31.3.06

Lembranza de don Antón Patiño

Durante máis de corenta anos, don Antón Patiño Regueira, coa inestimable axuda da súa compañeira Sinda, fixo de Librouro, a libraría da rúa Eduardo Iglesias, un referente inescusable para o libro galego en Vigo. Nos tempos da ditadura, podían adquirirse alí, baixo man e coas debidas precaucións, algún dos títulos máis emblemáticos editados polo galeguismo do exilio; foi este caso daquela edición de peto de Sempre en Galiza, a cuarta (1974), que el persoalmente solicitou imprimise Ediciós Galiza do Centro Gallego de Buenos Aires, e que para moitos de nós foi a primeira que lemos. Como presidente da Agrupación de libreiros fundou, hai máis de vinte e cinco anos, a Feira do Libro de Vigo, sendo animador primeiro das súas actividades na Praza de Compostela. Foi tamén, pioneiro en Galicia do estudo dos fungos, fundador da Federación Galega de Micoloxía e da Agrupación Micolóxica “A Zarrota”, entidades desde as que como teimoso argalleiro promoveu múltiples actividades de difusión da cultura dos cogomelos no país de noso. Tamén sabiamos da súa amizade con trasnos e meigas, compostores e manciñeiros, da súa capacidade versificadora retranqueira de auténtico bardo popular, do seu interese pola figura de Filomena Arias Armesto (posiblemente a curandeira galega máis importante) ou da súa habelencia para tallar empuñaduras de caxatos que prepara coas varas de bimbieira que apaña nas súas longas camiñadas polas terras de Lemos onde naceron os seus fillos.
Na plenitude da súa madurez, aos oitenta e seis anos, coa vida feita e percorridos todos os camiños de Galicia, Antón publicou Memoria de ferro un estremecedor monllo de trinta e oito relatos, outros tantos petos para que revivan as ánimas dos seus amigos fusilados, encarcerados ou sometidos a tortura durante os primeiros días e anos da ditadura. Antón ofrece xenerosamente o seu testemuño duns feitos que viviu en primeira persoa, cando contaba con apenas dezasete anos; e fíxoo empregando unha mirada limpa, sen rancor, mais coa nitidez e a precisión que emana dos seus ollos azuis humedecidos por un longo silencio.
Polo libro desfilan acontecementos terribles. Comeza cunha carta a Manolo Seoane Díaz, o seu amigo violinista, fusilado no Campo da Rata. Continúa coa historia da Peineta, a pescantina á que lle pasearon ao seu fillo, Holando, no areal de Bastiagueiro. Rememora os asasinatos de Arturo Meirás, escritor anarquista e campión de Galicia dos pesos lixeiros, e José Antonio Boedo, o sindicalista da CNT e pai de Pucho Boedo, o famoso “crooner” galego dos Tamara. Os acontecementos do Portiño de 1937 son relatados nas páxinas do libro de Patiño con enorme emoción: douscentos republicanos intentaban salvar a vida e fuxir cara a Francia en tres bous da casa Chas, posibilidade que impediu unha delación; “ángel de la guardia” era o contrasinal dos fuxidos, triste paradoxo para os que inertes fuxían polos cantís, indefensos entre o mar e os fusís dos sublevados; algúns morreron alí mesmo, outros foron presos e fusilados días despois no Campo da Rata, ao pé da Torre de Hércules…
Estes micro-relatos de Antón Patiño, enfiados todos eles por a traxedia, poñen sobre a mesa a necesidade da recuperación do esquecemento dunha páxina negra da nosa historia, cuberta cun teón de mesto silencio e temor durante tantos e tantos anos de desmemoria imposta e logo, dende a Reforma Política, tacitamente esquecida. Retratando o terror como ata agora nunca se fixera en Galicia, relatando estes acontecementos, recuperando os nomes das víctimas, reconstruíndo as vidas destas xentes humildes, conservando o valor dos mortos, Patiño fai que a súa memoria indómita e cálida (que, a pesar das dificultades, resistiu tan durante case setenta anos) precipite en azos de liberdade para o futuro.
Camiño xa dos trinta anos da caída da ditadura franquista, non hai que ter medo a volver a mirada cara ao que sucedeu no dramático trinta e seis, porque a desmemoria é o peor virus que podemos inocular no noso futuro. Recuperar –como fixo don Antón, a quen hoxe se recorda na Coruña– a memoria daqueles días é tan importante coma sementar roseiras, xeranios vermellos, alelís brancos, begonias e margaridas. Beizóns, don Antón, por chantarnos para o futuro a súa memoria de ferro.

Marcadores:

30.3.06

Un compostelano, alcalde de Marbella

Entre todo o que lin sobre o de Marbella, o mellor, con moito, é o antetítulo desta noticia. Orgullo picheleiro, si señor!

Marcadores:

Abril: mes dos libros

É unha auténtica marabilla este cartel de Patricia Castelao anunciando o mes dos libros que promove a Consellaría de Cultura. Esta ilustradora axigántase con cada novo traballo.

Marcadores:

O mundo de Camilo

Os de Galicia confidencial publican hoxe unha crónica da presentación do pasado martes. Continuaremos o mes de abril en Vigo e na Coruña e, máis tarde, no mes de maio en Ourense e Pontevedra. A intervención e o libro de Camilo son unha chamada á responsabilidade do nacionalismo na construción do autogoberno con optimismo e esperanza.

Marcadores: ,

29.3.06

Botelha ao mar

Onte antes de comezar a presentación, Suso contoume a súa alegría pola volta á rede das súas Botelhas ao mar. Perdidas nun servidor foron recuperadas por un xeneroso e hábil lector que publicou sete delas en forma de blog. En realidade, estes textos, moi interesantes, constitúen un dos nosos antecedentes de prosa electrónica (publicábanse mensualmente) e a súa recuperación demostra que unha das funcións do formato blog é a de arquivo. A boa noticia das botelhas coincidiu, tamé, co peche das probas de Home sen nome, a novela (case catrocentas páxinas) que aparecerá na primeira semana de maio nas librarías galegas. Falaremos dela estes días, unha vez que traballemos os paratextos.

