31.1.06

Teimas

Aínda que non adoito participar en cadeas, recollo o fío que me propón Máis alá para expresar cinco das miñas teimas (todas sobre o libro e a escritura). Aí van, pois:
  1. Escribir as notas de traballo e de escrita sempre con pluma en cadernos pautados ou blogs verticais con espiral, que vou numerando e conservando na biblioteca (as miñas brétemas, que así é como hai tempo que chamo a eses cadernos, naceron así). Cubrín un par de Moleskines, que merquei en Italia, mais non son as que máis me gustan.
  2. Reforzar as tapas destes blogs con tarxetas postais que compro ou consigo alí onde vou.
  3. Dobrar os lombos dos libros encadernados en rústica en tres partes: primeiro cuarto, a metade e os tres cuartos. Gústame velos así usados nos andeis, cando remato de lelos.
  4. Subliñar parágrafos ou escribir á marxe comentarios sobre os libros e manuscritos que vou lendo. Resúltame inevitable, tamén, sinalar as grallas, sobre todo cando releo algún dos libros que editamos. Sempre leo cun pilot 0.5 vermello ou lila na man.
  5. Ordenar os libros de narrativa da nosa biblioteca pola orde alfabética dos apelidos dos seus autores. Moléstame, intimimamente, cando vexo un fóra de sitio, o que, a pesar do meu tesón, sucede moitas veces.
Propoño que sigan esta roda teimoso, se lles presta, cinco dos meus amigos blogueiros: Txetxu, Rogerio, Kavafinho, Lolo e Juan Blanco Valdés.

Marcadores:

30.1.06

Campo do Fragoso XII

COLEXIADO GALÁCTICO
Unha das razóns polas que me gusta acudir aos estadios de fútbol é porque sei que alí sempre se representa un drama lonxanamente parecido ao da vida, onde os actores interpretan papeis que en parte están escritos e en parte son improvisados. Así sucedeu onte en Balaídos onde un magnífico Celta interpretou ao longo dos noventa minutos todas as escenas poéticas de maior beleza física e de virtuosismo futbolístico, provocando emocións a eito, facendo vibrar á bancada como ata agora nunca sucedera na tempada, monologando a pracer coa pelota no campo contrario, fartándose de amendrentar a un rival que esquecera totalmente o seu papel de prima dona e que impotente e avergonzado pedía a cada pouco a axuda do intelixente colexiado, que apuntaba sempre na súa dirección. Eis o paradoxo deste espectáculo, onde pode suceder, como lle aconteceu onte á noite aos celestes, que os que mellor xogan e máis merecen a vitoria acaden só ao remate do encontro unha fermosa e dóce derrota. Quizais esta sexa a razón pola que a pesar do resultado adverso e de que o gol marabilloso de Silviña non subise ao marcador, a afección celeste marchase satisfeita e se reconciliase co xogo seu equipo e coa valentía dos cambios do seu coraxudo adestrador. Do papel representado polo Real Madrid apenas se pode dicir que, coa excepción dalgúns detalles técnicos de Zidane e dos eficaces contragolpes brasileiros, interpretou un xogo tosco, lento, aburrido, defensivamente durísimo e moi antideportivo, débendolle o resultado a un colexiado galáctico que non o quixo nunca incomodar.

Marcadores: , , ,

29.1.06

Boas prácticas editoriais

Hoxe nas páxinas de La Voz continúa o debate desta semana sobre o pago de dereitos de autor. Sen dúbida, que a cuestión é imprescindible para a profesionalización da totalidade do sector editorial galego. Creo que entre as propostas que foron aparecendo hai dúas medidas que moito axudarían a resolver o conflito:
  • Asinatura dun protocolo de boas prácticas editoriais entre as diversas asociacións profesionais do sector do libro.
  • Creación de servizos de asesoría xurídica por parte dos diversos colectivos profesionais do sector que asegurasen se respectasen escrupulosamente os termos dos contratos de edición.

Marcadores:

Memoria histórica

No artigo da semana, a raíz da publicación recente de dous libros magníficos, propoño tres tipos de accións claves para a recuperación da memoria histórica sobre a represión.
A fotografía corresponde a Volta dos Nove de Baiona.

