30.5.08
Os futuros do libro
Manuel Bragado: os futuros do libro from Martin Pawley on Vimeo.
Un anaco da conferencia de onte na Coruña. Obrigado, Pawley, pola gravación.
28.5.08
Blogs e lectura
27.5.08
"Votos de riqueza", de Ignacio Castro Rey
Artellada a obra con semellante propósito, empregando unha certa mentalidade tráxica, como voz transversal que moumea nas páxinas, non é esaxerado cualificar o libro como feroz, vehemente, intenso, denso, ácedo, máis tamén luminoso, divertido e profundamente irónico. Unha voz afirmativa e pouco pudorosa, interpela ao lector dende o prólogo, onde se adianta os propósitos do ensaio: criticar a cultura do consumo como manifestación primeira e máis acaída da pulpa do presente. Castro propón un acceso crítico á nosa cotidianidade procurando deste xeito una achegamento sistemático a unha esencia excluída. A voz que nos fala e a lente que utiliza pretende achegarse, dende a indefinición común, ao presente que vivimos e ao malestar que produce.
Para achegarse a unha existencia consumista e á banalidade exasperante que a caracteriza, utiliza como metodoloxía a intuición recorrente. Ignacio Castro pretende achegarse ao consumo (unha forma dinámica do odio e do rexeitamento), dende diversos espazos e ámbitos temáticos. Comeza coa prohibición do tabaco nos espazos públicos (unha "manifestación do fascismo de balneario", chega a dicir). Continúa con varios capítulos dedicados ao medo, nas súas diversas manifestacións, sexa baixo a forma de terrorismo, da crise económica, das catástrofes naturais, do cambio climático, da SIDA ou das guerras rexionais televisivas. Profundiza a súa análise no eido da publicidade e das marcas (ás que lles concede os capítulos centrais), para proseguir coa arquitectura, o urbanismo (e os seus "sen-lugares"), a "violencia verde" (criticando contra corrente o ecoloxismo político actual), a mocidade e a educación (para min os mellores capítulos), o deporte (e a súa obsesión vigoréxica) e a televisión e o seu "star system". Ata chegar ao apoteósico capítulo dedicado á sexualidade, concibida como un mecanismo de control individual.
En todos os capítulos reitérase a crítica á violencia comunicacional postmoderna, o que Agamben, un dos autores máis citados no ensaio, denomina "estado de excepción", ou a concepción do "mundo como supermercado", roubándolle a metáfora a Houllebecq, outro dos autores máis citados por Castro.
Esta disección rabuda do mundo presente no "Polo Norte" do planeta remite a cinco grandes cuestións:
1. A fragmentación envolvente do tempo actual, no que pasamos irremisiblemente da condición de cidadáns á de consumidores.
2. Fragmentación bipolar que provoca a ruptura do relato das nosas vidas e o rexeitamento de calquera tipo de finitude, de diálogo real e de disenso. Perdemos a conversa. As consecuencias deste fenómeno sobre as identidades individuais e as construcións colectivas son aterradoras: o desarraigo e o illamento das individualidades, paradoxicamente hiperconectadas e hipercomunicadas a distancia por medio das tecnoloxías dixitais.
3. Illamento confortable e portátil que se amosa coma síntoma dunha cultura da descontinuidade e do desarraigo, do ruído dixital das pantallas (refugando un silencio, que é aterrador para unha sociedade de televidentes), da velocidade (onde non existe tempo nin espazos para pausas ningunhas) e da impaciencia xeralizada no traballo e mesmo nun lecer absolutamente terciarizado.
4. Descontinuidade que alicerza un individualismo atroz, unha cultura do consenso infinito, unha sociedade de totalitarismo democrático, onde non existen fronteiras entre a dereita e a esquerda, onde a sospeita e o medo son permanentes.
Tras semellante análise, Ignacio Castro non propón conclusións, nin sequera terapias para aliviar este malestar. Apenas continuar nesta indagación crítica e desenvolver unha ética da desaparición, da resistencia –diría eu–, onde teña cabida a finitude, a proximidade e o acougo. Deter esta vertixe, parar a ler con vagar, conversar, recuperar a rúa, gozar dos silencios, arriscarse ao compromiso de amar, aliviaría esta enfermidade do presentismo? Votos de riqueza contén unha proposta ética, mais non un programa de rexeneración política. A Ignacio Castro Rey abóndalle que as súas palabras estean comprometidas co que está por chegar.
