31.10.05

Unha infancia catastrófica

Que bonito o artigo de hoxe de Ferrín!

Marcadores:

Libros á rúa

Sabía desta veterana campaña Libros a la calle promovida por editores e libreiros madrileños (dende hai oito anos), e apoiada por empresas de transportes públicos e administracións da Comunidade e Concello de Madrid. A presenza e a calidade da de 2004 é mellor do que agardaba: en cada vagón do metro ou en cada autobús aparecen pegadas páxinas ilustradas (tamaño A-4) de diferentes fragmentos literarios de máis dunha decena de autores. "Non te quedes na primeira páxina", "Ler fainos felices (e máis libres)", "Ningún día sen poesía" son reclamos para achegar a lectura aos usuarios do transporte público, que no seu traxecto poden ler anacos de textos de Ángel González, Galeano, Luis Mateo Díez ou Ignacio Martínez de Pisón, entre outros autores. Son consciente das limitacións destas campañas publicitarias, só unha pequena parte dos Plans de Promoción da Lectura; porén, creo que son imprescindibles para visibilizar o libro na sociedade e para desmontar o prexuízo de que a lectura é unha actividade que require espazos especializados. Sen dúbida, non hai lugares mellores que outros para ler; cada cidadán debe poder exercer o seu dereito á lectura onde mellor considere (no metro, no autobús, no parque, no café...).
Teño insistido en que este tipo de campañas de promoción popular da lectura deberían ser emuladas en Galicia. O seu custe non é moi elevado, a implicación das empresas privadas e das administracións públicas sería un modelo que proporcionaría prestixio ao libro galego, e, por riba, a repercusión social sería, seguramente, moito máis grande da agardada. Libros galegos á rúa.

Marcadores: , ,

Eloxio da cadeira

Onte, domingo, inevitablemente, ruamos polo rastro entre milleiros de persoas. Había moitos anos que non o facía e pareceume que perdeu un chisco do seu sabor tradicional, transformándose nun hipermercadiño de roupa, semellante aos nosos de Bouzas ou Sabarís.
Despois fomos coñecer a colección de Carmencita e a permanente do seu barón, dúas sínteses (de calidade ben diferentes) da historia da pintura europea, que sempre pagan a pena contemplar. Deste museo coqueto, gosto moito da colección de retratos de finais do século XVI.
Antes de entrar no teatro, descansamos na cafetería do Círculo, outro dos nosos lugares preferidos, que abraia pola súa intensa actividade cultural. Mágoa que non puidésemos coincidir co Salón Internacional do Libro Teatral, que se abrirá dentro de tres días.
Tricicle non nos decepcionou. Pasámolo de medo. Sit, montaxe arriscada que perderamos cando estivera en Vigo, amosa como o humor é a intelixencia destilada na cotidianidade. A historia da cadeira serve para reconstruír as limitacións da humanidade, enfrontada cos seus medos e carencias (os mesmos do público que, antes do inicio da función, intenta montar con enormes dificultades a cadeira-programa de cartolina). Tricicle sorprende durante dúas horas. O espectáculo non acaba ata que o espectador está na rúa gozando da derradeira gargallada. Daquela decátase que en Madrid tamén chove a trebóns.

Marcadores: ,

30.10.05

Colapso en Rande

No artigo da semana propoño que non se adíe a solución para eliminar de vez a peaxe de Rande e construír unha autovía alternativa entre Vigo e Pontevedra, polo interior, diante do colapso da actual.

Marcadores: , ,

29.10.05

Madrid bole

Estamos en Madrid de fin de semana cultural. Pretendiamos visitar uns cantos museos e exposicións, asistir a un teatro musical e á nova montaxe do Tricicle. O primeiro día xa foi agotador. Dedicamos a mañá ao Prado, un museo no que sempre se descubre algo novo. Desta volta, quedamos moi impresionados coa profética modernidade, anticipatoria, do último Goya das pinturas negras. Ao mediodía cumprimos co rito de xantar en Casa Alberto, un local de sabor moi "taurino", situado preto da praza de Santa Ana, que sabemos frecuentan adoito algún dos nosos deputados nacionalistas (alí paga a pena pedir o entrecote de boi, excelente). Despois rebuscamos durante un par de horas no hipermercado cultural, onde sempre se atopa algo descoñecido, sobre todo, na sección de DVD e de literatura en inglés, cunha oferta que nada ten que ver coa que atopamos en Galicia. E rematamos o día no teatro botando derreados.
Madrid é un bulebule moi riquiño. Nada que ver coa imaxe antipática á que nos teñen afeitos os produtores de odio e de medo. Sempre gosto desta cidade acolledora, onde hai moito para ver e para vivir.

Marcadores:

28.10.05

Benvido Samaín

Achégase Halloween, a festa que na noite de 31 de outubro para 1 de novembro permite unha fugaz visita ao “outromundo”. O tallado de cabaceiras, os disfraces con motivos sobre a morte e os animais, e a homenaxe a trasnos, bruxas e meigas son outros elementos desta efeméride que mobiliza á rapazallada toda dos Estados Unidos, Irlanda, Gales, Escocia, Inglaterra e, agora, e cada vez máis intensamente e cada ano con maior rapidez, a de case todos os países do noso entorno. Aí, ven, pois, o Halloween anglosaxón con toda a súa parafernalia.
Detrás do éxito, inequivocamente comercial, desta festa de disfraces non hai dúbida que están as manifestacións desa onda de norteamericanización implacable que domina hoxe os eidos da vida cotián da mocidade. Porén, furando un pouquiño, non é norteamericano todo o ouro que reloce en Halloween xa que a súa orixe se remonta á tradición celta e druídica de hai dous mil anos, sendo valiosa testemuña dunha memoria mítica que pertence ao patrimonio inmaterial da humanidade. Halloween é froito azaroso do intento fracasado que a igrexa medieval emprendeu entre os séculos VIII e X de cristianizar a festa do inicio do ano novo celta.
Efectivamente, os celtas celebraban o comezo das súas estacións con dous grandes festivais do lume: o inverno co Shamhain (1 de novembro) e o verán co Beltane (1 de maio). Para eles estas dúas datas constituían tempos dominados pola maxia xa que crían que nestes momentos de transición climática o veo entre os mundos da vida e da morte era máis fino (non manexaban o concepto do ceo e do inferno que a igrexa introduciría moitos séculos despois). Pensaban que na noite de Shamhain as portas do outro mundo quedaban abertas: os espíritos dos defuntos e das fadas invadían, por unhas horas, o mundo dos humanos; e os vivos podían penetrar no mundo do alén e quedar alí presos por mor dun feitizo ou meigallo. Ademais de considerar valioso conservar as caveiras dos seus inimigos porque, para eles, alí residía o cerne dos misterios do ser humano (“aquel que posuíse unha caveira contaría cos forza máxica da súa pantasma”), permitindo así esconxurar os perigos sobre a súa tribo.
Sobre estas crenzas míticas da circulación das almas de aquí para acolá foron tecéndose os elementos rituais do Halloween actual: disfrazarse coa pel dun animal para evitar que os espíritos dos mortos atacasen aos vivos confundíndoos cos das bestas; levar nabos ou cabazas labradas en forma de caveira e acender unha vela no seu interior para guiar aos mortos na súa viaxe; pedir lambetadas e galanos polas casas para así atoparse con fadas e trasnos que saen nesa noite a facer as súas brincadeiras… Os irlandeses conservaron todo este ritual pagano rural e levárono a Norte América durante o seu grande éxodo do século XIX motivado polas malas colleitas de patacas e as grandes fames que provocaron. Velaí o percorrido da viaxe de ida e, agora, de volta dunha parte do patrimonio da memoria mítica, ao que os galegos non somos alleos.
O profesor Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou o carácter galego desta festa que, moitas veces asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o noso país ata hai menos de trinta anos. Recuperar ou reinventar esta tradición, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar. Festexemos sen complexos homoxeinizadores a fadas, trasnos e o resto de seres dos nosos seres míticos, exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan. Benvido, señor Samaín, cabaleiro do Outromundo!

Marcadores:

Rubén Ruibal, premio Cunqueiro

A entrevista con Rubén Ruibal, autor de Limpeza de sangue, peza dramática premiada onte co Álvaro Cunqueiro, é estupenda. Xa devezo por ler a peza, que editaremos na colección "Os libros do CDG". Recoméndoa.

Marcadores: ,

27.10.05

Cabrafanada en Manila

O noso correspondente manda a súa primeira crónica dende Manila, onde foi participar nun ciclo sobre literatura de viaxes.
A verdade é que, como adoita, ten moita forza o que escribe: Manila sabe a mango, a azucre, a vitalidade... Xa temos saudades túas, Cabrafanada.

Marcadores:

É lexítimo fotocopiar un libro?

Ando estes días moi apurado preparando as últimas novidades, razón pola que apenas puiden botar hoxe unha olladiña na rede.
O que máis me chamou a atención foi a información sobre a solicitude de CEDRO aos grupos parlamentarios para eliminar dous aspectos da nova Lei de Propiedade Intelectual, especialmente o que atinxe á posibilidade de fotocopiar ou reproducir en soporte dixital, sen límites, libros nos centros escolares. É lexítimo fotocopiar a totalidade dun libro, aducindo que vai ser empregado con finalidades didácticas? Non se estará abusando, acolléndose ao principio do dereito á copia privada?

Marcadores:

25.10.05

Edicions virtuais para noveis

É moi interesante a reflexión que fai Txetxu hoxe sobre a iniciativa que promove a AELG sobre a edición de autores noveis en soporte virtual. Non estaría de máis que a inqueda nova directiva da AELG coordinase os seus esforzos co dos editores para acadar maior repercusión de ideas coma esta, ou como coa do "escritor do mes" (mágoa que non puidera ser mellor aproveitada por todo o sector). Coordinar esforzos é impresindible para conseguir esa visibilidade que se persigue para a literatura galega (sexa para noveis ou para a obra editada en papel).

Marcadores:

24.10.05

Galicia país convidado na Primavera dos Libros 2006

Unha importantísima noticia para a proxección internacional do libro e da edición galega: seremos país convidado na sexta Primavera dos libros, un evento que organiza a Liga Brasileira de Editoras (Libre), que agrupa a 107 pequenas e medianas editoras brasileiras. Trátase dunha feira destinada tanto a profesionais como aberta ao público (con presenza multitudinaria), que se celebra alternativamente un ano no Río e outra en Sao Paulo. Sempre crin que "Brasil somos nós", agora confírmase, tamén, para o eido das edicións. Parabéns para Miguel Anxo Fernán Vello, o presidente da AGE, quen asinou o histórico compromiso. Non cabe dúbida que algo está mudando, e para ben, no mundo editorial galego.