Marcadores: ,

28.3.06

Calendario da Reforma Educativa

Somos moitos s editores educativos preocupados polo calendario de implantación dos novos currículos da LOE, na medida que esta cuestión, xunto co modelo de gratuidade, determina o noso traballo nos vindeiros anos.
A expensas da aprobación definitiva da lei no pleno do Congreso (seguramente durante o mes de abril) e a súa publicación definitiva no BOE (a finais dese mes) a información confidencial que coñecín hoxe establece o seguinte calendario:
  • 2007-2008: 1º e 2º de Educación Primaria / 1º e 3º de ESO.
  • 2008-2009: Educación Infantil (para acomodala aos programas de gratuidade en todas as CC.AA.) / 3º e 4º de Educación Primaria / 2º e 4º de ESO.
  • 2009-2010: 5º e 6º de Educación Primaria.
Os meus informantes teñen interrogantes sobre o calendario de implantación do Bacharelato, aínda que apostan por que se inicie en 2008-2009 (1º) e finalice en 2009-2010 (2º).
Sen dúbida que este calendario determinará o ritmo de implantación do modelo definitivo de gratuidade, xa que todas as autoridades educativas consideran que debe ir parello ao dos novos currículos.
En relación á cuestión curricular a maior novidade será, sen dúbida, a incorporación das chamadas COMPETENCIAS BÁSICAS ou aprendizaxes consideradas claves ao remate do ensino obrigatorio.

Marcadores:

27.3.06

Crónicas celestes

Teñen xeito estas crónicas celestes publicadas no blo do fútbol galego. Coincido no fundamental da análise do partido de onte, sobre todo na valoración da calidade do xogo céltico de medio campo para adiante. É magnífico que se vaian incrementando as páxinas sobre fútbol en galego.

Marcadores: ,

Máis feeds

Aproveito o acougo da noite de día feriado para actualizar os meus feeds (acado os 128). Atopo páxinas novas que ata agora non visitara e que agora recomendo: Ourensalia; Sobre filloas, mel; Malo de aturar; Noite subsahariana; Trasalba, Ámote moito, Desorde e o espazo do meu amigo José Viale Moutinho, con quen compartín a pasada sexta feira un bo parrafeo. Non hai dúbida que a renovación do blogomillo está chegando dende as terras de Serenou.

Marcadores:

Vigo romano

A descuberta dun ara funeraria demostra o carácter bimilenario da cidade de sal.

Marcadores: ,

ENBLOGS'06

Anúnciase a celebración de ENBLOGS'06, Encontro de blogs de Galicia e Norte de Portugal. Alí estaremos.

Marcadores: ,

26.3.06

Máis sobre o relevo na Voz

Juan Varela ofrece esta completa información sobre os relevos e o futuro da Voz.

Marcadores:

Premios Irmandade do Libro

Na tarde de onte percorremos entre a ventoeira a diagonal do país para acudir á cea da XVª edición dos Premios Irmandade do Libro. Para min o máis sorprendente dos galardóns foi a concesión do Premio ao mellor libro do ano e o máis emotivo as palabras de agradecemento do responsable da Libraría Gráfica Santiago (Premio á mellor libraría): "Este premio é para miña mai que cada vez que vende un libro dá unha clase maxistral de literatura". Un fermoso homenaxe a unha veterana libreira.

Marcadores:

Literatura e Novas Tecnoloxías

Na mesa redonda do onte falamos máis de Literatura ca de Novas Tecnoloxías, quizais debido a que os participantes quedaron reducidos á metade, xa que Jaureguizar debeu volver precipitadamente a Lugo e Pedro Sena-Lino non puido aterrar en Galicia, a pesar de intentalo en dúas ocasións.

Manuel Forcadela, despois de rememorar os antecedentes da súa incursión na literatura cibernética, propuxo unha reflexión sobre o que entende foron os catro momentos decisivos do conflito que, dende hai cento cincuenta anos, se ven producindo en Galicia entre dúas polarizacións, a do local-global e a da tradición e a modernidade. Catro momentos de emerxencia da Modernidade na que o país noso fixo fronte a súa relación co seu pasado e co seu futuro, catro momentos de eclosión cultural e de presenza de grandes figuras:
  • Rexurdimento: aparición do conflito do desarraigo,
  • 1916-1936: posicións de Otero, Risco (e a súa teoría de ílicos, psíquicos e pneumáticos, ou de vulgares, prácticos e espiriturais), Castelao e Manuel Antonio;
  • 1970: o Mago Merlín como dador de aura;
  • Hoxe: cinco ideoloxemas da Postmodernidade: unha nova superficialidade; febleza da historicidade; novo subsolo emocional (aparición do sublime tecnolóxico); crecente dependencia da cultura da tecnoloxía e novo sistema de economía mundializada.
Finalizou a súa intervención Forcadela afirmando que "hoxe os blogs son tentativas de encher a rede de aura, un xeito de anular a lóxica dos best-sellers. Os blogs son poderes fragmentados fomentando unha ilusión de supervivencia".

Pola súa banda, Camilo Franco enfocou o seu discurso arredor da idea forza de que a literatura é o argumento; o soporte é a circunstancia. Para el a literatura é comunicación, independente do seu soporte. Definiu Internet como unha superficie enorme que posúe unha profundidade relativa, propoñendo que dubidemos sobre un espellismo no que todo semella posible. En base á diferenza entre literatura e narración, prognosticou que os narradores que no futuro ensaien coa rede vanse ir afastando da palabra: "Internet ten cada vez menos palabras".

No escaso tempo dispoñible para o debate co público, abordáronse, sobre todo, as cuestións referidas á nova textualidade que ofrece a rede.

Marcadores:

Campo do Fragoso XVII

VENDAVAL DE XOGO
A fronte atlántica trouxo un vendaval de bo xogo a Balaídos. Con ela chegaron dous goles celestes nun partido moi entretido e fermoso, xogado a un ritmo intenso, onde houbo alternativas e magníficas combinacións e oportunidades de gol para os dous equipos. Na primeira parte, o Celta, empregando o seu esquema habitual (4-1-4-1), deixou a propiedade do balón ao Mallorca para impoñer así o xogo que máis lle presta: agardar atrás os ataques vermellóns procurando que os roubos de Oubiña facilitasen os contragolpes dos seus habilidosos interiores. Así chegaron os dous magníficos goles da tarde: o oportuno remate de Contreras, aproveitando o rexeitamento do pexegazo de Jorge; e a puntilla de Baiano desbordando ao porteiro insular, tras un boa parede con De Ridder. Na segunda, Vázquez moveu o banco e o esquema (4-2-3-1) de forma moi intelixente, proporcionando ao equipo maior capacidade de recuperación no centro do campo e unha vontade inusualmente ofensiva. Organizado deste xeito, o Celta ofreceu, entón, algúns dos mellores minutos de xogo da tempada: as combinacións electrizantes entre os dianteiros, os continuos caneos máxicos de Silviña e un recital de remates errados a porta baleira puideron aumentar unha conta celeste que mereceu ser máis avultada. Nun partido completísimo en todas as liñas, dende “San Pinto” (o noso gardarredes sacou algúns balóns milagrosos) a un máis entonado Baiano, os celestes demostraron posuír a flexibilidade táctica, a intensidade defensiva e a finalización atacante que lles faltou nas tres xornadas anteriores. Recuperáronse as aspiracións europeas.

