30.7.08

Morte da lectura profunda

Vía Tokland chego a esta interesante anotación de David de Ugarte sobre a morte da lectura profunda, sintagma que faría referencia referencia ao tipo de lectura que acotío facemos sobre as pantallas: rápida, zapeada, transversal... Ugarte, citando un artigo de Nicholas Carr, considera que "leemos más que nunca, pero no nos abstraemos en un texto como antes durante horas. Ahora saltamos de un lado a otro, leyendo en diagonal, extrayendo datos de aquí y de allí, sin volver nunca a una fuente ya visitada. [...] "El lado malo es que la lectura profunda es en realidad indistinguible del pensamiento profundo… y perdiendo una estaríamos perdiendo al otro. La perspectiva según el autor, es la de un tipo de pensamiento muy relacionado, muy comprehensivo… pero que no establecería relaciones íntimas entre temas dispares. En una palabra, sería menos profundo y por tanto menos innovador y creativo. Nuestra inteligencia se parece cada vez menos a lo que considerábamos inteligencia y cada vez más a la inteligencia artificial y a los sistemas expertos."
Tanto o texto de Carr como a anotación de Ugarte fan referencia ao fenómeno da literacidade electrónica, esa lectura sobre pantallas que require unha nova formación para o lector e unha actitude, se cabe, máis crítica e cautelosa que sobre os textos impresos. Se a lectura sobre pantallas nos leva, inexorablemente, cara á superficialidade e cara un pensamento feble, si que estariamos perdidos. Quizais o contrapunto reside nestoutra anotación de Tiscar, recuperando conceptos esenciais de Paulo Freire, o pedagogo brasileiro que acuñou o concepto de literacidade (a lectura é unha práctica social dun tempo e sociedade concretos).

Marcadores: ,

29.7.08

Cuil

Decepcionoume un chisco. Lera moitas cousas pola rede promocionando este novo buscador, preparado por ex-estrelas de Google, aparecido onte. Ás buscas, se lle engade, como contexto, outras de carácter semántico (o que parece, algo bastante interesante). Seguirémolo probando.

Marcadores:

Poeta europeo de primeira clase

Da emocionante homenaxe que onte ao mediodía se rendeu en Ferrol a Ramiro Fonte, quédome con esta frase do crítico Miguel García Posada: "Ramiro Fonte é poeta europeo de primeira clase". Ademais, puidemos escoitarlle recitar dous poemas magníficos dos que formarán parte do novo libro que está preparando este eumés universal.

Actualización (31-07-2008): fermoso artigo de Miguel Anxo Fernán Vello sobre a figura e a obra de Ramiro.

Marcadores: ,

27.7.08

Festas laicas

No artigo da semana felicito á concellaría de Cultura de Vigo polo seu programa de Festas verán 2008, ao tempo que aproveito para reflexionar sobre o carácter laico que deben ter este tipo de eventos e dos comportamentos das autoridades e funcionarios civís.

Marcadores: , , , ,

26.7.08

Nova Escola Galega, 25 anos

Galicia hoxe publica unha entrevista con Xosé Lastra Muruais, presidente de Nova Escola Galega, con motivo do vinte e cinco aniversario do noso movemento de renovación pedagóxica. Esta é unha efeméride que para min non pode pasar desapercibida. A miña vida profesional, tanto como docente, pedagogo e editor non se pode entender sen Nova Escola Galega, un colectivo de medio milleiro de profesionais da educación soñadores que, dende eidos diferentes (a escola, a universidade, os concellos, a edición educativa privada ou dende a merecida xubilación) seguimos teimando na procura da escola galega das pombas. Ten moita razón Lastra cando amosa a vixencia do noso proxecto, continuamos acometendo "unha acción decidida, autónoma e favorable á causa da educación pública e democrática, laica, galeguizadora e socialmente integradora, amais de respectuosa co pluralismo democrático". Nestes vinte e cinco anos, mudaron moito a escola e a sociedade galega, porén continúa a nosa teima pola construción dunha escola pública galega. O vindeiro 29 de novembro estaremos no Museo Pedagóxico Galego para celebrar este primeiro século de angueira, o que é dicir unha parte vital das nosas vidas.

