31.7.06

Memorias de Neira Vilas

Mañá comeza Feira do Libro da Coruña, onde presentaremos Vinte anos retornando, a primeira entrega de memorias de Xosé Neira Vilas.
Neste volume, o grande mestre de Gres reconstrúe minuciosamente (coa súa característica prosa, clara e transparente) a experiencia das doce viaxes entre Cuba e Galicia que realizou, entre 1972 e 1992, xunto coa súa inseparable compañeira Anisia Miranda. A experiencia de "emigrante retornado", os emocionantes encontros e despedidas coa familia e os amigos, a interpretación dos acontecementos políticos e sociais (coincidentes, en boa parte coa Transición ou Reforma Política) constitúen o eixo temático dun libro moi interesante para coñecer a personalidade dun dos nosos mestres que, por fin, se atreveu a ir ofrecendo parte das súas memorias.
Actualización (01-08-2006): entrevista con Neira Vilas sobre a aparición do libro.

Etiquetas:

Marcadores: , ,

30.7.06

As inxurias da guerra

No artigo da semana reflexiono sobre a radical inxustiza das guerras do século XXI. O novo ataque de hoxe sobre a poboación civil súmenos na maior das impotencias. Quen pode parar isto?
Etiquetas: ,

Marcadores: , , ,

29.7.06

Mesa de novidades

Aproveitando que estamos de vacacións, onte escapei un pouco antes da oficina para preguntarlle a Xaime polas últimas novidades. Despois dun bo parrafeo co libreiro sobre o programa da Feira da Coruña, que abrirá o vindeiro martes, e sobre Cultur.gal, o salón da industria cultura que se celebrará a comezos de decembro (anunciarémola nos vindeiros días), aínda merquei uns cantos discos e libros. Xa lle tiña ganas ás conversas de Paco Rodríguez, ás Memorias de náufragos de Salvador Rodríguez (que estivemos a piques de publicar) e ao último premio Edebé de Jordi Sierra i Fabra. Entre os discos, por fin atopei o de Galegoz (xa lle din unhas cantas voltas, ben, ben, moi ben), as cancións de troula de Aquenlla e o efecto Faltriqueira (cando o escoitei quedei un chisco perplexo). Visitar a libraría e conversar co libreiro é un deses praceres que aconsello frecuentar.
Etiquetas:

Marcadores: ,

28.7.06

CdC

Sobre o debate da redefinición de usos da Cidade da Cultura paréceme interesantísima a proposta de Nómada. Tecnoloxía, talento e tolerencia articulan unha reflexión moi documentada e chea de suxestións e propostas que cómpre estudar devagariño.
Etiquetas: CdC

Marcadores:

27.7.06

Indomable?


A indomable esperanza americana caíu en desgraza.

Marcadores:

LOIA


Para dar a coñecer a nosa lingua, LOIA é unha boa idea.
Etiquetas:

Marcadores:

Adeus, Pura

Pura navegou sempre contracorrente. Con todos os abrazos.
Etiquetas:

Marcadores: ,

26.7.06

Re-existencia

A intensa lectura de Folerpa.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Primeira lectura

A primeira lectura na Coruña do libro de Rivas resultou magnífica. Marcos Meléndez, acompañado de Gastón Rodríguez, interpretou de forma memorable "Chessman", o tango do condenado a morte que bordaba Luís Terranova. Tras a lectura por parte de Manolo de catro fragmentos da novela, a harmonía melancólica do serrucho do mestre Viascón pechou un serán emocionante. Volvimos para Vigo entusiasmados.
Foto de Xurxo Lobato
Etiquetas:

Marcadores: ,

Libros con publicidade

Juan propón o debate sobre a posibilidade de insertar reclamos publicitarios nos libros. Existen experiencias xaponesas nas que se emprega unha sobrecuberta desbotable para incluír o apoio publicitario.
Se partimos de que o importante é a lectura (a actividade que define o libro e a edición) está posibilidade non me parece desprezable, sempre que este apoio publicitario redunde no prezo (que debe continuar sendo fixo) a pagar polo lector. Sabemos que cando compramos un xornal ou unha revista impresos ou as lemos na rede, os ingresos publicitarios son os que permiten a viabilidade dos seus editores. Existe algunha razón para que non suceda así co libro? Algunhas experiencias de esponsorización de libros por parte de entidades privadas son xa as que están permitindo a publicación de determinados títulos. Tirar por ese fío, creo que pode ser unha das alternativas para o futuro da lectura (e máis nun país e nunha lingua como a nosa cun reducido número de lectores).