Marcadores: , ,

28.1.06

Blog de Antón Castro

Tiña algunha noticia de que Antón Castro, o xornalista e escritor galego afincado en Zaragoza, tiña un blog literario. Atopeino hoxe ao chou e descubrín que, ademais das magníficas entrevistas e críticas sobre temas literarios, artísticos e sociais, fai unhas crónicas e artigos de fútbol preciosos. Unha boa demostración do seu grande talento como narrador e da súa experiencia como xornalista deportivo. Recomendo frecuentar o seu blog e acudir aos seus arquivos onde se poden atopar cousas coma esta ou estoutra paverísima sobre Porrúa (o editor de Corcubión) e "a forza dos libros".

Marcadores:

Intifada ghaiteira e outros feeds

Cada semana actualizo os meus feeds (xa chego case ao centenar). Hoxe engadín estes novos: Intifada ghaiteira (do que tiro a foto), Alicia crece, A tola do monte (vai un bico virtual), Apunta e Miccionario. Co comezo do ano isto volveu dar un chimpo e albisco que ao remate deste ano poderemos superar o milleiro de blos. Parabéns e azos para todos.

Marcadores:

Beleza imperfecta

Gustei deste artigo sobre a nova arquitectura de Vigo, que aparece hoxe en Babelia. É alentador que esta mirada desde fóra exprese a beleza estrepitosa ou contraditoria dunha cidade revolcada, que tantas veces temos definido como á da abella da ribeira de xenerosidade escueta e latexo acelerado. Unha páxina xornalística que vale moito máis para a proxección internacional da cidade que esoutra propagandística, enchida de tópicos e nécoras, pola que o equipo de Corina debeu pagar estes días un potosí. Sen dúbida é un bo reclamo turístico ese de cidade de beleza imperfecta. Apuntareino na colección de metáforas viguesas que veño recollendo desde hai anos.

Marcadores:

27.1.06

Lembras?

Aquí hai unha boa fonte para atopar imaxes daqueles libros da escola, as estampillas, os tebeos, as series, os xoguetes... Convénzome, unha vez máis, que na rede haiche de todo.

Marcadores:

11 consellos para contaxiar o pracer de ler

Onte na comisión de traballo da Mesa polo Libro e a Lectura, que está elaborando o Plan de Lectura, debatimos diversas medidas destinadas a fomentar a lectura. O aumento dos índices lectores da poboación galega (hoxe déronse a coñecer os datos do último barómetro lector); a promoción e valoración da lingua, literatura e culturas nosas; o recoñecemento do papel dos mediadores e a súa formación; a visibilidade do libro e o favorecemento da súa consideración social na sociedade son algunhas da liñas estratéxicas sobre as que estivemos traballando e sobre ás que o continuaremos facendo no vindeiro mes.
Ao fío destas preocupacións, hoxe descubrín (outra vez vía Txetxu) o blog de Batichica, unha bibliotecaria mexicana que recolle magníficos textos sobre algunhas das nosas preocupacións (velaí a comuñón secreta da irmandade de lectores). Especial interese teñen estes once consellos para contaxiar o pracer de ler de Luis Olivera e a súa versión do decálogo do bo bibliotecario (ou a versión de Catuxa) de Umberto Eco. Recomendo a lectura destes enlaces preciosos dos que se poden tirar moi boas ideas para traballar sobre o plan de lectura galego.

Marcadores:

26.1.06

Control de calidade

Grazas a Txetxu hoxe baixei este pdf de Silvia Senz Bueno que aborda cuestións relacionadas coas tarefas de revisión de estilo e corrección de textos. Recomendo a lectura demorada destas dezaseis páxinas onde se reflexiona sobre o empobrecemento da calidade do tratamento de texto, efecto, en boa medida, da externalización que destas tarefas (vitais no traballo editorial, seguramente, as centrais do oficio da edición) se realiza na maior parte das editoras. A autora propón aplicar novos métodos de traballo para a revisión de estilo dos orixinais e para a corrección de probas que respondan a criterios de excelencia e eficacia. Propón, ademais, a creación dun selo oficial de control de calidade dos procesos de edición que restaure e avale as boas prácticas editoriais. Unha idea, que non debe ser desbotada, para mellorar a calidade do noso traballo e, de paso, para recuperar o prestixio perdido dos editores.

Marcadores:

24.1.06

Pucho Boedo

Souben hoxe da noticia da homenaxe que se está a preparar en lembranza de Pucho Boedo o domingo 5 de febreiro no Pazo da Ópera. Semella que vai participar unha tropa de medo. Boedo é un dos heroes secretos de Galicia e merece seguir sendo cantado e recordado. Unha iniciativa moi boa para comezar este ano da Memoria.