Marcadores: ,

25.7.08

Feira do libro de Melide

O domingo ao mediodía estaremos en Melide para moderar un acto literario da Primeira Feira do libro do Camiño de Santiago no que participarán algúns dos escritores gañadores do Premio de Narrativa Terra de Melide. Organizada polo concello na fermosa praza do Convento, cun número importante de librarías, esta nova feira do libro ten un atractivo carácter alternativo. Desexámoslles os maiores éxitos.

Marcadores: ,

Festigal

Esta tarde teremos catro presentacións no Festigal. Un programa literario completísimo.

Marcadores: ,

Feiras do libro, procurar un novo modelo

Xosé Antonio Perozo nun artigo n' A Nosa Terra volve sacar o debate sobre o futuro das feiras do libro. Para Perozo "[...] hai que ser valentes e dicir que culturalmente non paga a pena o esforzo de programar, subvencionar e publicitar as feiras do libro polo camiño que van. Están culturalmente mortas. Hai que arriscar e procurar alternativas imaxinativas, imprimirlles ás feiras un selo de prestixio social e sacalas do reduto do tendeiro que amosan. Non lle debemos pechar a porta a ningún tipo de libro nin lingua, pero en primeiro lugar faise necesario apostar polo libro galego con decisión e en segundo polo libro en xeral como obxecto de valor. Se non é así, que peche o último en saír e tire a chave ó mar". No diagnóstico do problema estou con Perozo, mais entendo que antes de deixarse caer nos brazos da desolación, aínda é posible reorientar o modelo de feiras no marco dunha nova política de lectura e de visibilidade para o libro, as bibliotecas e a libraría.

Marcadores:

Unha patria de todos

Marcadores: ,

24.7.08

A AGE consolídase

A continuidade do equipo directivo da Asociación Galega de Editores é a mellor proba do grande traballo que vén desenvolvendo a directiva presidida por Alfonso García Sanmartín e da consolidación do sector editorial en Galicia. Só nos últimos dous anos, a AGE aumentou notablemente o seu número de asociados (ata superar os corenta), representando así á totalidade do sector editorial en Galicia; intensificou a presenza dos editores galegos noso foros internacionais (feiras e misións comerciais); creou Culturgal (a primeira feira do libro e das industrias culturais en Galicia); normalizou as relacións cos sectores profesionais do sector do libro (tanto na Federación de Gremios de Editores de España como en ANELE); batallou na defensa dun modelo sostible de gratuidade para o libro escolar; apostou pola formación e profesionalización dos membros do sector (consolidando a celebración do Simposio anual do libro e da lectura e a información profesional aos seus asociados); colaborou con outras entidades profesionais, culturais e cívicas na defensa da lingua e cultura galegas; consolidou a celebración da Noite da edición, dos Premios anuais dos editores e da edición dun boletín de novidades editoriais... Un traballo intenso e rigoroso que amosa as posibilidades dun sector empresarial clave no desenvolvemento das industrias culturais en Galicia. Con todo, queda moita agra por labrar, especialmente no terreo do fomento da lectura (unha asignatura pendente en Galicia como cuestión estratéxica para o conxunto da sociedade), da visibilidade do libro galego (onde estamos perdendo espazos, tanto comerciais como nos medios de comunicación impresos) e do salto (imprescindible) que o conxunto do sector ten que dar para incorporarse á edición electrónica e para facer fronte aos retos da literacidade electrónica. Beizóns, compañeiros!

Marcadores:

23.7.08

Unha foto para a historia

Todos con Ramiro Fonte

Os organizadores da homenaxe a Ramiro Fonte comunican que, finalmente, o acto se celebrará o luns, 28 de xullo, ás 13:30 nas instalacións do Palacio Municipal de Ferrol. A entrada é libre. As persoas e institucións que desexen adherirse á homenaxe poden enviar os seus textos ao correo do Real Coro Toxos e Flores (amboage56@hotmail.com). No acto darase lectura a estes comunicados. A noticia desta importante homenaxe xa apareceu en diversos medios como Galicia hoxe, Vieiros, A Nosa Terra e La Voz de Galicia. Animamos a participar en xornada tan importante. O luns todos en Ferrol con Ramiro Fonte!

