morriña sobre un tempo pasado que nunca máis se vai repetir.
O crecemento imparable do blogomillo e a modificación vertixinosa do propio soporte (cando morrerá, tamén, a escrita blog tal como hoxe a coñecemos?) son circunstancias que requiren novos tipos de análise e reflexión menos complacientes que as empregadas ata agora. Creo que chegou o momento de que todos os blogueiros galegos interesados nos xuntemos, ao xeito dun Primeiro Congreso dos Blogs en galego, para analizar e reflexionar devagariño de ónde vimos, ónde estamos, cara ónde queremos e podemos ir co noso blogomillo. Ademais, teriamos a oportunidade de compartir cervexas e longos parrafeos entre tanta boa xente.
Premios da Edición 2006
- Premio Ánxel Casal ao Libro de 2006: Feismo. Destruír un país. A fin do territorio humanizado de Antón Baamonde e outros (DIFUSORA DE LETRAS); O bosque dos raposos aforcados de Aro Paasilina (RINOCERONTE); O suxeito postmoderno de Rebeca Baceiredo (GALAXIA); Os libros arden mal de Manuel Rivas (XERAIS) e Terra e nostalxia. Galicia rural de Gwendolyn Luo (BAÍA).
- Premio Lois Tobío ao Libro traducido de 2006: A posibilidade dunha illa de Michael Houellebecq, tradución de Isabel García Fernández (RINOCERONTE); Arthur e George de Julian Barnes, tradución de Xesús Fraga (RINOCERONTE); As aventuras de Pinocho de Carlo Collodi (KALANDRAKA) e Don Xoán (Contado por si mesmo) de Peter Handke, tradución de Luís Fernández Rodríguez (SOTELO BLANCO).
- Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado de 2006: A banda de Vilacendoi de Xulio Gayoso (KALANDRAKA); A lingua das bolboretas de Manuel Rivas, ilustrado por Miguelanxo Prado (GALAXIA); Arquitectura popular de Galicia de Pedro de Llano, fotografías de Juán Rodríguez e debuxos de Alfonso Salgado (XERAIS); Carrilanos de Rafael Cid (XERAIS); Cogumelos de Galicia de Carlos Silvar, Marisa Castro e V. L. Román (A NOSA TERRA); O pirata metepata de Toño Núñez (BAÍA) e Smara de Paula Carballeira, ilustrado por Carole Hénaff (KALANDRAKA).
- Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil de 2006: A sombra descalza de An Alfaya (XERAIS); Corre, corre, cabaciña de Eva Mejuto (OQO); Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz (XERAIS) e Sari, soñador de mares de Marcos S. Calveiro (TAMBRE).
- Premio Francisco Fernández del Riego á cooperación no labor editorial 2006: Biblos; Programa Libro aberto de TVG e Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
- Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor de 2006: Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC; Manuel Rivas e Teresa Moure.
7.12.06
Durango 2006
6.12.06
Vidas exemplares no Bar Plaza
Na súa intervención Uxía Casal sinalou que nestes relatos pretendeu partir de situacións cotiáns para explorar a crueldade do mundo e propoñer a fantasía como unha realidade paralela. Suxerir e desacougar ao lector, creando atmosferas envolventes cun final inesperado, que revolcase ao relato, foron outras das súas pretensións. Uxía defendeu unha prosa inzada de musicalidade artellada sobre a economía de medios e a precisión lingüística (rememorando a cita de Patricia Highsmith: "todo o que sexa superfluo nun texto, sobra"). A pesar do ballón e do estado calamitoso da Vía do Barbanza volvemos para Sal máis contentos cun cuco.
Marcadores: Autores, Narrativa, Novidades, Presentacións, Xerais
4.12.06
De biblioteca universitaria a CRAI
Marcadores: Bibliotecas, Slideshare
3.12.06
LV, xornal gratuito en galego
A aparición da prensa analóxica gratuita é unha das novidades máis significativas do xornalismo actual, mais aínda cando a súa aceptación polos lectores novos semella unha tendencia de éxito rotundo en todos os países. Está claro que, ao abeiro do cambio político, algo por fin se está movendo nos medios en Galicia. Agardamos a data de saída do primeiro número, que suporá o feito histórico de contar xa con dous diarios en galego.
Actualización (o4-12-2006): interesante anotación sobre LV de Juan Varela.