23.10.05

Campo do Fragoso V

SILVIÑA
Gañar ao Español custou, como era agardado, ferro e fariña. Foi o de onte un encontro moi tenso onde se enfrontaron as estratexias de dous adestradores moi testáns, fieis aos seus principios de xogo máis disciplinado ca fermoso. Miguel Ángel Lotina, recibido moi agarimosamente polas bancadas de Río, onde nalgúns sectores conserva moitos adeptos, colocou dende o inicio tres centrais en liña deixándolle todo o balón e toda a responsabilidade do ritmo do encontro aos centrocampistas célticos, agardando a oportunidade dun contragolpe, dirixido polo pé de seda de Iván de la Peña, que rachase a notoria fraxilidade dos nosos centrais. Fernando Vázquez fixo os cambios imprescindibles no seu once inicial –substituíndo ao lesionado Baiano (moito piamos pola súa potencia ao longo do encontro) por Perera, un xogador tecnicamente tan discreto como xeneroso no esforzo– pretendendo coas subidas dos laterais desbordar a tupidísima defensa españolista. O traballo paciente dos celestes comezou a dar os seus froitos coa decisiva expulsión de Pochettino. Como non podía ser doutra maneira, diante de semellante estratexia ultradefensiva de Lotina, e co seu equipo en inferioridade, o anceiado gol chegou co encontro case vencido. Compensou o sufrimento da bancada a confirmación da enorme calidade de David Silva, un rapaciño que xa é unha auténtica alfaia: posúe coñecemento do xogo, mobilidade, creatividade, descaro, autoridade, forza, caneo e remate contundente (como demostrou co seu golazo). Un auténtico fenómeno este Silviña.

Marcadores: , , ,

Abrir Vigo ao Mar

No artigo da semana insisto en ir contracorrente. Creo que a insatisfacción polo resultado actual desta actuación urbanística non está no proxecto de Consuegra, senón na falta de sensibilidade e de entendemento, cando non na irresponsabilidade, das tres administracións implicadas, que non foron capaces de finalizalo.

A foto do monumento do semi-polbo xigante corresponde ao magnífico arquivo de Javier Albertos Benayas, que colocou na rede máis de dez mil fotos sobre Vigo.

Marcadores: , , ,

22.10.05

Os editores abandonan aos lectores?

Vía Txetxu, por fín, atopo a entrevista da que tiña noticia hai días de Luis Mateo Díez, un narrador que sigo desde hai tempo e que sempre me parece moi serio nos seus criterios artísticos. Da entrevista, escollo varios anacos que me parecen poden pagar a pena debater:

Sobre os límites da amizade e a inamizade

La amistad es el bien más generoso. Es la exaltación de los afectos en la entrega a los demás. Presento una fábula un poco de límites, como el corto camino que hay del límite de la amistad a la enemistad o al aborrecimiento; cómo algo tan noble, maravilloso y hermoso se contamina con la envidia y de pronto cómo dos amigos que se quieren se matan. La fábula está contada por las voces de muchos amigos que fueron testigos de una terrible historia que le sucedió a dos de ellos cuando eran adolescentes, que quedaron y se mataron. Es decir, cómo un sentimiento tan noble puede ser destructivo. El amor destruye y la amistad a veces se contamina. Hay un camino de centímetro y medio entre la amistad más noble y más cultivada y la enemistad. Es ese camino del afecto al odio fuera de lo amoroso.


Os editores abandonaron aos lectores

Hay un proceso de abandono de los editores a los lectores. La búsqueda denodada de la cuenta de resultados, de cómo el comercio ha entrado en el mundo editorial y de los libros -que es por otro lado razonable ya que es un mundo industrial- nos está llevando, como en tantas otras cosas, a una gran contradicción: la búsqueda del lector que no existe, que es quien lee un libro, pero no se engancha para el siguiente, la denodada búsqueda de ese lector que no existe porque ése es el lector más multitudinario, el que no lee. Eso conlleva el olvido hacia el lector que lee, que tiene un reto: que exige. Y decide lo que quiere. Yo creo que hay una navegación contradictoria en el mundo editorial y se está perdiendo el norte. Menos mal que algunas editoriales pequeñas están sosteniendo la vela atendiendo al lector que lee e intentando ganar lectores para la lectura. Y los lectores que ganas no son aquéllos que ganas para entretenerles un rato, sino que los ganas para la pasión. Y no te abandonan.

Marcadores:

Album 05


Vía mariademallou coñezo Album 05, unha interesantísima revista de artes electrónica quincenal. Velaí unha vía alternativa de calidade. Marabillosa é a programación musical da súa radio blog (Lamatumbá, Siniestro, Iván Ferreiro, Madialeva entr outros); moi interesantes son os artigos (recomendo a entrevista con Neira Cruz, seguir o Caderno de tormentas de David Rubín e debullar a reportaxe sobre Radio FilispiM); a información está actualizada; o deseño e a maquetación son elegantes, limpos... En fin, unha gozada de revista dixital en galego. Beizóns, beizóns!!!, como lle gusta dicir a maría. Recomendo visitala.

Marcadores:

21.10.05

Saudades de Frankfurt

Non puiden ir este ano á feira e teño saudades das longas camiñadas polos pavillóns e dos encontros e parrafadas cos amigos. A prensa publica hoxe noticias alentadoras. Cataluña xa pechou o seu contrato. Nós aínda estamos moi lonxe e moito temos que aprender dos cataláns.

Marcadores:

Xornadas sobre Ánxel Casal

Recibín hoxe o programa de "Anxel Casal, Unha vida por Galiza", as xornadas organizadas polo Concello de Santiago e o Departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago que terán lugar en Santiago do 16 ao 18 de novembro. Unha iniciativa moi oportuna para estudar e debater sobre as dimensións da figura poliédrica de Casal (político, editor e promotor cultural) na sociedade do seu tempo. Alí estaremos.

Marcadores:

Harold Pinter en Galeuzka

Recomendo a lectura do artigo de hoxe de Méndez Ferrín.

Marcadores: , ,

20.10.05

Google print

Xa está operativa en castelán a versión beta de Google print. Consultando a páxina de Catuxa (sempre alí hai sorpresas) un pode facerse unha idea cabal das posibilidades e dos problemas deste novo buscador que pretende indexar a información e os contidos existente en millóns de libros. Non hai dúbida de que para os editores este sistema pode supoñer un xeito de promocionar os seus libros, ao tempo que transformar, un pouco máis, a estrutura do proceso de edición. Móvese e de forma moi acelerada o mundo da edición internacional. Polo momento, non está de mais ensaiar co buscador para atopar as súas posibilidades.