Marcadores: ,

21.7.08

Ramiro Fonte será homenaxeado o 28 de xullo en Ferrol

Recibimos con emoción a noticia que hoxe publica Perfecto Conde no seu blog sobre a homenaxe que recibirá Ramiro Fonte en Ferrol. Transcribímola polo seu enorme interese e animamos a participar no acto e enviar adhesións:
O próximo luns, 28 de xullo, ás 13 horas, no pazo do Concello de Ferrol, terá lugar o acto de homenaxe do mundo das letras ao escritor Ramiro Fonte. No seu transcurso, seralle entregado o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, que lle foi outorgado por un xurado composto por Julia Uceda (Premio Nacional de Poesía), Iolanda Díaz (concelleira de Cultura de Ferrol), Félix Villares Mouteira (chanceler da Curia da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e un dos mellores coñecedores da poesía galega do século XX), Miguel García-Posadas (presidente da Asociación de Críticos Literarios de España), Ramón Pernas (director da Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Segundo Leonardo Pérez López (catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca e coengo da catedral de Mondoñedo) e Ramón Loureiro (xornalista e escritor). Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e van ser moitos sen dúbida os representantes da cultura e das letras galegas, da política e da vida soial, que se sumen a esta homenaxe que tanto merece o escritor de Pontedeume, que agora está pasando polo tratamento dunha dificil doenza.
Unimos entusiasmados a este merecidísimo recoñecemento para o noso poeta primeiro Unha candea esperanzada para Ramiro

Marcadores: ,

20.7.08

The Power of Books

[Tirado de Librosfera, grazas.]

Marcadores: ,

O fracaso da área metropolitana

No artigo da semana abordo o que entendo son as razóns do fracaso do proxecto da área metropolitana de Vigo. Creo que o cerne reside na incapacidade das forzas parlamentarias de acadar un acordo sobre a organización administrativa e política do territorio, para min, a grande revolución que precisa o país.

Marcadores: , , ,

19.7.08

As nosas linguas comúns

Recomendo a lectura deste Manifesto a prol do plurilinguismo, asinado por varios profesores universitarios, entre eles o noso amigo Carlos Taibo.

Marcadores:

Galicia continúa á cola en lectura

Continúa sendo tan triste como desolador: Galicia non sae dos postos de cola en índices de lectura. Na presentación da campaña "Lee en la playa" (campaña moi pouco imaxinativa e eficaz, por certo), organizada pola Federación de Gremios de Editores e o Ministerio de Cultura, salientouse que, segundo os datos do máis recente barómetro de lectura 2007, as comunidades con menor índice de lectura son Galicia (51,2%) e Estremadura (49,5%). Os responsables do estudo xustifican estes fracos porcentaxes a "cuestións históricas", feito que pouco nos consola. O máis decepcionante do dato, que arrastramos dende que se ven elaborando este barómetro, é que non semella importar a case ninguén. Unha sociedade penúltima en lectura pode aspirar a colocarse con algunha garantía en cabeza noutros ámbitos? Teño para min que estas balanzas de lectura son tan significativas sobre as nosas posibilidades futuras como as balanzas fiscais. Cando asumiremos que a lectura é unha cuestión estratéxica (e, polo tanto, política)?

Marcadores: ,

Culturgal 2009

Afortunadamente, a pesar do retraso de varios meses, este ano tamén haberá Culturgal. A organización pasou da AGE á Consellaría de Cultura e Deporte que decidiu montar esta feira galega das industrias culturais no Palexco coruñés na primeira fin de semana de decembro. Agardamos que con este novo modelo de xestión, Culturgal continúe co seu espírito fundacional e chegue a converterse nun referente para todos os sectores da cultura. Atraer á maior cantidade posible de público é o seu reto.

Marcadores: ,

18.7.08

Apoio ao Manifesto de Galeusca

16.7.08

Ler novelas aumenta as habilidades sociais

Segundo un estudo realizado por un grupo de psicólogos canadianos ler novelas aumenta as habilidades sociais. Segundo este traballo empírico os lectores e lectoras de novelas adquiren novas habilidades sociais e melloran, grazas á lectura, ás que xa posúen. Como sinalan no blog ediciona, sexa certo ou non, sempre é bo contar con outro argumento a prol da lectura.