[Fragmentos da intervención na presentación de Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia, Marco, Vigo, 27 de maio de 2008]
Marcadores: Autores, Ensaio, Presentacións
26.5.08
25.5.08
A lectura en pantallas
Esta constatación, ademais das súas consecuencias sobre a necesaria alfabetización informacional, non debe levar só aos habituais "consellos de blogueiros" sobre a necesidade de publicar na rede textos breves (ese famoso pantallazo de 200 palabras), xa que o internauta non lería máis, senón á reflexión fulcral que sobre a mesma cuestión propón Txetxu: "non tería máis sentido pensar e investir en novos contidos máis adaptados ao medio y ver logo qué alianzas de significado poden chegar a existir con outras canles e soportes? Se toda a lectura sobre pantallas vai ser zapeada e fráxil, pode adaptarse esta textualidade a calquera tipo de contido ou aqueles que precisan de maior vagar e reflexión? Aí poden estar algunhas das maiores limitacións da literacidade electrónica.
A lectura e a edición (tanto a analóxica como a dixital) requiren acougo, tempo e tranquilidade; requisitos imprescindibles para unha abordaxe tanto crítica como gozosa, como cognitiva (habería que engadir, como ben sinala a anotación de Joaquin Rodríguez) da textualidade. Nun momento de cambio de paradigma e de evolución do sector do libro (na coexistencia ou integración de textualidades e soportes), a clave, como temos sinalado tantas veces, está nas políticas de lectura e na necesidade de formación do criterio lector en ambas as dúas textualidades, a impresa e a electrónica (que requiren estratexias diferentes).
Nesta intervención de Txetxu (oito minutos) nas xornadas sobre "Ler en pantallas" poden estar outras claves prospectivas sobre o futuro dunha edición racional e sostible (sobre todo o novo proceso multimodal de creación e lectura sobre os contidos).
Marcadores: Edición, Lectura, Literacidade, Vídeos
Outros dereitos para os autores
Marcadores: Edición, Literacidade, Vídeos
Editorial Cíes e Marcial Lafuente Estefanía
Clicando sobre as imaxes pode lerse a reportaxe.
Lembrando a Enrique X. Macías
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Música, Vigo
24.5.08
Ler na cama
Vía Trafegando ronseis.
"Votos de riqueza", presentación en Vigo
Marcadores: Autores, Ensaio, Presentacións
23.5.08
Macías, referente da modernidade viguesa
Marcadores: Música
22.5.08
"Itinerario de luz", reeditada a obra de Enrique X. Macías
21.5.08
Get London Reading
Marcadores: Lectura, Promoción do libro, Publicidade
Que é un libro?
"Festina lente"
Sinto que os impacientes teñan que agardar ata a vindeira semana, na que chegará ás librarías.
Os concertos de Enrique X. Macías
20.5.08
Morreu o libro electrónico?
Marcadores: Edición, Libro, Tecnoloxías
19.5.08
Campo do Fragoso LXI
Alejandro Menéndez, o cuarto adestrador desta tempada, conseguiu no seu primeiro encontro endereitar a deriva na que caera o Celta tras tres derrotas consecutivas. Acadar os 50 puntos, que deberían afastarnos de todos os perigos e fantasmas, é unha boa noticia para os seareiros celestes; mais a recuperación dunha certa disciplina táctica, dunha descoñecida capacidade goleadora e, sobre todo, dunha mellor actitude de todos os membros do equipo poden ser aínda mellores novidades. O encontro comezou co público máis pendente das evolucións de Gustavo López (apupado agarimosamente ao remate) ca dos nerviosos xogadores celestes. Xa aos catro minutos, os cadistas anunciaron cunha gran xogada que, a pesar das súas limitacións, viñan dispostos a dar batalla. Houbo que agardar un cuarto de hora para que o recuperado Quincy enviase o seu primeiro aviso a Limia e para que, poucos minutos despois, cabecease con moito perigo un bo servizo de Canobbio. Á media hora, o uruguaio (moi motivado) fabricou un magnífico pase interior que aproveitou Perera para abrir o marcador. A diferenza de encontros anteriores, o gol aguilloou aos celestes que a partir de entón reinaron con autoridade. Unha xenialidade espectacular de Quincy, catro bicicletas e unha rosca moi axustada ao pao esquerdo, supuxo o segundo tanto. Tras o descanso, cos de Procopio dispostos a intentar a remontada, os galegos defendéronse con xeito buscando contras que aproveitasen a sociedade dos seus tres veloces dianteiros. Deste xeito chegou o segundo gol de Perera, tras un servizo dende a banda dun inspiradísimo Quincy, demostrando que funcionaba a fórmula ideada por Menéndez: moita disciplina atrás, moita fantasía e velocidade diante. Un centro medido de Gustavo (que demostrou non ter esquecidas as súas mañas) foi ben rematado por Dani (unha das tradicionais bestas dos celestes). Este gol abriu esperanzas para os cadistas, porén foron estragadas axiña por outro golazo de Quincy, tras unha contra dirixida con gran tranquilidade por Jorge Larena na súa primeira xogada. Nos minutos finais marcáronse outros dous goles, o dos gaditanos tras un fóra de xogo sinalado polo asistente que o arbitro non atendeu, o dos celestes por un penalti cometido sobre Diego Costa que transformou Larena. Pechábase así unha merecida goleada do Celta que devolveu unha tímida ledicia á bancada e permite abrir esperanzas sobre a fiabilidade do técnico. Contar cun adestrador solvente podería ser a gran noticia do partido de onte.