Marcadores:

23.1.06

Cen anos de historia cultural

Alerto do nacemento onte dunha importante nova sección xornalística que Marcos Valcárcel publicará cada domingo no suplemento Lecer de Galicia hoxe. Valcárcel, con motivo de celebrar o centenario da Academia, acomete o ambicioso proxecto de percorrer anualmente a historia cultural galega ao longo dun século. Recuperar este xénero de efemérides, que tanta importancia tivo no xornalismo do dezanove, é unha magnífica idea neste ano, tamén, da memoria. Esta primeira entrega, dedicada a 1906, relata o nacemento da Academia ou de persoeiros da talla de Tobío, Filgueira ou da fábrica de cervezas Estrella de Galicia. Un proxecto oportunísimo que seguiremos semanalmente. Parabéns para o noso amigo o infatigable e rigoroso Marcos Valcárcel.

Marcadores:

Outro blog sobre Vigo

Grazas aos amigos de Vigoblog sei de Praza do Rei, outro blog sobre temas municipais vigueses. Non hai dúbida de que a cidade estrépito precisa de máis medios rabudos na rede coma este. A verdade é hai tempo que xa coñeciamos o paradoiro do predicador, algo que preocupaba moito na bancada de Río Alto.

Marcadores: ,

22.1.06

Rosas murchas

No artigo da semana atrévome a propoñer unha reflexión, a partir do asasinato de Águeda González, sobre o insidioso fenómeno do terrorismo contra as mulleres. Teño unha certa perplexidade que sobre este tema se debata tan pouco nos nosos blos.

Marcadores: , ,

21.1.06

Mudarse á radio galega

E seguindo con dicas de música, é moi recomendable, tamén, escoitar Aberto por reformas, o espazo que de catro a cinco anima Xurxo Souto na Radio galega. Quen dixo que non se podía facer un programa diario de música galega? É unha auténtica marabilla: un derroche de creatividade e entusiasmo, divertido, indagador, potente e comprometido cunha visión contemporánea da nosa industria cultural. A calidade e interese deste espazo de Xurxo Souto desmente, como outros de moitos dos seus colegas (dende a marathón da mañá de Xusto López Carril, pasando polo rigoroso informativo da noite de Tino Santiago ou o excelente Extrarradio das fins de semana), algunhas profecías apresuradas e comentarios cainitas. Unha vez máis, aconsello aos radioaditos (confraría da que formo parte) mudarse á radio galega.

Marcadores:

Gwendal: War-Raog (Adiante)

Para a xente da miña xeración universitaria a música celta era a música bretona de Gwendal e Alan Stivell, a fusión das guitarras eléctricas co son de gaitas e harpas. Aínda lembro cando merquei aqueles memorables Live in Dublin e Before Landing de Stivell (o bo amigo de Carlos Núñez) na tenda de discos que había enfronte da desaparecida Libraría Couceiro. Porén, a Gwendal case lles perdera a pista, despois das súas aburridas aventuras new age de finais dos oitenta, fío que recupero coa publicación recente, polo selo Resistencia, do magnífico War-Raog, título que evoca o berro dos campaneiros antes de comezar a tanxer. Afortunadamente, os novos Gwendal resucitan con pulo. Adiante! Recoméndoo.

Marcadores:

19.1.06

A xuntanza co Presidente

A reunión que mantivemos onte co Presidente da Xunta, que estivo acompañado da Conselleira de Educación, foi tan esperanzadora como cordial. Durante unha hora e media debatemos con informes e documentos, arredor dunha mesa (feito que moito valoramos polo excelente estilo de traballo rigoroso que isto supón), sobre algunhas das cuestións máis importantes para o sector editorial galego: o déficit histórico da edición en Galicia e a necesidade de converxencia con Europa dos nosos fracos índices lectores e de compra de libros, o estado da tramitación das leis do libro e de bibliotecas, a gratuidade do libro escolar, a urxencia de reconducir os criterios da edición pública, a necesidade dun plan de choque para o libro galego ou a proxección do libro, da literatura e da edición galega no exterior.
O Presidente asumiu o compromiso de manter un diálogo directo e permanente coa asociación de editores, institucionalizándoo por medio de dous encontros anuais (un en cada semestre do ano) coa intención de intercambiar ideas, revisar obxectivos e realizar un seguimento dos compromisos adquiridos. Así mesmo, expresou o compromiso do Goberno Galego de tramitar a Lei do libro e a lectura no primeiro cuatrimestre parlamentario e a Lei de Bibliotecas no segundo, sendo o seu obxectivo que ambas as dúas deben ser aprobadas por unanimidade ao longo deste ano 2006.
A cuestión da gratuidade do libro escolar foi a que centrou boa parte da reunión e na que, tamén, se chegaron aos máis esperanzadores compromisos. Así, acordouse que a Consellería de Educación dinamizaría, a partir do mes de febreiro, o funcionamento da Mesa Técnica de Gratuidade, foro técnico da Administración e do sector, onde será debatida unha nova modalidade de gratuidade do libro escolar (a do cheque libro) que se pretende implantar ao ritmo da nova LOE. Informóusenos, tamén, da intención da Consellaría de Educación de ampliar a gratuidade no vindeiro curso (2006-2007) a 4º de ESO, así como da intención de considerar tamén a das materiais que se imparten en galego en 5º de Educación Primaria para proceder a súa pendente actualización ortográfica. A Conselleira de Educación presentou un ambicioso programa de dotación de bibliotecas escolares e de animación á lectura, valorado en máis de tres millóns de euros, dos que canto menos, a metade, deberán ser invertidos en dotacións bibliográficas.
Sobre a cuestión da proxección exterior do noso sector, o Presidente sinalou que a creación do Instituto de Cooperación Exterior de Galicia, ao servizo da proxección internacional dos diversos sectores económicos do país (tamén, polo tanto, do editorial), pode contribuír na difícil tarefa de apertura do noso mercado exterior. Considerou moi imporante o eixo vertebrador que con Iberoamerica terá esta entidade de nova creación e convidounos a que mantivésemos contactos sobre esta cuestión coa Secretaría de Emigración e coa de Cooperación Exterior.
En definitiva, unha excelente reunión de traballo, tanto polo exquisita receptividade dos anfitrións, como polo seu rigor e claridade para enfocar cada un dos temas propostos. Os representantes dos editores, como valoramos na Xunta Directiva que celebramos hoxe, saímos de Monte Pío coa confianza e a satisfacción de que a Presidencia do Goberno Galego asume a importancia cultural e empresarial do noso sector. Algo decisivo que botabamos en falta, dende hai moito, e nos enche de azos para continuar coa nosa fantasía.

Marcadores: ,

17.1.06

Toda a vida

Ocupei a tarde toda preparando dous textos para a xornada de mañá: ao mediodía os editores seremos recibidos en Monte Pío (para abordar o conflito do préstamo e a situación xeral do sector) e á notiña presentaremos en Teucro a última novela de Luis Rei Núñez.
Á entrevista, despois de catro meses de tela solicitado e de múltiples reunións e declaracións, chegamos esperanzados de poder abrir de vez a Mesa Técnica de Gratuidade (onde discutir todas as alternativas posibles ao actual modelo para chegar a unha nova proposta consensuada a aplicar coa implantación dos novos currículums da LOE) e atopar unha solución concreta para o vindeiro curso (aspiramos a que a Consellaría de Educación adquira os textos actualizados para 5º e 6º de Primaria). Tamén, pretendemos, que o presidente avale a promoción da lectura e, máis concretamente, da lectura en galego, como un dos eixos transversais da acción do seu goberno.
Deseñamos a presentación da tarde como unha auténtica velada literaria. Non teño dúbida de que Rei Núñez é xa un dos nosos novelistas maiores. Todas as súas obras, escritas cunha prosa elegante e clarísima, unha ambientación e atmosfera moi coidadas e evocadoras, están unidas polos fíos da emoción e da memoria, depósito inagotable para un autor que nesta novela rende, tamén, unha valente homenaxe á Rosalía daqueles versos inesquecibles: "Recuerdo... lo que halaga hasta el delirio o da dolor hasta causar la muerte".

Marcadores: , ,

16.1.06

Os enigmas mundiais de 2006

A xente de IGADI adiántame por por correo electrónico a súa Guía exterior 1/2006 onde reflexionan sobre a ducia de enigmas sobre política internacional que eles albiscan para o ano que comeza:
  1. Sairán os americanos e británicos de Iraq?
  2. Destronará a gripe aviar ao terrorismo como maior preocupación global?
  3. Avances ou retrocesos na proliferación nuclear?
  4. Qué camiño elixirá Belarús?
  5. Haberá Putin despois de Putin?
  6. Reconciliaranse China e Xapón?
  7. Haberá cambio de réxime en Siria?
  8. Consolidarase a viraxe á esquerda en América Latina?
  9. Quen substituirá a Kofi Annan?
  10. Retomará Europa o debate sobre a Constitución?
  11. Cabe agardar mudanzas reais para África na consecución dos Obxectivos do Milenio?
  12. Recuperarán os demócratas o Congreso en EEUU?
A verdade é que a situación internacional preséntase para este 2006 con escasas certezas para a transformación dunha situación moi viciada polo actual unilateralismo estadounidense que todo o asolagada. Non gusto desta axenda mundial que, porén, merece toda a nosa atención.

