31.3.07

Morreu Carlos Díaz Martínez

Por agardada que fose, a nova petounos moi fondo. Esta mañá morreu o noso benquerido amigo o editor Carlos Díaz Martínez. Editor de estirpe, documentalista da nación, Carlos foi un mestre de humanidade xenerosa a quen non sabemos agradecer todo e tanto que nos ensinou.
Editor emigrante, ocupouse da edición príncipe de Cemiterio privado de Celso Emilio Ferreiro e de tantas outras iniciativas culturais e políticas da Galicia desterrada durante a Ditadura. Xa en Galicia teimou por enriquececer co seu coñecemento os proxectos editoriais d' A Nosa Terra, Espiral Maior, Artesa (ese obradoiro de beleza e poesía) e de Xerais (onde dirixía dende hai unha década a nosa liña de Álbums de postais, nun traballo de recuperación de memoria gráfica das cidades e vilas do país do que nos sentimos tan orgullosos).
Carlos era un editor artesán, minucioso, comprometido coa fasquía do libro coma síntese da expresión cultural. Haberá ocasións de recoñecer devagariño a obra que nos deixa para a memoria. Mañá na Coruña será incinerado na intimidade, como quere a familia. Hoxe todas as nosas beizóns para el e para os seus, desgarrados por tan terrible perda. Que a Terra dos teus soños che sexa leve, compañeiro!

Actualización (08-04-2007): No artigo da semana recordo a figura de Carlos.

Marcadores: , ,

O BNG de Vigo esixe a expulsión de Valadés

Onte á noite douscentos militantes, que conformaban a asemblea do BNG de Vigo, aprobaron por ampla maioría esixir definitivamente ao Consello Comarcal a expulsión de Pedro González-Valadés polo feito de ser membro da Asociación Galega de Amizade con Israel. Aínda que o caso non está pechado, xa que o Consello Comarcal deberá decidir en consecuencia e mesmo habería a posibilidade de que a decisión fose retificada pola Dirección Nacional, esta votación amosa a posición de intransixencia na que se volve colocar a agrupación do BNG vigués. Para entender o caso ven coma anel o artigo de hoxe de Alfredo Conde. Síntome profundamente decepcionado pola incomprensible derrota cara o abismo que colle o BNG en Vigo, fose en temas estritamente políticos coma o de Valadés, sexa nas súas posicións sobre o urbanismo onde leva todo o mandato desta corporación coincidindo coas posicións de Chema Figueroa. Unha tristeza.
Etiquetas:

Marcadores: ,

30.3.07

Que tempo vai?

Unha iniciativa do Instituto de Meteorologia de Portugal. Quen teña curiosidade pode fedellar nesta páxina moi completa, sobre todo, desde o punto de vista educativo.
Vía: Una cuestión personal.

Marcadores:

29.3.07

Salon du livre de Paris

Gustei moito deste cartel.

Marcadores: ,

28.3.07

Enrique Líster


Etiquetas:

Marcadores:

Dia do libro Infantil: o cartel en galego

Eis o texto en galego do Cartel do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2007 que reseñamos aquí hai unha semanas. Pode lerse e imprimirse premendo sobre a imaxe.

Marcadores: ,

David Rodríguez premiado

O noso admirado David Rodríguez resultou gañador absoluto da Iª edición do premio de teatro radiofónico convocado pola Radio Galega pola súa obra O bambám. A obra de David resultou vencedora tanto para a audiencia como para o xurado que destacou, segundo a noticia publicada por Vieiros, "a limpeza e a claridade expresiva da obra gañadora, a aposta polo teatro conversacional e a creación dunha atmosfera densa e fluída á vez".
Os medios literarios e teatrais compostelanos quedaron pampos coa noticia (David é un perfecto descoñecido para eles), mais para os que acreditamos, dende hai tempo, no talento literario formidable de David, a noticia non é máis ca un xusto recoñecemento que tiña que chegar. Bo será que se repasen, agora, algunhas anotacións do seu blog, o funambulista coxo, e comprobarán que non esaxero unha miga. Outro autor que emerxe da xeración blog?
A edición do texto gañador e do resto das obras finalistas témola moi adiantada na editorial. Aparecerá nun volume xunto a un cedé coas gravacións emitidas pola Radio Galega. Creo que será unha publicación moi interesante. Hoxe, beizóns para O Fuco. Un refacho de aire puro para a nosa literatura.

Marcadores: , , ,

26.3.07

Xelís de Toro

Xelís de Toro, un dos nosos narradores máis orixinais, mantén dous espazos na rede que reomendo non perder: o SEN (Sindicato do Escritor Nervioso) e o espazo laboratoro. Alí poden lerse artigos, contos e textos inéditos, poemas para nenos e cinco poemas sonoros. Xelís traballa dende hai anos en Inglaterra como editor free lance internacional, o que non lle impide continuar escribindo na nosa lingua. Dentro duns poucos meses publicaremos unha edición actualizada e revisada de Seis cordas e un corazón, a súa primeira novela asinada co alcuño de Roque Morteiro. Un autor a revisitar.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

25.3.07

Estupenda actriz



Pareceume moi bo. (seis minutos).

Vía: Empezar la jornada

Marcadores: ,

Marilar Aleixandre en Budapest

A proxección da literatura galega no exterior é unha tarefa complexa que require un traballo demorado e sistemático por parte de todos. Afortunadamente cada vez son máis frecuentes as noticias da presenza dos nosos autores e autoras en eventos internacionais.
Estes días soubemos da viaxe de Marilar Aleixandre a Budapest para participar, entre os días 29 de marzo ao primeiro de abril, no festival internacional de poesía Europoetica Sacra, que este ano ten por tema "escribir no límite", relacións entre linguas, poetas que escriben en linguas minorizadas / distintas da materna. Marilar foi convidada polo Instituto Cervantes que apoia este festivalcomo fan, tamén, o Instituto Goethe, o Instituto Italiano de Cultura, British Council... Polas múltiples referencias que vimos na rede (non entendemos nin papa de húngaro) semella que este festival de poesía ten moita proxección. Os nosos parabéns a Marilar.