Etiquetas: ,

Marcadores: ,

24.7.06

Pulo para as bibliotecas galegas

A Consellaría de Cultura está decidida a proporcionar novo pulo ás bibliotecas. Unha noticia importante.

Etiquetas:

Marcadores:

Comunidade internacional


Vía Gago coñezo estas portadas de The Independent. Esta é a comunidade internacional da que fala Mariano Rajoy?

Marcadores:

23.7.06

Take me out


Non foi a miña intención desprezar de maneira ningunha a estes amigos escoceses. Madia leva! Se alguén o intepretou así, as miñas desculpas.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Gulliver Pardo

No artigo da semana expreso a miña admiración e apoio á figura de Isaac.
Etiquetas: , ,

Marcadores: ,

22.7.06

Anuncio para fomentar os estudos de FP

Ata hoxe non coñecín semellante campaña institucional sobre a FP. Que pensarán todos os moitos amigos e amigas que teño en centros de FP? Os seus autores consideran este traballo como "divertido" xa que deseñaran toda a campaña co obxectivo de fomentar entre a xente moza os estudos de FP "tratando de falar a súa propia linguaxe"? Despois de ver o vídeo unhas cantas veces, pregúntome se está realmente respaldada e financiada polos responsables da Consellaría de Educación da Xunta? É isto real ou estiven soñando?
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

Premio Biblos

Hoxe iremos á Casa do Bachao para participar no Premio de Biblos Pazos de Galicia. Este ano Darío será o titor que traballe durante varios meses cun escritor ou escritora (menor de vinte e cinco anos) na redacción da súa primeira novela. Unha iniciativa magnífica como tantas outras as que veñen desenvolvendo Tucho e Carmela dende o seu clube de lectores.
Etiquetas: ,

Marcadores:

20.7.06

Bolsas creativas



Vía Manolo Gago coñezo máis posibilidades creativas das bolsas comerciais. Na editorial fixemos o ano pasado un esforzo por mellorar este soporte publicitario que, ademais de útil e eficaz, pode ser moi elegante. Velaí unha campaña sobre os nenos autistas.

Etiquetas:

Marcadores:

19.7.06

Novas da Xunta

Desde hai tempo no meu lector de feeds teño as novas da Xunta. O máis curioso do caso é que desde hai xa dúas semanas observo que só inclúen as novas das consellarías do PSdeG-PSOE e das actividades do presidente Touriño. É que rachou o acordo informativo existente entre as dúas forzas do bipartito? Creo que esta é unha mala nova.

Etiquetas:

Marcadores:

María Moliner aos bibliotecarios rurais

O meu amigo Valadés, sempre tan oportuno, remitiume onte por correo este texto de María Moliner dirixíndose en 1937 aos bibliotecarios rurais:

"Estas Instrucciones van especialmente dirigidas a ayudar en su tarea a los bibliotecarios provistos de poca experiencia y que tienen a su cargo bibliotecas pequeñas y recientes. Porque, si el éxito de una biblioteca depende en grandísima parte del bibliotecario, esto es tanto más verdad cuanto más corta es la historia o tradición de ese establecimiento. En una biblioteca de larga historia, el público ya experimentado, lejos de necesitar estímulos para leer, tiene sus exigencias, y el bibliotecario puede limitarse a satisfacerlas cumpliendo su obligación de una manera casi automática. Pero el encargado de una biblioteca que comienza a vivir ha de hacer una labor mucho más personal, poniendo su alma en ella. No será esto posible sin entusiasmo, y el entusiasmo no nace sino de la fe. El bibliotecario, para poner entusiasmo en su tarea, necesita creer en estas dos cosas: en la capacidad de mejoramiento espiritual de la gente a quien va a servir, y en la eficacia de su propia misión para contribuir a este mejoramiento.
No será buen bibliotecario el individuo que recibe invariablemente al forastero con palabras que tenemos grabadas en el cerebro, a fuerza de oírlas, los que con una misión cultural hemos visitado pueblos españoles: «Mire usted: en este pueblo son muy cerriles: usted hábleles de ir al baile, al fútbol o al cine, pero... ¡A la biblioteca...!».
No, amigos bibliotecarios, no. En vuestro pueblo la gente no es más cerril que en otros pueblos de España ni que en otros pueblos del mundo. Probad a hablarles de cultura y veréis cómo sus ojos se abren y sus cabezas se mueven en un gesto de asentimiento, y cómo invariablemente responden: ¡Eso, eso es lo que nos hace falta: cultura!
Ellos presienten, en efecto, que es cultura lo que necesitan, que sin ella no hay posibilidad de liberación efectiva, que sólo ella ha de dotarles de impulso suficiente para incorporarse a la marcha fatal del progreso humano sin riesgo de ser revolcados: sienten también que la cultura que a ellos les está negada es un privilegio más que confiere a ciertas gentes sin ninguna superioridad intrínseca sobre ellos, a veces con un valor moral nulo, una superioridad efectiva en estimación de la sociedad, en posición económica, etcétera. Y se revuelven contra esto que vagamente comprenden pidiendo, cultura, cultura... Pero, claro, si se les pregunta qué es concretamente lo que quieren decir con eso, no saben explicarlo. Y no saben tampoco que el camino de la cultura es áspero, sobre todo cuando para emprenderlo hay que romper con una tradición de abandono conservada por generaciones y generaciones.
Tú, bibliotecario, sí debes saberlo, y debes comprenderles y disculparles y ayudarles. No es extraño que una biblioteca recibida con gran entusiasmo quede al poco tiempo abandonada si se la confía a su propia suerte: no es extraño que el libro cogido con propósito de leerlo se caiga al poco rato de las manos y el lector lo abandone para ir a distraerse con la película a cuya trama su inteligencia se abandona sin esfuerzo. Todo esto ocurre; pero no ocurre sólo en tu pueblo, ni lo hacen sólo tus convecinos; ocurre en todas partes, y ahí radica precisamente tu misión: en conocer los recursos de tu biblioteca y las cualidades de tus lectores de modo que aciertes a poner en sus manos el libro cuya lectura les absorba hasta el punto de hacerles olvidarse de acudir a otra distracción.
La segunda cosa que necesita creer el bibliotecario es en la eficacia de su propia misión. Para valorarla, pensad tan sólo en lo que sería nuestra España si en todas las ciudades, en todos los pueblos, en las aldeas más humildes, hombres y mujeres dedicasen los ratos no ocupados por sus tareas vitales a leer, a asomarse al mundo material y al mundo inmenso del espíritu por esas ventanas maravillosas que son los libros. ¡Tantas son las consecuencias que se adivinan si una tal situación llegase a ser realidad, que no es posible ni empezar a enunciarlas...!
Pues bien: esta es la tarea que se ha impuesto y que está llevando a cabo el Ministerio de Instrucción Pública por medio de su Sección de Bibliotecas y en la que vosotros tenéis una parte esencialísima que realizar".


(*) Prólogo de Instrucciones para el servicio de pequeñas bibliotecas. Valencia (España), 1937.

Etiquetas:

Marcadores:

O cartel dos libreiros

Nón é un prodixio de sutileza propagandística, mais a situación desesperada do sector por mor da modalidade de préstamo do libro escolar xustifica unha protesta tan contundente.

Etiquetas:

Marcadores: ,

18.7.06

Problemas con blogger

Levo dous días con moitos problemas co blogger. Non suben as imaxes e, se utilizo algúns html, é case imposible actualizar. Tamén teño dificultades co gmail. É cousa só miña? Teño algún problema cos proxys? Quen pode axudarme?

17.7.06

Plog

Vía Txetxu, Bibliómano e Casi Seguro descubro o fenómeno plog: un blog pra escritores, unha fórmula de Amazon que permite aos autores bloguear sobre os seus libros e responder aos comentarios dos lectores.
Etiquetas:

Marcadores:

16.7.06

Os mellores carteis de 2006

No Máster de Edición falamos moito de publicidade e cartelería, Mágoa que daquela non coñecésemos este espazo onde se recollen os mellores traballos de cartelaría de Cannes 2006. A análise dalgunhas destas pezas daría para un bo debate.
Etiquetas:

Marcadores: ,

As librarías espazos para o fomento da lectura

Libraría: espazo comercial para o fomento da lectura.
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

Letras en movemento


No blog do libreiro venezolano Roger Michelena atópanse imaxes ben fermosas sobre o mundo do libro, a lectura e a tipografía. Eis algunhas das máis recentes.