Marcadores:

Novo ISBN para 2007

Hoxe coñecimos que a partir do 1 de xaneiro de 2007 a lonxitude do código ISBN pasará das actuais 10 cifras a 13 cifras. Os números actuais serán precedidos polo 978, que identifica o produto libro, sendo recalculado o díxito de control. Semellante cambio terá importantes consecuencias tanto os para os sistemas de produción e venda en librarías, procesamento de pedidos e almacén, dereitos e contratos...

Marcadores:

15.1.06

A tremenda viaxe da ministra

No artigo da semana recordo a viaxe que a ministra de Cultura fixo a Galicia a semana pasada.
Foto: La Opinión da Coruña.

Marcadores: , ,

14.1.06

O fútbol ou a vida

Hoxe un amigo anónimo deixoume un comentario moi extenso no meu máis recente Campo do Fragoso. Recomendo este texto de Justo Serna, tirado do libro El fútbol o la vida, a todos os siareiros e persoas interesadas na antropoloxía social. Traduzo un anaco magnífico:
O fútbol é unha festa con normas, un rito xerárquico que se desenvolve nun escenario ao que chamamos estadio, con xogadores de notable beleza muscular que representan un drama lonxanamente parecido á vida, executantes de papeis que en parte están escritos e en parte improvisados; é, en fin, un teatro con espectadores que asisten para contemplar un virtuosismo, para envorcar os seus humores e para compartir o balbordo desa multitude que interpela, que ruxe como sucedía nos vellos corrais de comedias. A un evento desta natureza, o noso antropólogo imaxinario chamaríao xogo profundo, ao xeito de Clifford Geertz: algo máis que unha gansada, un asunto importantísimo, significativo, que di moito acerca da existencia e das súas expresións. Por erro, tal vez, ou por ilusión óptica, pensabamos ata hai ben pouco tempo que o fútbol era cousa de machiños pouco sensibles, de varóns escasamente cultivados, algo bastos, dispostos á liorta. Agora sabemos que iso non ten por que ser así, que o fútbol e a intelixencia e a cultura teñen numerosas relacións, vasos comunicantes a través dos que se irrigan fluídos, vida e elegancia.

Marcadores:

Máis blos

Engado os meus feeds novos blos moi interesantes que fun descubrindo nas últimas semanas: Galego Correcto, Calidonia e Aquí. O blogmillo segue medrando con propostas cada vez máis orixinais.

Marcadores:

12.1.06

Google e Amazon: busca libros

Publícase hoxe na web dos editores un interesante e sesudo informe xurídico sobre a busca online de textos completos (Search Inside the Book de Amazon e Google búsqueda de libros). Que queira profundizar en tema tan complexo ten aí onde sachar.

Marcadores:

Radio pública

Esta noite fun ao acto de presentación da nova programación da Radio Galega. O Marco tivo un cheo dos que non se recordan. Xurxo Souto, máis serio do que adoita, conduciu con entusiasmo e sobriedade o acto, aínda que non se puido conter e botou unha bonita repichoca das súas. Xusto López Carril fixo un discurso emocionado e formalmente moi ben construído insistindo no valor da radio para a cidadanía. Terio Carrera entusiasmou pola súa velocidade para presentar a abundante programación deportiva. E, como remate, os directores da emisora e da compañía defenderon con convicción o proxecto dunha nova radio independente ao servizo de todos, sen vetos nin exclusións (idea reiterada por ambos os dous e pola maioría dos oradores). O humor púxoo Carlos Blanco (o mellor do seu parrafeo foi o saúdo que lle fixo ao Pérez Varela) e a música final a xente de Espido.
Teño moitas esperanzas neste proxecto de rexeneración dos medios públicos, que na radio está comezando a dar os primeiros froitos e que no futuro poden ser ben aquelados. Conectar coa audiencia da cidade-autoestrada (sobre todo cos sectores da mocidade) e asentar un verdadeiro pluralismo informativo son dous retos ilusionantes polos que paga a pena colaborar coa nosa radio pública en galego. Semella que existen alicerces ben chantados para facelos posibles.