Marcadores:

19.10.05

Foro con Fernández Paz

Desde hai dous días e ata o día 28 está aberto un foro con Agustín Fernández Paz sobre a literatura de aventuras e viaxes. A verdade é que esta iniciativa promovida pola Asociación de Prensa Juvenil é moi interesante. Creo que estes foros organizados, sistemáticos e reflexivos poderían ser emulados en Galicia como vía de contacto dos lectores cos nosos autores. Quedamos coa idea (non se podería animar Vieiros?) e seguiremos o foro do querido Agustín que vai ter unha quincena ben ocupada. Parabéns aos organizadores.

Marcadores:

Edición pública

Mañá participo no curso sobre Edición institucional que organiza a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dentro do seu programa de formación continua. A preparación da conferencia obrigoume a volver reflexionar sobre cuestión tan polémica. Que e como deben editar os poderes públicos?
A primeira precisión que entendo debe facerse é sobre o propio concepto de "edición institucional", que propoño modificar polo de "edición pública", como a realizada por axentes editoriais da Administración Xeral do Estado, da Xunta de Galicia, das Administracións Locais e das Institucións Educativas e Culturais Públicas (singularmente as tres universidades).
A segunda, é que nos últimos dez anos a edición privada en galego medrou un 139%, mentres que a edición pública reduciuse case nun 30%. O que supón que é falsa esa idea tan estendida de que a Xunta de Galicia é o primeiro editor en galego (chegou a selo a comezos dos anos noventa). É un feito irrebatible que hai unha tendencia clara e constante de redución da edición pública en Galicia (ata adoptar unha magnitude moi inferior ao do conxunto da edición pública española; en 2003 en Galicia supuxo un 9,58% do total da edición en galego, mentres no conxunto do estado acadaba o 15,15%).
A terceira atinxe aos obxectivos desta actividade editorial pública: fomentar a lectura, recompilar normas xurídicas emanadas dos seus órganos e informar á cidadanía sobre o traballo das diferentes administracións ou sobre cuestións consideradas de interese xeral.
O cuarto fai referencia aos criterios da súa organización: necesidade administrativa, utilidade social e austeridade.
Por último, no que atinxe as propostas para reorientar a edición pública, ademais das contempladas no borrador da Lei do Libro e a Lectura, propoño:
  1. Aquelas publicacións que sexan consideradas como de carácter non venal (as que teñen posibilidades escasas de entrar no circuíto libreiro, como informes, plans dos gobernos e administracións…) deberían ser editadas en soporte dixital para ser descargadas na rede en formato PDF ou só a primeira en tirada moi reducida. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo a mediateca do Consello da Cultura Galega. Aforraríanse os custos variables de papel, impresión e encadernación.
  2. Os proxectos de coleccións estables de carácter literario ou relacionadas coas artes, que pretenda promover a edición pública poderían ser realizados por medio do sistema de coedición ou de creación editorial concertada. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o IGAEM coa coedición con Edicións Xerais de Galicia, dende hai dezaoito anos, da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, hoxe a máis importante colección do teatro galego, que acada case o medio centenar de títulos. Modalidade que desenvolveu a editorial Galaxia coa Consellaría de Presidencia para a publicación dunha colección de “Clásicos Universais” en galego. Este sistema presenta na miña opinión importantes vantaxes para as dúas partes: para o sector público, axilidade na xestión dos dereitos de autor, maior visibilidade nos medios de comunicación e continuidade nun catálogo; para o sector privado, permite atopar viabilidade para xéneros moi minoritarios a custes asumibles.
  3. Este mesmo sistema podería ser empregado para edicións singulares propostas por editoriais privadas. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Tanto nun caso coma noutro, os convenios de coedición deben axustarse ao sistema establecido polo réxime de contratación coas administracións públicas.

Marcadores:

18.10.05

125 anos de "Follas Novas"

Náufrago tivo a feliz idea de organizar hoxe un acto literario arredor de Rosalía de Castro e do 125 aniversario da primeira edición de Follas novas. O profesor Alonso Montero deu unha fermosa lección sobre a "musa solitaria, solidaria e da transrealidade", lendo, ao remate da súa intervención, "Tecín soia a miña tea", un poema do que se confesou fanático. Logo cinco escritores compuxeron unha breve antoloxía sonora das súas Follas Novas: Dolores Ruíz ("Ódiote"), Laura Caveiro ("Ao sol fun quentarme" e "Basta na morte"), Fran Alonso ("Daquelas que cantan" e "Xan"), Francisco Castro ("Maio longo", "Sarna con gusto non pica" e "Verdade un pode", rematando María del Carmen Kruckeberg con "A xustiza pola man".
Revisitar e reivindicar a Rosalía (é lastimeira a maior parte da información que sobre ela se atopa na rede, chea de tópicos e erros, xeralmente máis vencellada ao esoterismo cá literatura galega) segue sendo tan necesario como iluminador, xa que, como comentou o profesor, as súas palabras seguen termando deste mundo tan fráxil no que vivimos. Saímos da Casa do Libro cantando "Hai dos que levan na fronte unha estrela, hai dos que levan no bico eun cantar..." que dicía o rabudo do Curros.

Marcadores:

17.10.05

Andeis, frigoríficos, camas...

Vía Rogerio coñezo hoxe tres iniciativas na blogosfera portuguesa para voyeurs discretos: Estantes & Leituras, O meu frigo e A minha cama.
Gotinha propón que compartamos a fotografía do noso frigorífico xa que para ela "se a nossa roupa diz un pouco quem nós somos, o frigorífico tamén o deve fazer!". Pola súa banda Jacky propón un blo onde cadaquén envíe unha fotografía dos andeis da súa bibliotecas ao tempo que comente as súas lecturas preferidas. A mesma Jacky anima A minha cama, cunha proposta voyeur semellante, desta volta propoñendo que ás fotografías se acompañen con comentarios sobre "modos de durmir e sobre sonhos" (sic).
Se non abondase e tirando do fío atopo outros fotoblós temáticos portugueses desta mesma fasquía coleccionista: a Minha Sanita, Roupeiro, A Minha Secretaria, As Minhas Cuecas, O teu Sofá, O meu animal, Soportas, ...
Non atopo palabras.