Etiquetas: ,

Marcadores: ,

Pobres festas

No artigo da semana critico o "programa" de concertos das festas de Vigo. Unha tristeza máis provocada pola anemia política da cidade revolcada.
Etiquetas: ,

Marcadores: , , ,

15.7.06

Blogs e fomento da lectura

A revista electrónica Dosdoce.com publica un traballo de Javier Celaya sobre o papel dos blogs no fomento da lectura e a súa aplicación educativa. O estado da cuestión e as experiencias máis salientables. Moi recomendable.

Marcadores: ,

Ler dende o berce

Vía Libreros atopo este interesante artigo sobre o inicio do proceso lector. A afirmación máis rotunda do texto é que "os oito meses de vida é o momento no que cómpre iniciar ao bebé na familiarización do libro como obxecto". Semella que nesta idade, cando o neno ou a nena xa pode sentar e coller o libro coas súas mans, é a do inicio do complexo proceso pre-lector. Precisamente, asumindo este criterio, Kalandraka editou o primeiro libro en tea en galego e a colección "Do berce á lúa", títulos moi axeitados para estes pre-lectores.
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

14.7.06

A comunicación na promoción do libro

No día que rematamos o módulo de promoción do Máster, coñecemos este interesante traballo sobre a comunicación na promoción do libro en España. Outrosí sucede (via Extratexto) coa iniciativa dos editores e libreiros británicos de establecer (como acontece no cinema) un día a semana (xoves) para o lanzamento das novidades. Ideas moi interesantes para estudar.
Etiquetas:

Marcadores:

A remuda de Senín

Comparto a opinión de Jaureguizar: a remuda de Xavier Senín é outra mala noticia para o sector do libro en Galicia. É inevitable a sensación de decepción, que compartimos moitos editores, bibliotecarios ou libreiros galegos, cando comprobamos como se prescinde dun técnico da súa enorme valía e experiencia, por riba nun momento decisivo para situar o fomento da lectura como eixo transversal das nosas políticas culturais.

Nestas case dúas décadas á fronte da Subdirección Xeral de Cultura, Xavier Senín, dende a súa difícil posición de técnico independente, fixo máis polo libro galego, especialmente polo libro infantil e xuvenil, ca ningunha outra persoa que eu coñeza. Exemplo ben significativo dese traballo feito con excelencia é a recentemente aprobada Lei do Libro e o Plan da Lectura nas que participou con moita coraxe. Xavier ben merece as nosas beizóns.
Etiquetas:

Marcadores:

13.7.06

Promoción editorial en Internet

Hoxe rematamos o módulo de "Promoción editorial e edición en Galicia" que levamos impartindo no Máster de Edición. Como xa sucedera o pasado ano, esta experiencia docente obrigounos a sistematizar e reflexionar sobre o traballo cotián e sobre a nosa propia concepción da edición cultural. Como remate das nove sesións, traballaremos na aula de informática sobre a promoción editorial en Internet, un eido cada vez máis importante: se o libro non está na rede, non existe? O repaso de catálogos editoriais electrónicos galegos, os sistemas de presentación de novidades, os novos soportes publicitarios na rede, a nova crítica literaria electrónica ou os blogs sobre edición e lectura serán, entre outras, iniciativas que visitaremos..
Etiquetas: ,

Marcadores:

11.7.06

María Mariño

Un dos momentos máis emocionantes que vivín estes días foi comprobar a gratitude que as herdeiras de María Mariño sentiron polo nomeamento da noiesa do Caurel como figura homenaxeada nas Letras 2007. As catro sobriñas da poeta, xa bastante maiores, viven en Madrid e Euskadi (onde tamén chegou a emigrar a nosa "poeta dinamiteira da linguaxe" antes de casar con Roberto Posse Carballido, mestre de Parada do Caurel). Maite Martín Barrenechea, a sobriña neta e voceiro da familia, díxome que están moi orgullosas de descubrir as súas raíces na fala nosa.