Marcadores:

11.1.06

Edición pública

Camilo Franco publica hoxe unha oportunísima información sobre o desbaraxuste da edición pública da era fraguista. Sabiamos do famoso almacén da Rúa X, onde se amorean os libros da Consellaría da Cultura, mais nunca imaxinabamos que chegasen aos case millón e medio os exemplares dos que fala a documentada información. Todo un paradoxo nun país con enormes carencias dotacionais na rede bibliotecaria pública (1,1 libros por habitante, moi lonxe dos 2,5 que recomenda a IFLA/UNESCO).
A edición pública en Galicia debe ser regulada en base aos tres criterios que establece o borrador da nova Lei do Libro: austeridade, necesidade administrativa e utilidade social. Ata o momento, a actividade editorial pública en Galicia, empregando termos piadosos, non sempre respectou estes criterios, colisionando cos intereses do sector privado ou entrando en aberta competencia con el (sexa pola edición de títulos afastados das finalidades que esta actividade debera respectar, ou fose por ofrecer títulos a un prezo moi por baixo do mercado). A edición acartonada de custosísimas obras a cor, xa sexa sobre determinados pintores galegos, sobre botánica galega, a edición dun luxoso atlas de Galicia, dun pequeno volume divulgativo biográfico sobre o autor homenaxeado o 17 de maio, dunha colección de poesía de autores contemporáneos ou os múltiples títulos da colección "Compromisos" existente na maior parte das consellarías son iniciativas que moi pouco teñen que ver coas finaladas antes sinaladas. Porén, a edición dos desenvolvementos curriculares dos diferentes niveis educativos ou dos informes de diagnósticos do Consello Escolar de Galicia, por poñer só dous exemplos, por parte dos servizos da Consellaría de Educación é unha actividade imprescindible.
Afortunadamente a edición pública reduciuse de forma notable nos últimos anos, ata adoptar unha magnitude moi inferior ao do conxunto da edición pública española. Así en 2003 en Galicia supuxo un 9,58% do total da edición, mentres no conxunto do estado acadaba o 15,15%.
Desde o sector privado, consideramos que hoxe o maior problema que ten a edición pública en Galicia é a inexistencia de promoción nos medios de comunicación, as dificultades de comercialización dos seus títulos nas canles habituais das librarías e súa inexplicable ausencia na rede bibliotecaria pública. No caso concreto da Xunta de Galicia, a inexistencia dun Servizo Central de Publicacións como tal e dunha Libraría das Publicacións da Xunta de Galicia, ou de información actualizada e atractiva na web da Xunta de Galicia ou dun catálogo organizado e actualizado fan invisibles (case clandestinas) algunhas destas edicións (magníficas moitas delas). Outrosí poderiamos dicir das edicións dos servizos de publicacións das catro deputacións e das tres universidades, estes últimos os axentes editoriais máis activos en Galicia.
Aos criterios que establece a Lei do Libro e a Lectura eu engadiría as seguintes propostas:
1. Aquelas publicacións que sexan consideradas como de carácter non venal (as que non teñen posibilidade de entrar no circuíto libreiro, como informes, plans dos gobernos e administracións…) deberían ser editadas en soporte dixital para ser descargadas en formato PDF ou en tiradas moi reducida á primeira. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Aforraríase os custos variables de papel, impresión e encadernación.
2. Os proxectos de coleccións estables de carácter literario ou relacionadas coas artes, que pretenda promover as institucións públicas, poderían ser realizados por medio do sistema de coedición ou de creación editorial concertada. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o IGAEM coa coedición con Edicións Xerais de Galicia, dende hai dezaoito anos, da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, hoxe a máis importante colección do teatro galego, que acada case o medio centenar de títulos. Modalidade que desenvolve editorial Galaxia coa consellaría de Presidencia para a publicación dunha colección de “Clásicos Universais” en galego. Este sistema presenta na miña opinión importantes vantaxes para as dúas partes: para o sector público, axilidade na xestión dos dereitos de autor, maior visibilidade nos medios de comunicación e continuidade nun catálogo; para o sector privado, permite atopar viabilidade para xéneros moi minoritarios.
3. Este mesmo sistema podería ser empregado para edicións singulares propostas por editoriais privadas. Esta é a experiencia que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Tanto nun caso coma noutro, os convenios de coedición ou de edición concertada deben axustarse ao sistema establecido polo réxime de contratación coas administracións públicas.