Actualización (28-03-07): Galicia hoxe amplía a información cunha interesante entrevista a Marilar.

Marcadores: , , ,

A miña patria

No artigo da semana rememoro os espazos perdidos do meu barrio.

Foto: J.Albertos.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

24.3.07

Limpeza de sangue: primeira crítica na rede

Xa advertimos hai máis dun mes do interese de Limpeza de sangue o premio Álvaro Cunqueiro 2005 de textos teatrais. Hoxe, cun pouco de retraso, coñecín a primeira crítica na rede. Inma López Silva valóraa moito, moito. Transcribo o parágrafo de remate da gabanciosa crítica:
"Non quero deixar de lembrar que Limpeza de sangue vai dedicada, entre outras persoas, a Roberto Vidal Bolaño. Sen dúbida, Roberto semella mestre en moitos aspectos desta obra, fundamentalmente na literariedade das acoutacións e na estrutura secuencial, pero tamén é verdade que Ruibal ten luz propia e amósase orixinal nun texto dramático cuxa gran virtude é saber oscilar entre a literatura, o teatro e mesmo o cine. Pode que sexa herdeiro teatral de Vidal Bolaño, pero Rubén Ruibal ten xa entidade propia no panorama teatral galego, ben acreditada a través de Limpeza de sangue. E seguro que Roberto se aledaría de que o baleiro que nos deixou no nivel creativo comece a ser menos espazoso."
Parabéns, Rubén. Un moi bo comezo ( e decontado en Libro aberto).
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

Libro e nación

"O libro é a nación portátil."
Manuel Rivas. Intervención na entrega dos premios Irmandade do Libro 2007. Carballo.
Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

22.3.07

Encontro do Plan de Bibliotecas

A asesoría de Bibliotecas Escolares preparou un gran programa para o novo Encontro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que terá mañá en Compostela. Mágoa non poder escoitar a Celaya e a meu admiradísimo Daniel Cassany, que impartirá unha conferencia co suxestivo título "Ler no século XXI".

Vía: Comunicación Cultural.

Marcadores: ,

O merchandising de Penguin













A mítica editorial Penguin, con motivo do seu setenta aniversario, acaba de sacar ao mercado unha liña de merchandising (tazas, bolsas, lapis e hamacas). Un fetichismo literario moi British do que tirar algunha boa idea. Hai que recoñecer que esta xente segue parindo magníficas ideas.

Vía: Laie.
Etiquetas:

Marcadores: ,

21.3.07

Longa noite de pedra

Este cartel sobre un texto de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro formará parte da campaña "Libros a la calle 2007" que durante o mes de abril se desenvolverá no metro e nos autobuses públicos de Madrid, Zaragoza (xestionados pola mesma empresa de Vitrasa) e Segovia. A lingua galega viaxará nestes medios para animar á lectura de poesía dos cidadáns. Hoxe día da poesía (parabéns, Fran) sería ben que as empresas de transportes municipais galegas emulasen a idea.

Marcadores: , ,

Armesto

X.F. Armesto proporcionoume a oportunidade de publicar a miña primeira colaboración en Faro de Vigo, hai agora vinte e catro anos, un feito que nunca poderei esquecer e non saberei como agradecerlle. Armesto foi o meu primeiro director, daquel Faro de comezo dos oitenta do Vigo de Soto que el quixo plural e galeguista.
Mais, Armesto pasará con letras de ouro á historia da literatura galega por ser autor de Cunqueiro. Unha biografía, unha das máis brillantes achegas á literatura biográfica escrita na nosa lingua. Un libro excepcional, unha rara avis, –premio da Crítica Galicia na categoría de ensaio e finalista do Premio Nacional– que tivemos a oportunidade de publicar en Xerais en 1987 sendo editor noso Luís Mariño, outra figura inesquecible.
Aquel libro ventureiro, escrito coa potencia e orixinalidade que lle correspondía ao biografado, reeditado en 1991, uniu para sempre as figuras de Josito Armesto e don Álvaro Cunqueiro, o seu mestre na redacción de Faro. Porén, non é feito menos relevante, que estas dúas figuras quedaron unidas no oficio de fabuladores do cotiá, no labor de contadores do extraordinario das pequenas cousas, oficios artesáns da literatura oral que Armesto desenvolveu alí onde o destino profesional o levase, fose durante tantos anos na redacción de Faro, e máis tarde, na dirección de Castrelos ou na da Universidade Popular ou como membro do Instituto de Estudos Vigueses, cátedras onde exerceu tan extraordinario maxisterio.
Armesto era un mestre en sacarlle ferro, coas armas do humor e da ironía que manexaba con galanura, aos acontecementos máis dolorosos ou complexos, mais, sabía, tamén, afiarlle a punta aos aparentemente menos relevantes que sucedían ao seu arredor. Narrados por el, todos parecían igualmente extraordinarios e relavantes. Unha marabilla!
Estou convencido que a biografía de Armesto, escrita dende a admiración e a profunda amizade con don Álvaro, contribuíu decisivamente a que moitos membros da miña xeración puidésemos redescubrir, fóra de prexuízos, a figura do mindoniense universal. Armesto, dotado dunha grande capacidade narrativa (mágoa que non se ocupase do xénero novelístico), artellou un relato vibrante, depurando milleiros de artigos e anécdotas, para ofrecernos a imaxe dun Álvaro de carne e óso que perdurará mil primaveras máis.
No entanto, Armesto, non é autor só dese libro, insisto excepcional nin de moitos outros traballos indispensables para entender a biografía cunqueirán. Publicou ademais unha fecunda obra arredor doutra das súas paixóns non menos oculta. Vigo, a nosa cidade revolcada de sal, ese volcán de dinamismos e contradicións que a todos nos vencella e que a el lle facía vibrar. Apupado polo editor Gonzalo Allegue de Nigra, Armesto publicou hai seis anos unha das obras máis fermosas e documentadas literariamente que se teñan feito arredor da nosa abella da ribeira, Vigo paixón atlántica. Anos antes, outro gran editor vigués Bieito Ledo animouno a escribir unha monografía sobre Baiona, apoiada nas fotografías do noso amigo Manuel G. Vicente.
Armesto era un pozo profundísimo de saberes e acontecidos; feito que coñeciamos os editores e aproveitabamos para realizarlle consultas eruditas que ninguén mellor ca el podía satisfacer. Aínda recordo unha das últimas conversas con el na Escola de Artes e Oficios cando lle fun consultar a posibilidade de editar a historia de Vigo de Avelino Rodríguez Elías, o que fóra cronista da cidade durante o período da IIª República. Armesto contoume daquela a lea na que trafegada, a redacción dunha biografía de Manuel Fraga Iribarne, da que nunca máis tiven noticia e, quizais, algún día se poida chegar a publicar.
Narrador natural e dotadísimo, erudito concienzudo e moi ben informado, persoa tolerante, agarimeira, das que o abrazo é a súa expresión primeira Armesto deixou un vieiro de humanidade desbordada que nos fixo un pouco mellores a todos os que tivemos a fortuna de coñecelo. Sexan para el e para a memoria dos seus, hoxe todas as nosas beizóns.