Marcadores: , , ,

Vigo metropolitano

No artigo da semana reflexiono sobre o conflito da Área Metropolitana de Vigo.

Marcadores: , ,

25.3.06

A terra cantada

A bibliografía sobre cuestións políticas non é moi extensa en Galicia nin en galego, razón pola que é moi de agradecer este novo libro de Camilo Nogueira, con certeza o político nacionalista que máis escribiu nos últimos vinte e cinco anos. Desta volta, tras a exitosa publicación do primeiro volume d’ A memoria da nación, Nogueira ofrece n’ A terra cantada unha primeira antoloxía de oitenta dos seus textos políticos escritos todos eles dende 1981 a 2005.
Camilo Nogueira escolmou algunhas intervencións parlamentarias moi salientables (a do retorno dos restos de Castelao de 1983, a pioneira proposición de Lei de Normalización Lingüística de 1981, a iniciativa presentada en 1990 no Parlamento de Galicia sobre autodeterminación como nación, ou a longa lista de preguntas ao Consello e de intervencións nas sesións plenarias do Parlamento europeo sobre a cuestión dos inmigrantes mortos nas costas europeos), algúns discursos e intervencións políticas, e sobre todo, unha parte significativa das súas colaboracións en revistas especializadas de fóra de Galicia e xornais como El País, La Voz de Galicia, A Nosa Terra e Vieiros, o medio electrónico onde publica na actualidade.
Precedido por un fermoso limiar, “O comezo do mundo”, o libro artéllase arredor de catro capítulos que son outros tantos eixos das preocupacións do autor: o primeiro, “Provincia ou nación” (onde aborda as cuestións referidas ao desenvolvemento do movemento nacional galego); o segundo, “A memoria e a amnesia” (no que reflexiona sobre as contradicións existentes sobre o papel de Galicia, Cataluña ou Euskadi dentro de España); o terceiro, “Unha revolución histórica” (onde percorre e analiza os fitos decisivos do proceso constitucional europeo recente); e, por último, “O imperio declinante” (no que, dende a súa dilatada experiencia internacional, dá conta dalgúns dos acontecementos máis salientables da última década).
A pesar de construír o volume con materiais de datas e intencionalidades, seguramente moi diversas, Nogueira ofrece un libro con unidade e grande coherencia pola súa intención explícita de propoñer ao lector como fío condutor unha reflexión sobre a construción do proxecto nacional galego nos últimos dous séculos. Interpretación ou lectura non tanto como a historia dun nacionalismo concibido como ideoloxía, senón como unha proposta de liberdade, progreso e independencia que, cos seus erros e os seus acertos, reflicte a procura do autogoberno para Galicia situarse como nación no mundo sen mediacións políticas estatais sacralizadas.
Especial interese ten, na miña opinión, á chamada explícita do autor ao nacionalismo galego contribuíndo a que a sociedade asuma a oportunidade de emprender o camiño que conduce a ser nación política, abandonando calquera tentación de resignarse e subordinar a propia personalidade á dominante no estado. Nogueira enuncia unha menxase esperanzada para unha Galicia con vontade de mudar a súa perspectiva histórica, reencontrándose como nación política, unindo a memoria do pasado co proxecto do futuro. Para iso deberá aceptar a responsabilidade de valerse economicamente, na interdependencia que se impón hoxe a todas as entidades nacionais e estatais; promover un desenvolvemento económico e social autocentrado; recoñecer a lingua galega como nacional e universal; contar cun autogoberno resultado da autodeterminación, por moito que isto sexa o porduto dun pacto histórico que teña en conta a realidade plurinacional da convivencia na Península e en Europa, contar cunha presenza autónoma no mundo… Pensar, en definitiva, o mundo desde a propia Terra e sendo do mundo en dialéctica coas circunstancias de cada tempo. Velaí a terra cantada que presentaremos o martes en Compostela.

Marcadores: , ,

24.3.06

Literacidade electrónica

Mañá moderarei unha mesa redonda sobre "Xornalismo electrónico, foros, e-books e blogs", na que están convidados a participar Jaureguizar, Camilo Franco, Manuel Forcadela e Pedro Sena-Lino. Antes de darlle paso as súas intervencións e para organizar os temas a debater pretendo salientar cinco grandes ámbitos temáticos que considero centrais para abordar o tema. Na miña proposta obviarei a mantenta o debate sobre o futuro do libro, avanzando as reflexións sobre o que entendo caracterizará o futuro, máis ou menos inmediato: a emerxencia dunha literacidade electrónica:
  • PRIMEIRA: A escrita e a lectura son prácticas sociais e culturais inseridas sempre nunha comunidade e tempos concretos.
  • SEGUNDA: a nova literacidade electrónica está aínda conformándose en función do desenvolvemento de soportes electrónicos permanentemente en obras.
  • TERCEIRA: a literacidade electrónica actual caracterízase polas posibilidades que proporciona a hipertextualidade e a multimodalidade.
  • CUARTA: a literacidade electrónica supón a creación de novos xéneros, sexan sincrónicos como asincrónicos na construción da textualidade.
  • QUINTA E ÚLTIMA: as novas tecnoloxías electrónicas poden poñerse ao servizo dunha nova edición impresa de carácter analóxico.

Marcadores:

Boloña 2006

Este ano non poderei acudir á Feira de Boloña.
Xa sinto saudades. Mágoa.

Marcadores:

A Coruña

Outra boa noticia.

Marcadores: ,

23.3.06

Fotografías sonoras

Le Monde demostra as novas posibilidades do xornalismo electrónico para relatar as mobilizacións dos estudantes franceses. Recoméndoo.

Marcadores:

22.3.06

Oportunidade histórica

Creo que hai motivos reais para a esperanza no comunicado. No texto percibo notas irlandesas que demostrarían que estamos ás portas dun momento histórico que, por responsabilidade, todas as forzas políticas deben saber xestionar con xenerosidade.
Actualización(23-03-2006): entendo moi significativo que no segundo comunicado se utilicen termos como diálogo e negociación, insistindo na necesidade de impulsar o proceso democrático. É o momento do optimismo da vontade.