Marcadores:

O heroe frustrado

Marcos Valcárcel publica, tamén, hoxe outra crítica sobre a estrea d' O heroe en La Región, que reproduzo na súa totalidade por non poder lerse na rede:

O HEROE FRUSTRADO
É o momento no que sabemos que Caronte é un heroe frustrado cando entendemos moitas das pezas que se ensarillan no Heroe de Rivas: o amor e o desamor, a tiranía e a rebeldía, a guerra e a paz, a liberdade e a opresión, os líderes sublimes e os seres anónimos, todo ese conxunto de pares encaixan definitivamente. Caronte, o exlexionario que regresa dunha guerra que non existe oficialmente (Sidi-Ifni), conduce toda a historia como aqueloutro Caronte conducía as almas en pena que atravesaban a lagoa Estixia tras pagar o óbolo correspondente. Pero Caronte non podía transportar aos mortais vivos (por iso anoxou a Hércules) e o Caronte de Rivas devén ao final derrotado pola ironía dun cachón de augas no que se supón que é a hora histórica da inmolación que vai dar razón e sentido á súa existencia. Sarabela xoga con xeito co texto de Rivas, alternando os trazos tremendistas (a tortura) co sentido do humor e o lirismo da prosa deste autor. Hai momentos brillantes como o barbeiro que interpreta X.A.Porto “Josito” ou as esceas da Lucía que fala coa voz de Nate Borrajo. Pero, sobre todo, de O heroe quedará a interpretación maxistral de Fernando Dacosta, posuídor dunha inmensidade de rexistros dramáticos que xa ten demostrado moitas veces. Se Fernando nacese noutras latitudes, tería dereito a soñar coas glorias que adobiaron a monstros como Marlon Brando ou Kirk Douglas. Aquí, só podemos ver as súas artes nestas citas de Sarabela. Ogallá o público da TVG, que só o coñece a través de Pratos Combinados, acuda xa aos teatros a recoñecer este tesouro que temos oculto.
Marcos Valcárcel

Marcadores: ,

Madeira emocional

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia a primeira crítica sobre a estrea d' O heroe. Entre outras consideracións sinala:
  • A obra compórtase con audacia para levar aos espectadores a paisaxes pouco teatrais, asume algúns riscos de aparato ao tempo que tantea algúns elementos simbólicos para acompañar a unha liña que busca, en cada caso, o lado humano das cousas, antes que calquera outra consideración dun tempo cheo de ruído e de furia.

Marcadores: ,

16.10.05

Como se fai un libro?

Ten graza esta reportaxe de Lg3 sobre o proceso de edición dun libro.

Marcadores:

Corpos e palabras

Creo que pode axudar a entender as intencionalidades d' O heroe ler o texto que preparou Manuel Rivas para o programa de man.

CORPOS E PALABRAS
A procura da liberdade non só vai labrando as sociedades, senón que tamén, e sobre todo, esculpe aos seres que andan nesa procura. Hai unha conexión de fondo entre ese andar pola liberdade e a etimoloxía latexante do vivir: o vivir en vilo, ser corpos abertos dispostos a ser habitados por esa forma inquietante de beleza que chamamos emoción. De primeiras estou a pensar en Sarabela, esa criatura ventureira da escena galega que agora cumpre vinte e cinco anos. Ventureira nun dobre sentido: que trouxo ventura e que implica risco.
O heroe quere representar a historia dun corpo aberto, ese proceso de habitar outras vidas, outras voces, diferentes á que semella predeterminada. Un corpo aberto que vai soerguéndose como un espazo tecido de linguaxe, como un contrapunto, fronte ao derrube colectivo, á esterqueira moral, que supón a negación da liberdade. A historia das palabras está intimamente vinculada á dos corpos. E aquí fálase de feridas das palabras e dos corpos, mais tamén do laborioso e fráxil esforzo de recomposición, a comezar polo pasadizo soterrado da ironía.
O heroe transcorre, en grande parte, nun tempo histórico extremo, na ditadura franquista, mais tamén cando este réxime sinistro, a principios dos anos sesenta, é percibido por moita xente como unha "paisaxe natural". Así, no mundo da complicidade e da propaganda, un inhumano e permanente estado de excepción é vivido como "normalidade" e a rebelión contra ese estado de cousas como unha temeridade. Como pode ocorrer este secuestro da verdade, este control das mentes, ante tantas tesemuñas e durante tanto tempo? As olladas e as verbas son confinadas entre catro paredes, aínda que ás veces as pedras e os muros teñan aparencia de translúcidos.
A rebelión que protagoniza o noso heroe xorde nun paradoxo. El é un guerreiro nun réxime que tiña os seus alicerces chantados na guerra, na idea de imperio, concretada na conquista do propio territorio. A chamada "guerra secreta" do Sidi Ifni, a guerra dos Cen Días, daquela colonia africana, provócalla un choque que fai trastallar as lousas da súa conciencia. O heroe guerreiro pasa a proba do que poderiamos chamar a pena de Marte, a mágoa do deus da guerra. E pasará outras probas nunha persoal odisea subversiva do sentido tradicional do valor e do culto ao guerreiro, na que latexa como fondo a pregunta de Albert Camus: "Como reaccionar fronte ao mal sen caer noutra forma do mesmo mal?". Para min, o levedar do pan segue a ser un misterio. E o mesmo ocorre co nacer dunha obra. As circunstancias históricas son ben distintas. Mais sospeito que o que aquí se trata e pode inquietar algo ten que ver co mundo de hoxe.
Manuel Rivas

