Onte acudimos ao chamado do escritor
Carlos Reigosa e do pintor
Antón Lamazares para asistir aos
actos da
homenaxe a
Laxeiro en
Lalín con
motivo do
centenario do seu
nacemento. Sen dúbida, a xornada foi un éxito para os
organizadores, xa que conseguiron unha completa presenza institucional de todas as administracións e dos tres partidos parlamentarios (a imaxe daquela mesa quedará para a historia) e unha numerosa presenza de pintores, escritores, xornalistas e editores, unidos todos pola admiración á figura xenial do pintor de Donramiro.
Primeiro celebrouse no Auditorio a homenaxe literaria e musical, logo un xantar de irmandade no
Pazo de Bendoiro, onde o noso admirado poeta
Carlos Oroza recibiu o premio anual que concede a viguesa
Fundación Laxeiro. O concello de Lalín tivo o acerto de editar con motivo da homenaxe un facsímile do "Cuaderno de Arte Gallego" que José Ruibal lle dedicara a Laxeiro en 1951 e publicara en Pontevedra a editorial Benito Soto.
O acto da homenaxe, moi ben conducido por Reigosa, foi inusualmente interesante, pola calidade das intervencións dos nove participantes e polo magnífico peche musical de Xosé Manuel Budiño e Uxía Senlle (o seu himno azoriano "Quen mata a morte son eu" conseguiu emocionar ao auditorio dunha forma estremecedora). Abriuno Reigosa sinalando que a intención da homenaxe era reivindicar que os pintores galegos, coma Laxeiro, como tamén os escritores de noso, ocupen o lugar que lles corresponde tanto a nivel español como universal. Lamazares comezou unha intervención formidable trasladando unha mensaxe de adhesión de
Leopoldo Nóvoa e sinalando que Laxeiro "o meu mestre, era a memoria da entraña da Terra", para rematar coa lectura dun "poema ao xeu xeito" (magnífico!) no que reiteraba a imaxe de "Laxeiro unicornio único! / Ai, Laxeiro, bandido!".
Continuou a quenda coas intervencións do pintor e crítico
Luís Caruncho relatando unha memorable anécdota e de
Isaac Díaz Pardo que falou das relacións entre Castelao e Laxeiro, artistas que compartían unha mesma cosmovisión do "do noso ser doce e macizo, resistente, coma a nosa arte románica, como somos os galegos". Despois interveu de forma maxistral
Ramón Villares que comezou contextualizando a figura do homenaxeado dentro da xeración do SEG ou "xeración inoportuna", salientando que Laxeiro (como outros pintores coetáneos) souberon arraigarse na terra con vocación universal. Rematou Villares afirmando que "Laxeiro foi o pintor do trasmundo, do que está detras da apariencia, que explica o que non pode a racionalidade. A súa pintura do lusco e fusco é a expresión de sentido da xente do común".
Mediado o acto (que duro máis de dúas horas), comezaron as catro intervencións institucionais. Primeiro foi a do alcalde
José Crespo, moi satisfeito de que Laxeiro fose o punto de unión de todos no quilómetro cero de Galicia, mais aínda cando "Laxeiro é a mellor representación da ideosincrasia de Lalín: ser humildes e ao mesmo tempo sentirnos orgullosos do noso". Despois chegou a de
Rafael Louzán, presidente da Deputación, que salientou o que fixera a institución provincial apoiando a Laxeiro (foi becado en varias ocasións, o que lle permitiu a súa primeira estadía en París) e fixo unha interesante proposta de declarar o 23-F como "Día da Arte Galega".
A intervención da conselleira de Cultura
Ánxela Bugallo foi, con gran diferenza, a mellor dos catro parlamentos institucionais. Nun ton lírico moi ben manexado, comezou a conselleira recordando unhas declaracións que fixera Laxeiro en 1974 ("son apenas un gran de area da pintura galega") para salientar que aquel gran se transformara nunha grande duna. Tras recordar o esforzo que se está realizando para editar o proxecto do catálogo definitivo da obra do pintor, rematou o seu discurso empregando a metáfora do granito como mellor expresión da importancia da obra laxeiriá: "o cuarzo como a forza, o feldespato como amalgama, a mica como o brillo". Pechou as intervencións, o ministro
César Antonio Molina cun discurso longuísimo (entendo que fóra do contexto do resto das intervencións) no que fixo un detallado estudo da obra do homenaxeado a quen definiu como "memoria permanente da Galicia estética".
No xantar, xa noutro ton menos solemne, tivemos oportunidade de parolar con bos amigos e gozar dun señor cocido, como sabemos lle prestaba ao bo de Laxeiro. Volveremos, con seguridade, sobre a figura de Laxeiro, xa que neste ano están previstas outras importantes iniciativas (exposicións e publicación do catálogo completo da obra en tres volumes).
Actualización (25-02-2008): recomendo a
crónica de Perfecto Conde.