Etiquetas:

Marcadores: , ,

20.3.07

Produción editorial 2006

Xa aparecen os primeiros informes sobre a produción editorial en 2006. Os datos amosan que en Galicia continúa o aumento do número de títulos editados e diminúe a tirada media, as dúas variables que caracterizan o estado do sector. Se comparamos estes datos cos da semana pasada é doado concluír que vivimos instalados no paradoxo da inflacción editorial na indixencia lectora.
Eis a reportaxe de Faro e o informe do Correo sobre a cuestión.

Marcadores: ,

O blogomillo

Etiquetas:

Marcadores:

19.3.07

Volta de torca

Dixéronme que o autor deste artigo é un dos valores emerxentes do BNG. As súas posicións sobre o caso Valadés supoñen unha volta de torca que mete medo. Acúsanos, como supostos "intelectuais da progresía", de proporcionar "apoios nada espontáneos" (sic) á posición democrática dun militante nacionalista (deberiamos permanecer calados fronte a algo que nos semella inxusto?).
O artigo contén palabras mozas que rezuman posicións moi vellas no debate do nacionalismo galego. Toda unha andrómena daqueles que, despois de máis trinta de anos, non son capaces aínda de saír do seu cesarismo e volven debuxar liñas de exclusión (baseadas no que o autor do denomina "sentido común") entre posicións "individualistas" (en "perspectiva biográfica e personalista", as do disidente?) e colectivistas ("históricas", as da organización?).
Sinto volver expresalo, mais manexando tan pobres argumentos como os anteriores, dificilmente imos para a frente. No es aixó, companys, nos es aixó.

Actualización (24-03-2007):
Actualización (26-03-2007):
Etiquetas:

Marcadores:

18.3.07

Cartelería galega

Outra xenialidade de Berto. Unha auténtica pasada. Isto si é que conservar o patrimonio nacional. Escollo algún dos moitos que case me fixeron bagoar. Cadaquén terá o seu. Vaia motor de memoria! Beizóns, beizóns!!!

O cartel que publico é unha homenaxe a tantos compañeiros e compañeiros de Esquerda Galega que acreditamos na causa do galeguismo socialista e republicán.

Marcadores: , ,

Os pecados capitais en Ribeira

Fina Casalderrey, Premio Irmandade do Libro

Recibimos con grande alegría a noticia que o premio Irmandade do Libro á autora do ano foi outorgado a Fina Casalderrey. Recoñécese así a traxectoria dunha das autoras fundamentais no agromar desta auténtica idade de ouro que vive a nosa Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Hai apenas dous meses publicamos A lagoa das nenas mudas (ilustrado por Patricia Castelao, outra marabilla!), unha novela conseguidísima para rapaces de dez anos en diante, que aborda a cuestión da comunicación no novo contexto intercultural; e dentro de apenas dúas semanas aparecerá A pomba e o degolado, título co que a nosa colección Fóra de Xogo chega o seu número 100. Adianto que esta novela, baseada nun caso de acoso escolar, é para min a obra máis conseguida dunha autora que avanza literariamente en cada novo título que publica. Fina recibirá o premio o vindeiro venres 23 de marzo no seo da cea que organiza en Carballo a Federación de Libreiros de Galicia na que intervirá o escritor Manuel Rivas e na que serán outorgados os premios Irmandade do Libro 2006. Alí trataremos de estar, despois da presentación na que participaremos en Ribeira.
Etiquetas:

Marcadores: , , , , , ,

Máis lectura

No artigo da semana reflexiono sobre os datos do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2006, do que demos conta hai uns días.