Marcadores:

Éxito da estrea

A estrea de onte d' O heroe foi todo un éxito. A montaxe de Sarabela é magnífica, á altura da calidade do texto literario de Manuel Rivas. A interpretación de Fernando Dacosta no personaxe de Caronte (nun papel moi complexo, que require de diversos rexistros) é moi destacada, así como o desenvolvemento rítmico de texturas escenográficas sobre un espazo moi ben resolto. A proposta escénica de Ánxeles Cuña consegue que a emoción e o interese do público non decaian ao longo dunha intensa hora e media. Todo un éxito. Non me cabe dúbida que este heroe, vai ter moi boa acollida na xira que comeza polo país, contribuíndo a visibilizar e normalizar o teatro galego. Sen dúbida, é unha boa noticia. Haberá que agardar estes vindeiros días pola opinión autorizada da crítica. Onte saímos felices de Atenas.

Marcadores:

Recordo de Chano Piñeiro

No artigo da semana recordo o papel de Chano Piñeiro, falecido prematuramente hai dez anos, no desenvolvemento do actual sector audiovisual galego.

Marcadores:

15.10.05

Máis sobre "Los girasoles ciegos"

Teño recomendado en varias ocasións este libro. Hoxe en Babelia o crítico Fernando Valls, director de Quimera, insiste na defensa deste ciclo de contos de Alberto Méndez empregando un argumento tan contundente como, para min, inédito:
  • Éste es, por tanto, uno de esos pocos libros que puede satisfacer a todo tipo de lectores. Por un lado, es sencillo y profundo a la vez; realista, pero cargado de simbolismo. Por lo que no me parece arriesgado repetir la propuesta que hace ya varios meses les hice a los lectores de la revista Quimera, sin que mi economía haya sufrido hasta ahora merma alguna por ello. Estoy tan seguro de que van a disfrutar y a emocionarse con la lectura de estos cuentos que me comprometo a devolverles el dinero a todos aquellos que se sientan decepcionados con su lectura. Es una oferta sin riesgo alguno.

Marcadores: ,

Premio para "Abrir Vigo ao mar"

É ben extraño que teñamos que saber por El Pais e por outros medios non galegos (os de aquí non se enteraron?) que a intervención "Abrir Vigo ao mar", deseñada polo arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra, foi recoñecida co Premio Arquitectura Española 2005 que concede o Colegio de Arquitectos de España.
A nosa abella da ribeira é unha cidade de xenerosidade escueta (Celso Emilio dixit) e esta intervención sobre o noso borde litoral foi máis criticada aquí como admirada fóra. Aínda que non todos os elementos sexan igualmente axeitados (especialmente desacertado é o edificio da Xunta), creo que o conxunto da intervención de Consuegra pagou a pena porque permitiu abrir algunha xaneliña ao mar (pequena, a verdade) e gañar espazo para os peóns e para o encontro cidadán (gosto moito da praza da Estrela). Mágoa que quede pendente a piscina do Náutico (que debería ser reubicada) e a intervención sobre a Estación Marítima, onde debería situarse o Museo Galego da Emigración. Agardo que este premio merecido contribúa a recuperar o interese de Zona Franca e do Concello por completar estes elementos do proxecto.

Marcadores: ,

Espazo de diálogo e memoria

Na magnífica presentación de onte anotei nas miñas brétemas (eses cadernos que sempre me acompañan) estas frases para a reflexión:
  • A literatura é un espazo de diálogo. (María do Cebreiro)
  • É importante contar cunha novela galega sobre o conflito vasco. (María do Cebreiro)
  • O coñecemento é o que nos fai libres. (Marilar Aleixandre)
  • A memoria está en preservar os nomes e os datos. (Marilar Aleixandre)

Marcadores: ,

14.10.05

Novela de Marilar Aleixandre

Esta tarde presentaremos Rúa Carbón, a última novela de Marilar Aleixandre. Grazas á iniciativa de Vieiros pódese descargar un capítulo en PDF.
Creo que a moitas persoas adultas vailles sorprender atopar nunha colección, teoricamente, xuvenil un texto que aborda a complexa procura das identidades individuais e colectivas, tendo como teón de fondo o conflito político vasco e o terrorismo de ETA. Esta novela paréceme tan valente como sólida. Na vindeira primavera será editada en castelán. Recoméndoa vivamente.

Marcadores: , ,

13.10.05

Crítica infantil no Cartafol

É unha moi boa noticia que o Cartafol comece a publicar crítica de novidades de literatura infantil e xuvenil. Outro pasiño máis no camiño da visibilidade e dignificación da nosa LIX. Parabéns a Heitor e ao seu equipo.

Marcadores: ,

O Nóbel Pinter en galego

A verdade é que nunca pensara no debate que mantivemos estes días no blo sobre as candidaturas ao Nóbel que eu puidese chegar ser este ano un dos seus editores. Eis a sorpresa marabillosa que hoxe nos deu o rabudo antibelicista Harold Pinter, membro de Amnistía Internacional, autor dramático case inédito en España (publicado ata 2003 só en catalán en galego). Desque coñecimos a noticia, precipitáronse as chamadas e felicitacións e preparei as presas esta nota de prensa que aquí reproduzo:

  • Edicións Xerais de Galicia expresa o seu entusiasmo pola noticia da concesión do Premio Nobel de Literatura 2005 ao dramaturgo inglés Harold Pinter, autor do que Xerais publicou en 1999 o libro Vellos tempos. A festa de aniversario, un volume da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, onde se recollen a tradución de Manuel Vieites García de dúas das súas pezas dramáticas máis representativas do novo Premio Nobel.
    Harold Pinter, un dos autores máis trascendentais da dramaturxia inglesa contemporánea, ocupando un lugar central na historia da literatura dramática do universo mundo. Entre as súas pezas cómpre salientar textos tan significativos como The Dumb Waiter, The Birthday Party (A festa de aniversario, Xerais 1999), The Lover, The Caretaker, The Homecoming, Landscape, No Man ‘s Land, Betrayal, Ashes to Ashes, Old times (Vellos tempos, Xerais 1999) ou Como guionista de cine traballou en títulos do relevo d’ A muller do tenente francés, À la recherche du temps perdu ou The last Tycoon. Pinter, membro de Amnistía Internacional, ten alentado a creación de moi diversos foros de debate, sempre na defensa dos dereitos civís, da liberdade de expresión e contra a censura. Situado inicialmente pola crítica no ámbito do que se deu en chamar “teatro do absurdo”, a súa obra reborda calquera tentativa de etiquetado e constitúe unha singular aproximación ó estudio da conducta humana e unha denuncia permanente das diferentes maneiras en que o totalitarismo invade e se instala na vida cotiá.
    En Vellos tempos e n’ A festa de aniversario aparecen as tres cuestións claves para analizar a obra de Pinter: a ameza que permanentemente acosa ó individuo, do que xamais sabemos como vai aparecer e cales son as súas causas e finalidades; as dificultades para establecer unha comunicación entre os seres humanos que vai máis aló dos tópicos e dos lugares comúns cos que se inician as dúas pezas; e a imposibilidade de verificar ou dar por certos determinados acontecementos do pasado que condicionan o presente. A dominación e a crueldade, xunto coa extrema fraxilidade do ser humano que pode ser destruído, desintegrado, nun simple instante, e non importa tanto saber que é o verdugo senón constatar que os verdugos existen, quizais sexa unha das conclusións que o lector poida tirar da lectura destas exelentes pezas.
    Vellos tempos foi estreada pola compañía Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago, no Teatro Principal de Pontevedra o 18 de novembro de 1988. Ata o momento, a obra de Harold Pinter foi publicada en
    España por Edicións Xerais de Galicia (galego), Edicions 62 (catalán) e Argitaletxe Hiru (castelán).

Marcadores: , ,

12.10.05

Podemos ler outra prensa?

Co que está chovendo estes días, semella máis necesario ca nunca ler, tamén, outra prensa. Para poder conformar un criterio máis rigoroso, e a pesar das súas diferenzas ideolóxicas, eu visito, sempre que podo, algúns medios editados en Barcelona. Non está de máis comparar as opinións que sobre o Estatut e a visita de Ibarra a Zapatero aparecen hoxe en El Periódico ou en La Vanguardia con esta e estoutra. Por riba, se adoptamos este sano costume de non acudir só á prensa madrileña, poderemos gozar coa lectura de "La Contra" , unha das seccións máis orixinais e sorprendentes da prensa en papel que se publica cada día en España.

Marcadores:

11.10.05

Xa temos camiseta


Gústame o deseño que fixo Pepe Barro da camiseta da selección. Limpo, xeométrico e con densidade conceptual, como é característico nos traballos do equipo Revision. Creo que é acertada a denominación escollida de "Selección galega", que obvia conflitos, así como a elección de San Lázaro como terreo de xogo.
Uruguay, que aínda non ten solucionada a súa participación no Mundial de Alemaña, non é mal rival para este primeiro encontro, previsto para o 29 de decembro. Agardo que no cadro charrúa xoguen Cannobio, Recobba ou Diego Forlán.

Marcadores:

Sarabela presenta a estrea d' "O heroe"

Hoxe fomos presentar a Atenas diante dos medios a edición que fixemos d' O heroe e a estrea que Sarabela realizará da peza o vindeiro sábado, 15 de outubro, ás 20:00 horas no Teatro Principal. A presentación foi moi interesante.
Rivas agradeceu, nas súas primeiras palabras, "a complicidade de sangue creativo de Ánxeles Cuña e de todo o equipo de Sarabela, sen a que nunca me tería mergullado con tanta ousadía neste novo hemisferio creativo que supón a escrita dun texto dramático". Manolo explicou que a célula nai da peza foi un relato que apareceu n' As chamadas perdidas; "igual que os círculos concéntricos na pedra, o relato foi medrando e fun escoitando novas voces. Aquilo foi o xermolo e hoxe xa podemos falar dunha esfera habitada". Relatou, logo, que o eixo da peza é a Pena de Marte, en definitiva, a cuestión da guerra. O protagonista, Caronte, volve dunha guerra que por mor da propaganda non existiu (a do Sidi Ifni, a última guerra colonial española). O que vai tecendo a trama é ese proceso que podemos chamar de pena de Marte, ou como vai quedando espido o guerreiro e o choque do seu retorno á Coruña, cando toma consciencia que ninguén sabe do terrible desa guerra (algo que permanece oculto). Caronte non é recibido coma un heroe, o único que o agarda son os estorniños que fan debuxos no ceo. "Nese retorno, Caronte, vive un proceso de reexistencia. É un corpo aberto, que é capaz de habitar outras vidas, outras voces. Un corpo onde ten moita importancia descubrir o afecto, o amor doutras persoas nun espazo portuario, onde todas elas están á espreita". Rivas dixo que pretendeu expresar o entrelazamento entre os corpos e as palabras, e como as palabras poden curar as súas feridas. Velaí a razón de abordar na peza temas como o da tortura, a inmolación ou o reencontro. Rematou sinalando que estas cuestións, especialmente a do culto ao guerreiro e a explotación do medo como xeito de dominación, están de plena actualidade. "Somos a minoría de reexistentes os que mantemos a posibilidade de avanzar o mundo. A historia non comezou o día no que Caín matou a Abel, se non o día que Adán e Eva fixeron por vez primeira o amor".
Pola súa banda, Ánxeles Cuña, a directora de Sarabela comezou a súa intervención sinalando que o teatro galego estaba de festa pola incoporación de Manuel Rivas á escrita dramática, o "que constitúe un luxo para o país". "O heroe é unha obra que conmove porque aborda o tema da liberdade e a dos seres anónimos que fan a historia". Sinalou que a peza bebe en diversos rexistros, podendo ser definida tanto como unha traxedia contemporánea case mahletiana, un conto, un drama contemporáneo e mesmo como unha peza de cine negro (sobre todo no tratamento da tortura). Rematou Ánxeles definindo a obra como sublime, sendo o proceso da súa posta en escena "o máis engaiolador dos vinte e cinco anos de Sarabela, xa que é unha obra que medra dunha forma moi vigorosa, tanto na textura como na forma".
Despois de palabras tan prometedoras sobre O heroe, agardamos expectantes a estrea do vindeiro sábado. Alí estaremos.