Marcadores:

9.1.06

Na mortalla

Memorable este longo post de Ian sobre a matanza en Valdeorras. É deses textos vividos, literariamente fermosos, dispostos para ser saboreados de vagariño e nos que ao seu remate queda un retrogusto de melancolía. O melloriño que teño lido na rede en moito tempo. Unha peza senlleira para incluír en calquera manual de lingua galega e nun manifesto de política futura. Recoméndoo moi vivamente.

Marcadores:

Perda

O martes pasado perdín o móbil nun taxi (esa é a miña hipótese máis verosímil para un feito que me deixou case noqueado durante unhas horas). O día seguinte afaneime en atopalo. O xoves desistín e tentei dalo de baixa, iso si, conservando o número. Na fin de semana de reis gocei dunha extraña sensación de tranquilidade e acougo; unha situación que descoñecía dende hai moitos anos, moito máis pracenteira que as mesmas vacacións de verán, xa que o aparello, estea aquí ou acolá, tampouco deixa de soar neses días preñado de noticias, requirimentos e compromisos. Sei que esta semana case "incomunicado" (onde estiveches, chameite unha chea de veces?", dixéronme hoxe na oficina unha chea de veces) foi un agasallo inesperado que me fixeron os bos dos magos. A burbulla na que vivo esvaerase mañá ao mediodía, cando chegue o prometido novo mancontro. Volverei á realidade. Algúen recorda como vivía cando non existían estes aparelliños?

Marcadores:

8.1.06

Campo do Fragoso XI

SEGUNDOS DE OURO
Ao longo desta primeira volta a bancada de Balaídos sabe que as primeiras partes do Celta noso son, xeralmente, gozosas e de excelente xogo atacante e as segundas, case sempre, tan agónicas como decepcionamente defensivas. Non foi o encontro fronte a Real Sociedad unha excepción. Comezou cun recital de control no medio do campo a cargo de Borja Oubiña (un xogador incansable que medra en confianza e soltura) e Iriney (menos atolado que noutras ocasións), que permitiu que Placente e Baiano estragasen senllos goles practicamente feitos. Minutos despois, un potente pexegazo raso de Fabián Canobbio, precedido dun caneo seco e maxistral na fronte da área donostiarra, permitiu que os de Vázquez se adiantasen no marcador. Nesa acción xenial e marabillosa do uruguaio estivo o miolo dunha vitoria, tan merecida como sufrida na media hora final, que volve colocar aos celestes na loita polas posicións europeas. Johán Cruyff dixo que naquel Barsa do “dream team” quería xogadores que puidesen facer movementos decisivos en espazos pequenos, deportistas que traballasen o menos posible para aforrar enerxía de cara a esa acción decisiva. Non hai dúbida que Fabián Canobbio, que nos ten afeitos tanto a alustros de xogo marabilloso como a longas páxaras e ausencias no xogo, é desa clase tan escasa de xogadores artistas (Mostovoi foi o último do que gozamos no Celta) que lle prestan tanto a Cruyff. Paga a pena acudir a Balaídos para presenciar o milagre deses segundos de ouro con que nos pode agasallar.

Marcadores: , , ,

Lingua de proximidade

No artigo da semana reflexiono sobre a necesidade de que os poderes públicos impulsen máis decididamente unha nova política lingüística.

Marcadores: , ,

7.1.06

Fotobiografía sonora de Manuel María

Entre as novidades de libros audiovisuais galegos do pasado Nadal (afortunadamente houbo unha boa colleita) destaca a fotobiografía sonora de Manuel María. Os amigos de Ouvirmos, de quen admiramos o traballo de recuperación de gravacións históricas, crearon unha nova modalidade de fotobiografía de coidado deseño, na que se ofrece, xunto a un amplo e significativo percorrido fotográfico e biográfico, dúas gravacións desas indispensables: a primeira, unha selección de dezanove poemas do Manuel na súa propia voz; a segunda, unha antoloxía de dezasete cancións sobre seus textos, a cargo de Fuxan os Ventos, A Quenlla, Suso Vaamonde ou María Manuela, entre outros. Recoméndoa, sobre todo para súa utilización educativa. Sei que xa están a preparar un volume semellante de Celso Emilio. Outra tipoloxía de edición que amosa o pulo do noso sector.

Marcadores: ,

6.1.06

O 2005 en blogs

Aínda que sei que non hai que abusar do metablogueo, non me resisto a enlazar a lúcida análise do ano que realiza o mestre Pawley, a quen tanto admiro. Eu só lle engadiría unha referencia ao enorme traballo de Juan, un referente de xornalismo na rede comprometido e infatigable.