Marcadores:

21.3.06

Relevo en Sabón

O tempo novo tamén tiña que chegar estes meses a Sabón.
Actualización (23-03-2006): Por que?

Marcadores:

Literacidade ou cultura escrita

Aproveito os poucos ocos dos que dispoño estes días para mergullarme no magnífico libro novo de Cassany. Interesoume moito a importancia que lle concede ao concepto de literacidade crítica e a súa insistencia en que non se pode entender nada plenamente, se non se relaciona co autor, o lector e as súas comunidades. Isto supón para el a necesidade de incluír unha perspectiva crítica na lectura.
A "literacidade" ou "cultura escrita" non inclúe só o código escrito, abranguendo tamén outros ámbitos como os xéneros díscursivos, os roles do autor e lector, as formas de pensamento ou os valores e rerpesentacións culturais do texto.
Cassany aposta por unha literacidade crítica que fomente o diálogo entre o discurso (o autor ) e o lector, o que favorecerá o crecemento dun eu autónomo, consciente e construtivo. Concepto que se entende mellor botando man dunha célebre cita de Paulo Freire: "a comprensión acadada a través da lectura crítica implica percibir a relación que existe entre o texto e o seu contexto", ou noutras palabras, a lectura é unha práctica social e cultural inserida sempre nunha comunidade e tempos concretos.

Marcadores: , ,

20.3.06

Campo do Fragoso XVI

BAIXA INTENSIDADE
O partido co Athletic demostrou que o Celta está prostrado nunha perigosa fase de baixa intensidade, acumulando dúas derrotas consecutivas diante de rivais moi inferiores e amosándose totalmente incapaz de repoñerse unha vez que recibe un gol. Noqueados xa aos dez minutos de xogo polo tanto de Aduriz e desquiciados no centro do campo pola tupidísima malla de centrocampistas bilbaínos, que souberon anticiparse e proporcionar balóns perigosos aos seus dianteiros, os de Vázquez non tiveron a claridade suficiente para ler un encontro que Clemente quería gañar. Renunciando de forma incomprensible ás bandas e teimando por conducir a pelota de forma individual polo centro para conseguir unha asistencia para Baiano (moi desacertado como xa ven sendo habitual nas últimas xornadas), o Celta só conseguiu estrelarse contra a fráxil e inexperta defensa dos leóns. Por riba, as dúas oportunidades estragadas por Canobbio e Perera a porta baleira contribuíron a descompoñer definitivamente o debuxo dun equipo que perdeu as posibilidades de atopar un argumento condutor para súa remontada. Nin os trocos da segunda parte nin a emocionante enerxía dos minutos finais, que proporcionaron os caneos e a dirección de Gustavo López, foron suficientes para abrir a lata que tan concienzudamente dispuxo Clemente sobre o campo ao longo dos noventa minutos. Para enfrontar o difícil vieiro final da liga, onde todos os equipos van estar moi necesitados de puntos, o magnífico Celta desta tempada precisa recuperar maior continuade e intensidade no seu xogo de defensa e ataque. Urxe mellorar a actitude para poder chegar a culminar o soño europeo.

Marcadores: , , ,

19.3.06

Os blos na TVG

Manolo Gago dá conta da reportaxe que sobre os blos en Galicia emitiu Rec- cámara, un novo programa informativo da TVG. A verdade é que quedou moi ben, sobre todo polo ritmo trepidante deses apenas cinco minutos e pola claridade das intervencións dos blogueiros para explicar as características do fenómeno blog. Aconsello ver o vídeo.

Marcadores: ,

Volver


Onte fomos a ver Volver. Ten razón Martín Pawley, Almodóvar non asume riscos ningúns, firmando unha película de narración impecable e visualmente fermosa (Penélope, ao xeito dunha nova Sofía Loren, enche a pantalla toda nunha interpretación que a reivindica como unha das grandes) sobre a cultura da morte, a familia e a lealtade e a solidariedade entre tres xeracións de mulleres humildes. Semella que desta volta o manchego con esta traxicomedia quixo asegurar (o éxito de público é máis que previsible), evitando as densidades temáticas doutras entregas anteriores, apoiándose na interpretación dun reparto solvente sobre un guión, que a metade da película xa se fai previsible. Con todo, a película entretén e, nalgunhas poucas escenas, chega a emocionar (o tango, interpretado por Estrella Morente é memorable).

Marcadores:

Retrincos vigueses

No artigo da semana fago, con motivo da publicación de Novos retrincos da historia de Vigo, un reconto dos traballos sobre a historia local viguesa.

Marcadores: , ,

Revista Naz-on


O vindeiro martes, 21, as 20:00 horas, preséntase en Sargadelos de Vigo a nova revista de cultura Naz-on. Eloi Caldeiro propón un magacine bimensaul que pretende prestar atención aos produtos da industria cultural galega, especialmente literarios e musicais. O primeiro número ábrese cunha entrevista a Ferrín, preparada por Henrique Costas. Eloi tivo a deferencia, que agradezo, de convidarme a publicar neste número un artigo sobre a situación cultural en Vigo. Longa vida para Naz-on!

Marcadores: ,

18.3.06

Estatuto madrileño?

Recibín esta ilustración por correo. Para botar unhas risas.

Marcadores:

2005: baixa a produción editorial en galego

Comezan a aparecer os primeiros datos oficiais que testemuñan o que xa viñemos expresando nos últimos meses: durante 2005 baixou a edición en galego. Con todos, os avances da estatística do ISBN son menos alarmantes que as estimacións publicadas polo INE (que só recollen o editado en galego en Galicia). En concreto, segundo os meus datos a edición en galego baixaría durante 2005 (en número de títulos) a penas o 1,2% (pasando de de 1849 a 1827 referencias); pola contra a produción editorial realizada en Galicia medraría o 5,8% (pasando de 2618 referencias a 2.770).
A expensas da depuración destes datos e do estudo definitivo da Federación de Gremios (os editores estamos proporcionando os datos este mes), a crise de crecemento do libro en galego editado polos editores galegos é un feito innegable: publícanse menos títulos en galego (o que en principio, se aumenta a calidade, pode ser mesmo positivo) e descenden as tiradas medias, o que expresa que chegamos a menos lectores. Pola contra, semellante fenómeno (canto menos polos datos do ISBN) non sucede co conxunto da edición realizada en Galicia que medra, feito só explicable polo crecemento da publicación noutras linguas (un certo tirón exportador pode estar producíndose, o que sería outro motivo de esperanza). Collamos, pois, os datos con cautela.