Marcadores:

9.10.05

Valados

8.10.05

Luis Mateo Díez

Interesáronme estas reflexións que sobre a novela e o conto fai hoxe Luis Mateo Díez:
El cuento perfecto sólo lo hacen los grandes, la novela corta, sin embargo, me permite acercarme a la perfección. La novela larga siempre conlleva la imperfección.

Marcadores:

Externalización de fronteiras?

Preparando o artigo de mañá atopei informacións interesantes sobre a recondución dos emigrantes africanos ata a fronteira arxelina. Recomendo ver este testemuño e mais estoutro para comprender mellor o estado desta emerxencia humanitaria que require dunha acción inmediata.

Marcadores:

7.10.05

Libro minusvalorado

Quen teña dúbidas sobre os efectos daniños que está provocando na valoración social do libro a ampliación do préstamo dos de texto, debe ler o que conta hoxe Falabarato. Efectivamente, algunha xente pensa que todos os libros deben ser de balde, mais aínda, cando supoñen que despois de lidos deben ir directamente ao colector. Para o que serven? Moi difícil vai ser modificar estes prexuízos, tan profundamente instalados na sociedade, e recuperar o prestixio social do libro e a lectura. Por riba, a situación das nosas bibliotecas públicas, segundo o informe demoledor da Fundación Sánchez Ruipérez, non é para botar moitos foguetes.

Marcadores:

6.10.05

A locomotora

Discutindo sobre a cuestión de Fenosa, ben ao anel o artigo de Camilo.

Marcadores:

"Los girasoles ciegos", Premio Nacional de Narrativa

A noticia non constitúe unha sorpresa. Para min foi este un dos mellores libros de narrativa que lin este ano. Alberto Méndez -un dos editores e fundadores da editorial Ciencia Nueva, unha das pechadas por Fraga cando era ministro de Información- xa fora recoñecido na primavera co Premio da Crítica. Méndez morreu o pasado mes de decembro, deixándo sen concluír unha novela sobre o comisario Yagüe, o que tirou pola ventá a Julián Grimau e ao propio Alberto Méndez.
Un recoñecemento póstumo, literaria e humanamente, ben merecido.

Rinoceronte editora

Grazas a un comentario que hoxe publicaron neste blo, sabemos do proxecto de Rinoceronte editora. O proxecto de Moisés R. Barcia, tradutor de Tolkien e antigo responsable do Cartafol, iniciará a súa andaina cunha tradución de Julian Barnes e con outras importantes novidades de literatura europea. Felizmente algo se está movendo no mundo editorial galego con estas novas propostas, ás que decontado se engadirán outras. Boa travesía, Rinoceronte!

Marcadores:

5.10.05

E por que non, Gaarder?

Náufrago propón a Philip Roth, Jaureguizar a John Updike, e por que non, pensar en Jostein Gaarder? Este chavaliño (ten cara de rapaz) noruegués, que formalmente escribe para mozos e mozas, e aínda sen traducir ao galego, seméllame contar con méritos e escrita abondos para merecer o Nobel. É autor de obras marabillosas e irrepetibles, como O enigma e o espello. Porén, a min prestaríame máis que fose Ferrín, mais temo que este ano haberemos agardar.

Marcadores:

4.10.05

Fenosa para Florentino

Foi así o de Fenosa?

Marcadores:

Radio

Alguén pode dicirme como vai quedar o da Radio? Houbo algún trasacordo?
Actualización (05-10-2005): efectivamente, segundo sabemos hoxe, houbo problemas coa xefatura de informativos.

2.10.05

Canteira da vida

No artigo da semana, a partir da experiencia do Sárdoma F.C., fago unha reflexión sobre a importancia formativa das escolas deportivas de base e a necesidade de que sexan apoiadas polos poderes públicos.
Creo que a experiencia de montar pequenas bibliotecas de libro galego neste tipo de clubes deportivos podería ser ensaiada noutros eidos da nosa vida asociativa. Asombroume a receptividade dos xoves futbolistas coa lectura en galego. Non todo van ser lamentacións, tamén hai moitos motivos para a esperanza e para o entusiasmo.

Marcadores: , ,

1.10.05

O manuscrito de Alicia


Anuncioumo Agustín e lino na páxina de Manolo Gago (obrigado) que se podía ver o manuscrito d' Alicia visitando os fondos dixitalizados da British Library. Ten razón Gago que é un pouco latoso pasar as páxinas deste libro electrónico, mais é unha marabilla poder escoitar o texto en inglés e coñecer a caligrafía de Carroll. A edición do mapa de Mercator de 1570 e os deseños da bitácora de Leonardo son outra gozada. Paga a pena este sitio que demostra as posibilidades da dixitalización dos grandes fondos bibliotecarios. Cando poderemos consultar as nosas grandes pezas da Biblioteca Nacional de Galicia?

Marcadores: ,