Magnífico o cartel de Óscar Villán para a campaña de lectura en centros escolares 2006 da Consellaría de Educación.
Etiquetas: ,

Marcadores: , , , ,

En Brétemas hai un ano, hai dous anos... (VI)

  • Hai un ano reseñabamos o libro de Daniel Cassany, fundamental para fixar o concepto de literacidade crítica, ao que tantas veces nos temos referido neste blog. Unha obra que volvo recomendar vivamente.
  • Hai dous anos, a raíz dunha anotación de Rogerio Santos (parabéns para os seus catro anos de blog) recolliamos a clasificación que Zallo fai das industrias culturais. Unha visión moi clarificadora e útil ás portas da celebración de Culturgal (Feira do Libro e da Industria Cultural), un evento que, polas noticias que recibimos, xa ten case ultimado un magnífico programa de actividades (grandes concertos, conferencias, encontros sectoriais, actividades para nenos e nenas...) e comprometida xa unha numerosa presenza de expositores. Culturgal é un evento que convén seguir coa maior atención.

Marcadores:

17.3.07

Saudar a vida

Estes días puxemos nas librarías dúas novas entregas da nosa colección de Ensaio: Saudar a vida de Xavier Seoane e Disidencia ferida de Xabier Alcalde. Dous títulos, que entendo valiosos, de senllos ensaístas de altura que abordan, o primeiro, unha defensa doas humanidades na actual sociedade do coñecemento e, o segundo, unha forma de resistencia fiolosófica fronte tanto pensamento feble que nos invade.
Seoane con esta terceira entrega (despois dos volumes dedicados á arte da lectura e á defensa da poesía) continúa o seu proxecto magno proxecto de revisión ensaística dos problemas da cultura contemporánea (ten case concluída a cuarta entrega e en marcha o volume sobre as artes que pecharía unha obra moi ambiciosa).
Pola súa parte, Xabier Alcalde, a quen coñeciamos como narrador, presenta un texto escrito con espírito lírico e inusitada profundidade filosófica sobre a resistencia en tempos de banalización.
Cremos que esta nova colección de Ensaio, xa acada os dezaseis títulos, constitúe, a pesar da súa tirada modesta, outro dos eixos do noso proxecto literario. Presentaremos estas dúas novas entregas ao longo das vindeiras semanas.

Marcadores: , , ,

16.3.07

Cando se fodeu Galicia?

15.3.07

Mensaxe nunha botella

Cada vez estou máis interesado polos blogs escolares. Este do IES de Cambre seméllame un dos máis conseguidos e traballados dos que coñezo. Elaborado polo grupo de Técnicas de expresión escrita de 4º de ESO (unha materia optativa, que desaparece no novo currículo da LOE), o blog ten un carácter multimodal de moito agradecer; publica un audioblogue, vídeos, música e unhas anotacións textuais ben xeitosas e ben escritas. A utilización dos blogs como ferramenta didáctica, aspecto que aborda con frecuencia Tíscar e especificamente Sonia Bertocchi, está aínda comezando entre nós. Ben sabemos que hai experiencias moi interesantes como Aula Galicia ou A nosa biblioteca, mais aínda carecemos dun espazo común (polo menos no que eu acado), unha rede de blogs escolares que permita o intercambio e a comunicación entre todos eles (sei que hai moitos máis dos que aparecen nas relacións do blogomillo). Un vieiro a desenvolver.

Marcadores: ,

14.3.07

Índice de lectura: seguimos penúltimos

Segundo o máis recente Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en 2006, Galicia continúa nas últimas posicións entre as Comunidades Autónomaas, a pesar de que no último ano (coincide co primeiro do goberno bipartito) aumentou en catro puntos o seu índice lector que pasa a constituír o 53% da súa poboación. No entanto, no período 2004-2006, a porcentaxe de persoas lectoras en Galicia sitúase no 51%, na antepenúltima posición das CC.AA. (só superamos a Estremadura) e aínda moi lonxe do 56% da media española e do 65% da Comunidade de Madrid ou do 59% de Navarra e da Rioxa, as tres comunidades máis lectoras. Saír do faroliño vermello da indixencia lectora é un acicate para continuar o proceso de recuperación que precisamos neste eido. Hoxe celebramos que demos un paso adiante (catro puntos), unha boa noticia.
Etiquetas: ,

Marcadores:

Homenaxe a Xohán Ledo

Con certo retraso onte tiven oportunidade de ler As caras do libro. Homenaxe a Xohán Ledo, outra entrega dos Cadernos Grial de Galaxia. Unha entrega completísima qye recupera a figura de Ricardo García Suárez, médico, pintor e deseñador editorial de Galaxia durante vinte anos claves no desenvolvemento editorial galego, finado o pasado mes de xuño.
O Caderno recolle traballos de Francisco Fernández del Riego ("Xohán Ledo na memoria" e a entrevista co deseñador publicada nun número de Galicia emigrante de 1956 co pseudónimo de Cosme Barreiros ), Xaime Isla Couto ("Un galeguista elegante e discreto"), Gustavo Adolfo Garrido (un percorrido biobliográfico moi completo, que constitúe o cerne do caderno), Víctor F. Freixanes ("As caras do libro", unha primeira historia do deseño do libro galego, traballo, a partir de agora, de referencia), Xosé Díaz ("A creación do libro moderno en Galicia", sobre as relacións entre Xohán Ledo e Luís Seoane, as dúas figuras claves do noso deseño editorial anteriores á Reforma Política), Manuel Janeiro ("O pensamento gráfico de Xohán Ledo"), Uqui Permui ("Inspirar... espirar") e Fausto Isorna.
Completa o volume a recuperación de varios textos de García Suárez de carácter teórico sobre o deseño editorial: "O libro coma continente" (ponencia que presentara no famoso Iº Seminario encol do Libro Galego, celebrado en maio de 1972 no Castro) e dous artigos publicados en Grial ("André Breton e o superrealismo" e "Seoane, 1963").
Particular interese ten a gran cantidade de documentación gráfica recuperada neste Caderno, desde capas de libros, cartelería, pinturas e fotografías que permite valorarde forma máis acaída o esforzo e a calidade deste traballo central da historia da editorial Galaxia e da nosa edición moderna.
A recuperación da figura de Ledo, así como a valoración acaída do labor realizado por Seoane na edición galega do exterior, son imprescindibles para construír ese relato da historia da nosa edición, aínda por facer. Os editores galegos contemporáneos temos aí os alicerces da fantasía na que teimamos. Beizóns ao equipo de Grial por tan interesante achega.
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