Marcadores: ,

Novas tecnoloxías e dinamización lingüística

Mañá estaremos en Carballo participando no IV curso de Verán Traballando en lingua: novas tecnoloxías e dinamización lingüística. Interviremos nunha mesa redonda sobre "Recursos pedagóxicos e culturais na rede", xunto a Xoán Costas Casas, Henrique Quintáns Míguez e Camilo Regueiro.

Marcadores: , ,

15.7.08

"A Nosa Terra Diario"

A Nosa Terra Diario acaba de abrir un novo espazo de crítica de produtos culturais (libros, discos, películas de cine e dvds). Un espazo de crítica que, indubidablemente, mellora os contidos deste diario dixital. Beizóns aos responsables d' ANT.

Marcadores: ,

14.7.08

Numilog, libraría dixital francesa

Numilog é un libraría dixital francesa que ofrece máis de corenta mil títulos de e-books dispoñibles en formatos pdf en prc . De moitos títulos ofrece tamén a posibilidade da lectura ou consulta gratuíta en liña da totalidade ou parte do contido ou de adquirir a versión audiolibro. Os prezos das descargas son sensiblemente inferiores aos libros impresos en papel. Tamén ten un espazo de libros de descarga gratuita. O interese deste portal dixital é que ofrece formatos múltiples de lectura electrónica adaptados aos diferentes tipos de contidos. Os títulos en formato pdf están concibidos para a súa lectura con Adobe Reader sobre a pantalla de calquera tipo de ordenador. Outras posibilidades interesantes desta libraría dixital son a posibilidade de compra de determinados capítulos, partes ou artigos dun libro ou o encargo da súa impresión baixo demanda. O modelo de Numilog anticipa algunhas das tendencias que parecen detectarse como principais na comercialización e distribución de libros electrónicos: versatilidade, segmentación do contido e oferta de produtos de lectura para utilizar nunha multiplataforma dixital. Volveremos en futuras anotacións sobre este interesante modelo.

Marcadores: ,

13.7.08

Máis sobre a xestión da CdC

Daniel Salgado publica en El País Galicia unha xeira de opinións sobre o modelo de xestión escollido para a CdC. Entre as persoas que fomos consultadas a maioría expresamos dúbidas sobre a conveniencia de darlle maioría ao capital privado na xestión da nova fundación. Pola súa banda, Galicia hoxe publica unha entrevista con Juan Manuel Urgoiti, a persoa escollida por Touriño para presidir a nova fundación, que non achega novidades con respecto ao xa publicado ata agora.

Marcadores: ,

Barreras, orgullo de todos

No artigo da semana volvo sobre o interesante traballo de innovación tecnolóxica que desenvolve o estaleiro Barreras.

Marcadores: , , , ,

12.7.08

Kamel Ghilas, novo dianteiro do Celta


Procedente do Vitoria Guimarães chega ao Celta Kamel Fhati Ghilas, un atacante versátil (principalmente de banda esquerda) internacional arxeliano con pasaporte francés. Ghilas xogou tres tempadas na liga francesa co Cannes e logo pasou á liga portuguesa. O máis sorprendente é que parece estivo na axenda do Arsenal de Wenger. Alguén pode explicar como é posible que un xogador polo que na primavera pasada se pedían 1,75 millóns de libras polo seu traspaso, cun equipo clasificado para a previa da Champions pode chegar libre ao Celta da concursal e fichar por tres anos? Semella cousa de meigas. No vídeo poden verse algúns dos seus goles co "Eurovitoria": "tres preciosos tantos" para o locutor portugués. Semella unha boa fichaxe este compatriota de Zidane. Ghilas (autodenominado "o fenómeno alxerino") ten aberto este blog.

Marcadores: , ,

Rare book room

Neste sitio poden consultarse manuscritos dixitalizados por Octavo para diversas bibliotecas do mundo. Fedellando poden verse cousas moi interesantes e curiosas.
Vía: Libreros.

Marcadores: ,

11.7.08

Editar é intervir no presente

"Editar es una forma de intervenir en el presente. El catálogo de una editorial (además de ser su principal activo, dato que cada vez más parece olvidarse en busca de la ganancia a corto plazo) es ante todo una opinión. Editar un libro, insertarlo en un catálogo, implica formular una opinión sobre el estado de la literatura contemporánea, del ensayo de ideas, de la reflexión actual." Damián Tabarovsky, Director Editorial de Interzona

Tirado de Leroy Guitérrez.