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol
18.5.08
Xosé María Álvarez Blázquez, os actos de Vigo
O acto institucional, celebrado no auditorio do concello, foi literariamente moi brillante, aínda que coa presenza de menos público do agardado (apenas un centenar de persoas, o que amosa un certo desleixo na realización da convocatoria e un desinterese popular por estes actos académicos). Darío Xohán Cabana abriu os parlamentos cunha intervención potente, enérxica, co punto necesario de emoción, defendendo a figura integral de don Xosé María e o carácter revolucionario da súa actividade como editor. Oportunísima foi a súa proposta de convocar este ano un congreso multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado, fose pola Consellaría de Cultura e Deporte ou pola Universidade de Vigo (unha iniciativa que aínda hai tempo para que fose considerada por estas institucións, pola propia Academia ou por calquera outra entidade que o puidese apoiar economicamente). Logo interviu, Víctor Freixanes que abordou moi fermosamente a actividade editorial de Álvarez Blázquez (o título da súa intervención é moi significativo: "Arte da paquetería") sinalando o carácter innovador que lle imprimiu á actividade editora, tanto na concepción da creación editorial como da súa promoción e comercialización. Pola súa banda X.L. Méndez Ferrín nun parlamento literariamente memorable describiu os espazos de don Xosé María (a súa descrición das Travesas de XMAB empregando só substantivos foi espectacular) e salientou a sensibilidade literaria e o carácter patriótico do traballo do homenaxeado. Pechou a quenda de intervencións, o presidente da Academia que definiu a don Xosé María como un dos "exiliados na súa propia Terra".
Despois do xantar institucional no Museo de Castrelos, organizado e pagado pola Academia (un feito inédito na efeméride), se celebrou en Gran Vía 180, na porta do edificio onde Xosé María viviu durante trinta e nove anos, o acto de descuberta dunha praca. Outra vez, apenas cen persoas, asistimos aos parlamentos de Luz Pozo Garza, Alfonso Álvarez Cáccamo (que leu un texto sobre as Travesas en 1946, escrito polo seu pai en 1981, que foi editado nunha fermosa seaparata por Galaxia) e do alcalde de Vigo. Para min, o momento máis emocionante foi a breve intervención, fóra de programa, de Aurora, unha das fillas de Xoán Vidal, inseperable amigo de XMAB (co que fundou Cristal).
Rematado o acto, subimos a Gran Vía cismando na decepción que nos provocou o raquítico entusiasmo amosado polas institucións galegas e locais (ensimesmadas nos intereses partidarios dos seus responsables) a unha celebración cultural tan relevante, por non falar xa do claro afastamento do conxunto da sociedade sobre a efeméride (coa excepción da programación da radio Galega na praza da Constitución, Vigo permaneceu totalmente alleo a estes actos). Se continuamos por este vieiro, o 17 de maio esmorecerá inevitablemente. A figura revolucionaria de don Xosé María merecía máis.
Marcadores: 17_de_maio, Efemérides, Eventos
Hai barco
No artigo da semana, ao fío da presenza a pasada semana na Laxe de enormes trasatlánticos, reflexiono sobre a importancia do porto vigués e da necesidade de chegar a un pacto estratéxico sobre o seu futuro.
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Vigo
17.5.08
O oso de Martín Curty
Marcadores: Vigo
XMAB, unha sombra polas eiras
Marcadores: 17_de_maio, Vigo
Poesía contra a ignorancia
Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...