13.3.07

Dicionario de Termos Literarios

Unha boa noticia para os investigadores literarios: xa pode consultarse en liña a base de datos do Dicionario de Termos Literarios que elabora o Equipo Glifo do Centro de Investigación Ramón Piñeiro (Anxo Abuín, Fernando Cabo, Arturo Casas, Blanca-Ana Roig, Anxo Tarrío e Darío Villanueva). Esta é unha obra ambiciosa en proceso de elaboración que ten redactadas xa unhas dúas mil voces (das letras A ao L, fundamentalmente) referidas ao ámbito do literario, nun senso amplo: dende as correspondentes á Poética e Retórica clásicas até aqueloutras que están aínda consolidándose nos campos plurais dos programas de investigación emerxentes. Permite a navegación por hipervínculos e ofrece unha ampla bibliografía, así mesmo hipervinculada coa redacción das voces. O acceso é libre e o procedemento de solicitude de licencia sinxelo e rápido. Moi útil. Recoméndoa.

Marcadores:

12.3.07

Bipartito e rexeneración democrática

Ao fío da proposta que nos fixo a diversas persoas a revista Tempos Novos sobre a valoración que nos merece a contribución do goberno bipartito á rexeneración democrática, publico a opinión que enviei para participar neste debate:

"A rexeneración democrática e a mudanza da cultura política relacional do Goberno Galego e da Administración ao seu servizo foron dous dos compromisos máis rotundos do contrato que o Bipartito quixo asinar coa cidadanía. Feitos que, tras dezaseis anos de gobernos e prácticas conservadoras, multiplicaron as esperanzas e as expectativas do tempo político que se abriu.

Tras ano e medio, é innegable que moitas desas esperanzas esvaéronse e algúns deses compromisos programáticos quedaron murchados ou aínda non se fixeron efectivos. Entre as decepcións sinalaría as seguintes:
–O relegamento do papel do Parlamento Galego como eixo do debate político. Especialmente significativo na secundarización dos traballos da ponencia parlamentaria do Estatuto (o peche dos seus traballos, ao día seguinte do fracaso de Monte Pío) e na baixa produción lexislativa da Cámara (froito da escasa iniciativa lexislativa do Goberno: aprobáronse moi poucas leis). Na mesma liña pode entenderse o erro dos grupos que apoian o Goberno de impedir o funcionamento dunha Comisión de Investigación dos Incendios Forestais, reducíndoa a “Comisión de Estudo” (contradicindo o comprometido coa cidadanía no Pacto de Goberno).
–O desinterese do Goberno en poñer en marcha canto antes a reforma do estatuto dos medios de comunicación públicos (CRTVG). A incapacidade do Bipartito para consensuar un modelo profesional de xestión dos medios (realizouse un reparto de influencias entre os dous partidos mais que o deseño dun novo modelo, baseado na profesionalización, o pluralismo e a independencia dos medios con respecto ao Executivo) agoira que esta reforma pode quedar adiada sine die. Con todo, é para min innegable que tanto a TVG como a Radio Galega melloraron os contidos e o interese da súa programación (especialmente a Radio) tratando de achegarse a un público máis urbano e interxeracional.
–A continuidade da política anterior dos gobernos conservadores con respecto aos medios impresos privados e a utilización da publicidade institucional con carácter abertamente partidista.
–O retraso na posta en marcha do rexistro de contratos, axudas públicas e subvencións outorgados a empresas privadas ou de ingresos e intereses dos altos cargos (o que iría en contradición co compromiso de transparencia asumido no contrato programa referido).
–O escaso interese na potenciación do funcionamento dos Consellos de participación social de carácter sectorial.
–O adiamento da reforma da Administración Autonómica e do seu funcionamento (escasa austeridade na contratación de asesores e asistencias técnicas) baixo os criterios de profesionalización, modernización e proximidade aos administrados (feito denunciado polos sindicatos da Administración autonómica).

Entre os aspectos positivos, que tamén os houbo, subliñaría os seguintes:
–A transparencia e puntualidade da información á cidadanía nas crises dos Incendios, do Verquido de Caldas e das Inundacións do Outono.
–A posta en marcha de programas de proxección exterior de Galicia nos eidos económicos, culturais e turísticos.
–A posta en marcha da reforma da participación electoral dos galegos residentes no exterior.
–O bo ton en xeral de cooperación e lealtade entre os membros do Goberno (amosada, singularmente, na recondución do proxecto da Cidade da Cultura e do remate do proceso estatutario).
–A posta en marcha de procesos de participación transversais (como a redefinición da Cidade da Cultura) ou sectoriais (especialmente por parte da Consellarías de Cultura e Deporte e da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria).
–O impulso do uso do galego como lingua vehicular no ensino non obrigatorio e a implicación do goberno no proceso de reforma educativa e curricular."
–A posta en marcha do Plan de Igualdade 2007-2011 e a redacción do anteproxecto da Lei integral contra a violencia de xénero.
Etiquetas: Galicia