Marcadores: ,

Desvélase o modelo de xestión da CdC

Comezan a desvelarse os proxectos previstos para a CdC. Non podo agachar a miña enorme perplexidade diante do modelo de xestión anunciado por Touriño: unha fundación con maioría privada (51%) para xestionar unha obra financiada na súa totalidade con cargo a fondos públicos. Outrosí sucede co anuncio do nome do responsable da nova fundación, Juan Manuel Urgoiti, empresario de tan acusado perfil financieiro e cosmopolita como escasa presenza na actividade cultural do país, ou o carácter claramente bipolar ("mixto") que se pretende proporcionar á xestión da CdC, esgazada nunha parte pública (os edificios do Arquivo e da Biblioteca Nacionais, e supoño tamén do Museo de Historia de Galicia, que serán responsabilidade da actual Fundación CdC) e noutra privada, onde se adscribirán as instalacións expositivas de perfil máis innovador (o Centro de Arte Internacional, o Museo dos Nenos e o Espazo Obradoiro) e a xestión dos servizos comúns (restauración, espazos comerciais ou parkings).
Outra das nosas perplexidades é que este modelo de xestión bipolar non parece coincidir exactamente co anunciado pola conselleira Ánxela Bugallo nas súas comparecencias parlamentares; como tamén parece ben extraño que o presidente Touriño non anunciase un compromiso explícito do Goberno central na xestión dun proxecto que debería ser considerado de estado. Porén, sen poder entrar a valorar a viabilidade e excelencia do modelo de xestión proposto nin os contidos expositivos (as informacións proporcionadas onte foron moi xenéricas), polo menos semella unha boa noticia o compromiso destas grandes empresas galegas para encarreirar tan díficil proxecto. Ben está que as dúas caixas, Inditex ou os grupo Jove e Tojeiro arrisquen parte dos seus recursos nun proxecto que, inequivocamente, debe estar ao servizo da cultura galega e da súa proxección internacional. Quedemos con esta esperanza, agardando que despois do verán se poidan despexar moitas das dúbidas que expresamos.

Marcadores: ,

Galeusca

Hoxe asinei o texto que a Federación de Escritores Galeusca publica como necesaria resposta ao "Manifesto de Savater" (o filósofo hoxe recunca nun artigo en El País no seu vitimismo, moi irado pola posición contraria do PSOE e o presidente de Zapatero ao seu texto). O texto dos escritores cataláns, vascos e galegos manexa argumentos potentes e ben podería servir de base para constituír unha plataforma cívica a prol do plurilingüismo en todas as comunidades. españolas. Especialmente interesantes parécenme estes dous parágrafos:
"4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta."
[...]
"9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística."
O texto pode apoiarse dirixindo un correo electrónico á secretaría da AELG: oficina@aelg.org

Marcadores: , ,

10.7.08

A intelixencia de Barreras

Os lectores e lectoras destas brétemas saben da miña admiración polo proxecto empresarial de Barreras, o estaleiro vigués que está montando buques futuristas na nosa Beiramar. Hoxe debemos volver a abenzoar aos responsables de Barreras polo seu decidido apoio á nosa lingua, nun momento especialmente difícil no que unha parte da clase empresarial viguesa amosa en privado intencións de deitarse nos brazos castelanófonos (nos vindeiros días, segundo as informacións das que dispoño, pode producirse un pronunciamento involucionista público). Barreras adoptando progresivamente o galego como a súa lingua vehicular (na documentación interna, na rotulación, nas relacións laborais como co entorno dos seus proveedores) recunca na súa aposta por estratexias futuristas e de innovación: neste caso pola tecnoloxía punta que simbolicamente atesoura a nosa lingua. A intelixencia empresarial de Francisco González Viñas, o presidente do esteleiro, unindo á innovación coa causa da lingua é a mellor inxección de entusiasmo que recibimos estes días. Beizóns para el e para os traballadoras da factoría.