Marcadores:

As virtudes dun libro

Enlazo unha cita marabillosa de Paul Valery sobre as virtudes dun libro. Si señor, un bo libro é unha máquina perfecta de ler, cuxas condicións son definibles con bastante exactitude polas leis e métodos da óptica fisiolóxica; e, ao mesmo tempo, un obxecto de arte, unha cousa, mais coa súa personalidade, unha que leva marcas dun pensamento particular que suxire o noble propósito dunha orde afortunada e voluntaria.
Obrigado Catuxa, por rescatarnos este texto magnífico e a fermosa ilustración de Bascove que o acompaña (recomendo visitar a súas ilustracións sobre a lectura).

Marcadores:

5.1.06

Campo do Fragoso X

DEVALO
Nin os bos propósitos do ano novo, nin a presenza máxica dos tres magos e a alegría contaxiosa dos ranchos de reis sobre o terreo, nin a intensidade competitiva que se presupón aos partidos de Copa, nin os numerosos cambios no once habitual (case medio equipo novo), nin sequera as modificacións do esquema táctico vazquiano (xogou con dous dianteiros) foron onte capaces de parar o devalo no que caeu o Celta nos dous últimos meses. Como é adoito, o encontro comezou de forma esperanzadora: os celestes ordenados e moi disciplinados en defensa controlaban con autoridade o centro do campo, agardando que a velocidade de Perera e os caneos e pases interiores de Canobbio permitisen gañarlle as costas á defensa bética. Abondaron vinte minutos desa estratexia ofensiva para adiantarse no marcador e outros tantos para, cun pouco de fortuna no remate, ter unha cómoda vantaxe para asegurar a eliminatoria. Porén, e como tamén é adoito, tras a rigorosa expulsión de José Enrique, e faltando media hora para o remate do encontro, os de Vázquez viñéronse abaixo de forma estrepitosa e agasallaron totalmente o control do xogo a un Betis moi frouxo. Un preciso cabezazo de Lequi en propia meta e o protagonismo innecesario de Megia Dávila, que sacou de quicio coas súas arbitrariedades á bancada e o banco galegos, foron as inevitables consecuencias da impotencia céltica e da súa estratexia meduliana e acomplexada. É decepcionante que este Celta de inverno sexa totalmente incapaz de repoñerse das adversidades e avatares do xogo. Cómpre parar o devalo canto antes.

Marcadores: , , ,

4.1.06

Benvido, Rinoceronte

Apareceron os primeiros libros de Rinoceronte, a nova editora galega especializada en traducións. O catálogo é moi prometedor e ambicioso, o deseño das capas e da propia web é moi sobrio e a nómina de tradutores de grande calidade. Deséxolles moita sorte a Moisés e Penélope en tan arriscado proxecto editorial, xa que os custos das traducións e o pagamento dos adiantos é moi elevado para as nosas cativas tiradas. O camiño da especialización e a venda directa na rede semellan estratexias viables para estes novos proxectos que enriquecen o noso panorama editorial. Longa andadura para o Rinoceronte!!!

Actualización (08-01-2006): entrevista a Moisés R. Barcia e María Yáñez.

Marcadores: , ,

3.1.06

Primeiro aniversario

Hoxe estas brétemas chegan ao seu primeiro aniversario. Empeceinas, case ao mesmo tempo que o meu amigo jaureguizar, coa inxenuidade de quen descoñece que esta escrita comunitaria na rede ía crearnos certa adicción, moitas satisfaccións e pequenos disgustos. Confeso que me mudaron a vida. Grazas a elas aprendín a moreas da xente marabillosa do blogmillo e das pequenas comunidades de persoas participantes na rede da conspiración dos libros libres. A todas elas, beizóns!
Entre os 540 posts publicados prestáronme, por moi diversas razóns, esta ducia (un de cada mes):
Estas brétemas pretenden seguir este segundo ano co mesmo empeño de esperanza que as viu nacer.

Marcadores: ,

2.1.06

Profissoes do livro

Rogerio recomenda Profissoes do livro, un volume cunha aparencia interesantísima, de Jorge Manuel Martins, que analiza o papel dos mediadores da industria editorial.

Marcadores:

Primeiro orixinal de 2006

Moito piaron por el os comentaristas do Cabaret con motivo do seu aniversario. Esta mañán entregou moi cediño o seu novo libro: un único parágrafo de 34.942 palabras, 204.124 cce, que alzan xa 128 páxinas perfectamente maquetadas. É o primeiro orixinal deste 2006. Lino dunha sentada: magnífico, magnífico...!!!

Marcadores: ,