Marcadores:

17.3.06

Tras as liñas

Sei que somos moitos os devotos da Cociña da escrita, o famoso libro no que Daniel Cassany propoñía unha reflexión sobre a escrita e a redacción dos textos. Estes días acaba de aparecer a tradución española de Rere les línies, un ensaio sobre a lectura contemporánea. Nesta súa última obra Cassany reflexiona, tendo en conta que os textos e a lectura mudan dependendo das épocas da historia e das distintas comunidades, sobre cómo lemos neste século XXI e cáles son as circunstancias lectoras que nos condicionan. O cambio dos formatos (do libro á pantalla), o zapping lector ou multilectura, as lecturas de divulgación científica son algúns dos novos fenómenos lectores estudados dende un enfoque que considera a lectura e a escrita como construcións sociais. Cassany propón no libro un interesante xogo para que os seus lectores non crean todo o que el escribe. Dentro duns días volveremos, máis de vagar, sobre os contidos deste libro imprescindible.

Por certo, Anagrama tamén anuncia a aparición de El control de la palabra de André Schiffrin, continuación da análise dos efectos da concentración editorial, iniciado co seu famoso La edición sin editores. Promete.

Marcadores: ,

16.3.06

Estupefacción

Lendo esta noticia quedo abraiado.

Corazonada

Esta noite, envolto en malos pasos, tiven a corazonada de que este amigo será nomeado mañá director do CDG. En poucas palabras posúe o perfil axeitado que o equipo da conselleira procura: criterio técnico, coñecemento do sector, determinación, experiencia na xestión de equipos (mesmo comercial) e, sobre todo, capacidade para asumir riscos. Non estaría de máis, que a consellaría dese un paso máis e nomease a unha persoa independente da administración para presidir o propio IGAEM (non o esquezamos que naceu como un organismo autónomo). A crise do CDG amosa que a xestión do noso teatro público precisa de persoas que posúan grandes doses de coraxe e afouteza. Nunca foi doado saír dun calellón e algunhas candidaturas que se barallan meten medo.

Marcadores:

15.3.06

Final en Fisterra

A primeiros de abril aparecerá Final en Fisterra, o seu terceiro volume de memorias (máis de catrocentas páxinas en galego e castelán) centrado na súa acción de goberno durante dezaseis anos.

Marcadores:

Congreso da lectura

Nin un só ponente da literatura e da edición en galego no Primeiro Congreso Nacional da Lectura (coa excepción da conferencia inaugural de Nélida Piñón). Non dubido que o programa é atractivo, mais dificilmente así pode facerse crible iso da España plural, a pesar da importante nómina catalana. Afortunadamente, hoxe deixamos case listo na Comisión do Libro o texto do Plan de lectura, que acompañará á Lei do Libro e a Lectura. Un paradoxo da nosa vontade arredista?

Marcadores:

Nova web

Parabéns.

Marcadores:

14.3.06

O destino dos libros está escrito nas estrelas

Vía alcameh coñezo a mensaxe e o cartel do Día Internacional do Libro Infantil 2006. O texto é do escritor eslovaco Ján Uličiansky e o cartel do ilustrador da mesma nacionalidade Peter Čisárik. Recollo un anaco dun texto moi recomendable:
Os livros são realmente como estrelas num céu nocturno. Há tantos, não podem ser contados e frequentemente estão tão longe de nós que não ousamos procurá-los. Mas imaginem só como ficaria escuro se um dia todos os livros, esses cometas no nosso universo cerebral, partissem e cessassem de fornecer essa energia ilimitada da imaginação e do conhecimento humanos...
Valha-nos Deus!
Vocês dizem que as crianças não podem compreender uma ficção científica como esta?! Muito bem, eu viajarei para a terra e permitir-me-ei recordar os livros da minha própria infância. De qualquer maneira, isto é o que me veio à mente quando eu estava a olhar para a Ursa Maior, a constelação a que nós, Eslovacos, chamamos «Grande Carroça», porque os meus livros mais preciosos me chegaram numa carroça... Isto é, não chegaram inicialmente a mim, mas à minha mãe. Foi durante a guerra.
Sería interesante que esta mensaxe fose difundida canto antes tamén en Galicia para celebrar a efeméride do 2 de abril coa visibilidade que merece o noso libro infantil e xuvenil. Os libros son coma estrelas nun ceo nocturno.

Marcadores: , ,

13.3.06

Supresión de descontos dos libros de texto

Oportunísima a proposición non de lei de Francisco Rodríguez propoñendo a supresión dos descontos nos libros de texto, que autorizara o goberno Aznar. Respectar a cadea de valor do libro é a primeira condición para afrontar un modelo de gratuidade que non destrúa a viabilidade do sector. Esta medida, prometida en varias ocasións pola ministra de Cultura, é a primeira condición para iniciar ese debate sereno e rigoroso que vimos reclamando sobre a gratuidade e sobre o mantemento da política do prezo fixo. Parabéns, pois, ao deputado Francisco Rodríguez.

Marcadores:

As uvas na solaina

Marcos Valcárcel acaba de abrir blo. Estou certo que será unha referencia de rigor e elegancia. Recoméndoo moi vivamente.

Marcadores:

12.3.06

O futuro das Artes Gráficas en Galicia

O recente informe da Asociación de Empresarios de Artes de Gráficas de Galicia amosa a necesidade de que este sector se convirta en sector estratéxico. Apoio a posibilidade de constituír un clúster do produto gráfico galego como unha alternativa na que deberiamos vencellarnos todos os sectores do libro. Con todo, aumentar a competitividade e a calidade é o primeiro requisito para que os traballos de impresión e encadernación queden en Galicia, feito que permitiría, tamén, optar a competir no conxunto do mercado europeo. Enganaríamos (só hai que botar unha ollada as cifras), se pensásemos que a viabilidade do sector das Artes Gráficas en Galicia acadaríase co volume do actual mercado editorial galego.

Marcadores:

Condutor alternativo

A cuestión dos accidentes de tráfico sempre me preocupou moito. Reflexiono sobre ela no artigo da semana.