Marcadores: , ,

9.7.08

A FLIP de Paraty

Desque visitei Paraty en 2004 sempre pensei que a literatura galega ten que buscar un xeito de participar na FLIP. Repasando o programa de actividades deste ano, as referencias na prensa brasileira, a relación de escritores homenaxeados e de autores e autoras participantes das diversas edicións conviría que fixeramos un esforzo por abrir alí unha fenda de visibilidade. Ben sabemos que as feiras internacionais do libro non son o único espazo de proxección internacional. A FLIP é un festival literario, onde autores e lectores poden atoparse ocupando toda unha fermosísima cidade empedrada de carácter colonial. O esforzo e a intelixencia de acudir á FLIP de Paraty (os organizadores son xente ben xeitosa), sei que pagaría a pena neste proceso de saída da literatura galega cara fóra. Ademais, o de Paraty é un modelo de promoción literaria que ben podería ser emulado en Galicia. Imaxinamos o que podería ser o Festival Literario Internacional de Compostela?


Marcadores: , ,

Pó dos livros


Eis como se anuncia na rede a libraría Pó dos livros. Un novo tipo de booktrailer. O blog desta libraría independente é magnífico, sobre todo a utilización dos vídeos e da música.
Tirado de Blogtailors.

Marcadores: , , , ,

8.7.08

Novas da Xunta, de novo xuntas

Unha moi boa noticia que non debe pasar desapercibida: o espazo Novas da Xunta de Galicia volve recoller a información de todos os membros do Goberno galego. Tras varios anos de comportamento bipolar, abenzoamos decisión tan sensata.

Marcadores: ,

7.7.08

Repensar as feiras do libro

Rematada a Feira do libro de Vigo, onde tivemos un importante número de presentacións e asinaturas, é inevitable reflexionar sobre o futuro deste tipo de eventos. É a primeira sensación que teño é de decepción: cada ano diminúe máis o número de expositores (nesta edición en Vigo non se acadou a trintena de casetas, cando houbo edicións nas que se montaron case cincuenta) e de visitantes (o que previsiblemente supón un descenso nas vendas). Un síntoma inequívoco (como tamén puidemos comprobar na pasada Feira de Compostela) de que tal como están organizadas as actuais Feiras do Libro en Galicia non chaman, nin aos lectores habituais (que prefiren visitar a súa libraría de referencia, onde teñen todo o fondo dispoñible) nin tampouco aos lectores ocasionais (ese "público de paso" ao que se quere conquistar sacando o libro á rúa). Diante dun devalar tan evidente, os organizadores (a Federación de Libreiros de Galicia), as institucións públicas que os apoian (a Consellaría de Cultura e Deporte e as concellarías de Cultura dos concellos respectivos), como as entidades profesionais que colaboramos nestes eventos (especialmente os editores) deberiámonos sentar con vagar a repensar como refundar este modelo (exitoso noutras cidades, como é o caso de Madrid). Estudar novas ubicacións, novos programas e tipo de actividades, novas ofertas comerciais máis atractivas para o público semella que non é unha tarefa difícil. Con todo, creo que a maior carencia das feiras en Galicia reside na escasísima promoción e visibilidade na vida cidadá e nos medios de comunicación. Facendo un esforzo publicitario e cos medios (practicamente inexistente na feira viguesa) podería conseguirse un aumento do número visitantes e un maior pulo. A proposta e a nosa total dispoñibilidade para desenvolvela queda aí.

Marcadores: ,

6.7.08

Library of Congress

Repensar a Piñeiro

A designación de Ramón Piñeiro como figura homenaxeada no 17 de maio 2009 abre un gran debate nacional sobre o papel do teimoso galeguista de Láncara. Unha elección que pouco nos sorprendeu xa que tras a homenaxe deste ano a don Xosé María semellaba case inevitable que a Academia optase pola figura máis destacada do grupo Galaxia e de Realidade Galega.
Polas características da súa obra, máis oral e ensaística ca escrita e ficcional, esta de Piñeiro vai ser unha celebración "dura" e difícil tanto a nivel escolar (onde se mantén o maior pulo da celebración) como de promoción popular. Porén, como membro destacado que foi do Partido Galeguista e promotor primeiro da súa estratexia cultural e política na editorial Galaxia, esta homenaxe nacional contribuirá a repensar e a valorar con xusteza a transcedencia do seu papel. En definitiva, o de Piñeiro vai ser un ano importante para a reflexión do galeguismo e a súa proxección de futuro.

Marcadores: , ,

Salvemos o Celta!