BNG: o valor da unidade e o pluralismo
Con este resultado o éxito da Asemblea do BNG é indubidable, como o persoal de Anxo Quintana (que conseguiu artellar unha executiva de consenso, moi renovada) e o dos tres grupos críticos (Encontro Irmandiño, Pola Base e Alternativa) que conseguiron unha presenza significativa nos órganos de dirección. O BNG sae da Asemblea en moito mellores condicións que entrou para encarar con maior fortaleza a súa necesaria remontada electoral. Velaí o valor da unidade e o pluralismo, valores que a cidadanía adoita saber recoñecer nas organizacións políticas.
Marcadores: Política
BNG: 32 voces
Marcadores: Política
2.12.06
Uso educativo dos blogs
Marcadores: Blogs, Educación, Slideshare
1.12.06
Encrucillada
- Estamos nunha encrucillada histórica decisiva: Cando comezabamos a albiscar moi tímidos síntomas de normalización da industria cultural en galego, volvemos estar nunha nova encrucillada histórica decisiva: a posibilidade de que a cultura textual en lingua galega poida facer fronte ou non aos retos que nos propón a literacidade electrónica, a nova forma de entender a lectura e a escritura na sociedade da información e do coñecemento. Encrucillada que require solucionar, entre outros, tres grandes dilemas:
Primeiro: o da nosa capacidade para superar colectivamente a actual fenda dixital que sufrimos, tanto a nivel de infraestruturas, de formación de usuarios como de presenza na sociedade da textualidade electrónica. Esta é para min unha das cuestión centrais para o futuro de todas as nosas industrias culturais. Se superamos esa fenda poderemos asumir que as posibilidades técnicas son novas posibilidades creativas e que vivimos inmersos nun novo paradigma da comunicación cultural: a da existencia dunha nova textualidade dixital que, moito máis alá do soporte que agora coñecemos e en transformación vertixinosa, vai supor a creación de novos xéneros de creación e acceso ao coñecemento, caracterizados pola súa multimodalidade e o seu plurilingüismo.
Segundo: o da nosa vontade para desenvolver un novo modelo de comunicación lingüística, onde o galego sexa a lingua vehicular e de instalación da maior parte dunha poboación xa plurilingüe. O futuro do galego neste modelo, como primeiro eixo identitario e canle da creación cultural, e o seu futuro dentro da sociedade, van determinar en boa medida as posibilidades de desenvolvemento das industrias culturais en Galicia. Razón pola que entendo decisiva asegurar a presenza do galego como lingua vehicular da nova comunicación dixital. Todos os esforzos que fagamos, unindo o uso do galego á innovación tecnolóxica, serán escasos para gañar esta batalla decisiva.
Terceiro: o do papel dos poderes públicos galegos con respecto ás cuestións da cultura e educación. Razón, tamén, pola que o papel que poidan xogar apoiando aos emprendedores das industrias culturais en galego, vai determinar en boa medida as posibilidades de éxito. E non me estou referindo a reivindicar, outra vez, unha cultura alicerzada nas subvencións públicas, nin moito menos (as industriais culturais han poder defender a viabilidade dos seus proxectos no mercado), senón cómo e ónde se van destinar os fondos públicos (escasos na era da fragmentación globalizada) destinados á fomentar o acceso aos produtos culturais como parte da calidade de vida da cidadanía.
Aí temos, como auténtica espada de Damocles, o megalómano proxecto da chamada, ata agora, Cidade de Cultura, como gran condicionante que, de non ser reconducida con intelixencia e austeridade, ademais de procurar financiamento privado, pode ser un lastre, como xa estamos padecendo este ano e o vindeiro que impida saír da encrucillada. Cos orzamentos da Consellaría de Cultura de 2007 na man é moi difícil xustificar que se invistan sesenta millóns de euros nese edificio e se dediquen cantidades ben modestas duns poucos millóns de euros para toda política do libro e da lectura. Un tema moi difícil, si.
Resumindo: incorporarse ao paradigma da comunicación cultural electrónica, asegurar a presenza da lingua galega nese novo modelo de comunicación plurilingüe e deseñar políticas públicas que proporcionen posibilidades de acceso igualitario de todos os cidadáns aos bens e produtos culturais serían tres grandes retos aos que debemos enfrontarnos.
Actualización (03-12-2006): No artigo da semana amplío esta reflexión.
Etiquetas: Cultura , Galicia, Artigos
Marcadores: Cultura, Eventos, Literacidade, Televisión