Marcadores: , ,

11.3.06

Entrevista con Carme Blanco

Tras a presentación de Sexo e lugar, Vieiros realizou unha longa entrevista a Carme Blanco. Das respostas da escritora de Unión Libre saliento estas que me pareceron de maior interese:
  • Este é un libro de liberación, para homes e mulleres, para derrubar o poder sexual e colonial e vivir libre a experiencia do sexo e do lugar. Fala do poder, da arte e da literatura en xeral: hai que encamiñar a ciencia, a creación e o pensamento á liberación. É necesario nos tempos nos que vivimos...
  • No tempo da paridade política, temos que decatarnos de que o poder patriarcal pervive máis alá: a violencia de xénero coa que convivimos a diario, aquí ou en El Salvador, os prexuízos, seguen a ser pedras que pesan sobre nós. A política do politicamente correcto está ben na forma, pero trátase de ir ao fondo, ás mentalidades. Os prexuízos impiden a vivencia libre do sexo e a da galeguidade: colonialismo e patriarcado van unidos. A estas alturas está desintegrado o átomo, pero aínda quedan as pedras... Por iso os ensaios están enfocados cara á liberdade, para vivirmos o sexo e vivirmos o lugar sen represións. Para eses praceres está escrito este libro.
  • O libro ten a consistencia, a permanencia, pero a Rede ten a inmediatez e a accesibilidade...
  • Sempre é necesaria esa revisión crítica que inaugurou María Xosé Queizán con Pondal. Mais é importante coñecer a historia da galeguidade, porque Pondal tamén tiña elementos filóxinos: a creación de grandes mulleres, poderosas guerreiras, poetas, bardesas, cazadoras... Ao lado, porén, atopamos cousas coma unha loa da violación. Temos que ser quen de ver as cousas con obxectividade. Non temos porque deixar de ler a grandes figuras, pero temos que aprender a miralas con ollos libres. Eu quixen abordar as luces e as sombras dos autores, desmontar os prexuízos, ler entre liñas a Pondal ou Leiras, nos episodios "Amores" e "Praceres e poderes." E hai que salientar que a época tampouco disculpa certas mentalidades: Rosalía e Murguía viviron na mesma época e foron parella, e ela era enormemente crítica co poder sexual, mentres el era un conservador e patriarca...

Marcadores: ,

10.3.06

Foro dos oficios do libro

Esta semana estivemos dándolle moitas voltas aos criterios de organización e aos contidos dunha grande feira ou salón do libro galego e da industria cultural, que se celebraría anualmente en Pontevedra no mes de decembro. O proxecto é tan ilusionante como necesario. Vía Txetxu atopo información sobre este Foro dos oficios do libro, idea que moi ven poderiamos incorporar ao noso proxecto. Non hai dúbida de que a edición é un proceso onde participan diversos profesionais, que deberían ser mellor coñecidos e valorados na súa tarefa artesana. Unha idea a deste foro para tirarlle moito proveito nesa feira que andamos argallando.

Marcadores:

9.3.06

Bye, bye

Xenial, Josito!
A foto é de Carmina Escrigas.

Marcadores:

8.3.06

A saúde da nosa LIX

O diagnóstico do estado da nosa LIX realizado polo profesor da USC Neira Cruz merece a nosa atención. Nunha primeira lectura pareceume arriscada a súa afirmación de que o sector vive un momento de estancamento "cómodo e aburrido" xustificado pola baixa da facturación do sector nun punto. Enunciado que me deixou perplexo na medida que os datos dispoñíbeis, ofrecidos polos estudos máis recentes da Federación de Gremios de Editores (os de referencia para todo o sector), amosan no caso galego un crecemento espectacular nos dous últimos anos, pasando a facturación dos 2,07 millóns de euros en 2003 aos 3,33 millóns en 2004 (de 2005 non existen datos oficiais, xa que as editoriais aínda non os proporcionamos); outrosí, poderiamos dicir do número de exemplares fabricados que pasa dos 537.000 en 2003 a 685.000 en 2004, crecemento que se produce, tamén, no número de títulos que sobe dos 330 (2003) aos 370 (2004) e mesmo na tirada media 1.625 exemplares por título (2003) por 1.852 (2004). Entendo, pois, canto menos debullando estes datos, que non é o cuantitativo hoxe o maior problema do sector.
Porén, concordo amplamente co profesor Neira Cruz na súa valoración cualitativa da saúde da nosa LIX, onde o dinamismo creativo que supón a aparición de novos axentes editoriais coexiste cunha abrumadora primacía da ficción (cunha ampla e consolidada nómina de autores e autoras consolidada) sobre a poesía e teatro, xéneros aínda insuficientemente presentes na nosa oferta editorial infantil e xuvenil. Na miña opinión, merecería atención realizar en novos estudos unha valoración da evolución do álbum e do libros de cómic (subxéneros que se veñen desenvolvendo na última década con grande orixinalidade e calidade na nosa edición), así como a dos libros de non ficción, onde, semella que, consultando as coleccións editadas en Galicia, existen tamén importantes carencias.
Sen dúbida que a edición infantil e xuvenil é un dos eidos máis destacados do sector editorial galego, mais para ela non couben nin o conformismo nin a compracencia, xa que hai retos dabondo por acometer polo conxunto do sector (editores, autores e mediadores): o incremento da proxección internacional das nosas obras (autores/as e ilustradores/as), a mellora da dotación das bibliotecas escolares, conseguir a visibilidade dos libros e a promoción da lectura nos medios de comunicación (a TVG anuncia a posta en marcha dun programa diario, Planeta fantasía, destinado a presentar un libro para os primeiros lectores) ou a formación dos mediadores. Benvidos sexan os estudos que axuden a perfilar este futuro esperanzador.

Marcadores:

7.3.06

A España plural de Le Monde

É curiosa a visión que da chamada "España plural" de Zapatero proporciona esta crónica de hoxe de Le Monde. Transcribo o único parágrafo que fai referencia a Galicia:
La refonte du statut de la Galice pourrait être plus consensuelle. Les socialistes, qui ont, pour la première fois, conquis la présidence de cette région en 2005, souhaitent le faire en accord avec le Parti populaire. Mais le Bloc nationaliste galicien, allié minoritaire des socialistes, revendique lui aussi l'appellation de "nation". Le PP n'est pas opposé par principe à l'élargissement des compétences des autonomies : il soutient les réformes engagées à Valence et en Andalousie, par exemple, et ses présidents de région regardent d'un oeil intéressé les nouveaux pouvoirs qui s'offrent à eux.