O nomeamento de María Mariño –coincidindo co centenario do seu nacemento e o corenta cabodano do seu pasamento– é unha boa oportunidade, tamén, para que a sociedade galega descubra unha voz ignorada que para Ferrín, nun artigo publicado en La Noche en 1964, é unha "poeta abisal, posuidora dunhas vivencias líricas en nivel máximo". Creo que o vindeiro 17 de maio asistiremos a un importante pulo desta efeméride tantas veces criticada.
Etiquetas: , ,

Marcadores: ,

A Galicia desaparecida

Antonio Reigosa envíame as últimas actualizacións da súa Galicia encantada. Proponnos unha viaxe de verán por algunhas das vilas da Galicia desaparecida. Visitar virtualmente Alcaián, Gaifar, Ancos ou outras cidades mergulladas por dioivos ou maldicións paga a pena. Este sitio continúa sendo un dos máis interesantes da Galicia virtual. Insisto en recomendalo.
Etiquetas:

Marcadores:

10.7.06

Libros e tecnoloxía

Vía Libreros chego a este espazo monográfico de Literaturas sobre Libros e tecnoloxía. Interesante para facerse cunha idea xeral sobre o debate no que vimos insistindo.
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

Fallado o VIº Premio Lecturas de Galix

Hoxe coñecimos o fallo do VIº Premio Lecturas de Galix, outorgado por xurados de lectores e lectoras de diversas bibliotecas aos mellores libros de literatura infantil e xuvenil en galego do ano 2004. Foron os gañadores Raquel ten medo de Agustín Fernández Paz e Marina Seoane (na categoría de 7 anos e na de mellor libro ilustrado); Eu son adoptada, e que? de Xosé Antón Neira Cruz (na categoría de 8 a 11 anos); O solpor da Prehistoria de Pepe Carreiro (na categoría de 11 a 14 anos) e Campos de Cuba de Fran Jaraba (na de maiores de 14) foron os gañadores. É moi significativo que os dous últimos títulos premiados fosen libros de cómic, o que demostra a aposta dos lectores novos por esta narrativa debuxada.

Marcadores: , , ,

Mala gente que camina

O día da inauguración da Feira un libreiro amigo recomendoume Mala gente camina, a novela mías recente de Benjamín Prado. A pesar de ter unha semana moi atarefada, roubei o tempo ao sono para ler compulsivamente as catrocentas páxinas desta novela expléndida que "bucea nas augas máis negras do franquismo", a do roubo dos nenos das presas republicanas durante os días da guerra e os anos da posguerra. Ficionando a suposta biografía de Dolores Serma, unha escritora amiga de Carmen Laforet, asistimos da man de Juan Urbano, un profesor de instituto un chisco descrido, a reconstrución da miserable sociedade dos primeiros anos da Ditadura.

O título, tirado duns versos de Antonio Machado ("Mala gente que camina / y va apestando la tierra"), amosa que obras literarias como esta –ou como as recentes de Suso de Toro ou Rivas, ás que nos vimos aquí referindo– son os mellores vieiros para achegarse á verdade que nos foi ocultada. Benvidas sexan estas novelas que nos enfrontan no espello da condición humana e permiten achegarnos ao proceso de construción colectivo da memoria.

Agradezo moi sinceramente o consello deste libreiro competente e, coma el, recomendo esta importante novela de Prado.

Marcadores: ,

"Gracias por mirar por mi futuro"


Teño falado moito cos amigos sobre o sentido deste vídeo, disque preparado por un rapaz de dezaseis anos. Coa excepción dalgunha falta de ortografía e do feito de preparar os rótulos en castelán, amosa que o sentido heroico de cidade revolcada xa quedou gravado nesta xeración da ESO.
Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

Rivas na Torre

A agardada novela de Manuel Rivas xa está nas librarías. A estrea produciuse a tarde do pasado venres na Feira do Libro de Vigo durante unha asinatura de exemplares que durou máis de catro horas. Ao día seguinte realizamos o primeiro acto público, un encontro con xornalistas na terceira planta da Torre de Hércules.