Marcadores:

Campo do Fragoso XXXVI

OUTRA DOSE DE CICUTA
Xa mo adiantara pola mañá un bo amigo bilbaino: “estes leóns nosos xa non che son tan feros coma noutrora”. E tiña toda a razón. O Celta e o Athletic, dous conxuntos amigos en horas moi baixas, ofreceron en Balaídos un espectáculo futbolístico moi pobre, onde mais ca xogo amosaron a súa impotencia para saír do foxo, onde por deméritos propios están instalados esta tempada. Ningún acadou o obxectivo que buscaba, mais, tal como transcorreu o encontro, os dous quedaron satisfeitos. Saíron os vascos dominadores, ata que os galegos, grazas ás escapadas pola esquerda de Gustavo (na súa posición natural), foron conseguindo controlar o tempo de xogo e adiantarse, á media hora, no marcador. A partir do gol de Ángel, os celestes controlaron con comodidade un partido que, por fin, semellaba non se escaparía. O comezo da segunda parte, a pesar do aparente dominio dos leóns, aínda foi máis prometedor: Baiano e Canobbio estragaron por milímetros senllas oportunidades nas súas biqueiras. Mais, cando faltaba aínda media hora, Pablo García autoexpulsouse de forma caprichosa e inxustificable, proporcionando a todo o seu equipo a dose de cicuta suficiente para suicidarse diante dos seus afeccionados. En inferioridade numérica, os celestes xa non puideron xestionar con garantías a súa vantaxe; desconcentrados retrasaron as súas posicións e, o ata entón, inofensivo conxunto bilbaino apretou para que Aduriz cabecease a pracer unha falta moi ben medida por Yeste. A partir dese momento –como demostrou Murillo nun cabezazo ao poste no derradeiro minuto– o empate era un magnífico resultado para os célticos, un equipo que ven demostrando ser absolutamente incapaz de superar o seu complexo a obter unha vitoria en Balaídos. Non hai dúbida de que o peor inimigo deste Celta son os seus propios fantasmas. Os de Pablo García non teñen nome. Outra boa oportunidade estragada.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

11.3.07

Seoane animado

PXOM de Vigo, o informe de Cultura

Outra vez máis, grazas a Vigoblog podemos ler na rede o que se nos pretende ocultar sobre a tramitación do PXOM de Vigo. Desta volta é o texto completo do informe da Dirección Xeral do Patrimonio (12 folios en PDF). Unha lectura atenta amosa que as modificacións solicitadas pola Consellaría de Cultura ao concello de Vigo son relevantes, por moito que a propia conselleira pretendese minimizalas para non incomodar de máis aos seus compañeiros vigueses. Cada nova información publicada demostra que hai moitos intereses tras a aprobación do plan vigués. O cambio profundo dalgúns criterios de planeamento e a necesidade dun novo proceso de exposición pública impóñense. Alguén pode explicar a teimosía dos defensores medulianos deste PXOM?
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

Aula virtual de lingua galega

Coñezo a Aula virtual de lingua galega do Departamento de Lingua galega e Literatura do IES Otero Pedrayo de Ourense. Pareceume moi completa. Permite, polo momento, a consulta das programacións, a consulta e descarga de recursos didácticos e de materiais de diversificación curricular (tanto de xeografía, galego coma castelán). Complétase cunha completa páxina de enlaces, onde aparecen moitos dos recursos educativos máis valiosos existentes na rede en galega. Espazos na rede coma este demostran as súas enormes posibilidades recurso didáctico e, o que me parece aínda mías importante, coma forma de abordar a textualidade electrónica no sistema educativo. Seguiremos a páxina con moito interese. Sabemos que axiña será enriquecida cun curso interactivo de galego dirixido a poboación inmigrante.

Marcadores: , ,

Quinta provincia

No artigo da semana reflexiono sobre o comezo da campaña electoral na cidade da oliveira.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

10.3.07

El nacimiento de la nueva "literacidad"

En día tan sinalado como o de hoxe, aparece publicado un meu artigo no ABCD ("Las Artes y las Letras), o interesante suplemento cultural de ABC, ademais dunha referencia a este blog no mesmo medio. No artigo reflexiono sobre a cuestión da literacidade electrónica, tema que xa abordamos aquí en diversas ocasións.
Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

9.3.07

Climántica

Buscando recursos educativos na rede atopo ao chou o proxecto Climántica, promovido pola Consellaría de Medio Ambiente. Esta iniciativa, dirixida ao alumnado de Secundaria, pretende abordar os grandes problemas ambientais, relacionados co cambio climático a nivel global. Oito unidades didácticas e moito material de sensibilización cidadá para descargar (algún moi pavero) poden atoparse nun magnífico sitio web. Gustoume moito e mesmo hai debate científico sobre a orixe de certos datos. Recoméndoo vivamente.
Etiquetas:

Marcadores: ,

O novo vieiros

Campo do Fragoso XXXV

DERROTA DÓCE
Tan curtidos en fracasos como andamos esta tempada, a derrota celeste contra o Werder Bremen foi o de menos. Un resultado moi enganoso para os méritos que sobre a lameira viguesa fixeron dous conxuntos que ofreceron unha emocionante e bonita noite de fútbol copeiro. Non hai dúbida de que o Celta desta noites europeas é outro equipo. Sen a presión anímica da liga (que inmobiliza aos xogadores e á bancada), é un equipo moito máis competitivo, máis xarelo, mesmo moito máis alegre e decidido a procurar o gol na portería contraria. Con esta maior autoestima saíron os de Vázquez que atuaron durante todo o encontro aos simpáticos músicos de Bremen, o segundo clasificado dunha das mellores ligas europeas. Moi ben colocados sobre o campo e concentrados na súa presión defensiva, os de Fernando foron amodiño gañando a posesión da pelota e, sempre que puideron, intentaron doses de fantasía combinatoria (fixeron un par de xogadas memorables). Tamas (un descubrimento como mediocentro) e Pablo García (mellor en cada encontro) souberon lanzar a un equipo, onte moi afouto, que mereceu, xa na primeira parte, marcar nalgunha das súas clarísimas oportunidades. Coa reanudación, un Balaídos (por fin unido e satisfeito co xogo dos seus) vibrou e apupou a un Celta que, aínda, atesoura moito fútbol de calidade. Como sucedera en Valencia, apenas un minuto de desconcentración defensiva –seguramente, o único de todo o partido, motivado pola nova lesión de De Ridder, que mala fortuna ten este rapaz!–, malogrou tan magnífico traballo e mermou as posibilidades de continuar en Europa. No entanto, a pesar do negativo do resultado, os afeccionados saímos ben satisfeitos pola auténtico partidazo dos celestes. Xogando deste xeito, o decisivo partido do domingo contra o Atlétic de Bilbao pode encararse con maior confianza. Nunca unha derrota esta tempada foi máis dóce.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

8.3.07

As Literatas

Hoxe, coincidindo coa Día Internacional da Muller Traballadora, aparecen dous novos títulos da colección As Literatas dirixida pola escritora María Xosé Queizán. Esta colección específica de narrativa internacional escrita por mulleres acada os catorce títulos. Foi dende o inicio unha aposta pola tradución para o galego dalgúns dos títulos considerados como máis relevantes da literatura do século XX escrita por mulleres, como O gran caderno, Ana Soror ou Como se non existise (a primeira obra traducida ao galego desde o serbo-croata, finalista do último Premio Nacional de Tradución). As dúas novelas que aparecen hoxe, Ancho mar de argazo e A voda, de dúas importantísimas autoras (Jean Rhys e Carson McCullers ) abondan no proxecto de Queizán. Preocúpame que, a pesar da calidade literaria da colección e a orixinalidade das portadas deseñadas por Revisión, despois de varias anos sexa aínda pouco visible nas librarías e nos propios medios literarios. No entanto, continúo tendo fe nun proxecto desta calidade que agardo atopará o apoio dos lectores e lectoras.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

7.3.07

Carlos Casares

DEMORARSE NA AVENTURA DA VIDA
A última vez que xantamos xuntos, Carlos Casares convidoume a coñecer a súa maqueta ferroviaria da que tantas veces nos falara nas reunións de editores. Tratábase dun tinglado formidable de tres pisos, construído durante anos coa axuda dos seus fillos, pola que circulaban durante horas miniaturas marabillosas, sometidas ás velocidades, ás paradas ou aos asubíos cadenciosos que Carlos programaba cun temporizador. Amosoume, logo, a colección de leicas, as máquinas fotográficas das que era un consumado especialista. Despois, tíñame reservada outras sorpresas: ensinarme o teclado despregable que acabara de mercar para conectar á súa palm, o microordenador de peto que sempre o acompañaba; o funcionamento do programiña que lle preparara o seu fillo para contar as palabras do procesador de textos, unha ferramenta imprescindible para escribir os seus medidísimos artigos da Marxe; ou esculcar nos libros dixitais que tiña cargado naquela máquina diminuta. Gozando daquelas chilindradas tecnolóxicas, deixándonos asolagar en Vilariño pola marea dixital, estabamos celebrando aquela tarde ter pechado un proxecto común que levabamos anos acariñando.
Aquelas últimas horas compartidas son hoxe unha fermosa metáfora visual do xeito de entender a aventura da vida que mantiña Casares. Sei que todos os que o coñecimos conservaremos como alfaia preciosa o seu sorriso tranquilo, a quentura da súa conversa cotiá, dúas mostras dun seu intelixente escepticismo, concibido coma unha forma de coñecemento aprendido en longas horas de conversa co seu admirado Vicente Risco. Por dificultades que houbera, Carlos mantiña unha mirada permanentemente curiosa para gozar co espectáculo do mundo, para demorarse na escritura da vida, para deterse nas miudallas que, por aparentemente insignificantes que sexan, nos permiten atopar un sentido no coñecemento da alma humana. Ensinounos a vivir a vida e a mirar o mundo, que non é pouca bagaxe.
Esa permanente curiosidade vital impregnou tamén toda a súa formidable obra narrativa. Dende aqueles “Vou quedar cego” ou “Cando cheguen as chuvias”, algúns dos relatos do seu primeiro libro Vento ferido, os seus milleiros de lectores quedamos marcados polo seu esforzo técnico, pola súa depuración constante para acadar unha prosa desmiuzada, transparente, afastada de calquera tipo de ornamentalismo grandilocuente. A desaparición de Carlos déixanos mancados. “Só de pensalo éncheseme o sangue de formigas e unha pena grande e negrísima méteseme dentro do corazón”, escribiu premonitoriamente el mesmo.