Marcadores:

Entrevista con Carlos Núñez

Óscar Otero publica un magnífica entrevista co noso admirado Carlos Núñez, o deseñador vigués creador da tipografía Gallaecia Castelo. Un auténtico tratado sobre a tipografía galega, un sinal identitario escasamente traballado. Escollo algunhas das súas reflexións que máis me interesaron:
  • Estou creando un diccionario dende fai catro anos sobre a tipografía histórica, a caligrafía galega e europea, as artes gráficas e o deseño. [...] En Galiza para recuperar unha máquina do século XVIII e poder crear un museo de artes gráficas, recuperar documentos antigos ou montar calquera outra cousa fai falta un milagre.
  • A caligrafía é como a música: algo de ADN hai que ter.
  • Un abecedario é unha filosofía, un comportamento de vida estético, é dicir: un ‘a’ de Bodoni non é un ‘a’ de Morris nin un ‘a’ de Gill porque expresa unha emotividade diferente. Expresa un estado de ánimo e unha filosofía distinta. Por iso, a maioría dos creativos, dos deseñadores, en canto o tema tipográfico din “pois eu utilizo esta porque me gusta moito” ou “que bonita é esta letra”. A palabra “bonito” debería estar desterrada. Unha cousa pode ser útil, ter forza, débil, amorosa, agresiva, sanguinaria... pero a palabra “bonito” non di nada. A maioría dos deseñadores non teñen nin idea de tipografía porque non hai unha educación tipográfica, non hai unha educación caligráfica, non funciona o ADN.

Marcadores: ,

A poesía e o PXOM

Miguel Barros publica hoxe este artigo sobre o polémico PXOU vigués. É inexplicable como a este político socialista, culto e coraxudo, foi o seu propio partido quen lle puxo a proa para impedir que asumise maiores responsabilidades. Moitas decepcións teríanse aforrado na abella de ribeira, se el tivese sido o alcalde nesta desastrosa corporación.
Porén, no referente á cuestión da aprobación definitiva do PXOU, comprobo que para Barros o debate, tal como razoa no seu xeitoso artigo, se libra en base ao enfrontamento entre criterios poéticos e de sensibilidades, cunha clara deriva plástica, concretada no xogo entre as liñas vertical e horizontal, que representarían os dous modelos de urbanismo confrontados na Xerencia de Urbanismo ao longo desta lexislatura.
En fin, o eufemismo levado até ao paroxismo. Co doado que sería explicar aos cidadáns que na cuestión do PXOU, tal como evoluíron as cousas en Vigo (con dous cambios ao fronte da corporación, con recursos nos xulgados...), a posición responsable do conxunto das forzas políticas é acadar un consenso arredor da posición "Si ou Si", xa que de non aprobarse de contado o concello podería ir á bancarrota coas indemnizacións ocasionadas polos derrubes aos que obrigan as sentencias do Supremo e por outras moitas razóns de peso que... Expresalo así non sería ningunha esaxeración xa que creo que dunha ou doutra maneira todos os grupos municipais (a verdade é que uns máis ca outros) contribuíron a levar o debate urbanístico vigués ate o punto cero, o da imposibilidade do debate. Ou noutras palabras: todos (mesmo os que din que van votar en contra) saben que aprobar este plan canto antes (xa ninguén fala do modelo de cidade, nin de que non se respondesen aos alegantes, nin sequera de volumes de edificabilidade e de trapalladas polo estilo) é a condición imprescindible para pechar esta etapa funesta da política viguesa. Lamento non coincidir nesta ocasión con meu benquerido Miguel Barros, este PXOU en todas as súas fases tivo máis que ver coa fría economía que coa doce poesía que hoxe emprega para convencernos no seu artigo de que a el lle gustaría votar que si, mais que aínda que vaia votar que non para non defraudar o compromiso adquirido co grupo municipal, que xa non controla o partido... Mi madriña, isto é para tolear.

Marcadores:

6.3.06

Evidencialismo

Velaquí a auténtica moda galega.
O titular non o mellora nin Cid Cabido.

Marcadores:

Máis sobre o Iº Encontro luso-galaico de blogs

Juan Freire adianta hoxe máis información (mesmo algúns dos tópicos do debate) sobre o previsto Iº Encontro luso-galaico de blogs.

Marcadores:

Fondo e forma

Txetxu recolle o fío da miña reflexión sobre contedores e contidos levándoa máis alá dos contedores museísticos e aplicándoa a toda realidade onde haxa un soporte-contedor e un contido, como pode ser o caso do libro. Txetxu atina de cheo cando afirma que existe unha tendencia social onde parece darse maior importancia ao "contedor" que ao "contido". Necesitamos "visualizar" a existencia das "cousas" aínda que estean baleiras?

Marcadores:

Galicia en goles

Moi curioso este blo de Carlos Reboreda contando a experiencia da súa participación no programa Galicia en goles (para min un dos espazos máis arredistas e comprometidos da radio pública, escoitándoo hai veces que creo vivir nun país que acadou a independencia). A verdade é que polos primeiros posteos deste blo recente paréceme máis interesante dende un punto de vista da crónica radiofónica ca da abordaxe do tema deportivo. Agardo con impaciencia que o debate futbolístico entre máis de cheo nos nosos blos, ata agora moi pouco interesados, con honrosas excepcións, no tema.

Marcadores: ,

5.3.06

Campo do Fragoso XV

SEIS PUNTOS
Fernando Vázquez sentenciara ao longo da semana que o encontro co Osasuna era un deses poucos nos que se desputaban sete puntos. Nun magnífico partido de defensa e contraataque os celestes conseguiron, diante dun dos seus rivais directos, seis. A expensas do que poida deparar no remate da tempada a diferenza de goles, constitúe unha boa renda para seguir con posibilidades de participar na vindeira Liga de Campións. A saída dos celestes foi un estourido de alegría. Non pasaran cinco minutos, cando Baiano, famento de gol, recortou con toda a súa potencia de John Deere a un dos centrais vermellóns e conectou un dereitón que deixou abaneando a bancada. A partir de entón, os de Vázquez xogaron con grande convicción ao fútbol que máis lles presta: sólida disciplina defensiva e veloz contragolpe entre liñas. O traballo de xigante de Oubiña, que en solitario roubou pelotas preciosas, entregándoas sempre con premura e sentido de verticalidade, e a tarde xenial de Canobbio, que ensaiou cambios imprevisibles na dirección do contragolpe, foron pouco a pouco desquiciando a un teimoso Osasuna que se emborrachou coa posesión do balón mais que nunca tivo o control do xogo. Tras o golazo de Canobbio, que burlou a marcaxe de Josetxo e caneou con enorme serenidade ao porteiro rival, a carreiriña eufórica de Fernando pola banda (algo que non viramos nesta liga), amosou a efectividade e coherencia do seu intelixente deseño táctico. Aínda con doce xornadas por diante, a continuidade deste Celta con tan sólida defensa e notable pegada pode levalo ónde ninguén soñara ao comezo da tempada.

Marcadores: , , ,

Contedores e contidos

No artigo da semana abordo o que veu sendo unha das miñas preocupacións da semana, a relación entre os contedores e os contidos dos espazos da cultura.
Foto da Casa das Palabras de J.Albertos.

