Unha gran alegría: o meu admirado don
Xosé María Álvarez Blázquez será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008.
Poeta,
editor, historiador, divulgador e cronista da cidade de Vigo (entre outros moitos méritos) a figura de X
osé María recibirá por fin un merecidísimo recoñecemento nacional.
Autor de poemarios emblemáticos como
Canle segredo e
Cancioneiro de Monfero (neotrobadorista), de obras narrativas en galego como
A pega rabilonga e outras historias de tesouros;
biógrafo de Alexandre Bóveda;
editor e estudoso da obra de Martín Codax; creador das Edicións Monterrey e de Edicións Castrelos (a editora da mítica colección dos libros do Moucho); autor de
La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo (un dos meus libros de cabeceira), libreiro da Libraría Anticuaria da miña rúa natal (a quen tanto lle debo a miña afección polos libros), membro da xínea dos
Álvarez (
a quen tanto admiro), autor de
Roseira do teu mencer (quizais o primeiro poemario da poesía infantil en galego) a figura moralmente hercúlea de Xosé María (pai dos escritores
Xosé María,
Alfonso e Celso e da pintora Berta Álvarez Cáccamo) con seguridade axudará revitalizar e a popularizar a celebración do 17M.
Na actualidade a súa obra, coa excepción da nosa edición de
Roseira do teu mencer, dificilmente se pode atopar nas librarías. A súa
obra poética galega completa está recollida nun volume que publicou Xerais nos anos oitenta (hoxe totalmente agotada). Con motivo da Biblioteca 120 de
La Voz de Galicia, preparamos en Xerais unha edición de
Canle segredo. Sobre a súa figura existe unha biografía, preparada polo seu fillo Alfonso, editada hai anos por Ir Indo edicións, ademais de testemuñas no libro de conversas con
Darío Xohán Cabana (o poeta chairego traballou man con man con Xosé María en edicións Castrelos, sendo un dos mellores coñecedores da súa figura) que publicaremos nas próximas semanas. Curiosamente, non existe aínda ficha de don Xosé María na BVG, sendo, en xeral, moi incompleta a información electrónica existente ata agora. Eivas biobliográficas que coa excepción do seu libro de contos inédito,
Os ruíns (perdido cando ía ser publicado por Casal),
serán cubertas sobradamente nos vindeiros meses.
A
AGE puxo o nome de "Xosé María Álvarez Blázquez" ao seu P
remio Autor do ano, recoñecemento que ata agora recaíu en Ferrín (2005) e Manuel Rivas (2006). Así mesmo, a Sala de Lectura da Biblioteca Central de Vigo, tamén a proposta da Asociación Galega de Editores, recibiu o seu nome sendo alcalde de Vigo Manuel Pérez. A cidade de Vigo homenaxeouno dándolle o seu nome a un paseo e colocando unha praca de bronce que lembra onde viviu.
Os meus parabéns para a Academia por
escolla tan acaída. Teremos oportunidade de falar de vagar nestas brétemas de don
Xosé María.
Marcadores: 17_de_maio, Autores, Editores, Efemérides