Publiquei este texto, agora lixeirísima actualizado, no Faro de Vigo o 10 de marzo de 2002, o día no que a terra lle foi leve ao noso admirado Carlos. Unímonos, así, á difusión da homenaxe do blogomillo que tan felizmente propón Marcos.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

6.3.07

Jaureguizar: crónicas da presentación

O que máis gosto das reunións de blogueiros é a lectura das súas crónicas posteriores. Á de onte ben pagou a pena. Eis os textos lúcidos de Alfredo Ferreiro e Pelachos, que resumen os contidos dun logo encontro e substancioso encontro. Unha experiencia a repetir.
Se o servidor de you tube mo permite, intentarei subir algún vídeo máis dos que fixemos (hoxe foi imposible, a pesar de telo intentado unha chea de veces, outra vez será!).
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

5.3.07

Jaureguizar: os asistentes á presentación

Jaureguizar: a novela, un dilema moral


Na súa intervención Jaureguizar explicou que na novela presenta un dilema moral que o lector ou a lectora debe resolver.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

A cova das vacas mortas

Hoxe presentamos a web.

Actualización (21:30): O acto de presentación desta tarde serviu para xuntarnos unha media ducia de blogueiros interesados pola literatura: Alfredo Ferreiro, Pelachos, Martin Pawley, Folerpa, Kavafinho, Jaureguizar e eu mesmo.
Para comezar, o autor fixo unha presentación da novela e, logo, dos contidos do sitio web onde se pretende dar conta tanto do argumento e dos personaxes, como establecer un espazo de participación cos lectores por medio da realización de clips. Propóñense, ademais, diversos enlaces na rede (relacionados tematicamente coa obra) así como a posibilidade de baixar o primeiro capítulo.
Logo abriuse un longo debate (durou preto das dúas horas) entre todos os participantes, onde se reflexionou moito sobre a importancia dos aspectos formais na creación literaria, sobre qué entendemos por literatura infantil e xuvenil, sobre o papel dos blogs na creación literaria ou mesmo sobre o papel dos autores con respecto á crítica galega.
Nos vindeiros días iremos publicando algúns fragmentos da gravación deste interesante debate.

Etiquetas:

Marcadores: , , , , , , ,

4.3.07

Con Pedro Gómez Valadés

Coñezo dende hai tempo os problemas que ten o meu admirado Pedro Gómez Valadéspresidente da Asociación Galega de Amizade con Israel (formada por máis de cen persoas de todos os partidos galegos), responsable comarcal de Esquerda Nacionalista e coordinador da revista Enclave– cun sector da UPG.
Sempre confiei que se impoñería a sensatez, mais, como tantas outra veces (e van non sei cantas), pequei de inxenuidade e no Consello Comarcal do BNG de Vigo impuxéronse os criterios do sector máis reaccionario, ese que conduce ao BNG ao abismo da intransixencia, privando a Pedro dos seus cargos e propoñendo a súa expulsión. Se, finalmente, o vindeiro consello nacional do BNG refrenda este acordo do consello comarcal, expulsando a este militante acusado dun delito de opinión (acúsaselle de pertencer a un asociación "imperialista" e "perversionista"), o nacionalismo galego retrocedería ideoloxicamente varias décadas ("un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo a súa tea"). Non me imaxino que Anxo Quintana e a maioría dos membros do Consello Nacional, con toda a súa pluralidade, poidan cometer semellante erro político que sería dirimido nos tribunais.
É moi difícil xustificar con criterios políticos racionais este comportamento de autoritarismo ideolóxico, profundamente maniqueo, intolerante e cun fedorento cheiro a xenofobia destes membros da UPG, que semellan confundir un pobo cos seus gobernantes. O meu apoio fraternal e solidario para Pedro e a miña repulsa para o comportamento destes torquemadiñas de tres pesetas. Confío que os órganos nacionais do BNG retomen a sensatez que non tivo o seu Consello Comarcal de Vigo.

Actualización (10-03-07): Pilar Rahola publica en Faro un artigo de apoio (titulado de forma contundente: "Caza de brujas en el BNG"), ademais dunha carta aberta a Anxo Quintana sobre a cuestión, asinada por medio cento de militantes do BNG ("Respectar as minorías para gañar a sociedade").
Etiquetas:

Marcadores:

Homenaxe ás vitimas do Portiño

Os membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña fixéronos chegar información da homenaxe que se realizará o vindeiro venres, 9 de marzo, ás 19:30, no Peirao do Portiño do barrio de San Pedro de Visma da Coruña en lembranza do setenta aniversario da traxedia do Portiño. No acto intervirán Eliseo Fernández, Xurxo Souto e Manuel Rivas. Reproduzo a nota enviada pola Comisión organizadora da homenaxe:
“Este pasado 3 de marzo cumpríronse os setenta anos do intento de fuga polo Portiño, o feito máis dramático de todas cantas fugas por mar intentáronse no noso País. Queremos lembrar pois tal data, na que morreron moitos homes, tanto nesa mesma noite do 3 de marzo, como nos meses posteriores, consecuencia do xuízo sumarísimo á que foron sometidos os que caeron nas mans dos represores. Os pesqueiros "Generoso" e "José Linares" levaríanos fóra de Galiza, para salvalos do cerco no que estaban sendo acorralados. Abortada a fuga, resultaron 28 detidos, outros ficaron alí mortos, afogados; algúns salvaron momentaneamente a vida para rematar sendo atopados, ou outros con máis sorte, lograron fuxir noutra ocasión ou voltar de novo a seus agochos. Moitos dos detidos morrerán fusilados no Campo da Rata en outubro, e outros serán condeados a cadea perpetua. Todo por tratar de fuxir; poucos eran cadros destacados de sindicatos ou partidos, os máis, simples militantes, da CNT na súa maioría, obreiros mozos que fuxían da morte ou de calquera outra das formas de represión de seus verdugos. A fuga foi artellada pola organización coruñesa do "Despertar Marítimo", que conseguiu rachar co cerco en diversas ocasións, máis non en esta. Quixeramos convidarvos a todos os mulleres e homes de ben que quixerades lembrar tal traxedia nas nosas costas.”

Marcadores: , , ,