Marcadores: , , ,

4.3.06

Finalistas do San Clemente

Hoxe levei unha alegría cando coñecín a lista de finalistas galegas do premio Arcebispo Juan de San Clemente. Este premio a obras de narrativa editadas é un dos que máis valoro cada ano, xa que está outorgado por un xurado de alumnos e alumnas de 2º de bacharelato de varios institutos de Galicia.
A moitos quizais lle sorprenderá a inclusión de Aguillóns de Ortegal, a última obra de Hixinio Puentes, da que ata agora se tiña falado ben pouco, xa que as outras dúas finalistas (gustáronme as dúas) xa obtiveron importantes premios e unha notable presenza nos medios. Porén, para min non constituíu unha sorpresa, xa que esta novela clásica de aventuras, ambientada durante a primeira guerra mundial, é unha das narracións máis orixinais e de lectura máis engaiolante das que temos publicado nos últimos anos. É unha boa noticia que, grazas a ser declarada finalista, estes aguillóns vaian emerxendo amodiño da invisibilidade (sabemos que custa moito alertar ao público sobre unha obra dun autor pouco presente nos medios e sen o aval dun galardón). Presentarémolos o vindeiro xoves.

Marcadores:

3.3.06

A lingua dos xornais

Recomendo este lúcido texto de Veloso sobre o uso que se está facendo do galego nos nosos xornais impresos de maior difusión. O autor non é un sociolingüista, o que quizais lle permite interpretar a cuestión de forma máis independente, clara e veraz. Agradécense estas análises onde non aparecen táboas estatísticas e baseadas, pola contra, na experiencia mamada na rúa. Parabéns, amigo Veloso.

Marcadores: ,

O fetichismo das brétemas de papel

Souben hoxe de que hai tres semanas saíu publicada a reportaxe sobre os aditos ás libretas. Aínda que reivindico o pracer da caligrafía e o fetichismo de conservar as brétemas de papel numeradas, sei que é outro dos costumes chamados á extinción. Esta é a razón de que apareza como unha tendencia excéntrica?

Marcadores:

2.3.06

Serea pétrea

Afortunadamente a serea pétrea formará parte da rede galega de museos. Tarde piaches! Agardemos que rematen as obras canto antes e volva abrir as portas coa súa exposición permanente.
A foto é de Óscar Reixa.

Marcadores: ,

Nova Cidade da Cultura

O anuncio da conselleira dos criterios de redefinición do proxecto da Cidade da Cultura merece os nosos parabéns. Asúmese así o compromiso asinado no pacto de goberno de revisar os seus contidos, que non de cuestionar o proxecto arquitectónico, algo imposible a esta altura, tanto polo adiantado estado das obras dalgúns elementos como das adxudicacións realizadas, polo goberno anterior, doutros.
O feito de renomear o proxecto e establecer unha moratoria (catorce meses) para comezar as obras adxudicadas é unha posición tan valente como oportuna. Outrosí consideramos os criterios de deseño dos contidos desta nova Cidade baseada en catro grandes elementos: Biblioteca e Arquivo de Galicia, Museo de Galicia, Factoría Cultural e Casa Mundo. Elementos todos os catro vencellados ao desenvolvemento da nosa industria cultural e á proxección de Galicia, e por ende de Compostela, como capital cultural e punto de encontro dunha nova modernidade.
Semella que a recondución deste proxecto, baseado nestes criterios e nun proceso de participación amplo dos axentes culturais, permitirá meditar os contidos e axeitalos máis acaidamente aos espazos xa construídos ou proxectados. O anuncio da conselleira parece, pois, intelixente e bastante achegado, tanto aos criterios que promove o concello de Santiago –unha institución moi interesada na consolidación do proxecto–, como aos informes que está elaborando o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega. O goberno bipartito dificilmente poderá deixar rematadas todas as obras, porén, a súa contribución será decisiva para racionalizar a iniciativa e poñela ao servizo do conxunto do país e da súa emerxente industria cultural. Reiteramos os parabéns á conselleira e ao seu equipo pola afouteza e serenidade para encarreirar tan complexo problema.

Marcadores:

1.3.06

Creba o prezo fixo?

O enfrontamento entre libreiros e editores cataláns, a raíz dos descontos que a cooperativa Abacus está ofrecendo para as edicións catalana e española do novo Harry Potter, pode crebar de vez a fronte unida do sector do libro sobre o prezo fixo. Na maior parte dos países da Unión Europea, o prezo fixo (o determinado polo editor) é o garante de edición plural e democrática. O libro como ben cultural non pode ser reducido a unha mera mercadoría, onde primen só os criterios mercantís. Temo que este novo conflito abra a caixa dos tronos e, como xa está sucedendo coa cuestión da gratuidade (reducida nos medios de comunicación á modalidade de préstamo), aparezan decontado os defensores demagóxicos do prezo libre. Nunha indixente sociedade lectora coma a nosa isto podería sinalar o inicio dunha nova debacle para o sector da libraría e, máis tarde, para o futuro da liberdade da edición. Repararon moitos destes partidarios acérrimos das leis puras e duras do mercado, cal é a razón de que no Reino Unido sexa tan díficil publicar algún tipo de libros? Seguro que as grandes superficies e as cadeas de librarías están frotando as mans con semellante perspectiva.
O conflito entre editores e libreiros cataláns debe ser reconducido con altura de miras e capacidade de diálogo entre as partes, sen desbotar a intervención dos responsables do Ministerio de Cultura e da Generalitat de Cataluña, que deben asegurar que se cumpre o establecido na vixente lei do prezo fixo.

Marcadores:

Poetízate

A antoloxía que preparou Fran Alonso está tendo unha recepción moi boa. Feito que os editores sempre agradecemos. Temos moita fe nesta proposta de promoción da poesía entre os lectores e lectoras adolescentes, sen adovíos nin didactistas nin infantilizantes. Poetízate!

Marcadores: , , ,

Novidades de Tambre

Hoxe coñecín as catro novidades que preparou Ignacio Chao para as coleccións Catavento e Ala Delta de Edicións Tambre. Teñen unha pinta excelente: Sari, soñador de mares de Marcos S. Calveiro, Piratas polo Miño de Xosé Miranda, A noite dos pesadelos de Antonio Reigosa e Zoa e Azor de An Alfaya. Lereinos con moito interese. Parabéns para autores, ilustradores e para Nacho, un editor culto que está imprimindo un selo de gran calidade a estas dúas series xa veteranas na nosa LIX.

Marcadores: ,