Esta paréceme unha iniciativa oportuna. Velaí dous parágrafos do manifesto apoiado por celtistas de todas as condicións:
"O Celta é máis que unha Sociedade Anónima Deportiva. É algo máis que un nome, é un sentimento en algo que para algúns tan só é un deporte de masas, pero que a nós, celtistas, levanos a sentir dende as maiores ledicias ás máis profundas depresións. Algo que non se pode explicar con verbas.
Por iso as novas acerca da súa posible desaparición amosan unha profunda preocupación por algo que naceu alá no ano 1923. Facemos o chamamento por nós, os siareiros actuais. Polos nosos pais e avós que nos levaron por primeira vez a Balaídos. Polos fundadores, por Manuel De Castro “Handicap”. Polos nosos fillos, que herdarán o noso sentimento. O Celta non pode desaparecer, non se pode borrar as ilusións, esforzos de tanta xente ó longo de tantos anos."
Pode asinarse aquí.

Marcadores: , ,

Lingua común

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre o "Manifiesto por una lengua común". Sobre a mesma cuestión recomendo a valiosa e clarificadora anotación que publica hoxe Escolar e o artigo moi intelixente de Josep Ramoneda.

Marcadores: , , ,

4.7.08

Palabras encadeadas


O anuncio da nova campaña da Secretaría de Política Lingüística é simpático, ten ritmo, déixase ver, aínda que conceptualmente seméllame frouxiño. Ben sabemos que con anuncios non se soluciona o devalar do idioma entre os mozos e mozas.

Marcadores: , ,

Prontos a ler, visita lisboeta

Dous días en Lisboa (nos que abandonei completamente o blog) deron para moito: camiñar unha das nosas cidades máis queridas, falar devagariño cos editores amigos, participar na inauguración dunha exposición de libros españois e nun encontro con editores lisboetas sobre o deseño editorial, coñecer as últimas novas sobre a reconversión editorial portuguesa e, sobre todo, tomarlle o pulso á difícil situación económica e social do país irmán (que nisto da crise parece ir bastante por diante nosa).
Emocionoume comprobar que a edición portuguesa do libro de Agustín xa está nas mesas de novidades da FNAC (a carón dun libro de Edgar Allan Poe) e nos escaparates das librarías do Chiado, onde vin, tamén, a edición de deriva da Dragona de Queipo. Dúas mostras de que a nosa literatura vai abrindo unha fenda en Portugal da man dos dous editores que mellor coñecen e aprecian a nosa literatura. Quedei moi contento sabendo das boas noticias da marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a editora independente do noso amigo Nelson, sen dúbida, o máis importante editor de cultura portugués das últimas décadas. Ademais do libro de Agustín, Nelson está enguedellado no lanzamento dun novo libro de poemas de Manuel Alegre (algún día poderá chegar o poeta á presidencia da República?) e na recuperación dun novo texto de Cardoso Pires. Apampei coa nova novela de Mia Couto (lina nunha noite nun hotel, por certo ben bonito), unha obra na que mozambicano demostra que é un dos grandes. Abraioume comprobar in situ como se consolida o proceso de concentración das editoras literarias portuguesas, acelerado pola consolidación do grupo Leya, que agora xa agrupa á editorial Caminho, a ASA, a Dom Quixote e a Oficina do livro, algo verdadeiramente incrible!, que abre múltiples interrogantes sobre o futuro e a identidade dos proxectos destas editoras e agoiro anticipa a concentración conseguinte da súa comercialización (algo que xa coñecemos aquí dende hai máis dunha década). Non hai dúbida, o sector editoral portugués está revolto.
Con todo, quizais o máis interesante, foi participar na Mesa Redonda cos colegas portugueses e co mestre Enric Satué, o comisario da exposición itinerante "Listos para ler". Durante dúas horas e media debatemos sobre o futuro do sector do libro e o papel que o deseño editorial vai ter neste proceso de tránsito inevitable entre formatos. Dende posicións máis ou menos integradas (e algunha que outra máis ben apocalíptica) chegamos á conclusión de que só terán futuro os libros impresos máis fermosos, os mellor concibidos e os mellor editados. Aí o papel do deseño e da creación do editor serán imprescindibles.
Despois de tantas novidades, volvimos con saudades, na cidade da luz, semella inevitable. Volveremos en outono para acompañar a Agustín na presentación aos medios de Só resta o amor.

Marcadores: , ,