Rivas iniciou a súa intervención na torre, despois de subirmos case douscentos banzos, advertindo que a súa non era unha novela histórica nin unha novela de guerra civil. Definiuna como novela armilar –utilizando a figura da esfera armilar, construída coas diferentes órbitas dos astros– na que moitas vidas se van entrelanzando e na que os obxectos e os espazos teñen un grande protagonismo. Entre eles citou a casa de Panadeiras 12, onde viviu Casares Quiroga; o balón do “Dilligent”, o primeiro balón de fútbol que chegou á Coruña nun barco; a lanterna do policía Paúl Santos, capaz de ver por si mesma; ou a cámara fotográfica de Leica, un dos protagonistas da novela. Insistiu no carácter de seres vivos que teñen os libros na novela, xa que cando son queimados son descritos polos cheiros. A ese teor, sinalou que o episodio da queima dos libros na Dársena coruñesa, sucedido o 18 de agosto de 1936, ten un papel central na novela na medida que interrelaciona a moitas persoas de distintas extraccións sociais. “Os libros que arden cheiran a pel humana. Un cheiro que vai impregnando a toda a cidade”.

Despois de ler dúas páxinas da obra referidas ao triángulo da Torre, confesou que a novela amosa “unha escrita permanentemente en vilo, intentando que as palabras tivesen carne e óso”. Para o autor, formalmente atravesa a novela un trhiller, a cabalo da serie negra de intriga, entre o político e o policial; mais tamén, para el, ofrécese outro tipo de trhiller, o da historia dramática da cultura, xa que se realiza unha viaxe ás tripas do fascismo español e aos alicerces da Coruña de tradición republicana e libertaria. Rematou a súa primeira intervención, evocando a diferenciación que realizara Melville entre “literatura pel vermella” e “literatura rostro pálido”: “Esta novela é claramente pel vermella”.

Contestando ás preguntas realizadas polos xornalistas, Manuel Rivas profundizou en diversas cuestións. Interpelado sobre a relación entre historia e ficción, lembrou a frase de John Ford, “o que fago non é realidade, mais é verdade”, para indicar que intentara que a esfera armilar pousara na Coruña, vítima dun Farenheit real. “Pretendín escribir unha historia universal, ao tempo que pretendín universalizar a Coruña. Cada lugar é ou pode ser o centro desta esfera”. Referiuse logo a importancia da Coruña, durante o período entre repúblicas, como a cidade librepensadora do Atlántico. “Unha das historias que se contan na novela é como fanaron esa cidade. Intentei achegarme á vida real das persoas, algo que só se pode realizar dende a literatura, para proporcionar unha información esencial, un ADN ou xenoma humano que non se pode desenvolver nada máis que dende a literatura”.

Preguntado sobre cáles eran as expectativas que tiñan sobre a novela, Manuel Rivas contestou que “pretendín dar algo novo, que os lectores tivesen unha ollada máis ampla sobre certas cousas. O importante son os outros. Creo na xustiza, non na revisión histórica. Creo que se deben contar as verdades descoñecidas”.

Sobre o marcador de lectura, que se inclúe na novela, o autor sinalou que a reprodución desa primeira páxina da publicación libertaria coruñesa, “Brazo e cerebro”, correspondente ao 15 de xullo de 1936, é moi reveladora xa que anuncia tanto o golpe fascista como convida a participar nunha viaxe para participar en agosto na festa dos Caneiros. “Esta é unha grande metáfora: un río que é festa de vida, foi nese ano río de morte. Trinta e dúas persoas apareceron como descoñecidas e nunca recuperaron o seu nome. As primeiras persoas paseadas na Coruña foron unmenor de idade e un libreiro, chamado Eirís, que tiña a súa libraría en San Nicolás”.

A derradeira das cuestións sometidas á consideración do autor xirou arredor da presenza da cultura popular. Rivas sinalou que “na novela aparecen bibliófilos, xente que colecciona libros e biblias, que nos momentos decisivos da historia teñen comportamentos noxentos. Porén, aparecen persoas que nunca leron un libro e que durante o episodio da queima son as que están máis horrorizadas, porque están sentindo a dor dos que nunca leron un libro. A literatura permite abordar estas contradiccións”. Por último, sinalou que en toda a novela hai unha dimensión dionisíaca e de goce erótico, baseada nos textos da cultura popular, dende a celebración do entroido, a xente das orquestras e dos bailes, as praias nudistas dos anos vinte e trinta, as salas de festas e os teatros…

Localicei na rede informacións sobre os dous actos nos seguintes medios:
Mais a grande ledicia do día foi atopar as primeiras impresións da lectura da novela por parte de Folerpa.
Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

9.7.06

Unha lei para a lectura

No artigo da semana volvo insistir sobre a importancia da aprobación da Lei do Libro, aínda que sen esquecer que non vai ser o bálsamo de fierabrás de todos os problemas do sector. A afouta campaña da Federación de Libreiros Galegos ("A XUNTA DE GALICIA QUERE PECHAR ESTA LIBRARÍA") amosa que, a pesar do interese desta lei para a lectura, o actual Goberno Galego carece dunha política global sobre o libro e a lectura que funcione como eixo transversal das súas políticas culturais e educativas.