Marcadores: 17_de_maio, Blogs, Lingua
16.5.08
A voz de don Xosé María
Marcadores: 17_de_maio, Vídeos
15.5.08
Blogues polas lingua
Marcadores: Blogs, Iniciativas, Lingua
14.5.08
Escritores e blogosfera
Marcadores: Eventos, Literacidade
13.5.08
Ser libreiro
"Ser libreiro (ou libreira,claro) significa vivir entre libros. Ser libreiro significa gozar coa parte amable da vida. Significa arriscar, sufrir distintas incomprensións sociais,pero tamén ser feliz coa satisfacción de poñer un libro na nosa existencia. Ser libreiro significa poder ler neses momentos nos que non hai xente na libraría, perderte por aqueles volumes que te chaman en voz baixa, aconsellar o cliente/amigo sobre esas obras que liches e que, segundo o teu criterio, pagan a pena...."
Marcadores: Librarías
A mariñeira
Marcadores: Cine
11.5.08
Atinadísimo artigo de Anxo Lorenzo
"O que podemos denominar como 'pacto', 'consenso' ou 'acordo' lingüístico confórmase mediante os contidos lingüísticos do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 e da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Cales son, ao noso entender, as características principais dese 'pacto lingüístico'? En primeiro lugar, a cooficialidade –en Galicia, galego e castelán teñen plena igualdade xurídica–; en segundo lugar, a declaración do galego como lingua propia; en terceiro lugar, derivado do aspecto anterior, a decisión de pór en marcha un proceso institucional e social de 'normalización' da lingua galega, por se atopar esta en situación de desigualdade respecto do castelán; e, en cuarto lugar, o respecto polo principio de individualidade: que cadaquén utilice a lingua da súa preferencia nas comunicacións non institucionalizadas."
Marcadores: Lingua
"A cidade e os días"
O luns, ás 20:00 horas no Auditorio da rúa Areal do Concello de Vigo, teremos a honra de presentar a homenaxe do Club Faro de Vigo á figura de XMAB na que participarán o seu fillo Alfonso, o académico Darío Xohán Cabana e o presidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Marcadores: 17_de_maio, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Presentacións, Vigo, Xerais
10.5.08
Anuncio da London Book Fair
Vía Blogtailors.
Marcadores: Promoción do libro
9.5.08
Entrevista a Manuel Rivas
- “A lectura, o libro e os espazos onde están son lugares de resistencia humanística esenciais. A nosa sorte depende de que eses espazos se manteñan ou desaparezan completamente da natureza”.
- "O libro é algo que pertence á natureza, que ten a condición de froito".
- "Os centros escolares deberían ter como epicentro arquitectónico a biblioteca".
A longa entrevista pode lerse neste pdf (nas páxinas 13 a 15) do número completa da revista.
Marcadores: Bibliotecas, Entrevistas, Lectura, Libro
7.5.08
O modelo de préstamo, novo informe da AGE
Non imos reiterar a nosa opinión sobre esta modalidade de préstamo, mais semella que co paso do tempo e con estas análises tanto cuantitativas como cualitativas, os argumentos que manexamos non estaban errados. Agardamos que o vindeiro Goberno Galego poida entendelos mellor e sexa máis respectuoso co espazo ecolóxico do libro galego.
Marcadores: Libro de texto
A Nova Agora Galega
Marcadores: Eventos
Tempos dixital
Marcadores: Medios
6.5.08
Unha educación política
Marcadores: Editores
Xan Bouzada
Marcadores: In memoriam
5.5.08
Campo do Fragoso LX
Aínda
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol
4.5.08
Estado de desánimo
Marcadores: Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Fútbol, Vigo
3.5.08
O xogo da serpe
Vía Julián Gallo.
Marcadores: Fútbol, Publicidade, Vídeos
Libros dixitais xa!
Marcadores: Lectura, Tecnoloxías, Vídeos
2.5.08
Libro, mayday mayday
Mais se dispoñemos dun pequeno depósito de optimismo, vemos que a historia do libro é dunha resistencia exitosa contra tanta persecución. Na actualidade, as innovacións tecnolóxicas e todas as hipotecas que gravan o tempo humano, ese modelo de "capitalismo impaciente" que todo o ocupa, semella ás veces que van provocar un afundimento das chamadas humanidades. Unha especie de holocausto do libro a mans do mundo virtual.
Cómpre ter unha concepción ecolóxica do futuro do libro e da propia literatura. Vai haber modificacións no soporte. Vanse a dar grandes adiantos técnicos que propicien a difusión electrónica e libros que condensen en pequeno espazo unha biblioteca. Mais o que non vai desaparecer é a idea de libro e moito menos a necesidade da invención literaria e do pensamento libre.
Marcadores: Lectura, Libro, Recurso_didáctico
"Anxel Casal,un editor para un país"
Marcadores: Beizóns, Editores, Historia, Recurso_didáctico