Marcadores:

8.7.06

Libros ao quilo

Se algúen tiña dúbida algunha do que expresaba no pregón, velaí unha proba contundente que me envía Miguel (A Coruña, 7 de xullo 2006).
Etiquetas: Libros

Marcadores:

6.7.06

Desbloqueouse a Lei do libro

Despois de moitos meses de espera, o Consello Consultivo entregou o seu ditame e o Goberno Galego aprobou o anteproxecto da Lei do Libro e da lectura, o primeiro texto lexislativo sobre política cultural do bipartito. Hoxe é un día de esperanza para o conxunto da nosa industria cultural, xa que este texto, elaborado con moito rigor polos compoñentes da Mesa polo Libro, tras un amplo consenso do sector con dúas admiistracións diferentes, debe permitir a modernización da edición galega (recoñecida como "sector estratéxico") e colocar o fomento da lectura como eixo transversal do conxunto das políticas culturais e educativas.

Entre as moitas novidades que introduce o texto salientaría a creación de novos órganos de participación ("Consello Asesor do Libro") e xestión ("Cámara do libro", "Instituto Rosalía de Castro" de promoción da lingua, literatura e edición galegas), o papel central da biblioteca (primeira institución cultural de cada comunidade local), ou o reordenamento da edición institucional baixo os principios de austeridade, pertinencia administrativa e utilidade social. Con todo, a clave do éxito da lei está no seu compromiso de desenvolver un Plan de lectura (con financiamento suficiente, tanto público como privado, medios de xestión e avaliación) que promova unha auténtica revolución lectora no conxunto da sociedade galega. Tras a aprobación definitiva da lei e a posta en marcha do Plan da Lectura non haberá excusas para intentar reducir os indicadores deficitarios de lectura pública que tantas veces temos denunciado. A énfase na promoción da lectura en galego, vencellada ao Plan Xeral de Normalización Lingüística (mágoa que, polo momento; non colla o pulo agardado), constitúe outros dos eixos máis esperanzadoras da lei.

O trámite parlamentario deberá enriquecer e puír un texto que, previsiblemente, será aprobado por unanimidade. Seguiremos con atención este proceso lexislativo, que coincide, tamén, co da Lei do libro do Ministerio de Cultura (contestada nalgúns aspectos, como o da autorización dos descontos para o libro de texto, por editores e libreiros).
Etiquetas: , ,

Marcadores:

3.7.06

Pregón da Feira do Libro

Varios amigos e amigas pedíronme que subise á rede o texto do pregón que lin o pasado venres na apertura da Feira do Libro de Vigo. Dende hoxe pode descargarse o PDF aquí.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

2.7.06

Con Isaac

Non podo comprender as razóns para intentar apartar a Isaac e a súa familia da dirección do grupo Sargadelos. Hoxe en Vigo Metropolitano aparece unha das poucas entrevistas con este grande mestre de editores sobre tan espiñenta cuestión. Nesta entrevista moi interesante, Isaac amosa a súa vontade de loitar para recuperar a dirección do proxecto empresarial e cultural que encabezou dende hai máis de corenta anos.
A Isaac téñolle enorme admiración. En decembro de 2004 tiven a honra de facer a laudatio do seu traballo, con motivo da homenaxe que lle tributou a Federación de Asociacións de Veciños de Vigo. Permítome extractar o anaco daquel discurso no que facía referencia a súa actividade empresarial:

"... Creo que foi o contacto co mundo do exilio o feito decisivo que o levou a tomar a decisión radical de abandonar a súa carreira de “pintor de éxito” e iniciar un comprometido proxecto de promotor dunha industria cultural en Galicia. Velaí o proxecto intelectual, empresarial e cultural (termos inseparables) do noso Gulliver Pardo: pasar dunhas formas (os sinais dun sistema propio de expresión das manifestacións da cultura) exclusivamente funcionais a outras que, ademais de funcionais, expresaran o contexto no que foron feitas.
Desa complexa determinación intelectual saíron os proxectos empresariais aos que Isaac Díaz Pardo entregou a súa vida: Cerámicas do Castro (fundada en 1948), que comezou empregando as materias primas utilizadas no antigo Sargadelos para fabricar pezas de aprezable calidade, e, logo, en Arxentina (Isaac tamén foi emigrante), Cerámicas de Magdalena (en 1955). De novo no país, o Laboratorio de Formas de Galicia (1963), que promoveu xunto aos seus grandes amigos da cultura do exilio bonaerense (Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Antonio Baltar), concibido como plataforma para promover unha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia: o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside ou Ediciós do Castro. E, xa por último, o complexo industrial de Cerámicas Sargadelos de Cervo (1968), a formulación da industria cultural de maior relevo e transcendencia do noso tempo. Sargadelos foi, dende entón, e segue a ser, o símbolo da Galicia moderna e eterna, recollida nun prato ou nunha cunca, nunha alfaia diminuta das que deseña a súa compañeira Minina ou nunha escultura da Alba de Gloria.
E nesas segue don Isaac. Traballando como responsable, deseñador, creador, promotor de Sargadelos; como editor de Ediciós do Castro (onde publica “Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia”, a colección culturalmente máis relevante da edición galega actual); como membro de patronatos e fundacións múltiples; como articulista semanal tan aceirado e crítico como oportuno.
En todos estes eidos, en todas estas actividades, Isaac loita contra a desmemoria que baleira de contido trascendente calquera nova iniciativa. A memoria para el é garantía de lucidez e de compromiso, de respecto tanto pola tradición, moitas veces roubada ou ocultada (pensemos na do exilio), como, polo futuro, xa que constitúe a cartografía máis detallada para encaralo con esperanza.
(...)
Isaac Díaz Pardo é pura memoria de ferro (roubándolle o termo ao libreiro Antón Patiño) forxando o futuro de Galicia. Isaac é o artista total a quen hoxe os vigueses queremos acoller neste xantar. E queremos facelo coa mesma xenerosidade, con idéntica fraternidade e elegancia coa que Isaac nos acolleu sempre na súa casa de San Marcos. Porque, por riba de todo, a súa é a cultura do abrazo, a máis profundamente humana.
Con todos os nosos abrazos."

Marcadores: ,

O estatuto de nación na encrucillada

No artigo da semana reflexiono sobre o estado do proceso de reforma estatutaria e a responsabilidade do PP.
Etiquetas: , ,

Marcadores:

Rivas na Opinión

O xornal La Opinión da Coruña publica hoxe no seu suplemento do domingo cinco páxinas sobre a nova novela de Manuel Rivas, incluíndo o texto do capítulo "O matador de touros" e numerosas imaxes dos espazos coruñeses da obra. O PDF pode baixarse aquí.
Etiquetas: , ,

Marcadores: ,

1.7.06

Cultura e liberdade


Estes días no Master de Edición, onde impartimos o módulo de Promoción editorial e edición en Galicia, intentamos expresar o noso convencemento de que unha das función do traballo promocional dos editores é o de fomentar a lectura e os valores da cultura do libro.
Vía Txetxu atopo estes marcadores de Elkar, un bo exemplo deste tipo de traballo que, sen estar vencellado á promoción comercial específica de produto ningún, porén amosa o imaxinario procurado polos editores. En Galicia esta foi unha estratexia que empregamos máis na década dos anos noventa que hogano. As nosas campañas de "Facer lectores", "A forza dos lectores" ou dos "Dez consellos para escoller un libro infantil" (tamén sobre o soporte dun marcador de lectura) asumían ese enfoque.
O fomento da lectura (como o do uso da lingua) non é unha responsabilidade que lle corresponda en exclusiva ás administracións públicas. A corresponsabilidades de todos os membros do sector (editores, libreiros, bibliotecarios, medios de comunicación e dos propios lectores) é indispensable para obter resultados. Por esa liña aposta o agardado Plan de lectura e a Lei do libro que o Goberno galego presentará a trámite parlamentario nos próximos meses (sempre que, e xa van meses e meses de adiamentos, o Consello Consultivo da Xunta emita o seu preceptivo ditame).
Etiquetas: , ,

Marcadores: